Amosando publicacións coa etiqueta Outeiro de Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Outeiro de Rei. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de maio de 2026

PEDRAFITA-MENHIR MARCO ENTRE PARADA E CAMOIRA. Santo Estevo de Camoira (Lugo)-San Xoán de Parada (Outeiro de Rei)

PEDRAFITA-MENHIR MARCO ENTRE PARADA E CAMOIRA


"¿Puede haber algo más ridículo que la pretensión de que un hombre tenga derecho a matarme porque habita al otro lado del agua y su príncipe tiene una querella con el mío aunque yo no la tenga con él?."

Blaise Pascal


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

E retorno unha vez mais ás terras do Concello de Outeiro de Rei, ás terras limítrofes co Concello de Lugo, terras agarimosas por onde discorre o pai dos ríos galegos, o río por antonomasia, o río Miño. Entre o Concello de Lugo e o Concello de Outeiro de Rei, no denominado tamén Outeiro das Camoiras, separando ou unindo as parroquias de Santo Estevo de Camoira e San Xoán de Parada. Terras con personalidade de seu...


Marco do Monte de Camoira, entre Parada e Camoira. 
Captura de mapcarta.

E retorno a unha posible pedrafita, a un misterioso marco que descansa ergueito na inmensa soidade dos montes galegos, dos montes de Parada, dos montes de lugo. Os tempos implacables e o musgo verdescente non foron quen de eliminar este diminuto vestixio das nosas mais ancestrais costumes. Está aí para recordárnos un pasado que xa non é nin nunca voltará. 


De google maps.

Estamos pois diante do que hipotéticamente foi unha pedrafita. Trátase dun esteo que funciona e funcionou como marco de termo, situado entre os Montes de Camoira (Concello de Lugo) e Parada (Outeiro de Rei), á beira dun camiño ancestral, posiblemente prehistórico, agazapado entre unha voluptuosa vexetación: un pequeno esteo de granito, considerado un marco histórico, que foi emprazado neste lugar para a delimitación dos montes do término municipal de Outeiro de Rei e rectificado o 26 de agosto de 1856, segundo a aportación documental dada a coñecer por Xabier Moure.


Penedo coa mesma gravura que o marco: unha custodia.
Foto, Concello de Outeiro de Rei.

Este humilde marco debuxa unha sección cadrangular que amosa na parte duperior, na croa, un rebaixe a xeito de cazoliña: mide ao redor de doce centímetros de diámetro e seis centímetros de profundidade, adoitando unha clara forma hemiesférica.


Panel de Petróglifos no Monte de Camoira.
Fotografía, megaliticiablogspot.com

Na cara do norte sobresae un motivo circular do que parte un radio que se bifurca no seu extremo inferior, cun tamaño aproximado de vintesete centímetros de longo. Segundo un expedente, atopado por Moure, este símbolo representa o Santísimo Sacramento. Considero plausible a hipótese que mantén que hai necesariamente un fío condutor entre os ritos megalíticos, celtas e romanos e os monolitos de termo vencellados aos espíritus dos antepasados. Así por exemplo, as necrópoles megalíticas adoitan compartir o mesmo espacio de "límite". Por iso esa posibilidade da orixe prehistórica débese encadrar na etapa crono-cultural megalítica.


Fotografía de Xabier Moure, 2015

Os antigos camiños, camiños primitivos, camiños prehistóricos, corredoiras, serpenteaban polo cordal da serra, salpicados de mámoas, petróglifos e marcos... O interesante do marco que nos ocupa é a concavidade superior, así como a gravura que conserva na cara norte, moi ben estudada e investigada por Xabier Moure. Esta representación (interpretada como soliforme e incluso como un antropomorfo, en principio) atópase en moitas penas e nalgún esteo dunha anta, sobre todo no Concello de Outeiro de Rei. Non é necesario incidir ou desenvolver as investigacións de Moure nesta entrada: só subliñar que o que en principio semellaba un petróglifo prehistórico, que se repetía en varios emprazamentos, resultou ser outra cousa non menos interesante. Efectivamente, un documento de amolloamento das parroquias de Aspai, Martul e Parada de 1856, descubre que nos mollóns grávase o mesmo símbolo en diversos lugares e, ademais, descríbese como  a "insignia del Santísimo Sacramento." Polo tanto representan a custodia onde se coloca a hostia logo da consagración. Pouco logo Moure descubre outro documento dun preito do ano 1865 sobre unhas lindes entre Aspai e Parada: ao referirse a este marco aparece anotado que a custodia gravouse para "proteguelo en lugar pagano". Esta afirmación é clara e rotunda: no século XIX aínda se recoñecían os lugares paganos-sagrados-máxicos e aínda se consideraba necesaria a súa cristianización. 



Fotografía de https://www.instagram.com/san_xoan_de_parada

Estas reflexións talvez sexan pistas, indicios, que me levan a estudar o Marco de Termo desde unha perspectiva un pouco diferente. Primeiro baixo a consideración de que moitos miliarios romanos ás veces amosaban unha concavidade na parte superior a xeito de "cazoliñas", o que fai recordar un recipiente que se pode interpretar ou como un "machembrado arquitectónico" para encaixar outra peza e así formar unha estrutura mais complexa, ou coma un receptáculo para colocar ofrendas, ofrendas de proteción aos camiñantes, unha especie de "foculi". No hai que esquecerse de que os romanos adoitaban situar, xunto ás sepulturas, ou en lugares limítrofes, sinaladores de fronteiras, cun anaco de columna  corta (cipo) ou pilastra cadrangular denominada "Cippuma". O deus "Terminus" era o garda das fronteiras e dos límites ao que se lle realizaban diversas ofrendas e sacrificios de animais. 


Fotografía de https://www.instagram.com/san_xoan_de_parada

Por todo iso non se pode, nin se debe, nin quero desbotar  a posibilidade de que este sinxelo marco de sección cadrangular e coa concavidade superior, sexa unha reutilización romana dunha primitiva pedrafita que contivera en sí a mesma misión romana: de garda de camiños e de camiñantes.


Imaxe de https://www.instagram.com/san_xoan_de_parada

Malia que non estamos diante dunha ara adicada aos lares viales (en Galicia consérvase a meirande concentración destas aras de toda a Península Ibérica) podemos ver neste caso como a pedrafita posiblemente tivera a mesma función, sempre vencellada a necrópoles megalíticas, paneis de petróglifos e, por suposto, de protector e defensor de todo aquel que camiña, que viaxa.


Fito en Candás, co mesmo motivo. 
Fotografía onosopatrimonioblogspot.com

Tamén hai que incidir no carácter sacro dos camiños, que non recae só no propio camiño, senon no cruzamento dos camiños, nas encrucilladas. Trátase de lugares dunha poderosa carga simbólica, envoltos en brumosas e misteriosas lendas... Ise é o motivo fundamental para cristianizar eses lugares de transo (a abundancia de encrucilladas en Galicia tampouco se repite en ningún outro lugar da Península): sen embargo, malia a intensiva cristianización, aínda pervive o senso máxico do cruzamento. Aí chantaron cruceiros...


Ruta do río Miño entre Lugo e Outeiro de Rei

É así que destas pequenas pedrafitas, vencelladas inextricablemente aos camiños, semella desprenderse unha dimensión diferente: o carácter vial cunha clara e distinta función de proteción e compaña nas rotas que emprende o viaxeiro, tanto polos camiños da vida como polos camiños da morte.

EN SIGRÁS, LOITANDO CONTRA A ESTUPIDEZ HUMANA-GUERRA, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

https://www.instagram.com/p/DLrqdeGqp1r/?img_index=2&igsh=MWNsOGVzMGwxc2hlYw%3D%3D

https://www.instagram.com/p/DLrqdeGqp1r/

https://www.facebook.com/apatrigal/posts/%C2%BAo-enigma-dos-menhires-gravados-e-a-cristianizaci%C3%B3n-de-lugares-pag%C3%A1nsxabier-mour/2318603678418160/

https://patrimoniogalego.net/index.php/72561/2015/04/petroglifo-de-santa-comba/

https://patrimoniogalego.net/index.php/72564/2015/04/gravura-de-candai/

https://funjdiaz.net/folklore/07ficha.php?ID=3442&NUM=344

https://www.academia.edu/40341506/Los_dioses_Lares_Viales_y_su_distribuci%C3%B3n_en_la_Hispania_romana_The_vials_Lares_gods_and_their_distribution_in_roman_Hispania_

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/petroglifos-y-medorras-de-parada-225537972

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/petroglifos-monte-camoiras-21092708/photo-13208326

https://www.cultura.gal/es/nova/5925/incluidos-en-el-inventario-de-arqueoloxia-tres-petroglifos-del-monte-de-camoira-en-lugo

th_d9631e1bf83dbd91a546ee14ac2a0255_Outeiro-de-Rei-Petroglifo-

https://outeiroderei.gal/wp-content/uploads/2021/12/Ruta_insuas_do_mino_As_paisaxes_da_auga.pdf

https://www.paseargalicia.com/ruta-d-camino-do-mino-outeiro-de-rei/

https://outeiroderei.gal/wp-content/uploads/2021/12/Ruta_camino_do_mino_As_paisaxes_da_auga.pdf


xoves, 15 de xaneiro de 2026

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. Santa María de Vicinte, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS


"Nunca moriría por mis creencias porque podría estar equivocado."

Bertrand Russell


 Debuxo de Moncho Boga, 2024
.

Desde Vicinte pódese chegar en automóbil e os últimos cen metros non queda mais remedio que achegarse camiñando. O acceso é bastante complicado polo que se se dispón de XPS será moito mais doado chegar. 



Anta Forno dos Mouros no ano 1989.
Fotografía de Núñez Jato.

Retorno ás terras do marabilloso Concello de Outeiro de Rei para completar a información da Anta Forno dos Mouros que considero ficou inconclusa na entrada que lle adiquei no contexto da Terra Cha o 28 de xuño de 2012. Por iso volto ao noso agarimoso oeste. Debo recoñecer que lle teño unha especial querencia aos concellos de Outeiro de Rei e Friol.



Forno dos Mouros no ano 2017.

No ano 1997 esta fermosa anta non estaba catalogada, malia ser coñecida e publicada na Revista Croa: Núñez Jato e Laura Roríguez documentárana nunha prospeción realizada no ano 1989. Os resultados resumidos desta prospeción foron publicados no ano 1995 nun artigo da revista Croa (Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga). Finalmente foi catalogada, grazas a insistencia do multifacético investigador Xabier Moure diante das autoridades competentes.



Vista da mámoa no ano 2017

Atópase no Lugar de Ínsua, na parroquia de Vicinte e emprázase nunha aba de suave pendente, e toda a zona aparece moteada con vexetación autóctona: as repoboacións de eucaliptos van gañando terreo lamentablemente. Polo de agora esta repoboación non afecta directamente ao xacemento arqueolóxico.



A Anta Forno dos Mouros no ano 2017.

Trátase dunha mámoa-medorra ou túmulo de forma obvia e taxativamente hemiesférica moi achanzada e dicir, non está a conservar moita altura (ao redor dun metro); sen embargo o seu diámetro sobrepasa os catorce metros no eixo norte-sul e os dezaseis metros no eixo leste-oeste. A mámoa, en apariencia, atópase en bo estado de conservación. 



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

Tampouco se observan a simple vista alteracións significaticas (antrópicas e/ou naturais) da anta con respecto ao estudo de Núñez Jato: un cono ou funil de violación que se abre no lado do sul e mide aproximadamente uns catro metros de diámetro.



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

No centro da mámoa erixese a estrutura arquitectónica ou anta, único espécimen con pedra cobertora ou tampa no Concello de Outeiro de Rei. Esta cámara megalítica desenvólvese estruturalmente por medio de catro esteos que soportan unha tampa ou pedra cobertora que mide uns dous metros de lonxitude. Tamén se poden ollar diversas outras pedras ou esteos: algunha podería formar parte dun hipotético corredor de entrada. A tampa atópase lixeiramente inclinada, movida da súa posición orixinal,  na direción do sueste. Núñez Jato descubriu, entrevistando aos veciños, que esa inclinación da tampa debeuse a que no ano 1940, ao construirse unha casa no lugar de Ínsua, os canteiros ían empregala como material de obra. Afortunadamente rexeitaron a gran pedra debido a que era demasiado dura para o seu uso construtivo.



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

Nas súas pescudas Núñez Jato relata que o dono da finca estivolle a contar que o cura párroco de Vicinte, acompañado de varios homes da bisbarra, escarbaron na zona do corredor de entrada, supoño que na busca dos sempiternos e inexistentes tesouros.

Estou seguro que voltarei a estas fantásticas terras luguesas, que voltarei para describir novos monumentos megalíticos; novos achádegos que inexcusablemente pasarán a formar parte do meu particular espíritu coleccionista, coleccionista mental das elementais cousas de antes.


En Sigrás, sin saber que nos deparará o futuro, 2026.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES E BIBLIOGRAFÍA NECESARIAS 

Juan F. Jato Núñez-Laura Rodríguez Varela: "Arqueoloxía en Outeiro de Rei: Mámoas e outros restos" Revista Croa, Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, 1995.

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmen-forno-dos-mouros.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://www.facebook.com/GustameOuteiroDeRei/posts/forno-dos-mouros-o-%C3%BAnico-con-tampa-cobertoira-de-todo-outeiro-de-rei-cerca-de-a-/265051187563950/

domingo, 24 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN PEDRA DEREITA. San Pedro de Martul, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN PEDRA DEREITA

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO XIV

"La Tierra se mueve en un círculo alrededor del Sol, causando la evidente reubicación anual del Sol. La Tierra tiene más de un movimiento."

Aristarco de Samos, 310 a.C.




Debuxo de Moncho Boga, 2025.


Debuxo de Moncho Boga, 1993.

"Para chegar. Antes do núcleo da aldea de Martul, deixando unha casa nova á esquerda, hai que circular por unha corredoira ou pista forestal que se introduce polo medio dun monte de espesos piñeiros nórdicos. Debemos camiñar preto de catrocentos metros ata chegar a un muro de pedra onde o camiño describe unha curva. Trinta metros máis atrás hai un carreiro que case non se ve e que se adentra na espesura de fentos, piñeiros, silvas e toxos. A anta está a uns vinte ms e non se pode ver desde o camiño debido á impenetrabilidade da floresta." Esta era a descrición do percorrido para chegar hai moitos anos. Non creo que hoxe se recoñeza nada do  percorrido que describía daquela.



Planta de Pena Dereita a partir de Pérez Losada e Cano Pan. 

A anta que estou a ensinar atópase enclavada nunha mámoa de dimensións convencionais para o megalitismo galego. Conserva sete esteos: dous deles fóra da súa posición orixinal apoiados na aba da medoña. Posiblemente os outros cinco permanezan in situ. A mámoa atópase parcialmente cortada no norte e no sul. Hai indicios de violación antiga e sobre a mámoa sobresaen seis chantos (e fragmentos de chantos) deitados, procedentes da cámara. Cando eu a visitei era imposible albiscar mais que os tres que permanecían fincados á vista.



Sección do esteo mais grande, a partir de Pérez Losada e Cano Pan.

O esteo que podemos ver na fotografía (sinalado coa letra "A") acada considerables dimensións: dous ms e dez cms de altura, un metro e vinte cms de ancho e trinta e sete cms de grosor. O segundo esteo posúe base cadrangular medindo os seus lados vintecinco por trinta e tres cms e, na altura, cincuenta e cinco cms. No estado actual era case imposible a reconstrución tipolóxica da planta, aínda que non se debe desbotar (polas características doutras antas da zona) unha cámara poligonal con corredor, como a que describen e debuxan Pérez Losada e Cano Pan a saber, cámara das do tipo poligonal con probable corredor orientado ao sul-suleste. Algúns dos esteos semellan estar movidos cara a fóra.



Vista da mámoa. Foto:https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html.

Pola aba da mámoa podemos ver ciscallados diversos croios de seixo de tipo medio en canto ao tamaño e, como dicía, ese gran esteo da cabeceira amosa dimensións considerables: diríamos que colosais, sen esaxerar porque esaxerando...



Foto:https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html.

Todo esto era o que escribía eu neste mesmo blogue xa hai uns anos. Agora as cousas foron cambiando: as autoridades fóronse decatando da potencialidade turística que ofrecen os recursos arqueolóxicos, sempre e cando estéan ben coidados, limpos e sinalizados. Sen embargo, cando eu fun por primeira vez a buscar esta anta nos primeiros anos noventa, aínda non sei como cheguei a ela: o que hoxe é un eucaliptal, era entón un espeso bosque de piñeiros nórdicos, piñeiros espesos, piñeiros que xa logo non deixaban pasar a luz do sol.
 


Fotografía patrimoniogalego.

Daquila a anta estaba completamente colmatada por capas e capas de materia vexetal que non che deixaban ver mais que os tres esteos que eu amosaba naquilas fotografías analóxicas xa ancestrais. Hoxe en día semella que hai vaivéns: unhas veces, segundo as fotografías que me van chegando, está perfectamente desbrozada e outras, sobre todo cando fan tala de árbores, aparece completamente cuberta de rastroxos, pólas...



Foto megaliticiablogspot.com

En calquera caso actualmente é o elemento megalítico mais destacado da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo e, malia que poidera formar parte da necrópole do mesmo nome, pola súa monumentalidade e grandeza, adoitase sinalar á parte, como un elemento illado.



Fotografía de Moncho Boga, 1993.


Para rematar, unha consideración. No Concello lucense de Outeiro de Rei estánse a conservar e están catalogadas ao redor de cento oitenta mámoas, sendo o seu estado de conservación bastante deficiente, en xeral  tirando a malo. É de agradecer que nos últimos anos se levaran a cabo labouras de limpeza de moitos dólmenes, sobre todo ao deseñar a Rota Arqeuolóxica de O Acevedo.



Fotografía Moncho Boga 1993.



Fotografía Moncho Boga 1993.

Indicar ademais que esta é a primeira anta que atopamos na Rota Arqueolóxica, moi preto de Martul. Deixeina para o final por cuestións absolutamente anárquicas.


En Sigrás, un día calquera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES SUXESTIVOS

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://historiadegalicia.gal/2018/10/en-total-abandono-e-desproteccion-o-dolmen-de-pedra-dereita-un-dos-mais-espectaculares-de-lugo/

https://patrimoniogalego.net/index.php/15773/2012/04/anta-da-pena-dereita/

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584001

https://www.wikiloc.com/hiking-trails/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584001

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883







xoves, 21 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN TÚMULO 1 DA NECRÓPOLE DE JOLFA. San Cibrao de Aspai, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN TÚMULO 1 DA NECRÓPOLE DE JOLFA.

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO XIII


“¿Y dónde dejas el arte? —preguntó ella.
 —Es una enfermedad. 
—¿El amor? 
—Una ilusión. 
—¿La religión?
 —El sucedáneo elegante de la fe.
 —Eres un escéptico.
 —¡Jamás! El escepticismo es el comienzo de la fe.
 —¿Qué eres entonces?
 —Definir es limitar.”

Oscar Wilde, "El retrato de Dorian Gray"


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

E prosigo no meu anárquico percorrido pola impresionante Ruta Arqueolóxica de O Acevedo. Esta vez aproxímome a outra mámoa que posiblemente forme parte dunha boa xeira de túmulos ocultos pola maleza, polo monte baixo. 

Atópase esta mámoa con restos de cámara, nunha privilexiada situación, nunha penechaira, emprazada entre Pena Serrada e as penechairas superiores do Couto de Province. A denominación antiga é Jolfa e, posteriormente, pasou a alcumarse Golfa, segundo se explica nos paneis informativos.



Fotografía megaliticiablogspot.com

Estase a conservar, xa que logo, unha mámoa que mide, no eixo N-S, ao redor dos catorce metros e medio e, no eixo L-O, uns dez metros e medio. No que respecta á altura, non sobresae mais dos sesenta centímetros.



Fotografía megaliticiablogspot.com

Esta mámoa, prospectada por Núñez Jato,  describe planta circular, esférica, con moi pouca altura, achanzada e que se extende cara a un camiño pecuario. Pois ben, na parte superior aínda se poden contemplar e admirar os poucos restos da cámara que consisten en tres chantos que formaban parte da súa estrutura arquitectónica. Non parece haber indicios da coiraza pétrea.

En Sigrás, de cheo no espantoso e infernal verán de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES 

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584498

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883#lb-embed

http://outeiroderei.elcaminoentumano.com/es/ruta-arqueologica-de-o-acevedo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584497

martes, 19 de agosto de 2025

NECRÓPOLE DE ROZA DAS PRESAS. Entre Aspai e Martul, Outeiro de Rei.

NECRÓPOLE DE ROZA DAS PRESAS

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO XII


"A quienes me preguntan la razón de mis viajes les contesto que sé bien de qué huyo pero ignoro lo que busco."

Michel de Montaigne



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

E sigo terco viaxando sen viaxar, escudriñando os iracundos universos internetianos que ameazan con invadirnos, ameazas mais perigosas que as dos marcianos, selenitas, venusianos...



mapcarta.com

E agora vou á necrópele de Roza das Presas formada por catro mámoas en bastante mal estado de conservación. Dicir que esta necrópole foi prospectada polos arqueólogos Meijide Cameselle e Senén Fernández no ano 2015. Na mámoa sinalada co número 1 describen  a planta típica hemiésferica recuberta cunha boa morea de pedras de tamaño medio, que posiblemente formasen parte da coiraza pétrea. Non apreciaron signos ou pegada algunha do burato de saqueo nin tampouco restos da cámara megalítica. A mámoa medía no eixo N-S ao redor de once metros e, no eixo L-O, uns once metros; para a altura decidirón que no sobrepasaba un metro.



Foto es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo


Na mámoa número 2 observaron que a estaba a rodear un  ameazante e poderoso exército de pinos e incluso na aba da mámoa chantaron varios destes especímens arbóreos. Tamén poideron albiscar, a pesares da espesa vexetación, restos da coiraza e un pequeno gran burato de saqueo. A mámoa, bastante achanzada, medía dezanove metros no eixo N-S; dezaoito no do L-O e unha altura dun metro e medio, aproximadamente.




Planta da mámoa número 3 a partir de Núñez Jato.


Núñez Jato, no ano 1990 describía a mámoa número tres como composta por unha cámara megalítica que conservaba tres esteos dos que realizou o croquis da planta. Atópase, hoxe en día, moi alterada tanto a mámoa como a cámara, pola repoboación salvaxe de eucaliptos e tamén afectada pola tala furibunda dos pinos. Por iso actualmente só se poden entreollar algunhas penas soltas e o que pode ser un esteo da cámara megalítica.  A mámoa, de planta hemiesférica, acada unhas medidas no eixo N-S de once metros, no eixo L-O de dez metros e a altura anda polo metro.



Foto es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo

Da mámoa número 4, tamén, como é normal, hemiesférica, apenas visible sobre o terreno, inmersa nunha contundente repoboación de eucaliptos, só dicir que foi rebaixada consecuentemente boa parte da súa masa tumular. Sen embargo semella que por entre esa desfeita terrible, aínda asoman dous tercos chantos da estrutura arquitectónica que sobresaen corenta e seis e trinta e cinco centímetros respectivamente.

O pouco que queda da mámoa cífrase nuns vinte metros no eixo N-S e uns trece no eixo L-O. Prácticamente non sobresae en altura.



Planta da mámoa número 4 a partir de Núñez Jato.

Cando estou a publicar esta entrada, Galicia está ardendo, Ourense está ardendo... Non teño palabras para expresar a miña indignación, pena, rabia, desolación, enfado. Cando falla a prevención, falla o goberno galego. Estase a perder a paisaxe tradicional, a paisaxe da arqueoloxía, a paisaxe que contribuiron a crear a a manter os nosos devanceiros. E o peor e oir a caterva de estupideces que lles oio dicir aos políticos galegos que nos gobernan. Malditos.

EN SIGRÁS, NOS TERRIBLES DÍAS DO ESTÍO DE 2025.

SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


ENLACES

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883#lb-embed

http://outeiroderei.elcaminoentumano.com/es/ruta-arqueologica-de-o-acevedo/

https://www.youtube.com/watch?v=7Wy_MS8kbbQ

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/#:~:text=Ao%20longo%20do%20percorrido%20non%20s%C3%B3%20imos%20poder,a%20consideraci%C3%B3n%20de%20Bens%20de%20Interese%20Cultural%20%28BIC%29.


xoves, 14 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE PASCUAIS. San Xoán de Parada, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE PASCUAIS

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO XI


"Odio a los impostores, pícaros, embusteros y soberbios y a toda la raza de los malvados, que son innumerables, como sabes... Pero conozco también a la perfección el arte contrario a éste, o sea, el que tiene por móvil el amor: amo la belleza, la verdad, la sencillez y cuanto merece ser amado. Sin embargo, hacia muy pocos debo poner en práctica tal arte, mientras que debo ejercer para con muchos el opuesto. Corro así el riesgo de ir olvidando uno por falta de ejercicio y de ir conociendo demasiado bien el otro."

Luciano de Samósata; "El pescador."



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Sigo, sudoroso e impaciente, realizando, polos incertos carreiros virtuais, a Ruta Arqueolóxica de O Acevedo, no Concello de Outeiro de Rei por onde, na súa caracterización fronteiriza coa Terra Cha, por onde serpentean os grandes ríos da nosa imaxinación, da nosa realidade menos virtual. Sigo por estas primorosas terras, saltando montes anárquicamente: na virtualidade da miña narración non necesito seguir os indicadores, vou por aquí e por aló...


Fotografía de es.wikiloc.com/rutas-senderismo

Desde algún indeterminado sitio da ruta, imos seguir baixando e, á esquerda, atoparemos un desvío para contemplar o túmulo de Jolfa 1 e os petróglifos de Pena Serrada que, xa vimos noutra entrada, atópanse nun enorme afloramento rochoso. Voltaremos ao camiño principal da ruta e, preto dunha sinal, veremos outro indicador desde onde sae un pequeno desvío entre árbores que leva á enorme mámoa de Pena Serrada: un pouquiño mais abaixo, atópase a necrópole de Pascuais. Con esta somera descrición son absolutamente conscente da imposibilidade de chegar a esta necrópole e, polo tanto, misión cumplida. Hai que seguir as indicacións da ruta e senon aplicar o XPS.



Planta a partir de Núñez Jato, 1989.

Trátase dunha necrópole composta por catro mámoas e prospectada por Núñez Jato no ano 1989. Está emprazada nunha chaira e a contorna tradicionalmente adicouse á actividade agraria e forestal. Nos últimos anos primou a repoboación forestal de piñeiros que rodean todo o perímetro da mámoa. Enriba do sector norte do túmulo número 1 (que é o que nos ocupa) aparece chantado un anemómetro que xa estaba aí no ano 2008. Unha pista forestal corta o sector occidental que aparece xa a primeiros da década de 2000. 


Fotografía de es.wikiloc.com/rutas-senderismo

A mámoa debuxa forma semiesférica moi alterada pola devandita repoboación forestal, pola apertura de pistas e pola colocación do anemómetro devandito. A tal hora amosa uns pouquiños indicios da presenza da cámara: na memoria de prospección de Núñez Jato debuxábase unha cámara composta por cinco esteos, como se pode ver na planta realizada por este investigador no ano 1989.


Fotografía de es.wikiloc.com/rutas-senderismo

Hoxe en día albíscanse varias pedras de granito e cuarzo que poideran corresponder a algún elemento da coiraza pétrea ou a estruturas complementarias da cámara megalítica. 

A mámoa acada unhas dimensións que van desde os catorce metros no diámetro N-S, ata os once metros no diámetro L-O. A altura non sobrepasa o metro e trinta centímetros.



mapcarta.com


En Sigrás, nos días centrais do estío de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES NECESARIOS


https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883#lb-embed

https://pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883

https://pasomiudo-rutadoacevedo.blogspot.com/

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/


domingo, 10 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 5. San Xoán de Parada, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 5

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO X

"No es necesario, para hacer desistir a quien contradice, contradecirlo a su vez; es menester instruirlo, porque no se remedia a un loco montando en furor como él."

Antístenes




Debuxo de Moncho Boga, 2024.


Estamos diante doutra das mámoas da necrópole dos Carrís, en concreto a nomeada co número cinco. Cando Núñez Jato a prospectou, puido constatar a existencia das pedras de tamaño medio que conformaban a coiraza pétrea. 



Fotografía de magaliticiablogspot.com

Tamén deixou constancia do profundo funil de saqueo que lle permitiu visibilizar boa parte da estrutura arquitectónica da anta-dolmen que se acubilla no seu interior e así debuxar a única versión que hai da planta da cámara megalítica. A mámoa na que se insire a anta mide ao redor dos dezaseis metros tanto no eixo N-S como no eixo L-O.



Fotografía de magaliticiablogspot.com

Atopámonos pois cunha planta en apariencia rectangular conformada por tres grandes chantos e outros catro mais cativos que semellan calzos, segundo a interpretación do croquis de Jato. O posible corredor de entrada pode estar orientado  ao leste ou ao suleste.  Polo tanto probablemente a planta era das do tipo poligonal con corredor de entrada. Na superficie da mámoa atopou diversos anacos de cerámica.



Planta da anta 5 dos Carrís a partir de Núñez Jato.


En Sigrás, no verano de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES MOI INTERESANTES

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Tumulos-dos-Carris.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-139647210

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo-outeiro-de-rei-34232.html