martes, 7 de xullo de 2026

ANTA-DOLMEN 8 DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ. San vicenzo de Trasmañó, Redondela.

ANTA-DOLMEN 8 DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ.

RUTA MEGALÍTICA DA CHAN DA CRUZ, MONTE PENIDE-MIRALLO


"La guerra es el asesinato de millones de personas por parte de aquellos que se esconden detrás de un escritorio."

Jean-Paul Sartre



Debuxo versión de Moncho Boga.

Para chegar á mámoa número 8, valen as indicacións que desenvolvín nas outras entradas. O punto de referencia é a Mámoa do Rei e dicir,  está na marxe esquerda da pista que atravesa esta gran penichaira megalítica da Chan da Cruz. En calquera caso, coma sempre, recomendo encarecidamente empregar o XPS, un mapa ou guiarse pola intuición, polo instinto megaliteiro que xa nos debe caracterizar.


Ubicación da anta 8. Google maps.

Estamos diante dunha das últimas mámoas do percorrido proposto que pertence ao Conxunto Tumular da Chan da Cruz 4, segundo a numeración oficial. Hai diverxencia en canto á adscrición parroquial: algúns a situan na parroquia de Negros e outros na de Trasmañó. Na ficha do PXOM do Concello de Redondela a ubican na parroquia de San Vicenzo de Trasmañó. Eu voume fiar, polo tanto, da ficha oficial o cual non é óbice para pensar que tampouco debe ser moito de fiar.


Fotografía de Alex Negreira en megaliticiablogspot.com

Probablemente estamos diante da mámoa sinalada co número 12 da prospección feita polo Grupo de Arqueoloxía Alfredo Alén e diante do Túmulo XII sinalado por Mergelina no seu plano de 1936.


Fotografía de Alex Negreira en megaliticiablogspot.com

A mámoa atópase a uns 400 metros sobre o nivel do mar na mesma penichaira onde se ubican a meirande parte das mámoas que conforman  a gran necrópole da Chan da Cruz. Até hai ben pouco estaba inzada de piñeiros, eucaliptos e frondoso monte baixo composto por toxeiras, uces, fieitos e silvas varias...Tamén hai cabalos soltos por toda a área. A propiedade dos terreos é dos veciños de Negros.


Fotografía de Alex Negreira en megaliticiablogspot.com

A mámoa atópase situada nunha pequena elevación do terreo, moi preto da rompente da pendente que cae cara ao sul. As medidas aproximadas da mámoa van desde os dezaseis metros e medio para o eixo orientado no senso norte-sul, case un metro e medio de altura polo lado do sul até os quince metros e medio na orientación leste-oeste.


Planta a partir de Vázquez Collazo.

Como estaba a relatar mais enriba, a mámoa estaba completamente inzada de vexetación, situación que trocou drásticamente  a partires do ano 2024, cando se procedeu á tala e ao desbroce de toda esa maleza e árbores, froito da colaboura de diversas entidades, entre elas e sobre todo a Comunidade de Montes.


Debuxo versión particular da Anta 8.

En xeral trátase dun xacemento moi alterado hoxe en día, cun funil do espolio que adoita forma case rectangular e mide un metro e medio de longo así coma un metro de profundidade. Semella que o espolio prodúxose en épocas recentes, probablemente na década de 1980 ou 90. No interior deste "feitiño" furado sobresaen polo menos seis esteos de granito dos que só dous deles miden un metro e sobresaen por enriba do nivel da mámoa. Os outros non sobresaen mais de setenta centímetros.


A mámoa despois do desbroce e tala.

Enriba da mámoa, fóra do burato da violación, cara ao suleste, aparece tumbado, abatido, outro esteo (o séptimo) que probablemente pertence ou forma parte da estrutura arquitectónica ou cámara. Tamén son visibles outros dous chantos situados a uns cinco metros da mámoa, de esquisto, que non parecen formar parte da estrutura arquitectónica, tanto pola súa morfoloxía como pola distancia.


Panel cos debuxos das antas e numeración da ruta proposta.

Despois de toda esta descrición hai que engadir que as fotos qeu se poden ver non amosan os sete esteos que semellan conformar a estrutura arquitectónica: ou ben están tapados pola colmatación ou ben o proceso de espolio continuou de forma contundente e continuada no tempo.

E, para rematar, incidir en que a derradeira entrada será adicada á extraordinaria Mámoa do Rei, que deixei para o último lugar en función da complexidade dos contidos e da magnitude da súa importancia para o megalitismo galego.


EN SIGRÁS, NOS PRIMEIROS DÍAS DE XULLO DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES MAGNÍFICOS, E POR ISO INDISPENSABLES

https://megaliticia.blogspot.com/2025/12/Necropole-Monte-Penide.html

José Manuel Hidalgo Cuñarro e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico de Monte Penide, Redondela-Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980

Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado.” Boletín del Seminario de Arte y Arqueología, Tomo 4,1º., curso de 1935-36. Valladolid, 1936.

Patiño Gómez, R.: “La necrópolis megalítica de Monte Penide – Vixiador”. Traballos de Arqueoloxía, 1992. Publicación do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén.

Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXI. Pontevedra 1977.

R. Fábregas Valcarce, X. Carballo Arceo y V. Villoch Vázquez. Petroglifos y Asentamientos: El caso de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Antonio Martínez Cortizas, Ramón Fábregas Valcarce, Susana Franco Maside. Evolución del paisaje y actividad humana en el área de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia.” Bahía 1997.

Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia.” Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.

https://montepenide.wordpress.com/

https://oestrymnio.blogspot.com/2013/03/monte-penide-necropolis-megalitica-y.html

https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-inedita-1-das-pedras-do-picos-cabeiro-o-vixiador-2633234

https://web.archive.org/web/20140111003856/http://www.acitania.com/Visita_Guiada_MontePenide-ACITANIA.pdf

https://turismoriasbaixas.com/es/search/museo-virtual-monte-penide-prehistorico

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-tumulos-de-monte-penide-monte-mirallo-redondela-45986051

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/mirador-de-coto-fenteira/

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=56&id=2345

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/ruta-de-los-misterios-y-las-leyendas/

https://montepenide.wordpress.com/category/castro-de-negros/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html

https://redondela.gal/categoria/turismo-redondela/que-ver/

https://espanaviajar.com/pontevedra/pueblos/redondela/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/monte-penide-roteiro-prehistorico-9144743

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/05/06/redondela-musealizara-mayor-yacimiento-mamoas-galicia/0003_201305V6C3991.htm

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/que-ver/

https://www.google.com/maps/dir/Redondela,+Pontevedra/Petr%C3%B3glifos+de+Chan+da+Cruz,+Unnamed+Road,,+36811+Redondela,+Pontevedra

https://photos.app.goo.gl/XdEkXUkucKKCAEjh7

https://www.farodevigo.es/comarcas/2010/11/24/comuneros-negros-cederan-terrenos-parque-17797754.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario