Amosando publicacións coa etiqueta Baixo-Miño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Baixo-Miño. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de xaneiro de 2026

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DO PAU. San Pedro de Burgueira, Oia

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DO PAU

"Al cabo de los años he observado que la belleza, como la felicidad, es frecuente. No pasa un día en que no estemos, un instante, en el paraíso". 

Jorge Luis Borges.

 


Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025.

Volto, unha vez mais, nin mais nin menos, ao impresionante macizo montañoso da Serra da Groba, ese colosal bloque de pedra que acada ao redor dos seiscentos metros de altitude, e abrangue desde as norteñas estribacións do Val Miñor ata as terras do Baixo Miño no sul. Linda ademais co territorio do concello de Tomiño (polo leste) e co infinito Mar Océano polo oeste, onde se atopa o Concello de Oia.



Posible tampa da anta Cruz do Pau empregada como soporte dunha marquesiña.
Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

A Anta que me ocupa hoxe atópase no lugar de Torroña, da parroquia de San Pedro de Burgueira petencente ao Concello de Oia. Torroña atópase na saída cara a Baiona, e os restos do que puido ser a tampa  ou pedra cobertora desta anta atópase a uns poucos metros de Restaurante Casa Paco.


Fotografía extraída do blogue megaliticia.blogspot.com

Desde o lugar de Torroña hai que ir en automóbil e, pouco logo, camiñar unha distancia duns 400 metros ata chegar á anta. O acceso non é doado polo que se recomenda encarecidamente dispoñer dun XPS. O estado de conservación deste monumento megalítico non é moi bo.



Fotografía extraída do blogue megaliticia.blogspot.com

Malia que algúns  interpretan que o topónimo "groba" procede da tribo galaica dos "grobios" (que se asentaban desde o Río Lérez até o Río Douro), semella mais probable que o devandito topónimo teña unha orixe xermánica: o significado viría a ser "vagoada", "zanxa", "barranco", "torrenteira"..., referíndose talvez aos numerosos elementos artificiais que probablemente se vencellan coas pegadas da minería antiga, qeu deixou as súas profundas feridas no territorio, e non ás anfrastuosidades orográficas. A anta Cruz do Pau atópase precisamente na penechaira das área mais alta, formando parte dunha necrópole megalítica que se asenta ao norte da cima. A distribución espacial das mámoas que conforman esta necrópole marca unha liña recta de ao redor dun quilómetro.


Fotografía extraída do blogue maisquepetroglifos.blospot.com

A tampa ou pedra cobertora da que falábamos mais enriba foi trasladada e reutilizada como soporte dunha marquesiña do autobús no lugar de Torroña: amosa na súa superficie diversas gravuras das do tipo cazoliñas. 


Fotografía extraída do blogue maisquepetroglifos.blospot.com

A nosa anta, tamén alcumada (supoño que é a mesma) "Túmulo do Areeiro 4", foi saqueada vítima dos afanosos e covizosos buscadores de tesouros, tan destrutores e sen beneficio algún: pódese dicir que o fin nunca xustificou os medios. Malia esta desfeita cómpre subliñar que aínda está a conservar uns cantos esteos da súa estrutura arquitectónica ou cámara megalítica. Deses esteos destaca un dos que forman a cabeceira que amosa, pola súa parte externa (a que estaría tapada pola masa tumular) tres grandes cazoliñas moi ben executadas. Coma noutros moitos casos, é plausible que os motivos tiveron ou ben  que ser realizados antes da  colocación do chanto ou ben o chanto foi un elemento reutilizado: ambas as dúas posibilidades están sobradamente contrastadas noutras antas galegas. Nunha hipotética intervención arqueolóxica poderíase saber si os esteos amosan mais gravuras deste ou doutro tipo, considerando tamén as cazoliñas da tampa reutilizada en Torroña.



Mapcarta.

A mámoa na que se insire a anta é das do tipo medio e apenas sobresae do nivel do chan un metro e medio. Por toda a súa superficie aparecen espalladas unha morea de pedras de tamaño mediano, que deberon formar parte da coiraza. A planta posiblemente sexa das do tipo poligonal.

E, con gañas de voltar a estas inconmensurables terras, conclúo a cativa reseña doutra anta mais nos territorios galaicos do fin do mundo.


En Sigrás, a finais de xaneiro de 2026.

Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES RECOMENDADOS E OBRIGATORIOS

https://www.calameo.com/read/006231724284b66cadcc6

https://megaliticia.blogspot.com/2025/08/Mamoa-da-Cruz-do-Pau.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://masquepetroglifos.blogspot.com/2012/03/


venres, 8 de marzo de 2013

ANTAS-DÓLMENES NECRÓPOLE SERRA DA GROVA. Baixo Miño e Terra de Vigo.

ANTAS-DÓLMENES DUNHA NECRÓPOLE NA SERRA DA GROVA.



A Serra da Grova abranque os concellos de A Guarda, Oia, Gondomar, Tomiño e Baiona. Ás súas cimas mais altas estaban, a finais do século XX, ocupadas por extensas fragas de piñeiros.

Nas altas chairas da Serra da Grova, ao sul da provincia de Pontevedra, atópase esta pequena necrópole megalítica composta de tres mámoas. Non coñezo a súa denominación nin a ubicación exacta; o único que podo facer é sinalar e proporcionar a direción do blogue onde as atopei, para ter unha referencia  que permita empezar a investigar: masquepetroglifos.bogspot.

Pois ben, nistas altas terras chairas emprázanse estas tres mámoas que posúen algún resto significativo da súa estrutura monumental.

A primeira mámoa atópase moi destruida debido á afanosa busca dos sempiternos buscadores de tesouros. Aínda así está a conservar algúns poucos restos dos esteos da cámara megalítica.




Vista xeral e funil de violación da primeira mámoa.


A segunda mámoa atópase mellor conservada e sobresae ao redor dun metro. O mais interesente, segundo as fotografías, é que conserva boa parte da coiraza pétrea á vista, así como algún outro esteo moi removido que formaría parte da súa estrutura arquitectónica.




Vista da coiraza e panorámica da segunda mámoa.


Pero a mámoa mais interesante deste conxunto atópase a uns trescentos metros da primeira, á dereita da estrada que leva de Baiona a Burgueira. Amosa, como as outras dúas, un bo funil de violación aínda que está a conservar varios dos esteos da cámara na súa posición orixinal. Un deles, que posiblemente sexa oda cabeceira, amosa tres cazoliñas moi ben traballadas, alineadas en posición horizontal ao longo do esteo.





Esteos imbricados e detalle das cazoliñas


Outros restos megalíticos noutras zonas da Serra da Grova:


Fotografías de Gustavo Pascual Hermida




ENLACES

Información e fotografías extraidas do bloque masquepetroglifos

https://blog.turismo.gal/natureza-salvaxe-na-serra-da-groba/
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/serragroba/#google_vignette

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO. O Rosal-Baiona

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO

Atópase nun lugar indetermindado das estribacións -polo sul- da Serra da Grova, impoñente macizo montesío do sul da provincia de Pontevedra.

Atopei esta única imaxe na pax. web amigosdelciclismo.com do ano 1998, polo que o único que podo dicir deste posible elemento megalítico é o que se pode deducir a través da fotografía.

Na devandita paxina web infórmase de que se trata dun marco divisorio e que se ubica nun cruzamento. Non especifica si divide parroquias ou concellos nin si está no contexto dunha necrópole megalítica.



Fotografía de Juan M. Villa


Sexa como sexa, trátase dunha gran pedra fincada no chan que mide mais dun metro de altura. A forma é rectangular e parece que está moi ben labrada e incluso pulida. A parte da esquerda é lixeiramente cóncava, e a da dereita é mais crebada e un pouco convexa. Na cima, unha parte é recta e a outra é un curuto que sobresae. Por último, se nos fixamos ben, cara á media altura, semella que hai tres cazoliñas colocadas no senso vertical.



Fotografía de Juan M. Villa


O evocador topónimo "Pedra do Acordo" repítese por ista bisbarra e lévanos á consideración de lugar de encontro, de solución de problemas e agravios..., en definitiva de acordos.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 7 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR "A PEDRA DO ACORDO". Baiona-Oia.

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO.

Na páx. web www.galiciamaxica.eu, atopei unha pequena reseña ou artigo-reflexión ao redor dunha estrutura pétrea tan intrigante como misteriosa. É dificultosa a súa adscrición tanto tipolóxica como crono-cultural. Sen embargo paréceme un elemento de singular importancia no acervo do noso patrimonio etnográfico ou incluso cultural. Aínda que non podo -nin pretendo- a súa adscrición ao meglitismo, si que podo catalogalo como un elemento atípico que, pola contra, participa nas tradición lexendarias e etnográficas propias da nosa terra e vencelladas con elementos megalíticos, a saber, marco de término, lugar de encontro...




Atópase na Serra da Groba, nun outeiro a unha altitude duns trescentos metros e serve de marco de término entre os concellos de Baiona e Oia. O autor do artigo conta que a fronteira entre os dous concellos márcase con pequenos moxóns aínda visibles (moitos deles, ao seu xuizo, marcos reaproveitados máis antigos), en toda a súa lonxitude, excepto neste lugar, onde a liña recta imaxinaria que separa os dous concellos desvíase abruptamente  adentrándose no concello de Oia. Efectivamente, si ata ese lugar a liña era recta, rachase neste lugar e logo segue outra vez rectilínea.




Trátase dunha rara estrutura rectangular feita de pedras moi toscamente talladas que, debido á súa irregularidade, non parecen que fosen a base dunha cabana. Tamén aparecen dúas pedrafitas que non acadan un metro de altura. 

É probable que estas pedrafitas fosen un lugar de reunión onde se xuntaban os parroquianos para chegar a algún tipo de acordo. Tanto en Galicia coma no norte de Portugal, existen emprazamentos con esa denominación pero de distintas características formais.




Parece ser que as "pedras do acordo" eran importantes instalacións de sabiduría popular, unha especie de tribunal formado polos individuos mais vellos do lugar, adicados a solucionar todo tipo de conflitos.

No Monte Aloia ou no Monte Tetón existen enclaves con esta espléndida denominación.



Tanto a información como as fotografía foron extraidas da páx. web www.galiciamaxica.es


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DE MALVAS. Tui

ANTA-DOLMEN DE MALVAS

Atópase na parroquia de Malvas, pertencente ao Concello de Tui. Trátase duns poucos restos arquitectónicos meglaíticos que se atopan no centro dunha mámoa de pequeno tamaño. Nun lugar absolutamente cuberto de eucaliptos, no interior dunha mámoa de pequeno tamaño. E único esteo que se conserva está rodeado de outras moitas pequenas pedras que probablemente formen parte ben da coiraza pétrea, ben dos calzos dos esteos que conformaban a cámara.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 10 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO, DA PICOTA OU DO ABELLÓN. Santa Isabel de Camposancos, A Guarda

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO.

Tamén é coñecida como pedrafita da Picota ou pedra do Abellón. Fai e fixo de marco de termo entre as parroquias de A Guarda e Camposancos. Aínda que hoxe non está no seu lugar orixinal -foi trasladada uns metros- sabemos que á súa beira transitaba o vello Camiño Real, camiño costeiro, camiño do mar... mesmo ao pé do impoñente Castro de Santa Trega. 

O nome da Picota ten que ver co axustizamento de reos, cuxas cabezas quedaban penduradas no marco.

A pedrafita aparece moi erosionada, precisamente debido aos fortes ventos marinos que a acompañan continuamente. Debido a esto case xa non se aprecian as moitas cazoliñas que cubrían a súa faciana. Aínda que antiguamente foi moito máis alta, na actualidade acada máis de dous metros.



Fotografía e información proporcionada por
 Alberte Alonso Fernández




Fotografía de megaliticiablogspot.com


Fotografía de www.paxinasgalegas.es


ENLACES

https://www.paxinasgalegas.es/pedra-do-abellon-642058em.html
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/pedra-do-abellon.html
http://www.xoanarcodavella.com/search?updated-max=2025-03-08T09:12:00-08:00&max-results=7&start=51&by-date=false

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!