miércoles, 24 de abril de 2013

Anta-dolmen da Mámoa do Monte das Souteiras, Curtis

Anta-dolmen da Mámoa do Monte das Souteiras. Santa María de Fisteus, Curtis

Atópase no lugar de As Souteiras e constitúe un fermoso exemplo de túmulo megalítico, moi ben conservado en apariencia e cuberto cunha mesta capa de matogueira.




Acada, no diámetro ao redor de 24 metros e sobresae en altura uns dous metros e corenta centímetros.

No centro da mámoa ábrese o sempiterno funil de violación e nel conserva os restos do que foi a cámara megalítica cifrados en dous esteos ben alineados e outro mais desprazado na mámoa. Debían formar parte dunha cámara con pranta poligonal.

Coordenadas:
X: 572.606
Y:4.777.009

(Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo amigo Tito Concheiro)


                                                                  

                            
                                                          


Fotografías de Tito Concheiro

Anta-dolmen da Mámoa de San Cristobo 1, Curtis

Anta-dolmen da Mámoa de San Cristobo 1. Santa María de Foxado, Curtis

Estamos diante dos restos dunha anta pertencentes a unha mámoa que tamén se atopa moi esmorecida. Cumple a función de marco de termo entre dúas propiedades.

Cando se formou o pastizal ou pradeira rebaixouse considerablemente o volume da mámoa e tamén se colmatou o funil de violación.

As medidas da mámoa ou estrutura tumular acadan os catorce metros de diámetro e non sobresae mais de oitenta centímetros. Conserva, como dicía antes, restos da estrutura arquitectónica da cámara que se cifran nun esteo fincado no chan (seguramente "in situ") e outro mais extraido durante o desmantelamento ca cámara. Atópase tirado na parte alta da mámoa apoiado no esteo anterior.

Coordenadas:
X: 581.125
Y:4.775.616

Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo arqueólogo Tito Concheiro, a que agradezo a súa desinteresada e presta axuda nestes menesteres.





Fotografías de Tito Concheiro