sábado, 7 de diciembre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR PENA DAS CAZOLAS. SANTA CRUZ DE SERÉN, FRIOL

PEDRAFITA-MENHIR PENA DAS CAZOLAS


"No admitas jamás cosa alguna como verdad sin haber conocido con evidencia que así era; es decir, evitar con sumo cuidado la precipitación y la prevención, y no admitir en mis juicios nada más que lo se presente tan clara y distintivamente a mi espíritu, que no tuviese motivo alguno para ponerlo en duda"

René Descartes: "Meditaciones Metafísicas con objeciones y respuestas". Ed. Alfaguara, Madrid 1977.



Pedrafita-menhir Pena das Cazolas,
segundo debuxo de Moncho Boga, 2024

E como son terco, volto, polas reviravoltas xa casi imprescindibles de internet, a Friol: é o que supón a urxencia das grandes calamidades, da pena de non ter ido cando tiña que ir. Facerlle caso ao instinto. As cousas, ás veces, son e non són. Como diría o vello Parménides "o ser é e non pode non ser". Para min, lamentablemente, cando tiña que ser, non foi; e cando é, xa non está. Perdoade este galimatías, pero seguro que o entenderedes a medida que vaiades avanzando na lectura.



Ao fondo, a Pena das Cazolas. Fotografía extraida
do bloque megaliticia. Pódense apreciar restos doutros chantos
que poideran ter relación coa nosa pedrafita.

Xa hai uns cantos anos que coñezo fotográficamente esta fermosa pedrafita e, malia que estiven en Friol en maio, non era o momento de visitala, posto que estivemos a disfrutar do Friulio, festa temática galaico-romana. Sempre vas deixando algunha cousa para mais adiante...



Fotografía do blogue megaliticia.

Ubícase dentro do lindeiro dunha pradeira, preto da Pena do Caldeiro, ao carón da estrada CP-2109, non lonxe do Rego do Vieiro e do Rego de Portosueiro, nunha zona achairada. Nas inmediacións foi achada unha pedra con varias cazoliñas e tamén unha pedra de granito cun gravado en forma de caveira.



Fotografía do blogue megaliticia.

Na orde de cousas que me ocupa, a pedrafita Pena das Cazolas acada unha altura de pouco mais ou menos uns tres metros. Na base do que se podería considerar a cara principal aparece unha gran concavidade que mide uns corenta centímetros de diámetro, ao redor dun metro de longo e o lado mais ancho mide setenta centímetros. Parece probable que o gran chanto perdese unha gran parte da cara posterior e, na parte superior ou croa, debuxa unha fendedura-axexadoiro con forma de "U" aberta cos bordos totalmente lisos, puídos. A orientación segue a liña leste-oeste. Na parte superior esquerda aparece a gravura dunha pequena aspa.



Fotografía de Xabier Moure, comprobando os equinocios.

Segundo Alberte Alonso, a pedrafita atopase in situ e é da tipoloxía de observación astronómica ao presentar na croa un axexadoiro tipo "U" (que describia antes) onde a liña equinoccial encaixa á perfección neste cóncavo instrumento de control e orientación estacional. Polo tanto esta é unha pedrafita  que confirma os equinocios de primavera e de outono, o 22 de setembro e o mencer e solpor no 21 de marzo, respectivamente.



Fotografía de Xabier Moure do blogue onosopatrimonio.

Considérase que poidera tratarse dos restos dun esteo dunha anta, pero nos arredores mais cercanos non consta a existencia de ningunha. 



A Pedrafita Pena das Cazolas tumbada por mor das 
inclemencias metereolóxicas. Foto Xabier Moure, 2024.

Cando os actuais propietarios dos terreos onde se asenta mercaron a finca a mediados da década de 1990, a pedra aparecía tumbada e quixeron partila en diversos anacos para o peche dunha das súas fincas, pero desistiron cando foron advertidos de que o grande esteo estaba catalogado por Patrimonio da Xunta..., foi tamén cando a puxeron en pé, cando a volveron a erixir na súa posición vertical. Xabier Moure (de quen tomei toda esta información) voltou no ano 2015 e atopou a un dos donos, que lle asegurou que a pedrafita sempre estivo ergueita no mesmo emprazamento.



A Pena das Cazolas tumbada. Fotografía do blogue megaliticia.

Por último, e lamentablemente, no ano 2024, neste mesmo ano, un integrante do dinámico colectivo Patrimonio dos Ancares, atopou a pedrafita caida, tumbada, posiblemente debido ao reblandecemento do terreo onde estaba encravada: as intensas choivas provocaron o que normalmente fan os homes e as máquinas. Por iso, lamentablemente, nunca poderei contemplar este enorme chanto-pedrafita na súa posición vertical, na posición para a que foi fabricada, na posición durante a cal estivo durante milenios impertérrita, orgullosa e destemida, mirando pasar o tempo.



Fotografía da Pena das Cazolas do blogue megaliticia.


En Sigrás, nos aledaños do Nadal, 2024.

Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER E MIRAR MAIS

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/pena-das-cazolas.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html