domingo, 21 de outubro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE NOSTIÁN. A Coruña

PEDRAFITA-MENHIR DE NOSTIÁN.

Pouco podo dicir desta tan interesante como descoñecida pedrafita, almacenada hoxe en día nas dependencias do Museo Arqueolóxico de San Antón, na Coruña.



Fotografía do ano 2005, de Ramón Boga


Trátase dunha pequena pedra de planta cadrangular coas arestas redondeadas. Na parte de abaixo aínda se pode observar a marca de soterramento no chan.

É unha pedra coas caras moi traballadas e puídas. Nunha delas amosa concavidades que ben poideran ser cazoliñas e hai diversas gravuras rectas, como liñas, que sen dúbida son artificiais.


Fotografía do ano 2005, de Ramón Boga

Sei que foi obxecto dunha pequena actuación arqueolóxica antes do seu traslado da que non existe publicación algunha.

Aínda que hai serias dúbidas sobre a súa adscrición crono-cultural, desde aquí considero que ben poidera ser obxecto dun estudo en detalle.



Fotografía do ano 2005, de Ramón Boga


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 20 de outubro de 2012

CÍRCULO LÍTICO DE LOBEIRA. Vilagarcía de Arousa

CÍRCULO LÍTICO DE LOBEIRA.

Para chegar. Hai dúas opcións básicas: si saímos de Vilagarcía, hai que subir por Cornazo cara ao mirador de Monte Lobeira. Antes de chegar ao mirador, débese xirar á esquerda cara ao mirador de Faro das Lúas. Continúase recto, deixando á dereita o cruzamento que leva ao Mirador. Na primeira curva á esquerda xa se atopa o Círculo. Si saimos de Vilanova hai que subir por András cara ao mirador Monte Lobeira. Andes de chegar ao Mirador do Faro das Lúas, xa se pode ver o Círculo.




Trátase dun Círculo Lítico ben coñecido pola historiografía galega a través, primeiro de Murguía e despois de Obermaier. Non foi ata o ano 2006 que volveu a aparecer, posto que se cría desaparecido. No ano 2010 procedeuse a unha pequena intervención arqueolóxica para determinar tanto a súa naturaleza como a súa adscrición crono-cultural.

Para esta pequena reseña sigo o diario das escavacións publicadas por Beatriz Comendador no seu blog "a pedra do encanto".




A intervención arqueolóxica foi realizada por arqueólogos do CSIC coa colaboración de Beatriz Comendador. O obxectivo da intervención foi minimizar o impacto arqueolóxico obtendo o máximo de información, partindo da base dunha posible relación etre a necrópole megalítica aledaña e o Círculo. Dese xeito, planexáronse dúas sondaxes e, a partir de aí, atopouse o que se determinou como un camiño e ademais certificouse que a estrutura das pedras que forman o Círculo era moi superficial, sen ningún tipo de fosa de cimentación.

A partir destas intervencións, e á espera do traballo de laboratorio, o máis plausible é descartar a súa adscrición prehistórica: efectivamente, considérase que o Círculo é bastante posterior aos túmulos posto que o nivel de ocupación atópase moi por enriba dos da mámoa aledaña.




O Círculo de Lobeira está ubicado nunha chaira onde tamén se asentan tres mámoas orientadas do Leste ao oeste. O Círculo mide ao redor de 18 ms de diámetro e atópase a menos de dous metros dunha das mámoas da necrópole. Compónse de pedras amoreadas de case un metro de ancho e, a cada metro aproximadamente, aparecen fincadas pequenas pedras ou esteos deixando un espazo entre elas cuberto de pedras máis pequenas. Cada esteo amosa a cara plana, máis traballada, cara ao exterior.

Despois das sondaxes arqueolóxicas parece máis que probable, como dicía antes, que o Círculo Lítico de Lobeira adscríbase á época medieval. As similitudes cos círculos líticos de A Mourela en As Pontes de García Rodríguez son evidentes, tanto pola súa proximidade a unha necrópole megalítica como a existencia dun camiño primitivo. A todo iso hai agora que engadir a súa cronoloxía medieval, como xa está probado no caso de A Mourela.




Precisamente esta característica e un dos datos máis interesantes, que vinculos hai entre épocas tan disimilares como o megalitismo e a Idade Media? Est apregunta abre novos camiños e perspectivas para o estudo da sociedade tradicional galega e os seus patróns de ocupamento do territorio. Non cabe a menor dúbida de que as investigacións futuras sobre este tema arroxarán lúcidos e fecundos resultados.

Fotografías extraidas do Blog de Beatriz Comendador apedradoencanto.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 19 de outubro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE PUNTA QUILMA. Illa de Arousa

PEDRAFITA-MENHIR DE PUNTA QUILMA (posible)

Unha noticia no xornal de Galicia, en edición local de Arousa, veu a chamar a miña atención hai uns días. O artigo está firmado por María Santalla con data do 23 de xuño de 2012.

Pouco máis ou menos, resumindo, o artigo ven a contar que na Punta Quilma, lindando co mar e mirando ao Illote do Guidoiro Areoso, hai unha enorme pedra que mide máis de catro metros e que posiblemente sexa unha pedrafita.



Fotografía Martina Miser, La Voz de Galicia 23 de xuño de 2012

Parece ser que esta singular pedra non é un penedo natural dos moitos que salpican as contornas da Illa, senon que semella que foi o resultado da acción humana. Segundo a noticia, os investigadores están a estudar si a pedra é ou non artificial. Quen deu a coñecer a gran pedra foi un biólogo especializado en xeoloxía (Juan Vicente Poza), quen ten serias dúbidas do seu carácter natural; así, este estudoso considera que a pedra amosa unha serie de características que poden responder a un monumento megalítico. 

Entre as diversas consideracións, a situación do enorme esteo foi un dos datos que este home considerou á hora de estimala como unha formación artificial. Efectivamente, a posible pedrafita atópase mirando ao Illote do Guidoiro Areoso e, se consideramos que algún día estivo unido á Illa, esta pedra fincada ben puido servir de fito indicador da necrópole megalítica que aínda hoxe se asenta neste singular illote.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ÍDOLO DE PAREDES. Paredes de Abaixo, Paradela. Lugo

ÍDOLO DE PAREDES.

Trátase dunha peza de granito con forma rectangular que mide 22 centímetros de alto, entre 16 e 22 de ancho e 4 centímetros de grosor. Atópase no Museo de Lugo.



Fotografía: "Galicia no Tempo".
Xunta de Galicia, 1991
.


Estamos diante dunha representación antropomorga gravada esquemáticamente sobre unha placa de pedra moi pouco grosa. A figura configúrase a través de varios trazos lineais que se poden interpretar como unha representación da vestimenta, completado coa insinuación da cara na parte superior. A incisión no centro da parte inferior pode interpretarse como a expresión do seu carácter feminino. Trátase dunha peza única na Península Ibérica.

A súa adscrición crono-cultural amosa dificultades: pódese interpretar como un produto da arte megalítica, posto que se atopou preto dun grupo de mámoas e, tamén, recorda aos ídolos megalíticos como o de Parxubeira. Sen embargo, a amplitude cronolóxica do megalitismo, impide tamén unha adscrición clara.

Por semellanza ou paralelismos formais con outras estelas tanto pintadas como con gravados, tamén se interpreta como asdcrita tanto ao Bronce Inicial como ao Bronce Pleno.


BIBLIOGRAFÍA

BUENO, P., FERNÁNDEZ MIRANDA, M. "El peñato de Vidiago (Llanes, Asturias" Altamira Simposium, Madrid, 451-467.

JORDÁ CERDÁ, F. "Arte de la Edad de Piedra" La Antigüedad I, Historia del Arte Hispánico, I. Madrid, 3-153. 

VÁZQUEZ SEIJAS, M. "Una curiosa placa-ídolo en pedra granítica". Boletin  de la Real Academia Gallega. XXII, 281-283.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ESTELA-PEDRAFITA DE POIO. San Salvador de Poio. Poio.

ESTELA-PEDRAFITA DE POIO.

Trátase dun gran esteo de granito que acada 2,10 metros de alto, 66 centímetros de ancho e 30 centímetros de grosor.

Esta curiosa "estela" facía de tampa dun sartego medieval ubicada no adro da igrexa de San Salvador: a peza apareceu coa parte lisa á vista, a decoración atopábase na cara oculta.

Fotografía: "Galicia no Tempo".
Xunta de Galicia, 1991

Trátase dunha decoración a base de gravuras xeométricas e liñas onduladas. A insinuación antropomorfa así como outros adornos que cubre a pedra, pode vencellar a estela coas representacións dos esteos que conforman moitas cámaras megalíticas do país galego. A decoración é a base de incisións e piqueteados. A figura antropomorfa  debuxa os rasgos  de forma moi esquemática e o corpo configúrase coma un cadrado.



Fotografía de F. J. Torres Goberna.

Debido a que a peza está esnaquizada no extremo superior e no inferior (para adaptala ao sartego) non se pode dilucidar a súa forma xeral, nin determinar se se trata dunha estela-menhir.

Seguramente procede dalgunha das necrópoles megalíticas cercanas e documentadas nos arredores da igrexa.

Hoxe en día pódese contemplar nas dependencias do Museo de Pontevedra. 


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA

-Catálogo da exposición "Galicia no Tempo". Xunta de Galicia, 1991.

-GARCÍA LOMAS, GIMENO et al: "Estela megalítica de la necrópolis medieval de Poio". Actas do IV Coloquio Galaico-Minhoto, Lugo.

-Bueno Ramírez, P. Fábregas Valcarce, R. Barciela Garrido, P. Placas, estatuas, ídolos. Representaciones antropomorfas megalíticas en Galicia. A Carballeira (Pontevedra).

-https://oestrymnio.blogspot.com/2012/01/historia-de-galicia-iii-edad-del-cobre.html

xoves, 18 de outubro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR MARCO CARREIRO. San Clemente de Cesar (Caldas) e San Fiz de Estacas (Cuntis)

PEDRAFITA-MENHIR MARCO CARREIRO OU CHAN DO MARCO.


Trátase dun bloque cilíndrico de grano groso que se vai estreitando cara ao máis alto adoptando un remate cónico moi redondeado. Acada unha altura dun metro e oitenta centímetros e, na base, un perímetro de oitenta centímetros.



Fotografía: O Megalitismo en Cuntis
 Francisco Ameixeiras Sánchez, Olimpio Arca Caldas. 
Tapa, 29

Atópase no antigo Camiño Real (hoxe un cortalumes) e, segundo a tradición, tratábase dunha "pedra legua". Facía, como dicía antes, de moxón demarcatorio entre as parroquias de Estacas (Cuntis) e Santo André de César (Caldas de Reis).

Na superficie, perfectamente puída, aparecen diversos gravados modernos debido ao seu continuado uso como marco de termo, pero tamén aparecen varias cazoliñas que seguramente permiten a súa adscrición crono-cultural á prehistoria. Desde aquí apostamos pola adscrición á época megalítica.

Foi unha pedrafita continuamente utilizada ao longo do tempo con diversas funcións. Segundo Alberte Alonso, exerceu as seguintes funcións e/ou tarefas: máxico-relixiosas como pedrafita fálica e polo tanto un culto á fertilidade; como medida de lonxitude (marco da Legua) no Camiño Real a Compostela; como fito de división e delimitación entre montes; e como límite administrativo e territorial entre parroquias e concellos.

Efectivamente, xunto con diversas mámoas, a pedrafita do Marco Carreiro segue a marcar hoxe en día os límites administrativos entre concellos e parroquias.



Fotografía: O Megalitismo en Cuntis 
Francisco Ameixeiras Sánchez, Olimpio Arca Calda. Tapa, 29 



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA

PASADO E FUTURO DE CASTROLANDÍN (CUNTIS):
UNHA PROPOSTA DE RECUPERACIÓN E REVALORIZACIÓN
Xurxo M. Ayán Vila (Coord.) TAPA 29. Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento
Consejo Superior de Investigaciones Científicas - Xunta de Galicia

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
 

ESTATUA-MENHIR CABEZA DE SAN PEDRO. San Mamede de Amil e San Pedro de Rebón, Moraña.

ESTATUA-MENHIR CABEZA DE SAN PEDRO.

Esta curiosa e rara peza ubícase no límite das parroquias pertencentes ao Concello de Moraña, San Mamede de Amil e San Pedro de Rebón. Foi descuberta no ano 1962 polo profesor Carlos Paratcha.



Foto Fran, Panoramio.


As hipóteses cronolóxico-culturais van desde a adscrición ao Megalitismo, pasando pola Idade do Bronce ata chegar á 2ª Idade do Ferro. 

Acada aproximadamente un metro de altura e atópase na ladeira dun monte a 300 metros de altitude.



Foto mikelmorana, panoramio
.

A nota distintiva desta rara avis consiste en que esculpiuse unha cabeza humana nunha alteración ou protuberancia natural da pedra: trátase dunha cabeza moi tosca na que se perciben claramente os ollos, a nariz e a boca. Debaixo da cabeza hai gravada unha cruz, o que pode denotar tanto a cristianización do monumento como ser a marca propia dun marco de termo, feito moi común na Idade Media.


 
Foto J Jorge Cr, panoramio

O estado de conservación non é moi bo e atópase hoxe en día no medio dun cortalumes habendo ao seu redor unha gabia moi profunda.

Aínda que a súa posición semella non cumprir moitas das constantes das pedrafitas galegas, hai que dicir que a chaira na que se atopa permite unha boa visibilidade o que tamén permite deducir unha posible finalidade como marco de referencia, como distintivo anunciador.



Foto magago, patrimoniogalego.net

Segundo algúns investigadores, a datación desta pedra antropomorfa pódese fixar na 2ª Idade do Ferro (s. IV a C.) e sería unha divinidade protectora, semellante ás chamadas "cabezas cortadas" de tradición céltica.

Por último uha consideración, unha hipótese saída da análise de Alberte Alonso que debe ser tida en conta, a saber: 

"Tipoloxicamente, o ben considerouse Estatua-pedrafita, o estudio e comprobacións sobre os trazos, fisionomía e tipoloxía semellante que o autor realiza, denotan a hipótese, sobre o probable emprego como pedrafita fálica, fecundante modalidade Cabalar, o uso efectivo debemos entendelo como acción-rito solicitante, unha demanda aos espíritos, o nume do alén, onde a muller que desexa enxendrar, refrega a súa vaxina sobre a croa redonda da pedra..."


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

patrimoniogalego.net
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html