PEDRAFITA-MENHIR DO PENEDO
"La guerra no es más que un asesinato en masa, y el asesinato no es progreso."Hoxe atrévome cunhas posibles e mais que probables pedrafitas estudadas e descubertas por Alberte Alonso nas prósperas, máxicas e irreductibles Terras de Pontevedra, neste caso no increíble Concello de Poio.
Para atopalas achego unha captura do google maps onde sitúo a ubicación das pedrafitas, segundo as indicacións de Alberte: semella que o acceso non é moi doado. Atopalas polo tanto vai se unha tarefa dificultosa, árdua e moi improbable.
Pois ben, estou diante de dúas pedrafitas que se atopan ben acompañadas dun penedo natural que está partido en dúas metades, amosando un axexadoiro ou canle no medio e medio, o que lle confire o aspecto dunha pedrafita, malia que neste caso é unha pedrafita natural, un "con" reaprobeitado. Á súa beira, relativamente preto, eríxense dúas pedrafitas coas que forman un conxunto de tres fitos dos que os dous de fronte son auténticas pedrafitas. A pedrafita da esquerda atópase cortada pola metade e a outra, a da dereita, parece conservarse co seu aspecto e estado orixinal.
Para completar o relato, dicir que o conxunto construiuse aproveitando un fito natural: as dúas pedrafitas erixíronse probablemente tendo en conta o penedo do fondo, co seu axexadoiro que confirma (segundo as minuciosas observacións empíricas de Alberte Alonso) o solsticio do inverno polo mencer, pola mañanciña. Si esto é así, estamos diante dun caso único dentro do extenso universo pedrafiteiro galego: unha alternancia de pedrafitas artificiais con pedrafitas naturais, de xeito que se pode considerar o que poderíamos denominar "aforro de tempo e traballo" posto que non hai que erixir outra pedrafita, xa está aí chantada. Sen dúbida trátase de simplificar, de aproveitar o que xa hai para construir algo novo, un auténtico espazo sagrado.
Este conxunto, entre natural e antrópico, atópase no lugar de O Penedo, ao carón do Camiño da Xestosa ou da Costa, nunha pequena chaira onde, segundo as informacións de Alberte Alonso, aparecen numerosos mananciais. Por si esto fose pouco, tamén se atopan moi preto do lindeiro entre as parroquias de San Xoán de Poio e o Divino Salvador de Poio, a uns cento once metros de altitude. Polo tanto podemos comprobar neste caso as auténticas regularidades que se están a cumprir milimétricamente para as pedrafitas galegas: estar moi preto de fontes ou mananciais, ubicarse nun lugar chairo, estás á beira dunha vía de tránsito primitiva...
Podemos contemplar así un complexo intermedio único na Galicia e dicir, unha paraxe sagrada que incorpora aos elementos artificiais un elemento natural. Diante daquilo que Monteagudo consideraba un aprobeitamento, a reutilización dunha pedra natural xa ergueita sin a necesidade de chantar unha nova e o esforzo e traballo que iso implicaría. Converter unha rocha, en definitiva, nunha pedrafita coas súas caraceterísticas esenciais: lugar de culto, elemento fálico vencellado directamente coa fertilidade, observatorio astronómico, marco de termo, estela anunciadora...
De fronte, recapitulando, dúas pedrafitas (regularizadas, ben desbastadas), a unha delas fáltalle a metade, foi partida, esnaquizada; a da dereita conserva todo o seu esplendor orixinal e, ao fondo, o penedo natural, sacralizado como pedrafita, o con, partido en dous, como formando un axexadoiro por onde se confirma o devandito soslticio do inverno. É, como asevera Alberte Alonso, unha auténtica estrutura, un complexo megalítico, talvez un santuario prehistórico.
Esta consideración de complexo, conxunto ou estrutura non só ben avalado pola confirmación do solsticio, senon tamén pola existencia, na superficie superior do penedo, de varias cazoliñas e algunhas pías, así como a devandita fenda lonxitudinal (direción SL-NO) que se aproveita como canle-axexadoiro. Como apostilla Alonso, "...resultante dun observatoriro astronómico, definindo o mobiliario pétreo con medida e situación equidistante e simétricamente, establecendo unha liña de seguimento visual do solsticio do inverno dende a prehistoria."
A xeito de conclusión e resumindo: neste complexo pétreo, obsérvanse, con relación ao sol, tanto as distancias como as posicións equidistantes e simétricas, de xeito que se define un plano de observación astronómica onde o axexadoiro no penedo, e as pedrafitas confirman unha liña de seguimento visual no nomeado solsticio do inverno.
Como salientaba na entrada adicada á Pedrafita Con do Cabalo en Noalla, os criteiros para a inclusión dun penedo, chantado verticalmente, no catálogo das pedrafitas galegas, debe engadir a monumentalidade, a perennidade, a forma fálica, a visibilidade, a función de observatorio astronómico... Todas xuntas confirman o senso máxico-relixioso nunha paraxe sacra, nun santuario e por iso a súa adscrición neolítica.
Só me queda darlle as mais efusivas grazas ao amigo Alberte pola súa disposición a proporcionarme todas as informacións e fotografías que me axudaron decisivamente a perxeñar esta pequena entrada.
EN SIGRÁS, REMATANDO O MES DE OUTUBRO DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
BIBLIOGRAFÍA E ENLACES: IMPRESCINDIBLES
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/
Alonso, Alberte: "O uso das pedrafitas no neolítico galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Ed. SAGA. Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1.
.jpg)