sábado, 7 de marzo de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DO VIEIRO. San Martiño de Cotá, Friol.

PEDRAFITA-MENHIR DO VIEIRO

SOSPEITOSOS HABITUAIS XIV

"Los débiles no luchan. Los más fuertes quizás luchen una hora. Los que aún son más fuertes, luchan unos años. Pero los más fuertes de todos luchan toda su vida, y éstos son los indispensables".

Bertolt Brecht



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

E xa que estaba, virtualmente, nas frondosas terras de Friol, xa que estaba na Anta da Moruxosa e xa que alí ben pretiño eríxese un pequeno fito de granito que ben poidera ser unha pedrafita, deixeime levar pola tentación de expresar cunhas poucas e sinxelas verbas unha pequena descrición do devandito fito que se ergue como un cartaz pouco antes da necrópole megalítica da Moruxosa.



Fotografía de Xabier Moure, 2013.

Sen dúbida este chanto ergueito no camiño prehistórico é un dos candidatos tradicionais a pasar a formar parte das miñas pedrafitas sospeitosas habituais: teno ben merecido. Debo subliñar que a primeira vez que estiven por estes lares, no lugar non había ningún esteo: non estaba, foi chantada con posterioridade. Malia iso, talvez foi atopada como moitas outras tapada e volta a erixir por algún veciño que admirou a súa boa feitura, digo eu.


Esteos á beira da Casa da Moruxosa. Foto de Xabier Moure, 2013.

Pero, redundanto na mesma consideración, pouco logo de contemplar a fotografía anterior enviada por Moure, tamén me enviou outra fotografía dunhas laxas que ben poideran ser os restos dunha anta froito do que tantas veces lle pasa en Galicia ao noso desprotexido patrimonio. Sumando elementos, non podo deixar de pensar que unha cousa leva á outra, esta a outra mais e dese xeito podo perxeñar un pequeno relato.


Posibles cazoliñas nun dos esteos. 
Fotografía de Xabier Moure, 2013.

O chanto, esteo ou fito sen lugar a dúbidas foi feito pola man de home, é de naturaleza antrópica. Non sei porque apareceu aí, pero podo imaxinar, como tantas outras veces, a un paisano que o atopou roturando as terras e, pola súa boa feitura, decidiu chantalo no lugar no que agora o podemos contemplar...


Fotografía de Moncho Boga, 2025.

Esta inopinada pedrafita atópase, ao igual que a anta e a necrópole da Moruxosa, situada detrás da Casa da Moruxosa, tamén denominada Casa do vieiro. Malia que hoxe é a parte posterior, noutrora tivo que ser a parte de diante debido a que por aí serpenteaba o Camiño Real, antigo camiño prehistórico. Encrávase nun antigo cruzamento, nunha encrucillada.


Fotografía de Moncho Boga, 2025.

Estruturralmente estamos diante dun fito que apenas sobrepasa o metro de altura e amosa certa sección cadrangular coas arestas moi achanzadas o que lle confire un aspecto xeral de cilindro. No ano 2013 (como se pode testemuña a fotografía) estaba chantado perfectamente nivelado, perpendicular ao chan; hoxe en día amosa unha considerable inclinación. 



Fotografía de Moncho Boga, 2025.

Nunha da súas caras poden apreciarse unha xeira de concavidades que talvez sexan coviñas, cazoliñas hemiesféricas: si a apreciación é correcta estaríamos sen dúbida diante dunha auténtica pedrafita.



Fotografía de Moncho Boga, 2025.

Abundando sobre a súa adscrición, o contexto megalítico da área e o camiño prehistórico semellan datos moi interesantes para a súa caracterización megalítica. Alberte Alonso a cataloga como "pedrafita con outras funcións":  e dicir, puido funcionar como marco significativo ao longo dos milenios con funcións representativas en cada época, como un referente, como un fito anunciador da necrópole...


Fotografía de Moncho Boga, 2025.

Pouco mais podo dicir deste raro exemplar chantado e esquecido..., un exemplar que foi trasladado ata aquí e chantado no lugar mais apropiado, se exceptuamos o seu propio lugar de emmprazamento, descoñecido. Unha mágoa...

En Sigrás, nos días procelosos que nos tocou vivir, 2026.
Saúde, sorte e libros!!!

NON Á GUERRA!!!


ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Cot%C3%A1

Ningún comentario:

Publicar un comentario