PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DE ALDIR I
PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR I"No sé con qué armas se luchará en la Tercera Guerra Mundial, pero sí sé con cuáles lo harán en la Cuarta Guerra Mundial: palos y mazas".
Albert Einstein
Nalgunhas páxinas adicadas a ensalzar estes valores dise que mantén viva a esencia do mundo rural galego así coma un legado histórico de especial relevancia. E é certo.
Na seguinte entrada deste blogue refexionarei sobre outra pedrafita moi pretiño desta e así tentarei completar unha visión de conxunto ao redor deste singular emprazamento.
Como prácticamente todos os actuais concellos galegos, Covelo creouse como tal no ano 1836 e aglutina ou confórmase perante catorce parroquias. A capital municipal, onde está a Casa do Concello, é a parroquia de Santiago de Covelo.
Ao longo da historia, aparte dos interesantes vestixios prehistóricos, o territorio que hoxe abrangue Covelo, estivo suxeito a diversas xurisdicións, pertencentes aos Condes de Amarante, ao Marqués de Sobroso e a distintos mosteiros como os de Melón ou A Franqueira.
A parroquia de Santa Mariña, segundo os estudos de Alberte Reboreda, atópase ou serve de transición estre as terras do Alto Tea ou Val de Tielas e o curso medio deste fermoso e espectacular río. É polo tanto unha terra de tránsito desde sempre e para sempre: sucada por vías e camiños, camiños e vías prehistóricas, roteiros dos mais importantes da antiga provincia de Tui. Destaca o camiño que levaba desde o Peirao de Redondela ata Ribadavia a través da Ponte de Cernadelas e A Caniza. Hoxe en día as vías de comunicación mais importantes son a estrada PO-261 (Mondariz-Maceira) e a N-12 (Vigo-Logroño).
![]() |
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024. |
O Coto de Aldir, onde se ubica a nosa pedrafita, atópase documentado por primeira vez no ano 1151 e Santa Mariña, desde o ano 1198 cando pertencía ao Mosteiro de Melón. Na Idade Moderna aparece adscrita ao Mosteiro de A Franqueira. Aldir, neste senso, foi un auténtico omphalos, embigo, do Couto que se atopa no Outeiro ou Couto de Aldir: na actualidade é todo un xacemento arqueolóxico. O Couto foi así, segundo Reboreda, en orixe un Castro, para logo converterse nunha fortaleza medieval. Aldir non só nomea a ise máxico e lexendario lugar, senón que tamén constitúe un topónimo único.
A posible e probable pedrafita da que hoxe me estou a ocupar, atópase abatida, tirada no chan, entre outras pedras, nunha paraxe chaira do Coto de Aldir, na parroquia de Santa Mariña de Covelo. Foi atopada por Maximino Fernández Sendín: este incansable loitador pola conservación das cousas de antes, rexenta a Casa-museo Etnográfico do Pazo da Cruz, onde se atopa a sé do Centro de Estudos de A Paradanta e O Condado.
Segundo a descrición de Maximino Fernández, estamos diante dun enorme monolito de mais de tres metros de altura que se atopa hoxe en día (ano 2024) tumbado e facendo de peche dunha finca. Nas súas minuciosas pescudas averiguou que a pedrafita (segundo relato do presidente da Comunidade de Montes de Covelo Alex Cendón) foi trasladada no ano 2007 desde un lugar a menos de cen metros cando se estaban a realizar as obras de mellora e ensanchamento da estrada Covelo-Maceira.
A pedrafita do Coto de Aldir amosa forma cadrangular moi redondeada nas esquinas conferíndolle un aspecto cilíndrico a medida que vai chegando á croa: a feitura aé moi basta e é probale que nalgunha das súas caras apareza algunha gravura. Polas fotos de que dispoño non se aprecia cazoliña algunha, pero sí algunhas liñas que talvez sexan prehistóricas, á beira doutras modernas.
A súa situación nunha pequena chaira, preto dun panel de petróglifos e dunha necrópole megalítica a menos de cincoenta metros, un castro (exemplo de recinto de transición entre o Bronce Final e a Idade do Ferro), a presenza dun camiño prehistórico, a existencia dun manancial (Mina de Auga)..., todo iso fala elocuentemente dunha área vista como lugar sagrado desde sempre, como un referente para as xentes de todas as épocas e idades.
![]() |
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026. |
Como acontece en tantas outras pedrafitas galegas, a do Coto de Adir podería funcionar, na súa orixe megalítica, como unha especie de fito anunciador da necrópole megalítica. Tamén, ao estar á beira do Castro do Coto de Adir, podería talvez marcar un cruzamento viario dos posibles camiños que partirían do castro. Só si a pedrafita volta a estar erqueita, poderíamos saber algo mais sobre a súa fasquía, e debuxar un esquema xeral para achegarmonos a un coñecemento pormenorizado ao redor da forma, función, estrutura...
Estamos, como ben mantén o descubridor da pedrafita, diante dun lugar especial, no contorno dun contexto arqueolóxico de relevancia sustancial. Por iso non podemos permanecer impasibles diante dos denodados esforzos deste incansable loitador para voltar a erguer a pedrafita na posición vertical. Non entendemos como nin as autoridades municipais nin os comuneiros son tan reaccios a erixir novamente a pedrafita: podería ser mais doado o seu estudo e converteríase nun elemento espectacular como recurso arqueolóxico visitable. Non debemos esquecernos que o turismo arqueolóxico (e sobre todo o megalítico) ten cada vez mais demanda entre o denominado "turismo cultural". Estou convencido que sería un elemento de primeiro orde que pasaría a engrosar o xa de por sí inxente patrimonio deste recuncho das Terras da Paradanta. Unha mágoa.
![]() |
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026. |
Desde aquí, desde este humilde foro, non podemos mais que animar os esforzos deste incansable loitador pola defensa destes esquecidos e humildes elementos que xalonan por centos a nosa terra.
Coma noutras pedrafitas ggalegas, é interesante a relación directa coa máxica sacralidade dos mananciais e do nacemento dos ríos, acompañadas das fontes: a sacralidade do culto ás fontes está ben documentada en Galicia a saber, son os lugares sacros por antonomasia. Os ríos, as fontes, artellaron tanto os hábitats como as vías de comunicación desde a prehistoria. Por iso a relación directa da nosa pedrafita coa Mina de Auga cercana e a importante vía de comunicación que circula ao seu carón.
![]() |
Posible panel de petróglifos. Foto de Maximino Fernández Sendín, 2026. |
Para case rematar, aí vai unha interpretación hipotética do significado do topónimo "aldir": é probable que teña orixe prerromana de xeito que se fai proceder da raíz "ald-" ou ben "alt-", vencellada a un lugar alto, a unha elevación, a un outeiro..., e dicir, un emprazamento prominente, elevado do terreno, feito que encaixa perfectamente coa configuración orográfica do contorno.
Debo agradecer a mediación do querido amigo Alberte Alonso para conseguir nun prazo de tempo "record" as fotografías que tomou o señor Maximino Fernández e, así mesmo, como non, agradecer a éste o permiso para publicar esas fotografías no presente blogue. Grazas a ambos os dous.
EN SIGRÁS, NAS AUGAS MIL DE 2026.
SAUDE, SORTE E LIBROS!!!
NON Á GUERRA!!!
BIBLIOGRAFÍA E ENLACES
Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.
Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.
http://www.casamuseopazodacruz.com/
https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES
https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/
https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/
https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/
https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html
https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa





.jpg)




