Amosando publicacións coa etiqueta A Bola. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Bola. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de xuño de 2013

PEDRAFITAS-MENHIRES DO MONTE DE SAN CIBRAO. Santiago de Pardavedra, A Bola

PEDRAFITAS-MENHIRES DO MONTE SAN CIBRAO.

Non podo sustraerme á tentación de voltar ao Monte de San Cibrao en Ourense, aínda que aquí xa publiquei unha entrada adicada ás antas deste fermoso e máxico monte. Efectivamente, non me podo sustraer a isa enorme tentación logo de ler a entrada do blogue de Rafa Quintiá asombradebouzapanda.

Considero que os elementos etnográficos, son e constitúen unha ferramenta de indudable e inextimable valor á hora de estudar e interpretar os elementos arqueolóxicos e xeral e os megalíticos e particular: aportan datos interpretativos que non pode dar ningunha outra cencia. As lendas, os contos, os costumes, os rituais cristiás..., contribuiron de maneira decisiva a fixar  unha serie de elementos que axudan nese eido. Por exemplo, o que a igrexa quixo eliminar ficou como unha pegada petrificada baixo o sustrato da relixión triunfadora. As antigas crenzas, sen embargo, non desapareceron, seno que quedaron, como dicía, petrificadas baixo o manto "salvífico" do cristianismo.

O Monte de San Cibrao constitúe -e reflexa coma ningún outro sitio-, unha auténtica atalaia desde onde se contemplan os amplios horizontes da Limia. Ademais conforma unha colosal divisoria entre as cuncas dos ríos Limia e Miño. É tamén, e talvez esto é o importante, lugar demarcatorio, lugar de límite, de fronteira. Actualmente divide ou separa aos concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e A Merca. Precisamente de límites vai esta reflexión: aínda se poden contemplar dous marcos, coas súas consabidas cruces de termo marcadas nas súas caras, na extensa chaira megalítica que constitúe a cume. 




Como ben mantén Rafa Quintiá, sabemos xa desde hai tempo que en Galicia os espazos sagrados mantivéronse ata hoxe: cambia a relixión pero non o ámbito da sacralidade. Para Quintiá este é un dos lugares onde se pode contemplar mais claramente esa continuidade de lugar sacro.

Nisa extensa chaira de San Cibrao pódese ver hoxe unha necrópole megalítica, un cemiterio cristiano, varias pedrafitas e unha ermida adicada á honra de San Cibrao, o dos conxuros. Por todo isto (e polos ritos que se acostumaban a celebrar na romaría adicada ao santo) non cabe dúbida do carácter hierofánico do monte desde polo menos o neolítico ata hoxe en día. 




As pedrafitas que aquí se amosan son de pequeno tamaño, con planta cadrangular moi redondeada e un deles cunha fenda como as que amosan moitas outras pedrafitas e que Alberte Alonso considera  unha pegada ou unha proba do seu carácter astronómico.

Información básica extraida do blogue asaombradebouzapanza de Rafa Quintiá.
Fotografías do mesmo e de Francisco Sutil e Antonio Vázquez.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 22 de xuño de 2012

ANTAS-DÓLMENES DE SAN CIBRAO. Santiago de Pardavedra, A Bola.

ANTAS-DOLMENES DE SAN CIBRAO. 

Para chegar. Podemos sair da histórica vila de Allariz e tomar dirección a Celanova. aos oito quilómetros hai un desvío á esquerda no que se sinala o Alto de San Cibrao e o centro reemisor da TV. A pesar das moitas encrucilladas, en cada unha está sinalada a dirección a seguir. As antas están na cume, onde se celebra unha romaría na honra de San Cibrao. Despois de percorrer aproximadamente tres quilómetros por unha estrada de monte e ferradura en moi malas condicións.

Son dúas antas que forman parte dunha necrópole de varios túmulos, segundo Vázquez Núñez, e están ubicadas a unha altitude de 915 ms.



Fotografia do ano 1994 da anta nº1. 
Ramón Boga Moscoso

A primeira anta desta necrópole atópase inserida nunha mámoa aínda visible, de boas proporcións. A estrutura arquitectónica amosa unha cámara con planta poligonal sen restos visibles do corredor, composta por oito esteos dos que o meirande acada un metro e oitenta centímetros de altura, un metro e vinte centímetros para o ancho e quince centímetros de media para o grosor. 

A cámara mide ao redor de dous metros por dous metros e medio nos seus diámetros máis longos.

A segunda anta acóchase nunha mámoa que non está en moi boas condicións, si ben pódese adscribir ás do tipo de tamaño medio. 

A cámara da anta adscríbese ás do tipo de planta poligonal tendente ao círculo con dous esteso que probablemente pentenzan ao correrdor, que está moi pouco desenvolvido. Conserva oito esteos que de buxan a cámara. O maior deles acada un metro e sesenta centímetros de grosor. As medidas da cámara nos eixos maior e menor son as seguintes: dous metros e trinta centímetros no eixo pequeno e dous metros e cincuenta centímetros no grande. Non hai restos das pedras cobertoras.


 
Fotografía da anta nº 2 do ano 1994.
Ramón Boga Moscoso

As dúas antas atópanse semiolvidadas e cubertas da típica vexetación de monte baixo, a saber, toxos, uces, arbustos, fentos, silvas, xestas, etc, que non fan máis que afondar na súa progresiva ruína. Recentemente atopáronse posibles restos de pintura.



Gran esteo con gravados nas proximidades. Probablemente sexa o resto da estrutura arquitectónica dunha das mámoas que formaban parte da necrópole.



Ao fondo a ermida de San Cibrao e, en primeiro plano, unha gran pedra que seguramente formou parte da estrutura megalítica doutra das antas da necrópole.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!