venres, 22 de xuño de 2012

ANTAS-DÓLMENES DE SAN CIBRAO. Santiago de Pardavedra, A Bola.

ANTAS-DOLMENES DE SAN CIBRAO. 

Para chegar. Podemos sair da histórica vila de Allariz e tomar dirección a Celanova. aos oito quilómetros hai un desvío á esquerda no que se sinala o Alto de San Cibrao e o centro reemisor da TV. A pesar das moitas encrucilladas, en cada unha está sinalada a dirección a seguir. As antas están na cume, onde se celebra unha romaría na honra de San Cibrao. Despois de percorrer aproximadamente tres quilómetros por unha estrada de monte e ferradura en moi malas condicións.

Son dúas antas que forman parte dunha necrópole de varios túmulos, segundo Vázquez Núñez, e están ubicadas a unha altitude de 915 ms.



Fotografia do ano 1994 da anta nº1. 
Ramón Boga Moscoso

A primeira anta desta necrópole atópase inserida nunha mámoa aínda visible, de boas proporcións. A estrutura arquitectónica amosa unha cámara con planta poligonal sen restos visibles do corredor, composta por oito esteos dos que o meirande acada un metro e oitenta centímetros de altura, un metro e vinte centímetros para o ancho e quince centímetros de media para o grosor. 

A cámara mide ao redor de dous metros por dous metros e medio nos seus diámetros máis longos.

A segunda anta acóchase nunha mámoa que non está en moi boas condicións, si ben pódese adscribir ás do tipo de tamaño medio. 

A cámara da anta adscríbese ás do tipo de planta poligonal tendente ao círculo con dous esteso que probablemente pentenzan ao correrdor, que está moi pouco desenvolvido. Conserva oito esteos que de buxan a cámara. O maior deles acada un metro e sesenta centímetros de grosor. As medidas da cámara nos eixos maior e menor son as seguintes: dous metros e trinta centímetros no eixo pequeno e dous metros e cincuenta centímetros no grande. Non hai restos das pedras cobertoras.


 
Fotografía da anta nº 2 do ano 1994.
Ramón Boga Moscoso

As dúas antas atópanse semiolvidadas e cubertas da típica vexetación de monte baixo, a saber, toxos, uces, arbustos, fentos, silvas, xestas, etc, que non fan máis que afondar na súa progresiva ruína. Recentemente atopáronse posibles restos de pintura.



Gran esteo con gravados nas proximidades. Probablemente sexa o resto da estrutura arquitectónica dunha das mámoas que formaban parte da necrópole.



Ao fondo a ermida de San Cibrao e, en primeiro plano, unha gran pedra que seguramente formou parte da estrutura megalítica doutra das antas da necrópole.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 21 de xuño de 2012

ANTA-DOLMEN A CASIÑA DA MOURA. Santa María de Armenteira, Meis.

ANTA-DOLMEN A CASIÑA DA MOURA.

Para chegar. Saíndo do Mosteiro de Armenteira, hai que coller a estrada que leva ao Monte Castrove. A poucos quilómetros podemos ver a anta á esquerda da estrada.



Fotografía da Casiña da Moura no ano 1993.
Foto de Ramón Boga Moscoso

Cando visitei esta anta por primeira vez, aló nos primeiros anos da década de 1990, estaba absolutamente (mámoa e anta) cuberta de vexetación moi espesa de acacias. No ano 2010 unha agradable sorpresa culminou a miña visita: a anta estaba absolutamente visible así como a mámoa que a contén.


 
A Casiña da Moura no ano 2007.
Foto de Ramón Boga Moscoso

Trátase dunha anta de cámara poligonal con un esteo no corredor corto que está orientado ao leste. Conserva oito esteos dos que sete pertencen á cámara e un ao corredor.

O esteo máis grande da cámara acada un metro e vintecatro centímetros de alto por noventa e tres centímetros de ancho. O único esteo da parte sur mide un metro e cincuentea e sete centímetros de ancho por noventa e oito de alto. 

Atópase inserida nunha mámoa moi esnaquizada pero da que aínda se pode ollar a súa forma e proporcións. Recentemente atopáronse restos de gravados.

Un pouco antes de chgar a esta anta, por un desvío á esquerda, atópase sinalado o petroglifo "A Pedra do Cribo", que está ben sinalizado.




Anta A Casiña da Moura no ano 2007.
Fotos de Ramón Boga Moscoso.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


mércores, 20 de xuño de 2012

ANTAS-DÓLMENES DA PENÍNSULA DO MORRAZO. Mámoa do Rei, Chan de Castiñeiras(2, 3, 4 e 5), Anta de Pedralonga, Antas Chan de Armada 1 e 2, Anta Chan de Arquiña.

ÍNDICE

1.-ANTA-DOLMEN MÁMOA DO REI
2.-ANTA-DOLMEN DO CHAN DE CASTIÑEIRAS Nº 2
3.-ANTA-DOLMEN DO CHAN DE CASTIÑEIRAS Nº 3
4.-ANTA-DOLMEN DO CHAN DE CASTIÑEIRAS Nº 4
5.-ANTA-DOLMEN DO CHAN DE CASTIÑEIRAS Nº 5
6.-ANTA-DOLMEN DE PEDRALONGA
7.-ANTA-DOLMEN DE CHAN DE ARMADA Nº 1
8.-ANTA-DOLMEN DE CHAN DE ARMADA Nº 2
9.-ANTA-DOLMEN DE CHAN DE ARQUIÑA


ANTA-DOLMEN A MÁMOA DO REI. Vilaboa

A Anta Mámoa do Rei forma parte dunha necrópole composta por unhas nove mámoas. A primeira vez que visitei o lugar, a Anta estaba nun lamentable estaco de conservación. Desde a estrada apreciábase fácilmente unha gran mámoa cuberta de toxo e silvas. Só se apreciaban, no medio dun gran funil de violación, catro esteos dos cales nun aínda se podía ver as gravuras ondeadas e o cruciforme. O corredor parecía corto e orientado ao leste. Tampouco se apreciaban restos da pedra cobertora e sí unha forte inclinación dos esteos cara ao interior.



Esteo con ondulados e cruciforme no ano 1994.
Foto de Ramón Boga Moscoso.


A mámoa fora xa explorada e obxecto de diversas prospeccións arqueolóxicas na década de 1950 realizadas por Ramón Sobrino Lorenzo.Ruza   que exhumara varias puntas de frecha, unha bola de granito, un microlito e un disco de pizarra. A mámoa e a súa anta, a partir desas datas, permaneceron nun estado de abandono total ata que, no verán do ano 2001, os arqueólogos Castro Carrera e Vázquez Collazo acometeron unha campaña de escavacións  e restauración ao meu xuizo, modélicas. Así, reconstruiuse a anta, uniuse a pedra cobertora que estaba partida en dúas metades e tornouse ao seu lugar orixinal, etc.



A Anta Mámoa do Rei despois da súa
 escavación e restauración. Foto Tomos.


A mámoa na que se insire a cámara acada uns 25 ms de diámetro e dous ms de altura conformándose cun anel peristalítico perimetral e unha coiraza pétrea que recubría en orixen toda a superficie. 



A Anta Mámoa do Rei no ano 2010.
Foto de Ramón Boga Moscoso


Tipolóxicamente a anta é das do tipo poligonal con corredor desenvolvido, e está composta  por catorce esteos que soportan catro pedras cobertoras.

A loxitude total da cámara é duns tres metros de diámetro. O corredor, que está orientado ao leste, acada unha lonxitude duns tres metros. Está cuberto por tres pedras cobertoras. Un dos esteos da cámara atópase gravado con liñas onduladas e unha figura cruciforme, como viamos máis arriba. Tamén conserva restos de pintura.





Fotos de Ramón Boga Moscoso



ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CHAN DE CASTIÑEIRAS nº 2, Vilaboa.

Atópase moi cerquiña da mámoa do Rei (a uns sesetna metros ao notre) e polo tanto forma parte da necrópole megalítica do Chan de Castiñeiras.




Trátase dunha mámoa moi achanzada que non sobresae máis de cincuenta centímetros. No medio da mámoa aparece unha cista megalítica construida con esteos moi grandes de granito. A planta é trapezoidal e as dimensións son duns dous metros de lonxitude e un metro e vinte centímetros aproximadamente de anchura. Como na Mámoa do Rei, esta cista foi restaurada polos mesmos arqueólogos.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CHAN DE CASTIÑEIRAS nº 3, Vilaboa.

Trátase dunha mámoa que mide máis de quince ms de diámetro e a súa altura aproximada é dun metros. Aínda que se realizaron algunha prospeccións antigas, as afeccións máis importantes proceden das violacións sistemáticas dos buscadores de tesouros. No centro da mámoa hai un gran funil de violación onde aparece só un esteo que seguramente formaba parte da estrutura arquitectónica. Diversos esteos polos arredores poden formar parte da coiraza ou mesmo da cámara.



Fotografía do ano 2010. Foto de Ramón Boga


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CHAN DE CASTIÑEIRAS nº 4. Vilaboa, Pontevedra.

Trátase dunha mámoa que foi escavada clandestinamente en repetidas ocasións, de xeito que a cámara quedou en bastante mal estado.

Por iso foi restaurada hai uns poucos anos restituíndo a súa imaxe orixinal. A planta corresponde ás do tipo poligonal sen corredor,  pero alargada. Mide de longo uns dous metros e de ancho aproximadamente un metro. Consérvanse oito esteos da cámara e fáltalle a pedra cobertora.





Fotografías do ano 2010, por Ramón Boga.



ANTA-DOLMEN DA MÁMOA  nº 5 do Chan de Castiñeiras. Vilaboa.

Conserva restos de tres esteos ao redor do funil de violación que están enriba dunha mámoa case circular que mide cerca de 19 ms no eixo leste-oeste e 13 ms no eixo N-S. Sobresae uns cincuenta cms de xeito que parece que foi  moi rebaixada, posiblemente debido ás actividades forestais. Como dícía, no funil de violacón conserva tres esteos fóra do seu sitio. Hai tamén algunhas pedras máis cativas que seguramente formaban parte da coiraza.



Fotografía do ano 2010, Ramón Boga Moscoso.



ANTA-DOLMEN DE PEDRALONGA ou de Castiñeiras, Marín.

Atópase preto da Lagoa de Castiñeiras pegada á estrada que vai desde a Lagoa ata o lugar de Cadro.



Fotografía do ano 2009.

Quedou lamentablemente afectada pola construción da estrada de Cadro a Castiñeiras, a pesar de ser unha anta moi coñecida na bibliografía galega sobre o tema, sobre todo polas escavacións que realizou Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza na década de 1950.



Fotografía do ano 2009.

Da mámoa na que se insire a anta, só se está a conservar a metade, posto que o resto foi destruído pola construción da devandita estrada que tamén causou graves estragos na cámara ao deixar fóra do seu lugar a uns cantos esteos da estrutura arquitectónica. Antes dete lamentable suceso, as dimensións da mámoa acadaban os 15 ms de diámetro e sobresaía pouco máis de metro e medio. 



Fotografía do ano 2010

A cámara conserva dez ortostatos  que acadan máis dun metro de altura. Tipolóxicamente describe planta poligonal e corredor que se orienta cara ao leste. Acada os dous metros e medio de lonxitude.



Fotografía do ano 2010

Unha das notas máis salientables desta anta é a pervivencia nalgún dos seus esteos de pinturas e de gravados. Éstes son maiormente liñas ondulades e figuras antropomorfas moi esquemáticas. 


ANTA-DOLMEN DO CHAN DE ARMADA nº 1, Marín.

Para chegar. Desde a Lagoa de Castiñeiras tomaremos a estrada que leva a Domaio. Aos oito quilómetros hai que coller o camiño que segue á esquerda. A anta está a uns cincuenta metros. 



Fotografía realizada no ano 1993 por Ramón Boga


Trátase dunha anta que ata hai uns anos estaba á beira dunha pista forestal que non facía máis que estragala pouco a pouco. Precisamente, o transo de maquinaria pesada fixo que a estrutura arquitectónica e tumular se v ise seriamente danada. A partir daí decidiuse a súa escavación e a posterior restauración.



O autor na Anta Chan de Armada no ano 1993


Anteriormente a anta xa fora obxecto dunha reconstrución na que se lle colocara unha pedra cobertora, de xeito que non se sabe si aquila era a súa posición orixinal. 

A mámoa conserva uns dez metros de diámetro e a estrutura arquitectónica da anta que conserva no interior corresponde ás de tipo poligonal con corredor orientado ao leste ben delimitado con tres esteos a cada lado. A cámara acada  uns  dous metros de diámetro e  o corredor os dous metros e medio. A pedra que fixo de cobertora durante anos atópase colocada a un lado e, como dicíamos, non se sabe si era a orixinal.





Fotografías realizadas por
 Ramón Boga Moscoso no verán de 2009.

A maior parte dos esteos están imbricados entre sí amosando unha lixeira inclinación cara ao interior, o que provoca unha forte presión que se soluciona cunhas cuñas de pedra.

Na escavación realizada na década de 1950 o enxoval exhumado consistíu en varias puntas de flecha, coitelos, machados, bolas de granito e anacos de cerámica. Recentemente atopáronse restos de pintura e tamén hai restos de gravados.

 





 
Fotografías realizadas por
 Ramón Boga no verán de  2009.


ANTA-DOLMEN DO CHAN DE ARMADA nº 2, Marín.

Na outra beira da estrada sitúase esta mámoa que mide uns quince metros para o diámetro e sobresae case un metro. 

No centro da mámoa aparecen os restos dunha anta da que só se están a conservar cinco esteos en moi mal estado de conservación. Está anta tamén foi escavada na década de 1950 por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. 


 
Fotografía do ano 1991, por Ramón Boga.


ANTA-DOLMEN DO CHAN DE ARQUIÑA. Moaña.

Para chegar. Partindo da encrucillada que quedou aos oito quilómetros, seguiremos ata o desvío pola esquerda cara a Domaio. Tomando isa dirección, a anta está nunha área recreativa repoboada de carballos. A pouco menos de trinta metros está á dereita da pista.



Versión da planta segundo Ramón Boga

Trátase dun fermoso exemplar de anta megalítica que se adscribe ao conxunto do tiop de cámara poligonal e corredor incipiente, que se estreita pouco a pouco na medida en que se alexa da cámara. Conserva dezaseis esteos dos que once forman parte da cámara e cinco do corredor. A pedra cobertora principal mide dous metros. As pedras cobertoras secundarias son catro e están sobre o corredor, atopándose montadas unhas sobre as outras. 




Fotografías de Ramón Boga

A lonxitude total chega aos cinco metros e vinte centímetros, sendo o ancho da cámara de tres metros e corenta e cinco centímetros. A altura é de dous metros e vinte centímetros.  Todos os esteos están imbricados e e amosan unha apreciable inclinación cara ao interior.

No enxoval destacan algúns machados, un microlito, un anaco de sílex e cerámica campaniforme. Recentemente atopáronse restos de pintura.

 







Fotografías realizadas no verán de 2009
por Ramón Boga Moscoso.



 
Debuxo de Ramón Boga Moscoso


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 17 de xuño de 2012

ANTAS-DOLMENES DE SANTO TOMÉ. O Valadouro.


ANTA-DOLMEN DE SANTO TOMÉ, O Valadouro.


Anta-dolmen de Santo Tomé.
Debuxo de Ramón Boga, 1993.


Para chegar. Desde Ferreira do Valadouro, capital municipal, debemos preguntar por Santo Tomé-Rapa das Bestas, lugar ao que se chega sen ningún problema, logo de pasar o Vía Crucis e a Igrexa de Santo Tomé de Recaré. É unha subida con fortes pendentes pola que chegaremos ata unha cancela de ferro. No interior celébrase a rapa das bestas en agosto. Unha vez aquí, hai que seguir subindo e, a uns cen metros á dereita, veremos un cercado de arame fóra do recinto da rapa, que está repoboado de eucaliptos. A menos de 30 ms, no interor dese cercado, atópase a anta.



Planta da Anta de Santo Tomé,
segundo Fidel Méndez.

A mámoa na que se insire o túmulo está composta por moitas pedras que cubren a superficie. Estas pedras parecen formar parte do primeiro nivel da coiraza, que iría seguido dun segundo nivel de terra de cor marrón.  As medidas, de NO-S acadan os 25 ms e no eixo SO-NL os 8 ms.




O alzado pérdese cara ao NL e N baixo unha frondosa capa de vexetación de monte baixo. Un valo de pedras construiuse empregando pedras da devandita coiraza. A mámoa presenta signos de ter sido transitada por maquinaria agrícula, provocando perdas de masa tumular cara ao SSL. A violacíon reduciuse á práctica dun acceso á camara, sen sobreescavar as lousas polo exterior.




A anta estaría totalmente cuberta pola masa tumular antes da súa violación. Trátase dunha cámara de pequenas dimensións das do tipo "cista megalítica" con forma rectangular. Catro esteos son os que dan forma á cámara que está selada por unha gran pedra cobertora. Constátase a existencia dun correor, do que só se conserva o lado esquerdo.  Os meirandes esteos da cámara non sobresaen máis dun metro e cincuenta cms. 



Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 1993.


Esta anta colécese tamén como anta do Chan do Padorno ou Mámoa do Curro e incluso O Caselo do Couso, por que está situada no Cortello do Couso. 

Din os paisano da zona que en "Santomé contaban que os mouros tiñan un encanto e un escano de pedra. O lugar onde está a cámara tamén se coñece, por si fora pouco, coma "A Torez". Recentemente atopáronse restos de pintura.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso



CÍRCULO LÍTICO DE PRADO DAS CHANTAS.

Atópase nunha chaira ben delimitada por esteos que teñen unha distancia de separación de 25 cms. Polo que ollamos ao pé do xacemento así como na ortofoto, a tipoloxía do peche non é continua senón que presenta sectores ben diferenciados. No lado N e L amosa ocos que semellan accesos. Na parte O presenta restos dunha estrutura cadrangular pétera de 9x10 ms aproximadamente. Tanto pola súa forma en planta como pola topografía do terreo, parece que en orixe este círculo posuía forma oval orientada L-O e que posteriormente foi ampliada cara ao sur. A súa cronoloxía é dificil de precisar, pero non sería extrano que a construción orixinal fose prehistórica posto que algúns dos esteos do sector NO e N aparecen traballadas de xeito semellante aos esteos das cámaras megalíticas. A ampliación podería ser moderna ou contemporánea.






Fotografías de Fidel Méndez e Moncho Boga, 2008.



MÁMOAS E ALIÑAMENTO DO CHAN DO PADORNO

Na mesma chaira na que se atopan estas dúas mámoas, que presentan cono de violación e algún resto de esteos que poden ser da estrutura arquitectónica ou da coiraza pétrea, aparece un perfecto aliñamento de pedras que non sobresaen máis de medio metro de altura. A súa situación á beira da necrópole fai pensar nunha estrutura prehistórica, peron non podemos precisar si o é ou non. Simplemente quero deixar constancia aquí da súa existencia.



O aliñamento coa mámoa ao fondo á esquerda. 2008.



Dúas fotografías do
posible aliñamento. 2008.
  

OUTRAS COUSAS DOS CHANS DO PADORNO

CÍRCULO LÍTICO DAS PEDRAGOSAS

Para chegar. Chégase por unha pista que sube ao Chao do Lamoso, entre as parroquias do Cadramón e Frexulfe. Descuberta en 2004 por Xesús Pisón.

Este curioso elemento foime amosado por Xesús Pisón, un apaixoado e xa experto coñecedor dos xacementos prehistóricos do Valadouro. Pisón envioume un correo cunha foto espectacular  e rara dentro do contexto megalítico de Galicia. Solicitábame a miña opinión sobre a súa adscrición crono-cultura. 

Contábame que desde que descubrira esa extraña estrutura, amosoulla a José María Bello, a Manuel Lestón a a outros arqueólogos. As opinións foron dispares e a estrutura foi catalogada como unha mámoa.  A xuizo de Pisón, presenta unhas características que non encaixan  nas características tipo dunha mámoa, consideración coa que estou completamente de acordo. Describiáa así, pouco máis ou menos: dous círculos concéntricos feitos con seixos amoreados, algún de maior tamaño fincado no chan. O círculo maior está pechado e ten de diámatros 9,3 ms no eixo N-S e 9,5 no eixo L-O. O círculo mento acada  3,8 ms no eixo N-S e 4,2 no eixo L-O e presenta unha abertura oirentada cara ao leste na que se aprecina deitadas dúas pedras rectangulares de 60 cms aproximadamente de lonxitude. No centro xeométrico do círculo hai unha pedra plana de 115 cms de lonxitude, 78 cm de ancho e uns 20 cms de esperor. 

Para mín que se trata dun círculo de pedra prehistórico. Podería ser o esqueleto dunha mámoa: os círculos de pedras poderían ser os aneis perimetrais dunha mámoa. Si esto fose así, a erosión nesta zona tivo que ser tremenda, non quedando pegada ningunha da mámoa na que se inserían os aneis. Sinalar que a estrutura máis semellante que atopei en Galicia atápase no illote do Guidoiro Areoso, concello da Illa de Arousa, que se amosa tamén neste blogg.



Círculo lítico das Pedragosas.
Fotografía de Xesús Pisón.




ANTA-DOLMEN  ARCA DE SINÁS, O Cadramón.



Está emprazada á beira do Camiño Vello a San Andrés de Teixido. Como tantas outras necrópoles galegas, sempre vencelladas a rotas prehistóricas.

Son dúas mámoas das que a que aquí vemos conserva a posible pedra cobertora apoiada nos esteos da cámara megalítica. Espalladas por enriba da mámoa, unha gran morea de pedras miudas. Como se pode observar na fotografía, amosa planta cadrangular composta por tres esteos. Podemos dicir que, tipolóxicamente, adscríbese ao tipo de monumentos denominados "cistas megalíticas".


Planta da Arca de Sinás a partir de Villaamil. Versión de Ramón Boga.




OUTROS ELEMENTOS NON COMPROBADOS NIN VISITADOS.  Tamén son de problemática adscrición. Curiosidades do Padorno.


O PAU DA VELLA.

Atópase na Serra do Buio, sinalando o límite entre os concellos de Viveiro, Xove, Cervo e O Valadouro. 

Trátase dunha cruz exenta de feitura moi tosca, elaborada nunha soa peza case plana e cos brazos apenas esbozados. Semella unha cruz grega. 

Esta cruz ou estela antropomorfa xa foi publicada por Castelao (1959) e é moi semellante a algunhas estelas descubertas no interior dalgunhas antas. Si Pau da Vella é sinónimo de "Fuso da Bruxa" ou "Fuso da Moura", é probable que se trate dun elemento prehistórico tipo pedrafita, posto que estes topónimos designan en Galicia a estes elementos megalíticos (Pisón).

Acada unha altura dun metro e cinco centímetros; o largo dos brazos é de sesenta e cinco cms e o largo no corpo é de trinta e cinco cms. Está feita de granito e ubícase a 705 ms sobre o nivel do mar.

Xesús Pisón reproduce unha lenda que se repite en moitos currunchos de Galicia: "Algún tempo os curas do Valadouro, de Cervo, de Viveiro e de Xove ían unha vez no  ano ao Pau da Vella  e xantaban sentados en roda arreodor da cruz". Eu engado, cada un na súa parroquia.






CÍRCULO LÍTICO DO PRADO DO XESTO

Información de Xesús Pisón: Sitúase so pé da cabeceira da Fraga das Leiras que delimita as parroquias de Frexulfe e O Cadramón, no territorio natural desta última. O período cronolóxico é impreciso e non se pode determinar.

Trátase dun círculo de pedras de forma ovoidal, pechado con plantas e arames. Actualmente funciona como cercado para o gando.

Parece que se pode ver desde a estrada que sobe ao respaldo dos Penidos, douscentos ms antes do rampla que leva ao Penido Vello; tamén desde a  pista do Chao de Lamoso.



Foto de Manolo Camba.


Esta é a única fotografía que puiden conseguir do Prado do Xesto: apréciase perfectamente a súa forma oval.


PEDRAFITA-MENHIR DE A  VEIGA MOL.

Trátase, segundo a fotografía, dun gran bloque de granito con forma cadrangular tendendo ao círculo, do que descoñecemos case todo: as medidas, se ten algún tipo de gravado, etc. Sen embargo, pola feitura que se aprecia na probe fotografía de que dispoñemos, case con toda seguridade podemos afirmar que se trata dunha peza traballada polas mans do home.




Fotografías de Manolo Camba.


PEDRAFITA-MENHIR DE A ESQUEIRA.

Está ubicada á beira do Camiño Vello do Mosteiro. O mesmo que para case todos estes elementos, non temos case ningún elemento para a análise desta pedra situada á beira do camiño.


Fotografía de Manolo Camba.



GRAN PEDRAFITA-MENHIR.

Prado, Altitude  671 ms.

Atópase  "no centro dunha pista circular eólica á beira da estrada". Parece que mide 10 ms de longo e está partida pola base.  



Fotografía de Manolo Camba.



PEDRAFITA-MENHIR DA SERPE.

Atópase a 510 ms de altitude. Está á beira do "Camiño Real cara ao Grande Asentamento".

"Podería tratarse do marco de “situación” do Grande Asentamento. Fica a 15 ms da ponte. Amosa por unha das súas caras dous trazos (L-O)".



Fotografías de Manolo Camba.



PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS PARAÑOAS.

Sen ninguha outra información.



Fotografías de Manolo Camba.



ASENTAMENTO.




Fotografías de Manolo Camba.


Manolo Camba: "Este asentamento poderíamolo clasificar como de privilexiado, pois a súa situación fica nun dos descansos da Veiga Mol, a un paso da forte aba do Lombo da Camposa, dominando toda a extensa área da Chaira. Nestas dúas fotos ollamos a súa parte traseira, con estas penas chantadas xunto cós montículos de terra que fican na súa beira. As fortes penas que forman o asentamento forman uns acougos, no que atopamos unhas cazoletas de bo tamaño. Na súa bisbarra, os grupos pétreos fican un pouco alonxados desta construción".



PEDRAFITA-MENHIR CADRANGULAR.


Lateral esquerdo


Lateral dereito



Burato con surco na zona superior

Gran pedrafita moi cercana ao círculo lítico. Segundo Manolo Camba, "Aínda que podería ser un dos esteos dunha anta, a súa posición e orientación podería ter unha lectura distinta". O amigo Manolo considera que esta é unha pedrafita; para min probablemente é un elemento prehistórico, pero sempre coas dúbidas razonables con respecto a esa consideración.


SEGUNDA PEDRAFITA-MENHIR CADRANGULAR.





Fotografías de Manolo Camba.


A 2ª pedrafita cadrangular fica na aba da Veiga Mol, a uns metros por enriba do camiño que atravesaba a Veiga preto do cercado. Ten a mesma forma que a anterior e distan entre sí uns setecentos cincuenta metros.


As fotografías foron escaneadas da publicación "O Prado das Chantas" Boletín mensual do Conxunto Etnográfico e Arqueolóxico de Santo Tomé-Os Penidos da Liga Céltica Galaica. As fotografías en cor fóronme enviadas por Manolo Camba.