PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO COTO DAS FONTELAS
SOSPEITOSOS HABITUAIS XVII
"Hay que evitar el combate en lugar de vencer en él. Hay triunfos que empobrecen al vencido, pero no enriquecen al vencedor."Juan Zorrilla de San Martín
Debuxo de Moncho Boga, 2026. |
Retorno, unha vez mais -e sospeito que non será a última- ás vagorosas terras de Agolada, volto á parroquia fecunda e amena de Ventosa, retorno á suave orografía do centro de Galicia. E retorno por mor dun elemento que casualmente chegou ás miñas mans, inopinadamente tamén, na forma dun marco de termo: un marco que termo que ten todas as posibilidades de adquirir a esencia de auténtica pedrafita, de pedrafita reutilizada para delimitar un couto, para marcar un territorio.
Petróglifo a base de cazoliñas aliñadas do Coto das Fontelas. Fotografía de Alex Negreira en megaliticia.blogspot.com |
Non teño fotografías desta pedrafita, pero confío en que algún dos incansables investigadores da terra de Agolada véxase impelido a partir de agora a buscar este singular monumento. Por outra banda, sexa ou non sexa un elemento de adscrición neolítica, non hai, nin vexo, ningunha razón como para non engadir os marcos de termo no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. E este elemento está catalogado como "marco de termo", precisamente.
Para chegar tan só conto cunhas indicacións que probablemente non valgan para nada; aínda así, como me gusta desenvolver as narracións que non levan a ningures, procedo con total improvisación, premeditación e alevosía. É así que tomamos como punto de partida a capital municipal, para logo coller a EP-6307 con dirección a Rodeiro, ata chegar ao lugar de Laxe. Unha vez pasamos esta poboación, e deixando detrás as últimas casas, antes do desvío cara a Treibamas, aparece unha curva moi pronunciada: á súa dereita, como por ensalmo, ábrense dous camiños dos que hai que coller obrigatoriamente o da esquerda e despois deambular ao redor de setecentos ou oitocentos metros ata chegar a un punto onde o camiño se bifurca. Pois ben, semella que a nosa presunta e sospeitosa pedrafita eríxese a uns vinte metros da devandita bifurcación, no camiño da esquerda. Ao outro lado deste camiño hai unha gran pradeira que está pechada cunha muralla de pedra.
A pedrafita do Coto das Fontelas está emprazada na aba do leste do devandito Coto; o uso da contorna é maiormente forestal e de pradeiras. Repoboacións de piñeiros e o noso sempiterno monte baixo, selvático e contumaz, predominando abrumadoramente as xestas, os toxos, as silvas e outros moitos elementos botánicos de naturaleza miuda. Tamén podemos aventurar, sen lugar a ningún tipo de titubeo, que a nosa sospeitosa habitual atópase nun excelente estado de conservación.
Atópase ubicada, en definitiva, moi preto do lugar de Laxe xusto ao carón do camiño, e foi catalogada debido a unha gravura que amosa nunha das súas caras. A gravura, segundo as informacións recibidas, pode ser tanto unha "M" como unha "H".
Debuxo de Moncho Boga, 2026. |
Na área inmediata existe polo menos unha mámoa e ao redor de catorce paneis de petróglifos. Un estudo mais rigoroso permitiría atopar sen dúbida algunha os camiños prehistóricos que sucan esta terra así como algunha posible necrópole megalítica. Malia todo iso, moi preto, fora da área concreta, atópanse as mámoas de Parada, así como diversas zonas de petróglifos que bordean a contorna do Monte ou Coto das Fontelas: Pena da Moura, petróglifos dos Coutos, de Gramil, da Gándara.... Un lugar e un emprazamento máxicos, por certo.
EN SIGRÁS, NAS SINGULARES XORNADAS DE PRINCIPIOS DO OUTONO DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
ENLACES E BIBLIOGRAFÍA
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/petroglifos-de-ventosa
https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Petroglifos-Coto-das-Fontelas.htmlMaría José Fernández García, Luis Fernando Pérez Méndez: "Gravados rupestres de Agolada". Anuario de estudios e investigación de Deza, nº 8, 2006.