Amosando publicacións coa etiqueta Cabanas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cabanas. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de abril de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SALTO. Cabanas

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SALTO. 

A Pedrafita O Marco do Salto posúe todas as características que nos fan sospeitar da súa adscrición crono-cultural á época megalítica: pervivencia como marco de termo, existencia de rituais sanadores e de fertilidade, forma fálica, etc.


                   
Fotografía extraída da páxina Galicia Encantada.

Efectivamente, a pequena pedrafita que amosamos hoxe, aínda fai de pedra de termo entre as parroquias de Salto, Laraxe e Irís, do Concello de Cabanas. Trátase dunha pedrafita cilíndrica, moi ben puída e redondeada na croa, onde tamén aparece un pequeno burato no que a xente coloca as súas moedas, esmola que debe incidir na curación, na posibilidade de concepción, etc.


                                              
                                                         Fotografía da páxina Galicia Encantada          

Segundo as informacións que fumos recollendo, a nosa pedrafita ten propiedades milagreiras: cura unha boa xeira de enfermidades e tamén desfai outra xeira de meigallos, todo elo vencellado moi de cerca coas enfermidades de tipo tradicional. Sen embargo, para que a sanación sexa efectiva, debénse cumprir unha serie de preceptos. En primeiro lugar débese ir alí antes das doce da noite e achegarse ao marco varias veces en absoluto silencio. Tamén é necesario levar un obxecto ou algunha prenda daquilo que se queira sanar, sexa muller, home, animal... Non é necesario dicir que si se incumple algunha destas condicións, a curación non será efectiva. 


   
Fotografía do blogue onosopatrimonio
                                        
Unha vez diante da pedrafita hai que bater tres veces co cú e dar nove voltas ao marco dicinco o seguinte conxuro: "Meigos e meigas, envexosos e envexosas; encantadores e encantadoras, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que vou tirar". A continuación débense votar cartos encima da pedra: ese ritual pódese repetir ata tres veces. 

Na súa páxina galiciaencantada, Antonio Reigosa rastrexou algunha bibliografía sobre este singular elemento e atopou unha breve pero interesante reseña de Monteagudo que relaciona este rito co deus Príapo que se representaba coma un "marco de termo", e dicir coma un falo: é así como simboliza a fecundidade. As mulleres, para quedar preñadas, debíanse frotar nelas varias veces. Este ritual mantívose petrificado de xeito indeleble ata os nosos días.



Curiosa fotografía de Ángel Facio onde se pode 
ver unha prenda que seguramente ten 
que ver co elemento que se quere curar. 
Extraordinario documento gráfico.

Nada máis que engadir que as semellanzas que atopamos nos rituais que se reptien casi miméticamente nas pedrafitas do Marco de San Lourenzo ou Pedrafita de Torres, xa estudadas neste blogue, e situadas nas brumosas terras do Golfo Ártabro.


BIBLIOGRAFÍA E BLOGUES:

-Galicia Encantada de Antonio Reigosa

-O Noso Patrimonio de Xabier Moure

-Luis Monteagudo García: "La cirujía en el Imperio Romano". Anuario Brigantino, nº 23. Betanzos 2000.

venres, 8 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DE SANTA CRUZ DO SALTO. Santa Cruz do Salto, Cabanas.

ANTA-DOLMEN DE SANTA CRUZ DO SALTO.

A anta que nos ocupa está ubicada nunha necrópole sita na parroquia de Santa Cruz do Salto e está formada por  máis de 28 mámoas que abarcan varias parroquias. O grupo que nos ocupa denomínase Couto dos Golpes e está conformado por sete mámoas das que na maioría aprécianse grandes funis de violación e coirazas de pedra de granito. Nalgúns deles tamén se poden ollar restos dos esteos da estrutura megalítica da cámara.

O que nos interesa aquí do Grupo dos Golpes é a mámoa sinalada co número cinco, ubicada a unha altitude de 358 metros nunha zona na que predomina o monte baixo. No interior da mámoa, que mide ao redor de vintetres de diámetro e sobresae un metro e oitenta centímetros aproximadamente, aparece un funil de violación de cinco metros de alto e sesenta centímetros de profundidade, así coma  un esteo que posiblemente formase parte da estrutura arquitectónica que mide  vinte centímetros de alto por cincoenta e cinco centímetros de ancho, e no que aparece gravada unha cruz que acada unha medidas de  ao redor de quince  por dezasete centímetros.





Texto e fotografías extraídas do artigo "Túmulos prehistóricos no concello de Cabanas (A Coruña). Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos. Anuario Brigantino, 2007, nº 30.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 16 de decembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SAN LOURENZO. San Mamede de Laraxe, Cabanas



PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SAN LOURENZO.

Trátase dun pequeno esteo que seguramente procede dunha anta e que hoxe aínda está revestido da aura das pedras que curan.

Parece ser que levaban aos enfermos -segundo conta Vales Villamarín- pola noite, preferentemente os venres, pero tamén os martes, ata o Marco ao que lle tiñan que dar nove voltas. Rezaban determinadas oracións e logo deixaban sobre o marco algunha esmola así como prendas dos pacentes, e diversas outras ofrendas como leite, pelo do gando, aceite...

Os enfermos (ao igual que na pedrafita do Seixo na parroquia de Torres en Vilarmaior) debían coller nove pedras nunha encrucillada e, unha vez diante do Marco, debianas tirar por enriba do ombreiro esquerdo cara ao Marco e mentres o facían debían recitar: "Tanto goce de mín que me queira mal, como eu gozo desta pedra. Un padrenuestro e unha avemaría polo poder de Dios e da Virxe María"

Por último, os ritos asociados ao Marco o están tamén á ermida, de xeito indisoluble. Os ofrecidos, antes de sair da casa, deixan unha vela e un bolo de pan cun coitelo clavado. Despois poden ir xa ao Marco onde se producirá a consabida curación.



Fotografía extraída do artigo,  VALES VILLAMARÍN, F.: "Estudio de un marco dolménico en Cesuras (Coruña) y las leyendas que generó" Anuario Brigantino, nº 22. 1999



 
I
maxe actual do Marco de San Lourenzo


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!