miércoles, 17 de octubre de 2012

Estatua-menhir de Muíño de San Pedro. Verín-Oimbra, Ourense

Estatua-menhir de Muíño de San Pedro. Oimbra-Verín

Foi atopada no ano 1985 nas proximidades do río Támega, no concello de Verín, próximo á parroquia de Oimbra. 

Estruturalmente amosa unha forma troncocónica cun lixeiro aspecto antropomorfo e acada unha altura que non sobrepasa o metro e sesenta centímetros. Atópase labrada en todo o perímetro.


Fotografía da páxina,  www.musarqourense.xunta.es


Na base acada un metro e sesenta e catro centímetros de perímetro e vai diminuindo pouco a pouco ata a coroa, que non sobrepasa o metro e catro centímetros. Na parte da fronte aparece unha inscrición funeraria desenvolvida a través de catro liñas. Na parte superior destaca un rostro humán inciso que se conseguiu a través dun resalte, o que permite diferencialo do resto do corpo. Nesa sinxela cabeza, apenas esbozada, debúxanse tamén os riscos das orellas. O epígrafe romano pódese datar con case total seguridade a finais do século I d. XC. Pero, como veremos, estamos diante dunha peza reutilizada en época romana.

Debuxo da páxina,  www.musarqourense.xunta.es



A plasticidade desta pedrafita resáltase a través do relevo que rodea a cabeza, que se vai alongando pola parte de atrás, debuxando unha posible melena longa. Paradóxica e curiosamente, ese relevo prolongado tamén resalta o seu nítido aspecto fálico.

As demais características físicas son moi sinxelas, como as incisións que marcan os ollos, a nariz, a boca e as orellas.

Debuxo da páxina, 
 
www.musarqourense.xunta.es


Aínda que, pola inscrición, débese adscribir cronolóxicamente ao mundo galaicorromano, pensamos, con Fábrega, que posiblemente desta estatua-menhir se podan deducir tres ámbitos cronolóxico-culturais ben diferenciados, a través de sendas reutilizacións. Efectivamente, un aspecto destacado das estatuas-menhir é a súa pervivencia, de xeito que foron menhires fálicos transformados posteriormente en estatuas-menhir. Na estatua-menhir do Muíño de San Pedro, maniféstase, ademais da transformación de menhir fálico a estatua-menhir, unha terceira transformación en epígrafe funerario por medio da inclusión dun texto de época romana.


Fotografía de Xabier Moure, blog onosopatrimonio





BIBLIOGRAFÍA

Fábrega-Álvarez, Pastor; Fuente, Joao; González García, Francisco Javier, "Las sendas de la memoria. Sentido, espacio y reutilización de las estatuas-menhir en el NO de la Península Ibérica".
Pieza do mes. Xaneiro de 2002 PDF
Museo Arqueológico Provincial de Ourense
www.musarqourense.xunta.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario