martes, 1 de abril de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SALTO. Cabanas

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SALTO. Cabanas.

A Pedrafita O Marco do Salto posúe todas as características que nos fan sospeitar da súa adscrición crono-cultural á época megalítica: pervivencia como marco de termo, existencia de rituais sanadores e de fertilidade, forma fálica, etc.


                   
Fotografía extraída da páxina Galicia Encantada.

Efectivamente, a pequena pedrafita que amosamos hoxe, aínda fai de pedra de termo entre as parroquias de Salto, Laraxe e Irís, do Concello de Cabanas. Trátase dunha pedrafita cilíndrica, moi ben puída e redondeada na croa, onde tamén aparece un pequeno burato no que a xente coloca as súas moedas, esmola que debe incidir na curación, na posibilidade de concepción, etc.


                                              
                                                         Fotografía da páxina Galicia Encantada          

Segundo as informacións que fumos recollendo, a nosa pedrafita ten propiedades milagreiras: cura unha boa xeira de enfermidades e tamén desfai outra xeira de meigallos, todo elo vencellado moi de cerca coas enfermidades de tipo tradicional. Sen embargo, para que a sanación sexa efectiva, debénse cumprir unha serie de preceptos. En primeiro lugar débese ir alí antes das doce da noite e achegarse ao marco varias veces en absoluto silencio. Tamén é necesario levar un obxecto ou algunha prenda daquilo que se queira sanar, sexa muller, home, animal... Non é necesario dicir que si se incumple algunha destas condicións, a curación non será efectiva. 


   
Fotografía do blogue onosopatrimonio
                                        
Unha vez diante da pedrafita hai que bater tres veces co cú e dar nove voltas ao marco dicinco o seguinte conxuro: "Meigos e meigas, envexosos e envexosas; encantadores e encantadoras, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que vou tirar". A continuación débense votar cartos encima da pedra: ese ritual pódese repetir ata tres veces. 

Na súa páxina galiciaencantada, Antonio Reigosa rastrexou algunha bibliografía sobre este singular elemento e atopou unha breve pero interesante reseña de Monteagudo que relaciona este rito co deus Príapo que se representaba coma un "marco de termo", e dicir coma un falo: é así como simboliza a fecundidade. As mulleres, para quedar preñadas, debíanse frotar nelas varias veces. Este ritual mantívose petrificado de xeito indeleble ata os nosos días.



Curiosa fotografía de Ángel Facio onde se pode 
ver unha prenda que seguramente ten 
que ver co elemento que se quere curar. 
Extraordinario documento gráfico.

Nada máis que engadir que as semellanzas que atopamos nos rituais que se reptien casi miméticamente nas pedrafitas do Marco de San Lourenzo ou Pedrafita de Torres, xa estudadas neste blogue, e situadas nas brumosas terras do Golfo Ártabro.


BIBLIOGRAFÍA E BLOGUES:

-Galicia Encantada de Antonio Reigosa

-O Noso Patrimonio de Xabier Moure

-Luis Monteagudo García: "La cirujía en el Imperio Romano". Anuario Brigantino, nº 23. Betanzos 2000.

No hay comentarios:

Publicar un comentario