martes, 27 de mayo de 2014

A única cámara megalítica existente de Santiago de Compostela, en perigo de desaparición

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO, Bando. Santiago de Compostela.

O 13 de decembro de 2012 publiquei a entrada da anta de Zarramacedo en Bando, e a súa fisonomía era  que podedes ver si entrades coa etiqueta "Terra de Santiago".

Dous anos despois, durante a visita dun bo amigo, recibín a noticia do estado actual da Anta de Zarramacedo, situada na parroquia de Bando, pertencente ao concello de Santiago de Compostela.

As fotografías que me chegaron (por cortesía de Alex Negreira e coa intermediación de Ángel Gilberto Martínez Seoane, "Papigil") falan dunha paisaxe desoladora: as pedras que se conservan vense amenazadas aló, no fondo, por un exército de eucaliptos que avanza en perfecta formación, ameazante. Os regos dos futuros exércitos coloniais xa se atopan a carón da anta, sen a máis mínima distancia de seguridade.

Alguén controla estas plantacións?

Santiago de Compostela, o mellor valor histórico-turístico e cultural do pobo galego, olvida outra tumba, unha humilde tumba se cadra, que non recibe visitas, que non deixa cartos. Visitámola catro zumbados que non facemos máis que dar a vara... Pero somos tercos e, polo menos desde aquí, non nos resignamos a perder este probe recurso arqueolóxico, si o comparanos coa formidable tumba da cidade do apóstolo.

A Porta da Mámoa, a quintana dos mortos, o Santiago Peregrino que descansa na súa  furna "dourada", protexido de todas as inclemencias, érguese todopoderoso transmutado no Santiago Matamouros, onde a nosa pequena anta, feita polos máxicos "mouros", habitantes subterránesos da nosa terra, está a perder a sempiterna batalla fronte ao brillo da belicosa relixión triunfadora.

Hoxe, como sempre, estamos cos vencidos; os vencedores están a outro nivel, lonxanos, impertérritos, noutra dimensión... As nosas testemuñas do pasado, as humildes mámoas (con cámara ou sin ela), esmorecen olvidadas no seu sono de milenios: a única cámara megalítica que se conserva no Concello de Santiago desaparecerá  incomprensiblemente para sempre si non se poñen os medios axeitados para salvala. 














Fotografías de Alex Negreira.

Información proporcionada por Ángel Gilberto Martínez Seoane.

martes, 6 de mayo de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O POZO DO DEMO. Verín, Ourense.



PEDRAFITA-MENHIR O POZO DO DEMO. Verín, Ourense.

Cada certo tempo recibimos agradables noticias, non tanto en canto ao estado das nosas pedrafitas, como en canto á aparición de novos elementos. Este último exemplar chegou a min por medio do blogue (tan nomeado no meu universo virtual) de Xabier Moure, onosopatrimonio. A ficha que amosa Xabier no seu blogue levoume aos boletíns  da Sociedade Antropolóxica Galega denominados Cadernos de Campo. O artigo publicado no Caderno de Campo nº 7 (decembro de 2013) amósanos unha interesante descrición, fotografía e debuxo desta  extraordinaria pedrafita.




Foi atopada por Rafael Castro na comarca do Támega, na beira dun camiño histórico que levaba cara ao couto mineiro de Vilardevós. O monolito estivo talvez erecto nas proximidades deste vello camiño e posúe unha boa xeira de cazoliñas na súa parte superior. A pedrafita debe pesar unhas tres toneladas. O Camiño  leva de Cabreiroa á Veiga de Meás: foi durante o arranxo dese camiño cando se atopou a pedrafita, que se atopa deitada á beira do devandito camiño.





A gran pedrafita, unha das máis interesantes de Galicia, posúe, como se dicía, un conxunto de cazoliñas que ocupa o que parece a parte superior da peza.. A Pedrafita, por último, está rodeada de numerosos petroglifos, a maioría de cazoliñas e un (medio esnaquizado) de círculos concéntricos. No que parece ser a parte de abaixo aparece un rebaixe que podería ser feito para que a pedrafita fose encaixada noutra peza.

Lamentablemente, de momento, non temos datos sobre as súas dimensións, sobre os datos lexendarios nin si estamos diante dun contexto megalítico.




Tanto o debuxo como as fotografías foron realizados por Rafael Castro.

sábado, 3 de mayo de 2014

ANTA-DOLMEN DE ABUIME: xa non está sola.

A ANTA-DOLMEN DE ABUIME xa non está sola.

Todavía recordo vívidamente cando sobre o ano 1993 visitei por vez primeira a Anta de Abuíme. Cheguei a Escairón (levaba aos meus pais comigo) cunhas parcas notas de cómo chegar a esta sonada anta. As notas para chegar eran importantes pero insuficientes: só o instinto megaliteiro permitiume atopar á anta despois de cruzar unhas leiras privadas. Recordo a emoción do achado, pero tamén recordo o descorazonamento de ver aquelas cinco enormes pedras chantadas abandonadas no medio da nada, sen accesos e sen sinalicación algunha. A segunda vez que me acerquei por isas fermosas terras de Lemos, da Ribeira Sacra, a anta estaba cuberta de neve..., pero isa é outra historia.


  
Anta de Abuíme, fotografía de Ramón Boga


Por iso a miña alegría foi grande cando esta semana recibín unha mensaxe da Asociación Veciñal do Sabiñao que me alegrou o día. Dentro do lamentable estado no que se atopan a meirande parte dos elementos megalíticos galegos ante a desidia de todo o mundo, é extraordinariamente loable a iniciativa desta Asociación: desde inicios de 2014 o acceso á Anta de Abuíme está sinalizado desde Escairón e tamén desde o Campo da Festa de Abuíme. Pero non só iso, a devandita Asociación conseguiu o permiso dos veciños para crear un acceso doado polas súas fincas ata a Anta.

Estes verdadeiros gardas do noso patrimonio foron capaces tamén de decatarse dunha perigosa inclinación do esteo central (probablemente a pedra da cabeceira) debido ás inclemencias metereolóxicas deste ano, notificando o feito á Dirección Provincial de Patrimonio. 



                                                          Anta da Leira Rapada

Desde este blogue non podo menos que felicitar a esta xente. Só, parece mentira, desde estas iniciativas cívicas poderemos salvar e poñer en valor o noso patrimonio.

Ademais, e para rematar, a Asociación está comprometida con todos os últimos achádegos na bisbarra: Anta da Leira Rapada en Vilatán, petroglifos, betilos ou idoliños cerca de Escairón, etc.

Información recibida da Asociación Veciñal de O Saviñao