venres, 10 de xullo de 2026

ANTA-DOLMEN 1, MÁMOA DO REI, DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ. San Vicenzo de Trasmañó, Redondela.

ANTA-DOLMEN 1, MÁMOA DO REI, DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ.

RUTA MEGALÍTICA DA CHAN DA CRUZ, MONTE PENIDE-MIRALLO


"Dejareis de ser héroes cuando la gente no tenga miedo. Dejareis de ser héroes cuando a los políticos les interese. Ahora sois carne de cañón, por eso os llaman héroes."

Stanley Kubrick, "Senderos de Gloria". 1957.


A Anta Mámoa do Rei no ano 1993, co esteo da cabeceira
tirado no interior da cámara.
Debuxo de Moncho Boga, 1996.


A estas alturas xa deberíamos saber como chegar á Anta Mámoa do Rei. Malia isa certeza, indicar que a ubicación coincide na aba dun dos outeiros ou chairas que dominan a paisaxe orográfica onde confluen dous camiños a saber, o que leva de Negros a Chapela pasando por San Vicenzo de Trasmañó, e o camiño que vai de Cabeiro a Cedeira.



A Mámoa do Rei na actualidad, coa pedra da cabeceira recolocada. 
Debuxo de Moncho Boga.

A anta Mámoa do Rei ou Mámoa 1 da Chan da Pedra do Couto, é un exemplar megalítico que nos leva a ensoñadoras evocacións doutros mundos, de mundos pasados, mundos ocultos nas brumas dos tempos..., pero que deixou unha imborrable pegada nas mentalidades da nosa sociedade tradicional, lugares recoñecibles como artificiais, morada de seres extraordinarios, máxicos; lugares cunha sacralidade que perdurou ao longo de milenios. Conta Torres Goberna que as comitivas mortuorias da parroquia de Trasmañó paraban uns intres diante da Mámoa do Rei a rezar un responso, talvez unha atávica costume ritual que permaneceu, amosando que malia non saber que se trataba dun lugar de mortos, algo quedou  inscrito, petrificado na mentalidade tradicional, coma un eco do pasado.


Planta da Mámoa do Rei a partir de C. Mergelina, 1936.

Tamén denominada Anta da Chan da Pedra do Couto, hoxe en día cumple a delicada misión de facer de marco de termo entre as parroquias de Trasmañó, Negros e Cabeiro, polo que podemos dicir que esta marabillosa anta pertence ás tres parroquias redondelanas. No ano 2016 aínda estaban litigando as parroquias sobre os devanditos lindeiros, pleitos que se remontan ao século XIX.


Fotografía extraída do artigo "La necrópole megalítica del Monte 
Penide-Vixiador". Grupo de Arqueoloxía A. García Alén. (Ver bibl.)

Xa é lugar común a consideración das mámoas como demarcadores de territorios, posiblemente tamén na época da súa construción hai mais de seis mil anos. Fitos de linde, de demarcación, marcos de termo, ubicadas nas penichiairas, nos lugares con moita visibilidade, nos emprazamentos tamén que delimitan vertentes e vales: serían lugares sagrados, terras de ninguén e terras de todos.


Fotografía de Mergelina, 1936 (ver bibl.)

Lugares de tránsito, rutas de comunicación, camiños prehistóricos de orixe neolítico cando menos, empregados ao longo dos tempos, posiblemente camiños non suxeitos a  xurisdición algunha, libres de cargas para transitar, para deambular, por terras de todos..., o que axudaría á comunicación entre as diversas comunidades. Camiños polo tanto reaprobeitados ao longo do tempo, até hai ben pouco. Camiños da vida e da morte.


Fotografía de Ángel del Castillo.

No traballo de Mergelina do ano 1936 describe (o que coñece co nome de Anta 1 da Chan da Pedra do Couto) unha cámara poligonal coa cabeceira formada por seis grandes esteos de mais de metro e medio de longo por medio metro de grosor e unha anchura de dous metros e sesenta centímetros. Dous chantos no lado do norte son os que rematan para formar a cámara  e inician o comezo do corredor que diminúe en altura pouco a pouco. 



Alzado da Mámoa do Rei a partires de Mergelina, 1936.

Engade que no lado do sul falta un dos esteos e a entrada está orientada ao leste. Tamén informa da desaparición da pedra cobertora pero que no umbral de acceso apareceron restos da mesma, que foi romovida polos ubícuos espoliadores. A mámoa, desde a cabeceira, esténdese mais de seis metros e está formada por terra e grandes pedras na proximidade dos esteos da cámara  que sirven para reforzalos, a xeito de chanzos.


Anta Mámoa do Rei no ano 1993 xa coa pedra da cabeceira tirada no chan. Foto de Moncho Boga.

No ano 1993 a Mámoa do Rei amosaba o aspecto que se pode ver na fotografía anterior e na de embaixo, cousa que variou no ano 2003 como veremos.


Outra vista no ano 1993. Foto de Moncho Boga.

Oficialmente hoxe denomínase "Conxunto Tumular da Chan da Cruz 21/Mámoa do Rei/Chan da Pedra do Couto/Chan das Formigas." O emprazamento, como vimos relatando incansablemente, sitúase na gran penichaira, na beira suroeste do cruzamento de camiños. A mámoa atópase moi afectada negativamente por diversas intervencións, sobre todo pola construción da pista asfaltada que circunvala a mámoa polo norte e polo leste. Esto provocou a perda dunha boa parte da masa turmular. A estrada foi feita a finais da década de 1990: afectou sobre todo ao corredor de acceso coa construción de fondas gabias non respectando ningún tipo de cautela, distancia, seguimento arqueolóxico... Unha obra da Deputación Provincial de Pontevedra.



A Mámoa do Rei coa cabeceira no seu sitio.
Fotografía de Alex Negreira do blogue megaliticiablogspot.com

Pero as agresións son e foron continuas: repoboación de árbores (piñeiros e eucaliptos), tobos dos coellos, actos vandálicos, espolios na busca de tesouros, un poste de telefónica, etc. 

A Mámoa do Rei, como bo marcador espacial, fai hoxe de marco de termo entre as parroquias de Trasmañó, Negros e Cabeiro, como dicía mais enriba. Trátase dun dos puntos ou marcos que divide as tres parroquias: no ano 2016 aínda estaban litigando (as Comunidades de Montes) sobre os devanditos lindeiros. Hoxe, segundo consta na ficha do catálogo do PXOM de Redondela,  os terreos onde se asenta  a Anta pertencen ás comunidades de montes de Cabeiro, Trasmañó e Negros. Un dos esteos amosa unha cruz inscrita, o que moitas veces é unha sinal da función histórica de marco de termo.



A Cruz nun dos esteos cercanos. Fotografía de Xosé Couñago en
montepenidewordpress.com

Como xa ven sendo habitual e repetitivo, o emprazamento, aparte das consabidas repoboacións de piñeiros e eucaliptos, segue a ser terreo de monte baixo coa abondosa presenza de toxos, fieitos, uces, silvas..., vexetación algunha que é aprobeitada pola diversa fauna salvaxe e semisalvaxe que poboa estes inhóspitos montes.





Planta da Mámoa do Rei antes da recolocación da pedra cabeceira.
Versión a partir de Vázquez Collazo.

A mámoa na que se insire a anta amosa unha enorme zona de espolio ou violación que deixa á vista os esteos que conforman a cámara megalítica. As medidas da mámoa van desde os pouco mais de vinte metros no eixo norte-sul até os dezanove no eixo leste-oeste. Os distintos niveles de altura da mámoa debido ás continuas agresións fai que a altura máxima estea na zona do oeste onde sobresae case os dous metros.



Unha particular visión da Mámoa do Rei.
Moncho Boga 2026.

Dicía antes que é destacable o amplo espazo do espolio, enorme, o que posibilita a vista de seis monumentais esteos chantados e, antes da restauración, dous mais no centro que eran e son os da cabeceira. O esteo meirande sobresae mais de dous metros de altura, case dous de ancho e uns trinta centímetros de groso. Estamos diante dunha anta adscrita á tipoloxía de cámaras de tipo poligonal con corredor de acceso desenvolvido. Pola superficie da mámoa, diversas pedras de granito de tamaño medio poderían formar parte da coiraza pétrea.


Situación da Mámoa do Rei.
De Google maps.

Na outra beira da pista e na contorna inmediata da mámoa do Rei aparecen ciscallados diversos esteos que con total seguridade formaron parte da estrutura arquitectónica da nosa anta. 


Panel dos debuxos das antas propostas para a ruta.
Por Moncho Boga, 2026.

Como xa viña dicindo, até o ano 2003 a pedra cabeceira da anta estaba caída no interior da  cámara, froito dos extraordinarios actos vandálicos ou minuciosos quefaceres dos facinerosos furtivos. Por fin nese ano, o Concello de Redondela procedeu ao encargo-contratación  dos traballos arqueolóxicos para restituir a devandita pedra da cabeceira ao seu lugar orixinal, imaxe que hoxe podemos contemplar  dunha das antas mais impresionantes do país galego.


A Mámoa do Rei hoxe en día.
Fotografía extraida de wilkipedia.

PARA REMATAR A RUTA MEGALÍTICA DA CHAN DA CRUZ

O que eu amose aquí unha posibilidade de ruta para ver as mámoas que aínda están a conservar anacos das súas cámaras, non é óbice para realizar a ruta que ven marcada en paneis ao longo deste paradigmático espazo megalítico. Todas as mámoas que compoñen esta grandiosa ruta están moi cerca entre sí e, desde moitas delas, pódense albiscar as outras, que se moldean no terreo dun xeito especialmente característico.



Panel da necrópole de Monte Penide. Ruta dos Túmulos.
Fotografía do blogue galiciapuebloapueblo.

A ruta engade tamén un percorrido polos innumerables e escepcionais petróglifos que salpican, acompañando ás mámoas, toda esta gran penichaira. As lendas, como vimos, falan de mouros, de propiedades máxicas, de ríos subterráneos, de tesouros... Estamos pois diante dun dos moitos montes "parlantes" que caracterizan a nosa terra, montes que falan coa linguaxe perdida das pedras, coa linguaxe pétrea que aínda hoxe nos está a relatar lendas que foron conformando todo un acerbo cultural común a case todos os recunchos da nosa terra.


Outra imaxe dun panel explitacivo da Ruta dos Túmulos.
Fotografía extraida do blogue galiciapuebloa pueblo.

Como explicaba na introdución desta ruta, o Monte Penide desenvólvese no senso norte-sul, sendo o principio dunha xeira de mesetas-montes que se estenden desde a ría de Vigo até o río Miño. Pode considerarse o inicio dunha serie de necrópoles que xalonan estes planaltos, como unha especie de continuidade: desde o Monte Vixiador, A Madroa e Candeán, até o Val do Fragoso.


Outro do paneis explicativos da Ruta. 
Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com

É importante subliñar que a necrópole Chan da Cruz foi declarada Conxunto Histórico-Artístico no ano 1970. Posteriormente foi declarada Ben de Interese Cultural. Sen embargo, malia posuir o nivel máximo de proteción, ás mámoas que compoñen a necrópole seguen a estar abandoadas á súa sorte sofrindo contínuos actos vandálicos, agresións, furtivismo..., de xeito que a súa conservación corre grave perigo, feito que poderíamos estender ás mámoas e necrópoles que xalonan boa parte da xeografía galega.


Panel coas dúas rutas: mámoas e petróglifos. 
Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com

Aínda así hai algún atisbo de esperanza, sobre todo coa implicación da sociedade civil a través de distintas asociacións de defensa do patrimonio e coa colaboura indispensable dos propietarios dos terreos a saber, as Comunidades de Montes. As actuacións emprendidas en colaboura coas administracións públicas debe ser en todo momento indispensable.


Unha vista desde o Monte Penide. 
Fotografía wilkiloc.

Foi un auténtico placer revisitar a Necrópole de Monte Penide, foi un placer contemplar como pouco a pouco vanse iniciando actuacións para a posta en valor do noso patrimonio. Foi unha agradable sorpresa, tamén, contemplar como unhas poucas actuacións que deben ter continuidade no tempo, contribúan a salvar estes vestixios do neolítico que estiveron aí durante milenios. Esperemos que o estean durante outros tantos.

ETNOGRAFÍA: A VOLTAS COA LENDA DA MOURA DO MONTE PENIDE

As camas, as cadeiras, as bañeiras son ben coñecidas no Monte Penide:  maniféstanse como formacións naturais rochosas e son o lugar de coñecidos rituais máxicos vencellados á fertilidade, á curación de diversas enfermidades tradicinonais, de encantamentos..., son lugares intimamente vencellados aos nosos elfos, aos mour@s. Estes seres fabulosos viven baixo a terra e aí custodian e defenden os seus extraordinarios tesouros. Ás veces adoitan aparecer con forma humana para misturarse con nós: son homes e mulleres moi altos, co cabelo loiro, son blancos (malia que tamén os hai negros) e os ollos, a meirande parte das veces, son de cor verde. 


Vistas desde o Monte Penide. Fotografía: es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-por-monte-penide

Si nos topamos con eles e cumprimos unha xeira de condicións, podemos facernos cos seus copiosos tesouros; pero é moi raro, case imposible, pois por unha cousa ou pola outra, nunca cumprimos. Un dos días do ano no que os podemos atopar é na noite do solsticio do verán. Precisamente na noite mais pagana e máxica do ano é o intre no que xorde a posibilidade de desencantar á Moura do Monte Penide, de poder casar con ela e así compartir os seus tesouros.



Capela da Preta. Foto Xosé Couñago en montepenidewordpress.com

Na Capela da Preta, especie de cova, é o lugar por onde a Moura sae na noite de San Xoán para acostarse cun mozo novo na meirande das bañeiras-pías, a Cama da Moura. Despois do feito, a Moura explicalle ao mozo os pasos a seguir para desencantala e librala da súa dobre naturaleza (muller e serpe) e así compartir os seus tesouros para sempre.


Cadeira da Moura.
Foto Xosé Couñago en montepenidewordpress.com

O ritual é o seguinte: téñense que ver tres noites seguidas, o mozo sentado na Cadeira de Moura esperando a súa saída  que se produce na  forma que tén pola noite, como unha gran serpe. Procede a rodear totalmente o corpo do rapaz e, cando está completamente rodeado e as súas caras queden enfrontadas, a serpe abre as fauces por onde asoma un caravel encarnado que él debe coller coa súa boca. Si esto se produce, a Moura retomará a forma humana para sempre.



Cama da Moura.
Foto Xosé Couñago en montepenidewordpress.com

Lamentablemente, que se saiba, ninguén conseguiu desencantar á Moura da súa forma ofídica, debido case sempre ao medo dos mozos diante da visión arrepiante da cabeza da serpe. A nosa Moura segue á espera do adalide que a poida desencantar... Normalmente o desenlace é a morte dos mozos.


EN SIGRÁS, NA CANÍCULA DE PRIMEIROS DE XULLO DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES MAGNÍFICOS, E POR ISO IMPRESCINDIBLES

https://megaliticia.blogspot.com/2025/12/Necropole-Monte-Penide.html

José Manuel Hidalgo Cuñarro e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico de Monte Penide, Redondela-Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980

Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado.” Boletín del Seminario de Arte y Arqueología, Tomo 4,1º., curso de 1935-36. Valladolid, 1936.

Patiño Gómez, R.: “La necrópolis megalítica de Monte Penide – Vixiador”. Traballos de Arqueoloxía, 1992. Publicación do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén.

Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXI. Pontevedra 1977.

R. Fábregas Valcarce, X. Carballo Arceo y V. Villoch Vázquez. Petroglifos y Asentamientos: El caso de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Antonio Martínez Cortizas, Ramón Fábregas Valcarce, Susana Franco Maside. Evolución del paisaje y actividad humana en el área de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia.” Bahía 1997.

Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia.” Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.

https://montepenide.wordpress.com/

https://oestrymnio.blogspot.com/2013/03/monte-penide-necropolis-megalitica-y.html

https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-inedita-1-das-pedras-do-picos-cabeiro-o-vixiador-2633234

https://web.archive.org/web/20140111003856/http://www.acitania.com/Visita_Guiada_MontePenide-ACITANIA.pdf

https://turismoriasbaixas.com/es/search/museo-virtual-monte-penide-prehistorico

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-tumulos-de-monte-penide-monte-mirallo-redondela-45986051

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/mirador-de-coto-fenteira/

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=56&id=2345

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/ruta-de-los-misterios-y-las-leyendas/

https://montepenide.wordpress.com/category/castro-de-negros/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html

https://redondela.gal/categoria/turismo-redondela/que-ver/

https://espanaviajar.com/pontevedra/pueblos/redondela/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/monte-penide-roteiro-prehistorico-9144743

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/05/06/redondela-musealizara-mayor-yacimiento-mamoas-galicia/0003_201305V6C3991.htm

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/que-ver/

https://www.google.com/maps/dir/Redondela,+Pontevedra/Petr%C3%B3glifos+de+Chan+da+Cruz,+Unnamed+Road,,+36811+Redondela,+Pontevedra

https://photos.app.goo.gl/XdEkXUkucKKCAEjh7

https://www.farodevigo.es/comarcas/2010/11/24/comuneros-negros-cederan-terrenos-parque-17797754.html

https://fr.wikipedia.org/wiki/M%C3%A1moa_do_Rei_%28Redondela%29#/media/Fichier:M%C3%A1moa_do_Rei_-_Trasma%C3%B1%C3%B3,_Redondela_._Necr%C3%B3pole_de_Monte_Penide._%22Cortello_de_mouros%22.jpg

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/monte-penide-roteiro-prehistorico-9144743

https://bluscus.es/monte-penide-prehistorico-y-su-leyenda-moura/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-por-monte-penide-63688046

Ningún comentario:

Publicar un comentario