PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO DE XOCÍN
"Toda verdad pasa por tres etapas. Primero, es ridiculizada. En segundo lugar, es violentamente rechazada. En tercer lugar, es aceptada como evidente por sí misma."
Arthur Schopenhauer
Debuxo versión de Moncho Boga, 2024. |
Tamén denominado Marco das Rozas, atópase no lugar de Xocín, ao carón da estrada OU-0109, nunha zona penechaira que cae suavemente cara ao leste, por onde serpentea o río Arnoia.
Este pequeno marco-pedrafita está chantado nun valo, como marco de demarcación do Couto medieval de Xocín. Precisamente na documentación medieval manexada por José Antonio Gavilanes, aparece nomeado como "Coto Villa Joachini", que evolucionou a "Joacín", como se pode comprobar no Catastro do Marqués da Ensenada: “...la confrontación del L. (levante) es con camino del lugar de Calvelo y principia en el Marco o Mojon que se llama de Rozas..."
Segundo Gavilanes o marco foi chantado como marco de termo e hoxe fai de peche dun antigo camiño de carro ou corredoira. A cara da pedrafita que dá ao antigo camiño de transo amosa unha cruz gravada, feita con suco profundo. Non aparecen á vista outro tipo de gravuras, a non ser que non sexan visibles por mor da gran cantidade de liquens que están a cubrir este pequeno esteo.
Dicía antes que o marco atópase chantado nun muro e amosa unha altura dun metro e medio desde o chan; na base mide uns corenta centímetros e na croa ao redor de trinta. A forma é tendente a cadrangular e vai diminuindo dende a base ata a croa.
Cabe a posibilidade de que se trate dun emprego primitivo e dicir, un reaproveitamento dunha antiga pedrafita, feito que consideran tanto José Antonio Gavilanes como Alberte Alonso. Na contorna inmediata e como contexto arqueolóxico apareceron non últimos anos unha boa xeira de paneis de petróglifos que fan que nos inclinemos por esa consideración. Tamén na contorna aparecen diversos topónimos como Costa das Antas que nos levan tamén a esa posible e hipotética conclusión.
En Sigrás, no primeiros días do ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
SITIOS DE MOITO INTERESE
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html
http://pares.mcu.es/Catastro/servlets/ServletController?
https://patrimoniogalego.net/index.php/64993/2014/10/marco-de-rozas-no-couto-de-xocin/