martes, 27 de mayo de 2014

A única cámara megalítica existente de Santiago de Compostela, en perigo de desaparición

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO, Bando. Santiago de Compostela.

O 13 de decembro de 2012 publiquei a entrada da anta de Zarramacedo en Bando, e a súa fisonomía era  que podedes ver si entrades coa etiqueta "Terra de Santiago".

Dous anos despois, durante a visita dun bo amigo, recibín a noticia do estado actual da Anta de Zarramacedo, situada na parroquia de Bando, pertencente ao concello de Santiago de Compostela.

As fotografías que me chegaron (por cortesía de Alex Negreira e coa intermediación de Ángel Gilberto Martínez Seoane, "Papigil") falan dunha paisaxe desoladora: as pedras que se conservan vense amenazadas aló, no fondo, por un exército de eucaliptos que avanza en perfecta formación, ameazante. Os regos dos futuros exércitos coloniais xa se atopan a carón da anta, sen a máis mínima distancia de seguridade.

Alguén controla estas plantacións?

Santiago de Compostela, o mellor valor histórico-turístico e cultural do pobo galego, olvida outra tumba, unha humilde tumba se cadra, que non recibe visitas, que non deixa cartos. Visitámola catro zumbados que non facemos máis que dar a vara... Pero somos tercos e, polo menos desde aquí, non nos resignamos a perder este probe recurso arqueolóxico, si o comparanos coa formidable tumba da cidade do apóstolo.

A Porta da Mámoa, a quintana dos mortos, o Santiago Peregrino que descansa na súa  furna "dourada", protexido de todas as inclemencias, érguese todopoderoso transmutado no Santiago Matamouros, onde a nosa pequena anta, feita polos máxicos "mouros", habitantes subterránesos da nosa terra, está a perder a sempiterna batalla fronte ao brillo da belicosa relixión triunfadora.

Hoxe, como sempre, estamos cos vencidos; os vencedores están a outro nivel, lonxanos, impertérritos, noutra dimensión... As nosas testemuñas do pasado, as humildes mámoas (con cámara ou sin ela), esmorecen olvidadas no seu sono de milenios: a única cámara megalítica que se conserva no Concello de Santiago desaparecerá  incomprensiblemente para sempre si non se poñen os medios axeitados para salvala. 














Fotografías de Alex Negreira.

Información proporcionada por Ángel Gilberto Martínez Seoane.