martes, 10 de marzo de 2026

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DO PIÓN. Santiago de Bravos, Ourol.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DO PIÓN.

"Todos somos genios. Pero si juzgas a un pez por su capacidad de trepar árboles, vivirá toda su vida pensando que es un inútil." 
Albert Einstein


Debuxo versión Moncho Boga, Sigrás 2025.

Hoxe apetéceme mergullarme nesta rara pedrafita da que non sei prácticamente nada: nin estiven alí, nin sei onde está, tampouco podo dicir moitas cousas dela..., mais atráeme coma un imán. O que si sei de certo é que se me antoxa moi semellante á pedrafita Pedra Chantada na Terra Cha, tanto pola forma coma polo material arrugado polo tempo con que están labradas ambas as dúas. Mágoa non ter as vistas das posibles catro caras: malia que semella cilíndrica, probablemente, como acontece coa Pedra Chantada de Vilalba, a sección debe ser cadrangular coas arestas moi achanzadas, conferíndolle un aspecto case cilíndrico.

Podería dicir que o Marco do Pión é un punto na xeografía moi elevado e situado no Concello de Ourol. Emprázase nunha área  montesía, de serra, de cordal, que se caracteriza por debuxar unha paisaxe singular rural e boscosa do interior da Mariña lucense Occidental.


Fotografía de José Puentes.

O término "marco", como é ben sabido, tanto na cartografía como no eido arqueolóxico, adoita nomear un fito ou un mollón de pedra que delimita terras, parroquias, concellos e incluso provincias. "Pión" refírese ao nome específico deste alto monte e fai de referencia  ao "camiñante": é unha zona de paso relevante, moi preto do antigo "Camiño Real", no contorno inmediato da divisoria de augas do río Sor. O lugar, por iso, forma parte do patrimonio arqueotoponímico da comarca, marcando rutas de transo que conectaban o interior coa costa norte galega, mariñana, igual que pasa polas terras ortegalianas da Serra Faladoira, na outra vertente). Tamén hai que dicir que se atopa vencellado a necrópoles megalíticas: a divisoria de augas da bacía hidrográfica do río Sor, tanto o Camiño Real como as necrópoles megalíticas atópanse prácticamente na mesma divisoria.


Mapa de Domingo Fontán: pódese ver a parroquia de Bravos e
o Pico do Pión. Desde aí as augas verquen cara á bacía do Sor; desde a meirande
parte da parroquia, verquen cara á bacía do Landrove.

Como moitas outras veces, é significativa a análise de Dolores González de la Peña, que incide na frecuencia con que se menciona o Camiño Real no Catastro da Ensenada (1753), sobre todo nas delimitacións das parroquias que se atopan na bacía do río Sor ou nos seus lindeiros: na delimitación da parroquia de Bravos noméase o Marco do Pión, Coto do Peón, e a continuación o Camiño Real, que ven formando a fronteira natural.


Fotografía de José Puentes.

A bacía do Sor, limitada pola divisoria de augas da devandita bacía pola man esquerda amosa unha gran densidade de necrópoles, dólmenes, mámoas e pedrafitas, así como o camiño prehistórico dos arrieiros. Sen embargo pola parte dereita non amosa a mesma densidade (talvez porque non se lle adicaron os mesmos estudos e propeccións). Segundo Dolores a análise da microtoponimia podería axudar a descubrir novos elementos, así como exhaustivas prospeccións, engado eu. Redundando na importancia que debeu ter este Camiño Real, poderíanse relacionar coas aras adicadas aos Lares Viais achadas en Ourol, de xeito que probablemente este camiño xa sería unha ruta importante na prehistoria. A Ara Vial de Casas Vellas (Miñotos, Ourol) atopouse á beira do Camiño Real empotrada no muro dunha finca.

Como marco de termo, posiblemente pedrafita reaproveitada para esta nova función, separa as parroquias de Santiago de Bravos (Ourol), San Pantaleón de Cabanas (Ourol, Santa María de Cabanas (O Vicedo) e Santa María de Galdo (Viveiro).

Todos estes elementos, que teñen que ver co contexto inmediato e coa caracterización prehistórica da beira da Faladoira, falan da mais que probable adscrición tipolóxica da Pedrafita do Pión ao extraordinario universo megalítico galego.

En Sigrás, despois dunha semana da maldita guerra, 2026.

Saúde, sorte e libros!!!

NON Á GUERRA!!!


ENLACES RECOMENDADOS

https://jmpuentesr.wordpress.com/category/fotografias/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2021/06/divisoria-de-augas-do-sor.html#:~:text=As%C3%AD%20por%20exemplo%2C%20na%20delimitaci%C3%B3n%20da%20fegres%C3%ADa,cami%C3%B1ante)%20e%20de%20seguida%20o%20Cami%C3%B1o%20Real%2C

Dialnet-DedicatoriasALosLaresVialesEnLaProvinciaDeLugo-963560%20(1).pdf

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/200525000145/pr-g-204-ruta-ribeira-do-bispo-miradoiro-de-augas-caidas?langId=es_ES&tp=6&ctre=23

Ningún comentario:

Publicar un comentario