miércoles, 17 de octubre de 2012

Estatua-menhir de Troitosende. A Baña, A Coruña

Estatua-menhir de Troitosende. A Baña, A Coruña

Atopouse na aldea Eira de Vilacova, pertencente á parroquia de Troitosende, do concello de A Baña.

Aínda que a bibliografía tradicional sobre o tema cualifica esta peza como "estatua-menhir", existen moitas voces que cuestionan hoxe en día esa adscrición tanto tipolóxica como crono-cultural. A peza exhíbese actualmente nas dependencias do Museo de Pontevedra.


Trátase dun gran bloque de granito plano e case rectangular que mide un metro e corenta e dous centímetros de altura e, para o ancho, acada uns corenta centímetros. A decoración realízase en rexistros horizontais en base a barras, aspas e triángulos, e disponse a través de catro franxas sobre a cara da fronte, rematando cunha cabeza circular ou discoidea na que se poden apreciar os rasgos da cara.

En canto á cronoloxía, atribúeselle tradicionalmente un arco que leva desde o Neolítico ata a II Idade do Ferro pasando pola Idade do Bronce (López Cuevillas, Anati, Bueno...) e outros como Filgueira Valverde, Fariña (1979) ou Vázquez Varela (1980) que lle atribúen unha adscrición á época romana. Landau (1977) considera que as estatuas-menhir do Noroeste pertencerían ao Bronce Final, probablemente contemporáneas das Estelas Decoradas do Sudoeste.Vázquez Varela afirma que a estatua-menhir de Troitosende pertencería a un grupo particular do conxunto galego de estelas funerarias romanas, case todas elas dos  séculos II e III a. C. A partir das consideracións de Vázquez Varela no artigo de 1980, a cuestión da cronoloxía desta peza quedou en suspenso. 



Sen embargo, no ano 2001 un artigo de Maya e Álvarez (2001), despois da consideración de diversos parelelismos, conclúen que a idade da nosa estatua-menhir debería acercala á época sueva, cunha cronoloxía de entre os séculos V e VI d. C.


BIBLIOGRAFÍA

Maya González, J.L., álvarez Arza, R. "La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende". Complutum, 12. 2001.

Landau, J. "Les representations anthropomorphes megalitiques de la region mediterraneé (3 au 1 millenaire) CNRS, Paris 1977.

Vázquez Varela, J.M. "La estela de Troitosende: uso y abuso de paralelismos en el Arte Prehistórico" Brigantium, nº 1. 1980.

Barceló, J.A.: "Introducción al razonamiento estilístico aplicado a la arqueología: un análisis de las estelas antropomorfasde la Península Ibérica". Trabajos de Prehistoria, 45. 1988.

Bueno Ramírez, P. "Estatuas-menhires y armas en el Noroeste de la Península Ibérica".

2 comentarios: