jueves, 31 de enero de 2013

Anta-dolmen de Rebordondo. Cualedro

Anta-dolmen de Rebordondo. Cualedro, Ourense

Trátase dunha anta posiblemente esnaquizada, posto que todos cantos esforzos realizamos para a súa localización foron absolutamente infructuosos ata esta data, o que constitúe ou ben un claro exemplo do expolio do noso patrimonio ou ben un claro exemplo da súa inexistencia.

Sexa como sexa parece ser que estaba situada ao sul do Rebordondo, a uns cen metros ao sueste do enlace da estrada de Cualedro coa xeral de Vilacastín-Vigo. Parece ser, sigue sendo sexa como sexa,  que se emprazaba na aba dun outeiro que a estrada pasaba bordeando, a setecentos trinta e dous metros de altitude.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso a partirdunha fotografía
de Rodríguez Colmenero.

A presunta estrutura arquitectónica, posto que non había restos da estrutura tumular, estaba conformada por medio dunha gran pedra cobertora horizontal que medía dous metros de largo e un metro de ancho. No lado oposto apoiábase nunha especie de piar feito de pedras toscas de tamaño decrecetne. Na parte posteiror había outra gran pedra colocada a xeito de peche, como un esteo de cabeceira.Esta posuía unha función de sostén. Oriéntabase cara ao oeste e a altura máxima na parte anterior acadaba un metro. O conxunto arquitectónico permanecía asentado na rocha viva.

Información recollida do artigo de Rodríguez Colmeneiro, A., "La cultura megalítica en el Alto Bubal". Boletín Auriense 2, 1970.

Anta-dolmen da Medorra de Fanegas. Sobrado dos Monxes

Anta-dolmen da Medorra de Fanegas. Santa María de Cidadela, Sobrado dos Monxes

Atópase na parroquia de Sta. Mª de Cidadela a un quilómetro e medio aproximadamente do campamento romano de Cidadela. A escavación arqueolóxica foi levada a cabo por Caamaño Gesto e Criado Boado no ano 1983.

Debuxo de Ramón boga Moscoso. Esteo da anta


Froito desa escavación descubríronse todos os elementos característicos das construcións deste tipo: baixo a ocupación romana (posto que a mámoa foi reutilizada como garita de vixilancia) atopouse o monumento orixinal que estaba formado por unha mámoa de terra rodeada dun anel perimetral e unha coiraza de pétrea que cubría toda a parte superior. No interior atopouse una pequena anta totalmente esnaquizada por unha violación anterior á ocupación romana. Da anta conservábanse dous esteos e uns poucos calzos que se conservaban in situ. 


Fotografía da excavación de 1983. Ver bibliografía


Non é posible reconstruir a forma e, pola tanto, tampouco a tipoloxía da cámara. Non se atopou enxoval pertencente ao período neolítico, pero si abondoso material relativo á ocupación romana.



Fotografía da escavación de 1983.



CAAMAÑO GESTO, J.M., CRIADO BOADO, F.: La medorra de Fanegas (Sobrado dos Monxes, Coruña) Un monumento megalítico reutilizado en época romana. Brigantium, Vol. 7, 1991-1992

Pedra da Serpe. Gondomil, Corme. Ponteceso

Pedra da Serpe. Gondomil, Corme. Ponteceso

Este impresionante monumento, de controvertidas e contrapostas interpretacións, atópase emprazado nunha encrucillada de tres camiños. Trátase dun gran penedo que amosa esculpida nunha das caras unha enorme serpe con ás que acada unha lonxitude aproximada dun metro e vintecinco centímetros. Está feito en case bulto redondo e no ancho acada unhas medidas de entre quince e vinte centímetros. O conxunto aparece doroado cunha cruz de pedra, acostumado intento de cristianización do monumento.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Estamos diante dun caso á parte dentro do megalitismo e, aínda que se coincide en que este relevo pode ser de tradición prehistórica, no estilo parece ser "provincial romano" ou posterior. Maila que o tema sexa prerromano, tanto tema coma estilo puideron transmitírense ata a Idade Media, pero conservando un estilo artístico e unha tradición relixiosa anterior, vencellada se cadra ao culto ofiolátrico, corrente aínda hoxe en día en toda a terra de Bergantiños.

Interpretacións lexendarias e míticas falan dunha gran serpe mitolóxica, deidade das tribos ártabras, relacionada coa non menos mítica Ophiusa, aludindo a unha terra poboada de serpes na que vivían as tribos que a consideraban o símbolo da súa estirpe, da súa raza. San Adrián, santo de estendida devoción e advocación na bisbarra, foi o causante do estado pétreo da nosa serpe: cando estaba a predicar por terras bergantiñáns, soubo da invasión das serpes polo que, dando un forte golpe co pé no chan, as serpes ficaron enfeitizadas debaixo ou dentro do penedo.



Fotografía de Ramón Boga.


Cuevillas e Bouza Brey, por último, coinciden naquila interpretación ao afirmar que o significado está máis preto da prehistoria que dos tempos históricos, aínda que se pode encadrar dentro da arte provincial romana, cun tema e estilo transmitidos ata a Idade Media.

Cista de Gandón. Aldán, Cangas do Morrazo

Cista de Gandón. Aldán, Cangas do Morrazo

Trátase de dúas cistas atopadas ao realizar unha escavación no soto dunha vivenda particular. O Arqueólogo Peña Santos desenvolveu unha escavación de urxencia e sairon á luz as dúas devanditas cistas que non tiñan tipo algún de estrutura tumular. A primeira cista tiña planta trapezoidal con cincoenta e cinco centímetros de lonxitude mámima; non mantiña pedra cobertora nin unha das pedras cabeceiras. As dimensións eran de trinta centímetros na base menor e cincuenta e tres centímetros na maior. A orientación era norte-sur. No seu interior apareceron restos dunha incineración.







Plantas das Cistas de Gandón 1 e 2 segundo versión de Ramón Boga Moscoso

A segunda cista atopábase cuberta cunha lousa grande de superficie e formas irregulares cunha dimensións máximas  de cento oitenta e cinco metros de lonxitude, cento sesenta metros de ancho e trinta e cinco centímetros de fondo. Nunha das pedras do sudoeste apareceron gravadas cinco cazoletas. Todo o conxunto estaba rodeado dunha especie de anel lítico perimetral. Sobre o xabre apareceu un brazal de arqueiro e unha placa de cobre.


BIBLIOGRAFÍA

Beatriz Comendador Rey:
Los inicios de la metalurgia en el Noroeste de la Península Ibérica 

miércoles, 30 de enero de 2013

Cista de Pedra Marrada. Carnota

Cista de Pedra Marrada. Carnota

Formaba parte dunha necrópole composta por tres cistas e atopábase nunha plataforma litoral. As tres cistas estaban orientadas do norte ao sul e distantes entre si de seis a sete metros. Dúas das cistas foran violadas, unha estaba totalmente destruida e da outra quedaba só unha laxe lateral.A máis completa conformaba unha cista rectangular na que cada lado estaba formada por unha lousa e a pedra cobertora por outra, que estaba rota. As dimensións desta tampa excedían a planta da cámara en todo o perímetro (entre 10 e 15 centímetros). Formaba así unha especie de caixa rectangular coas laxes moi pulidas pola parte interior. As medidas ían desde 0s 106 centímetros de longo, setenta de ancho e setenta de fondo. Atopábase calzada nos seus extremos por grandes cantos rodados. O enxovar exhumado desta cista case intacta cifrouse nun puñas de espigo, un brazal de arqueiro así como restos de ósos.







Puñal e planta da Cista de Pedra Marrada, segundo versión de Ramón Boga Moscoso

BIBLIOGRAFÍA


Beatriz Comendador Rey:
Los inicios de la metalurgia en el Noroeste de la Península Ibérica 

Cista de Atios. Porriño

Cista de Atios. Porriño

Foi atopada no lugar de Tanés, pertencente á parroquia de Atios, no concello de O Porriño. Quedou ao descuberto debido aos traballos dunha explotación mineira.

Estruturalmente amosa unha forma rectangular con medidas que van desde un mero e cincoenta e nove centímetros ata un metro e trinta centímetros, aproximadamente. Confórmase mediante catro lousas de granito e outra máis cativa que fai de peche da xunta SO, que non axustaba tan exactamente como as outras. 



Planta da Cista de Atios, segundo versión de Ramón Boga Moscoso

Posuía unha pedra cobertora que sobresaía do conxunto en planta. No enxoval exhumado había dous puñais de espigo, ambos os dous con dobre fío de bisel e dous cilindros de ouro decorados con gallóns nun arame de forma espiral e sección romboidal de prata.



Enxoval da Cista de Atios. Museo Municipal Quiñones de León, Vigo

Cista do Bico da Lagoa. Muros

Cista do Bico da Lagoa. Muros

Esta pequena cista adscrita á Idade do Bronce atópase nun pequeno outeiro na liña de costa que se eleva sobre o mar formando unha lixeira dorsal ubicada entre dúas pequenas calas. Atopouse no perfil dun camiño que percorre o outeiro na ladeira norte, próximo ao cumio e emprázase de costas ao mar e orientada cara a unha pequena braña. Non se coñecen materiais procedentes dela. 

Foi atopada e catalogada pola profesora Josefa Rey Castiñeira.








Fotografía e debuxos extraidos da publicación "Lugares para grabar, lugares para morrer, petroglifos e cistas na Idade do Bronce do NW da Península Ibérica". Bóveda Fernández, M.J., Cañizo Fraga, A., Vilaseco Vázquez, J.I.

martes, 29 de enero de 2013

Dolmen-Anta da Mámoa do Forno das Arcas. Ardán, Bueu

Dolmen-Anta da Mámoa do Forno das Arcas. Ardán, Bueu

Para chegar. Pódese seguir a ruta ofertada polo concello de Bueu denominada "Ruta dos Abades I". Desde Bueu, hai que dirixirse cara As Meáns e logo cara a Cela. Desde a igrexa de Santa María, débese chegar á área recreativa de Chans. Na fraga de árbores autóctonos que hai nas inmediacións atópase inserida a mámoa de Forno das Arcas. Está sinalada.

Esta fermosa anta atópase ubicada nunha mámoa tendente a circular que acada os trinta metros de diámetro. Non se albiscan mais restos da estrutura arquitectónica que uns cantos esteos da cámara. Efectivamente, os restos da anta aparecen ao descuberto aínda que os esteos que a conforman aparecen desprazados do seu lugar orixinal, froito de continuas expoliacións. Incluso nalgún dos esteos pódense ver os restos da acción dos canteiros da bisbarra. Das fotografías de que dispoñemos pódese inferir a existencia aínda duns seis esteos da cámara. Pola disposición dos esteos conservados tamén se pode deducir unha anta con cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido. 



Fotografía extraida de motivosdaldea.wordpress.com


Na páxina motivosdaldea.worpress.com relatan unha lenda ao redor deste esplédido exemplar do megalitismo galaico: "As leiras que rodean o lugar do Forno das Arcas eran veigas dos mouros, onde estes sementaban o millo miudo. As casetas restantes que por alí había desapareceron co paso do tempo por seren ruíns, só queda unha en pé por ser feita de pedra, o dolmen de Forno das Arcas".


Fotografía realizada por David V.A.


Pedrafita-menhir do Campo da Arca. Barallobre, Fene

Pedrafita-menhir do Campo da Arca. Barallobre, Fene

Esta posible pedrafita atópase a 187 metros de altidude, á beira do cemiterio municipal de Fene. Para chegar, no quilómetro 2 da estrada DP-3503. 

Como en moitos outros lugares da xeografía galega, parece que actualmente buscamos os mesmos emprazamentos que xa utilizaban os homes do neolítico para enterrar aos nosos mortos: o cemiterio actual ubícase e parece que destruiu un campo de mámoas denominado Campo da Arca.



 
Fotografías de Xabier Moure, abril de 2014


Pola parte de atrás do cemiterio, existe unha ruta de sendeirismo e unha pista de trial: entre as escombreiras e un depósito de auga, atópase esta posible pedrafita que sobresae máis de tres metros e medio de altura.

A única referencia que temos deste porbable elemento megalítico é precisamente a súa ubicación está  nunha necrópole megalítica.

A información así como o permiso para publicar as fotografías foron recollidas da páxina web Http.//www.estadepinga.es.



Fotografía de Pablo Herrera Coira


Segundo Xabier Moure Salgado, logo da súa amable comunicación, a pedrafita atópase ergueita a uns 150 metros no novo cemiterio municipal de Fene, á beira dun camiño que sube ata unha penechaira. As súas investigacións levárono a entablar conversación cun veciño da zona que lle contou que a pedrafita estaba no lugar que actualmente ocupa o depósito de auga. A pedrafita ía ser utilizada como cimentación na obra, pero a intervención dun veciño (un "madrileño") permitiu que a gran pedra fose levantada no lugar onde a podemos ver hoxe, de feito que xa non ocupa o seu lugar orixinal. Ao trasladala de lugar perdeu gran parte da súa masa.

A pedrafita atinxe uns tres metros e medio de alto e máis de tres metros de perímetro no lugar máis ancho. Nas súas caras anchas amosa unha serie de gravuras que tenden ao óvalo. 

Nalgunha das mámoas que conformaban esta necrópole (das cales parece ser, segundo Xabier, que só queda unha) todavía se atopaban restos das cámaras megalíticas antes de ser destruidas.

Información proporcionada por Xabier Moure. O seu blogue: onosopatrimonio.
 

Pedrafita-menhir de Catarou. Santa María de Galdo,Viveiro

Pedrafita-menhir de Catarou. Santa María de Galdo, Viveiro

Atópase no lugar de Catarou, pertencente á parroquia de Galdo. Estamos diante dunha pequena pedrafita que non sobresae máis que un metro e quince centímetros. Segundo a fotografía de Xabier Moure, semella e é probable que a súa planta sexa tendente ao triángulo e o remate moi redondeado. Tamén parece que as súas caras atópanse moi pulidas.

Non sabemos máis do contexto tumular e xeográfico, aínda que semella que se atopa nunha chaira. Segundo Moure, esta pedrafita foi citada por Federico Maciñeira.



Fotografía realizada por Xabier Moure Salgado, 
no blogue onosopatrimonio


viernes, 25 de enero de 2013

Pedrafita-menhir da Cruz do Campo. O Vicedo

Pedrafita-menhir da Cruz do Campo. Santa María de Cabanas, O Vicedo

Curioso exemplar dado a coñecer por Xabier Moure despois dos seus meticulosos traballos de catalogación de cruceiros no concello de O Vicedo, en Lugo. Digo curiosa pedrafita porque semella un caso extraordinario e paradigmático para o tema que nos ocupa: trátase, efectivamente, dun máis que probable menhir ao que se lle engadiu en época histórica unha cruz latina. Segundo as investigacións de Moure, a pedrafita atopábase ubicada no camiño antigo que levaba á igrexa de Santa María de Cabanas, e logo foi trasladada a este novo lugar, onde o amigo Xabier colocouna de novo en posición ergueita.

Segundo nos relata Moure, a cruz fora gravada por un home da bisbarra, reaproveitando o esteo granítico. Ademais a pedrafita tamén servía como fito sanador de diversas doenzas do gando.


 
Fotografía de Xabier Moure

Estamos pois diante dun caso evidente de reaproveitamento ou reconversión dunha pedrafita en cruceiro, sendo un dos pouquísimos casos que se poden testemuñar en Galicia. Por iso, aquila antiga hipótese (Castelao) que mantiña que a inexistencia de pedrafitas en Galicia debíase á sustitución daquilas por cruceiros, veríficase neste caso. Sen embargo, como podemos comprobar nos últimos anos, en Galicia debemos consideralos como feitos totalmente distintos, e dicir, o cruceiro non foi quen de eliminar ás pedrafitas. E dicir, ante a gran cantidade de pedrafitas que se foron descubrindo nos últimos anos, podemos considerar que tanto estas como os cruceiros tiveron case sempre vidas separadas.

Segundo a foto de Moure, parece que se trata dun bloque case cilíndrico que remata dunha forma curiosa: debúxanse unha especie de hombreiros e algo así como a cabeza. Se esto é así, non estaríamos lonxe de poder considerala unha especie de estatua-menhir, como ocorre noutros moitos casos en Galicia.

Información obtida do blog onosopatrimonio de Xabier Moure Salgado

sábado, 12 de enero de 2013

Anta-dolmen da necrópole do Marco Pedroso. Oroso, A Cañiza

Anta-dolmen da necrópole do Marco Pedroso. Santa María de Oroso. A Cañiza

Para chegar. Hai que partir de A Cañiza pola estrada nacional con dirección a Ourense. Ao chegar ao lugar do Burgo, debemos coller a estrada asfaltada da dereita e, ao cabo dun quilómetro aproximadamente, hai que introducirse por unha pista de terra á esquerda pola que, logo de percorrer uns oitocentos metros, chegamos á necrópole, situada a máis de seiscentos metros de altitude.

Pertence á comarca de Paradanta, ubicada ao sudoeste da provincia de Pontevedra e a necrópole atópase emprazada nunha depresión na cume do outeiro, polo que as mámoas que a conforman non son visibles desde longa distancia, caso atípico -segundo Fidel Méndez Fernández- no universo do fenómeno tumular galego. Hai novas na zona da destrución dun marco de grandes dimensións (¿pedrafita, marco de termo?) a causa da construción dun cortalumes realizada na década de 1990.


Debuxo dun dos esteos conservados
nunha mámoa da necrópole de Marco Pedroso.
 Autor Ramón Boga Moscoso, 1996.


A mámoa na que se insire a estrutura arquitectónica, formada por dous únicos esteos, posúe un tamaño medio acadando nos seus eixos meirandes dazasete por quince metros. Na estrutura tumular aínda se poden apreciar os restos da coiraza pétrea a pesar do lamentable estado de conservación no que se atopa.

No funil de violación sobresaen dous únicos esteos, últimos restos do que fora a estrutura arquitectónica da cámara. Os devanditos esteos son de gran tamaño e están moi remexidos, polo que resulta imposible a reconstrución hipotética da planta do monumento. Un dos esteos, desprazados da súa posición orixinal, amosa dous regos gravados no sentido horizontal e acada de longo un metro e corenta centímetros, con dezaoito centímetros para o grosor.

viernes, 11 de enero de 2013

Anta-dolmen nº 5 de Forno dos Mouros-Coriscada. Ortigueira

Anta-dolmen Forno dos Mouros nº 5, Coriscada. Ortigueira

-Notas previas

A finais do século XX, nas mans do meu amigo Fidel Méndez Fernández caeu unha proposta de extraordinaria importancia: a posibilidade da creación dunha Fundación e dun museo en Ortigueira. Mentres as cousas non se foron consolidando, Fidel e mais eu, fixemos unhas cantas incursións polas fermosas terras de Ortegal: durante interminables xornadas -que curiosamente remataban axiña- percorrimos de arriba a abaixo toda isa comarca. O Camiño dos Arrieiros, Faladora, Monte Caxado, A Coriscada, A Capelada, Estaca de Bares..., así como a maior parte das parroquias pertencentes a varios concellos. Catalogamos e fotografiamos mámoas, antas, castros, cruceiros, igrexas, capelas, rectorais, castelos, muíños de río, de marea e de vento, casas e escolas de indianos, centros de instrución, paraxes naturais, campos da feira, pontes, hórreos, arquitectura tradicional e pazos, etc, etc, etc.

F
orno dos Mouros primitivo.
Foto de Ramón Boga Moscoso. 2002.


Pouco a pouco as cousas foron indo e por fin creouse a Fundación Federico Maciñeira, sendo nomeado Director Técnico  e máximo artífice da súa posta en marcha e consolidación o devandito Fidel Méndez Fernández. Foi así que se acometeu a rehabilitación dun edificio no centro de Ortigueira como oficina técnica e, pouco tempo despois, o Cine de Ortigueira tamén foi rehabilitado para conter un espazo musealizado.

Dentro das moitas actividades que se levaron a cabo nesas datas, aparte da realización de folletos turísticos, conferencias, publicación dunha revista..., tamén se incidiu na recuperación e posta en valor do patrimonio cultural en xeral e do arqueolóxico en particular. Entre as actuacións máis salientables destacaron a escavación da contorna inmediata ao monumento con Forno do Castro de Punta dos Prados en Espasante, a recuperación do muíño do Vento en Campa da Torre...



Forno dos Mouros primitivo.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 2002.

Pero ao meu xuizo, unha das actuacións máis importantes levada a cabo pola Fundación baixo a férrea decisión de Fidel Méndez, foi a escavación da mámoa nº 5 da necrópole Forno dos Mouros da Coriscada, así como a limpeza do Camiño dos Arrieiros ao seu paso por terras de Ortigueira. Tamén tiven o placer de participar indirectamente nalgúns dos fitos máis interesantes desta extraordinaria actuación en conversas continuas co meu amigo Fidel.

Así, en setembro de 2000 púxose en marcha o Proxecto Plan Ortegalia, promovido pola Fundación Federico Maciñeira Ortegalia. O deseño da recuperación e posta en valor de diversos bens patrimoniais foi dirixica por  Fidel Méndez Fernández que programou un Plan Xeral de Actuacións no que destacou a posta en valor do patrimonio como o Camiño dos Arrieiros, Campa da Torre, Punta dos Prados..., como xa viñamos vendo.


Forno dos Mouros primitivo.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 2002.


Dentro deste Plan decidiuse a escavación da mámoa nº 5 Forno dos Mouros na Coriscada por ser non só a mámoa máis grande da necrópole, seno tamén por ser a que testemuñaba un peor estado de conservación.

A escavación da mámoa nº 5 Forno dos Mouros-Coriscada

Como dicíamos, trátase da mámoa de maior tamaño da necrópole e tamén a máis esnaquizada froito de expolios continuos. A escavación desenvolveuse en tres fases que abraunguiron os anos 2001 e 2002, rematando precisamente no verán dese ano, no que tamén se incluiu a escavación da mámoa nº 4, ubicada a un metro da mámoa nº 5. Como adianto das conclusións, dicir que como froito desas escavacións, atopáronse estruturas de dúas mámoas, unha de pequeno tamaño, tapada por outra de gran tamaño (nº 5). Na mais cativa, da que non se sospeitaba nin siquera a súa existencia, atopouse unha anta  pequena  moi ben conservada, mantendo o entullo de acceso sen alterar. Na mámoa grande, a violación era de tal magnitude que xa non quedaba evidencia algunha do tipo de estrutura arquitectónica que podería conter (a violación chegou ao xabre, de xeito que nin siquiera quedaron evidencias dos calcos dos posibles esteos da cámara).


Anta primitiva de Forno dos Mouros en proceso
de escavación. 2002, fotografía de Fidel Méndez.

Como sabemos, por estas serras discorre o famoso Camiño dos Arrieiros que une As Pontes con Bares, no que se aproveitaban as boas condicións orográficas para o desprazamento de mercadurías, debuxando unha liña de transo plenamente humanizada, sobre todo no eido megalítico.

A necrópole Forno dos Mouros compónse de nove mámoas. A mámoa nº 5 sitúase na parte norte do grupo, no extremo máis setentrional, dominando física e visualmente toda a contorna. A mámoa acadaba 26 ms no eixo N-S e 20 ms no eixo E-O, sobresaíndo case dous metros e medio polo oeste. A un metro cara ao suroeste aparece unha segunda mámoa (mámoa nº 4 de Forno dos Mouros).



Proceso de limpeza superficial de
Forno dos Mouros nº 5. Foto Fidel Méndez


A mámoa nº 5 atopábase moi remexida, sobre todo na parte oriental que foi cortada por unha pista forestal arrasando sobre un quinto do seu volume orixinal, deixando un corte limpo e apreciándose a masa tumular así como a coiraza. A precariedade na que se atopaba a mámoa foi un dos criterios, como viamos, para decidir a intervención.

As actuacións cifráronse nos seguintes pasos: primeiro, a apertura en extensión a nivel superficial da totalidade da mámoa. A finalidade era recuperar a estrutura orixinal. Segundo, a escavación en profundidade para documentar a estrutura funeraria orixinaria, si era o caso.



Limpeza superficial de
Forno dos Mouros nº 5. Foto Fidel Méndez


Sen embargo, este plan viuse troquelado tanto pola complexidade estrutural como e sobre todo pola existencia dunha cámara megalítica anterior e practicamente intacta que quedaba totalmente soterrada baixo a mámoa nº 5 na súa parte noroeste. En resumo, o xacemento é froito da unión de varios momentos construtivos no que se recolleron unhas 860 pezas líticas, material cerámico e unha 50 mostras de sedimentos e carbóns.



Vista de Forno dos Mouros durante a escavación.
Foto Fidel Méndez Fernández

En breves palabras, podemos resumir a historia do xacemento como segue: un primeiro memento construtivo no que aparece unha cámara poligonal cun pequeno corredor e pavimentos externos. A continuación prodúcese a cancelación da cámara e a construción dun primeiro túmulo que a enterra completamente. Por último, a construción dunha nova mámoa que cubre completamente a anterior.


Vista de Forno dos Mouros cortada
pola pista forestal. Foto Fidel Méndez
 

A cámara atopada na pequena mámoa dentro da mámoa nº 5 Forno dos Mouros, amosaba planta poligonal con corredor cortiño orientado cara ao sueste. Confórmase a través de sete esteos de forma cadrangular fincados verticalmetne no chan cunhas dimensións de entre un metro e un metro e trinta centímetros de altura. O espazo interior mide un metro e seis centímetros por un metro e catro centímetros de diámetro nos eixos máximos. Despois aparece un pequeno corredor de sesenta centímetros de ancho e un metro de longo, formado por dúas pedras máis pequenas que as da cámara. Posuía tamén unha pedra cobertora que estaba un pouco desprazada, seguramente debido ao paso dunha máquina forestal por enriba. O interior da estrutura arquitectónica estaba recheo con terra pouco compactada e na base da cámara apareceu un enlousado feito a base de pequenas pedras, lousas e seixos, destacando unha gran lousa colocada fronte á entrada da cámara.



Despois das escavacións arqueolóxicas, o obxectivo era a restitución da masa orixinal da mámoa nº 5 e a súa posta en valor: acondicionamento, sinalética...; onde quedou reflexado o momento final do monumento, quedando á vista a coiraza ao completo.

Finalmente a cámara megalítica foi trasladada ao Centro Arqueolóxico: realizouse a estracción e traslado ao Museo da cámara completa, debido a que non se podía expor no lugar orixinal de ubicación. 



Así, esta pequena cámara, unha das máis antigas de Galicia en canto a datación (nun momento incial do neolítico) pódese contemplar hoxe como unha das pezas máis interesantes do museo de Ortigueira.

Máis fotografías:


Fotografía de Forno dos Mouros nº 5 antes da limpeza.
 Fotografía de Fidel Méndez Fernández






 En primeiro termo, Forno dos Mouros nº 5;
despois, Forno dos Mouros nº 4. Foto de Fidel Méndez



Restos da coiraza pétrea e funil de violación
 de Forno dos Mouros nº 5. Foto de Fidel Méndez





Vista xeral de Forno dos Mouros nº 5.
 Foto Fidel Méndez Fernández


Vista xeneral da escavación de
 Forno dos Mouros nº 5. Foto de Fidel Méndez



Outra vista. Foto Fidel Méndez




Vistas da escavación. Fotos de Fidel Méndez Fernández



Escavación do primitivo Forno dos Mouros.
Foto Fidel Méndez Fernández
















Corredor de aceso a Forno dos Mouros nº 5.
Foto de Fidel Méndez



Forno dos Mouros primitivo. Foto de Fidel Méndez





Corredor de acceso de Forno dos Mouros nº 5.
Foto de Fidel Méndez Fernández




Desmontando Forno dos Mouros primitivo.
Foto de Fidel Méndez Fernández







Lousa de cabeceira de Forno dos Mouros primitivo.
Foto Fidel Méndez Fernández


Algunhas pezas de Forno dos Mouros nº 5.
Fotos de Fidel Méndez Fernández


Machado



Machado


Punta de flecha


Punta de flecha


Coitelo


Contas de colar


Contas de colar


Vista de Forno dos Mouros durante a súa reconstitución.
Foto de Fidel Méndez




Ubicación actual da Anta de Forno dos Mouros primitiva no Museo Ortegalia en Ortigueira. Á esquerda pódese ver a reconstrución dun guerreiro do Neolítico cuxa documentación e elaboración das pezas foron feitas baixo a direción de Ramón Boga Moscoso.