domingo, 26 de abril de 2026

ANTA-DOLMEN DAS PEDRAS OU DAS TRES CRUCES. Mondariz Balneario

ANTA-DOLMEN DAS PEDRAS OU DAS TRES CRUCES


"Incluso los filósofos alabarán la guerra como ennoblecedora para la humanidad, olvidando a los griegos que decían: mala es la guerra que engendra más mal del que elimina."
Inmanuel Kant



Debuxo versión de Moncho Boga, 2026.


UNHAS CANTAS XENERALIDADES

As terras de O Condado e da Paradanta están hoxe unidas nunha entidade única denominada GDR Terra e auga, un xeodestino que aglutina os concellos de ambas as dúas históricas comarcas a saber, A Caniza, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.


Mapa turístico da páx web GDR Terra e Auga.

As Terras de O Condado conforman unha unidade xeográfica ben definida que abrangue fundamental e prácticamente todo o val do río Tea (debedor do río Miño), agás un cativo tramo no Alto Tea. Esténdense desde as estribacións da Serra do Suído cara ao oeste, ao río Miño polo sul e está flanqueada polo leste polos abruptos montes da Paradanta. Polo oeste eríxese a Serra do Galleiro e os Montes de Budiño. Os límites políticos levan desde o norte e o oeste coa Terra de Vigo, ao leste coa Terra da Paradanta e ao sul con Portugal. 


Restos da Igrexa de Santo Estevo de Casteláns, nos
Xardíns do Balneario. 

Con respecto ao topónimo "Condado" hai quen interpreta (non polo que semella mais obvio, o significado nobiliar) senon que o consideran  unha palabra prerromana galaica que viría a significar "confluencia, reunión de augas."


Fotografía do Balneario de Mondariz. Wilkipedia.

O Concello de Mondariz Balneario creouse no ano 1925 durante a ditadura de Primo de Rivera, co aval do Rei títere e colaboracionista Alfonso XIII, e foi debido ao agradecemento da realeza ao bo trato por parte da veciñanza durante as súas frecuentes visitas, concedéndolle o título de "Muy Hospitalaria Villa." Aos veciños de Mondariz Balneario sempre lles fixo moita graza este nomeamento, segundo fontes ben informadas. Como curiosidade, trátase do Concello mais cativo de Galicia, con 2,31 quilómetros cadrados de superficie.


Fotografía do Balneario. Arquivo fotográfico Augas de Mondariz.

Como é sabido este pequeno Concello naceu ao carón do tremendo Balneario promovido e construido por Peinador. Pronto, esta silandeira estación termal, se converteu nun dos destinos preferidos pola burguesía e a alta nobreza, así como da realeza de toda Europa, e de boa parte do mundo coñecido...


Situación da Anta das Pedras, de mapcarta.

Paga a pena visitar o Balneario, os seus xardíns; paga a pena perderse polas terras do Condado, da Paradanta: aos exclusivos paraxes naturais, bosques de ribeira, terras e adustas altas chairas, ata recursos de todo tipo: pontes, castros, paseos fluviais, igrexas, santuarios, antas, pedrafitas, castelos, mosteiros, petróglifos, museos, viño, lamprea, pesqueiras, muíños, penas sacras, rutas..., todo un universo sideral de extraordinarios recursos e inexcusable visita.


ANTA-DOLMEN DAS PEDRAS OU DAS TRES CRUCES

Trátase dun curioso elemento de problemática adscrición ao mundo megalítico. A posible anta está catalogada pero sin unha clara adscrición tipolóxica e emprazada  nunha área recreativa de propiedade pública, sendo  o seu estado é bastante bo, sobre todo nunha posible cronoloxía cristiana, posto que a problemática prehistórica atópase en bastante mal estado.


Fotografía, wilkiloc.

É a segunda entrada que lle adico a esta anta, que eu considero cando menos de orixe megalítico, neolítico. Na entrada de decembro de 2022 a cualificaba como un curioso exemplar megalítico ubicado nunha área hoxe recreativa á beira do río Xabriña. Efectivamente, é un dubidoso exemplar que nalgunha parte defínese como "monumento funerario megalítico prehistórico", valga a contradición, contradición que intentarei solventar.



Fotografía da web ponteareashistoriaviva.

A súa ubicación-emprazamento atópase no Barrio de San Pedro, moi preto da Capela de San Pedro do século XIII, no lugar coñecido como O Bosque. O conxunto (si se pode caracterizar así) está formado por unha enorme pena de granito apoiada en dous esteos, o que posibilita ese aspecto xeral de "anta". Na parte superior da pedra cobertora foron enfoscadas tres grandes cruces a xeito de calvario e aparece a data de 1700 que debeu ser a da súa colocación. Na base da anta, lixeiramente descentrada, como un apoio mais, aparece  un afroramento natural tamén de granito onde hai unha xeira de gravuras ou petróglifos a saber, tres cazoliñas. Na pedra cobertora ou tampa, á beira das tres cruces aparece, primorosamente labrada, unha pía rectangular dun mais que indubidable uso relixioso.


Fotografía, facebook.

Nalgunhas informacións que fun compilando, por aquí e por alí, afírmase que malia que poidera ter unha orixe "más natural",  tamén poidera ser que algún dos esteos fose empregado para a función de megalito debido ás marcas de apoio: si os esteos foron colocados para tal función,  a colosal pedra cobertora foi tamén colocada sobre eles necesariamente, aínda que pareza unha obviedade. 


Petróglifos, de web ponteareashistoriaviva. 

No que hai consenso é no carácter "sagrado" do conxunto e da paraxe na que se ubica: probablemente, apúntase, aquí se celebrasen rituais e cultos á "nai terra". Tamén se subraia que semella un monumento megalítico sagrado posto que probablemente no pasado aproveitouse o conxunto rochoso para celebrar diversas cerimonias e, mais tarde, outros rituais paganos. A función sería pois tan clara como prístina, como demostran as posteriores cruces colocadas sen dúbida para cristianizar este lugar, solar de atávicos e ancestrais cerimoniais. Conclúese que, sexa ou non sexa unha anta, o que non ofrece dúbida algunha é a súa natureza megalítica.


Pía rectangular na tampa, da web ponteareashistoriaviva.

Para fundamentar estas consideracións xenéricas, considero necesario aportar unha xeira de reflexións que axuden a clarexar estes plantexamentos. En primeiro lugar é importante incidir que durante a implantación do cristianismo na Galicia, un dos maiores obstáculos que tiveron que afrontar os evanxelizadores foi o ancestral culto ás pedras dos galaicos, culto que foi condenado e perseguido con saña durante séculos. Moitas penas sacras foron destruidas e outras cristianizadas nunha época tan tardía como o ano 1700 que é o caso que me ocupa. Como vemos as arraigadas tradicións perduraron, e perduran, sobre todo no mundo rural. As penas, as fontes, as árbores..., seguiron a ser obxecto de veneración malia o triunfo do cristianismo.


Debuxos dos petróglifos, da web ponteareashistoriaviva.

Unha pena é considerada sagrada porque é unha pedra que pertence ao mundo do sagrado, do sobrenatural, polo que necesariamente está vencellada a unha divinidade.  Esta cualidade apórtalle connotacións máxicas e por iso ten propiedades que non teñen nada que ver coa forma racional de explicar o mundo e os fenómenos naturais: é unha teogonía. Esas características sobrenaturais, máxicas, das penas, maniféstanse nos ritos e nos mitos vencellados con ela que son tan importantes como a propia pedra. Así, o nome, o formato e/ou a situación, poden indicar que foi un lugar onde se estaban a celebrar rituais ancestrais, se cadra neolíticos neste caso, xa esquecidos. Por iso as tres cruces e a ermida de San Pedro. Na caracterización e tipoloxía das penas sacras que elaboraron Almagro e considérase que poden ser considerados santuarios de orixe prehistórico aquiles que amosan pías e cazoletas cultuais. Deste xeito as penas sacras como a das tres cruces son elementos arqueolóxicos definidos polas súas características formais e funcionais, son auténticos monumentos do pasado: a testemuña mais antiga dos ritos e relixións coñecidos en Europa.


Fotografía de turismogal.

A Anta das Tres Cruces ou das Pedras pode considerarse que participa na tipoloxía das penas sacras elaborada por Almagro e, en canto ás súas características formais e funcionais, podémola incorpoara ao amplo espectro do corpus das antas galegas, plenamente megalíticas e monumentos parlanchíns dunha cultura esquecida no intre neolítico.

EN SIGRÁS, EN ABRIL AUGAS MIL DE 2026
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!




BIBLIOGRAFÍA E ENLACES


Vicente Feijoo Ares: "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas."  DOI: 10.2436/15.8040.01.116

Martín Almagro-Gorbea, Fernando Alonso Romero: "Peñas Sacras de Galicia". Fundación Monteagudo, Betanzos MMXXII.

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Anta-dolmen+das+tres+cruces+Mondariz

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/areapedras/

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/25956/cruceiro-de-las-piedras-dolmen-das-tres-cruces-?langId=es_ES&tp=10&ctre=55

https://ponteareashistoriaviva.blogspot.com/2013/04/as-tres-cruces-mondariz-balneario.html

https://mapcarta.com/es/W297971249#google_vignette

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/mondariz-balneario-111054902/photo-71536087

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/mondariz-balneario-111054902/photo-71536145

https://omeigodotea.blogspot.com/2018/03/anteriores-as-tres-cruces-mondariz.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/comarcas/mondariz-agua-mas-150-anos-historia/202303221149321245589.html

https://es.wikipedia.org/wiki/Mondariz-Balneario

https://mondarizbalneario.gal/es/planeamiento-urbanistico/

https://www.elespanol.com/quincemil/cultura/historias-de-la-historia/20220313/mondariz-balneario-gallego-capital-mundo/656934530_0.html

https://sendereando.es/2008/02/12/rios-y-montes-de-mondariz/

Publicidad de Mondariz. https://minariasostible.gal

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/mondariz-balneario-cascada-rio-teva-122602462/photo-78493630

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/comarca-do-condado/

http://www.adelaleiro.com/v/3/Cat%C3%A1logo-de-descargas/Temas/Espazos-Naturais/2.aspx

https://gdrterraeauga.gal/wp-content/uploads/2020/11/mapa_02-copia.pdf

https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=5801009

https://gdrterraeauga.gal/wp-content/uploads/2020/11/GU%C3%8DA-definitivo_calidad_web.pdf

https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=5801009&from=0&to=10