Amosando publicacións coa etiqueta Serra da Faladoira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Serra da Faladoira. Amosar todas as publicacións

venres, 2 de agosto de 2013

ALINEAMENTO MEGALÍTICO NA SERRA DA FALADOIRA?

ALINEAMENTO MEGALÍTICO NA SERRA DA FALADOIRA?


Moi preto do posible menhir da Faladoira aparece un probable Marco de Termo (o lugar coincide cun límite parroquial) cativo, vetusto e achaparrado, pero recio e ben chantado, que moi ben poidera ser outra pedrafita alineada coa gran pedrafita da Faladora, da que xa falei en entrada de xuño de 2012. Tendo en conta  a gran necrópole na que se asentan é moi grande a tentación de consideralas como un aliñamento megalítico. 



Sexa como sexa aí quedan estas imaxes que nos axudan a recrear mundo que xa non é e xentes que xa non están.

Fotografía extraida de: http://www.celtiberia.net

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 21 de marzo de 2013

MÁMOA DO CRISTO DA FALADORA. Ortigueira

MÁMOA DO CRISTO DA FALADORA. 

Atópase moi preto das mámoas 33 e 34 seguindo a numeración que Federico Maciñeira realizou para a catalogación que realizou do Camiño dos Arrieiros, e forma parte da necrópole coñecido co nome de Forno dos Mouros. 

Trátase dunha mámoa de tamaño medio e no centro do funil de violación aséntase unha cruz de pizarra, monolítica, que atinxe os dous metros de altura.




Estamos diante do único cruceiro galego chantado sobre unha mámoa. A cruz atópase, sen dúbida, cristianizando o lugar, cristianizando unha necrópole megalítica que tamén é coñecida co nome de Cruz de Alvar González. Maciñeira mantén a hipótese de que talvez se trate dun dos chantos reaproveitados da cámara megaítica.

Pero, como cruz vencellada ao mítico Camiño dos Arrieiros, tamén se convertiu en fito sinalizador, recoñecible e doadamente visible: unha auténtica guía dos camiñantes.











En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 7 de xuño de 2012

ANTA-DOLMEN DE PENA BRANCA. San Mamede das Grañas do Sor, Mañón.


ANTA-DOLMEN DE PENA BRANCA. 



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


Para chegar. Seguindo pola estrada que leva a Mañón e ao Barqueiro, debemos chegar ao Alto do Monteirón, a poucos qms do Barqueiro, despois de pasar Mañón. Hai que seguir pola estrada da esquerda que leva ao alto da serra e, ao deixar atrás o desvío cara á aldea de Pena Branca, seguiremos subindo ata que, pouco antes de chegar ao abandonado caserío de Morín, hai unha pista de terra á dereita que discorre ata unha basa e un fuste de cruceiro (falta a cruz) ao pé da espectacular formación rochosa de Pena Branca. Desde aí, hai que seguir o carreiro paralelo á devandita formación ata que, despois de camiñar cerca dun qm, chegaremos a necrópole formada por varias mámoas ben sinalizadas. 

Debo dicir que esta descrición para chegar é dos anos noventa; hoxe posiblemente as pistas feitas para a ubicación do parque eólico leven a algún erro.


Fotografía de Federico Maciñeira en Pena Branca.

Aínda que tal como e a vemos non é posible reconstruir a planta  (segundo Maciñeira era hexagonal) non hai razóns para deducir que non fose das do tipo poligonal tendente ao círculo. Tampouco hai vestixios do corredor e conserva cinco esteos dos que só dous parecen permanecer in situ , enfrontados e sen cobertora. 



Fotografía da Pena Blanca no ano 1994, por Ramón Boga.

O esteo máis grande da cámara mide dous metros e vintedous centímetros de altura, un metro e sesenta cms de ancho e 23 cms de grosor. O máis pequeno vai desde o metro e setenta cms de altura, un metro e setenta cms de ancho ata os vinte cms de grosor. As medidas da cámara no senso do eixo maior son de dous metros con cincoenta cms. 



Fotografía da Pena Blanca no ano 1994, por Ramón Boga.

Ao redor da cámara hai espalladas numerosas pedras miúdas que, posiblemente, forman parte da estrutura tumular, atendendo á tipoloxía típica da bisbarra megalítica. 



Fotografía da Pena Blanca no ano 1994, por Ramón Boga.

A Anta de Pena Branca forma parte dunha necrópole de seis mámoas que se atopaban (nos anos noventa do século XX) ben sinalizadas por mor da construción do devandito parque eólico. Unha das mámoas máis cercana contén varios esteos da cámara.

Na zona abondan as lendas sobre as "covas de mouros" e dos "fornos dos mouros". Unha cume próxima chámase "Pena da Moura" e unha penechaira, tamén moi cercana, coñécese polo nome de "Chan do Tesouro".
 


Fotografía da Pena Blanca no ano 1994, por Ramón Boga.

Un veciño vaqueiro dos contornos que parou pacienzuco a departir conmigo, contoume qun conto "verdadeiro": no tempo dos mouros, un deles estableceuse definitivamente  na zona e, aínda hai poucos anos, nun lugar moi pretiño (Caserío de Morín), unha familia tivo unha filla negra, apodíctica conclusión da mistura con nós dos "mouros" que non se foron. Tamén aludiu o meu contertulio ocasional a que a desaparición da cruz do cruceiro, do que só permanece en pé o pequeno fuste, "é un suceso moi misterioso..." Diante da miña insistencia para que me explicase esa aseveración, o paisano optou polo silenzo e a súa expresión denotaba que estaba diante dun auténtico ignorante.

OUTRAS ANTAS-DOLMENES da necrópole de Pena Branca:



Fotografía no ano 1994, por Ramón Boga.



Fotografía no ano 1994, por Ramón Boga.



Fotografía no ano 1994, por Ramón Boga.



Fotografía no ano 1994, por Ramón Boga.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


martes, 5 de xuño de 2012

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. Serra da Faladoira. Ortigueira-Mañón.

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. 

Para chegar. Pola mesma estrada, hoxe en moi boas condicións, que une As Pontes con Ortigueira e Mañón, a anta está a dezaseis quilómetros de As Pontes, no lugar da Panda da Serra. Sitúase á dereita, detrás dunha formación rochosa ben definida e delimitada.

Forma parte dunha necrópole que se asenta á beira do Camiño dos Arrieiros, ruta que funde as súas orixes probablemente na época de construción dos megalitos. Unha vinculación entre monumentos megalíticos e camiños ou rutas prehistóricas ben documentada en toda Galicia. Esta é unha liña de investigación iniciada polo ilustre investigador don Federico Manciñeira. Maciñeira, na súa Carta Arqueolóxica catalogou máis de cen mámoas.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


A tese fundamental de Maciñeira  (en "Bares. Puerto hispánico de la primitiva navegación occidental") é que o Camiño foi feito para buscar saída ao mar e así poder enlazar dierectamente  toda isa bisbarra do interior co avanzado peirao de Bares.

Na Serra Faladoira Maciñeira catalogou 87 mámoas sempre vinculadas ao Camiño, e as modernas prospeccións apenas engadiron algún que outro túmulo. Xa Maciñeira avisaba que posiblemente non descubrira moitos deles  que "pudieran quedar ocultos entre el tupido matorral que recubre el terreno".

Na primeira investigación feita por Maciñeira antes de 1900, tamén recolleu numerosas lendas ao redor destes espectaculares monumentos: conservábanse -conta Maciñeira- tradicións relacionadas con encantos, cos peñascos ou cos nacementos da auga, sendo as lendas máis comúns as da galiña que pon os ovos de ouro ou a dos polos que saen na mañanciña do San Xoán.



Pedrafita de Pena Faladoira. Fotografía de Onnega.

Unha pedrafita sinalada por Barros Silvelo, segundo conta Maciñeira, na demarcación de "Peña Faladoira", talvez sexa o indicado no blog de Onnega, tirado no chan e con moi boa pinta. A pedrafita mencionada por Barros Silvelo e non atopada por Federico Manciñeira, servía de límite entre parroquias dos concellos de As Pontes, Mañón e Ortigueira, e posiblemente a súa situación  previa a necrópole de Forno dos Mouros fixese de fito avisador ou protoestela de sinalización da necrópole. Á espera de poder visitar esta posible pedrafita, nada máis podo dicir dela.



Planta da anda Forno dos Mouros segundo Maciñeira.
Versión de Moncho Boga.

A mámoa na que se insire a colosal anta Forno dos Mouros, mide ao redor de vinte metros de diámetro. Estamos, sen dúbida, diante dun dos dolmens mellores e mellor conservados de toda a bisbarra. Atópase prácticamente completo estando a faltarlle tan só a pedra cobertora.



Fotografía realizada por Ramón Boga. 1993

Corresponte, tipolóxicamente, ao tipo de antas coa cámara poligonal e corredor  pouco desenvolvido. A cámara esta formada por sete esteos e o corrdor por dous. Segundo Maciñeira, pódese deducir que o emprego do número sete estivo a ter moita relevancia en relación ben co sistema construtivo, ben cos ritos relixiosos dos pobos antigos que lle daban moita importancia ao número sete.



Nesta fotografía de Maciñeira podemos ollar o pouco que cambiou o monumento desde os albores do século XX.



Fotografía de 1993, por Ramón Boga.

En canto ás medidas aproximadas, os esteos meirandes da cámara acadan unha altura de entre dous ms e corenta cms e os dous metros e cincoenta cms. Para a súa anchura, non sobrepasan un metro e dez cms. A lonxitude total do monumento, en planta, acada cinco ms con dez cms, repartidos do seguinte xeito: dous ms para a cámara e dous metros e setenta cms para o corredor.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!