martes, 24 de marzo de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DE A PONTE NOVA, Arcediago. Santiso

PEDRAFITA-MENHIR DE A PONTE NOVA.

Cristina Vázquez e Xurxo Broz, incansables detectives arqueolóxicos da Terra de Melide, seguen a enviarme interesantísimos elementos prehistóricos desa fermosa terra. 

Neste caso trátase dun chanto ou esteo atopado no lugar da Ponte Nova, parroquia de Arcediago no Concello de Santiso. Segundo estes mozos, estamos diante dun ortostato ou chanto (ben procecente dunha anta, ben unha pedrafita?) que foi realizado en gneis ocelar, amosando unha forma xeral amendoada. As caras son aplanadas, a base é redondeada e o remate apuntado. A altura acada uns dous metros e medio e mide un metro e setenta e cinco centímetros de ancho máximo.




Na superficie, como se pode albiscar na fotografía, aparecen unha serie de estrías paralelas motivadas polo seu desbastado ou labrado. Os amigos Cristina e Xurxo manteñen a hipótese que se trata dun esteo procedente dunha anta. 

Por último, dicir que foi localizado por estes arqueólogos no ano 2012.

Para saber máis: Artigo publicado no boletín nº 25 do Museo de Terra de Melide, coa autoría de Cristina Vázquez e Xurxo Broz.

mércores, 11 de marzo de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DO HOSPITAL. Palas de Rei, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR DO HOSPITAL.

Hoxe (que xa facía tempo) teño gañas de introducir un elemento que xa tiñamos recollido pero que os arqueólogos melidenses Cristina Vázquez e Xurxo Broz tiveron a amabilidade, tanto de actualizar a información, como de enviarma. Trátase do Marco do Hospital, posible pedrafita erixida na denominada necrópole do Marco. Tamén se coñece con outros dous nomes: Marco e Marco das Cruces.




Atópase situada no Concello de Palas de Rei, lindando co Concello de Toques e emprázase enriba dunha mámoa da necrópole do Marco. Divide parroquias, concellos e as provincias de A Coruña e Lugo. Na documentación aparece xa citado na Idade Media e tamén na Idade Moderna cumplindo a función de marco. É importante subliñar que aos poucos metros discorre o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

Estruturalmente pódese describir como un gran esteo con forma ou sección triangular moi aguda no cume. Na cara do leste debúxase unha cruz de termo e dúas mais na cara do oeste.




Segundo os nosos amigos de Melide, non se debe descartar que esteamos diante dun esteo da anta na que se asenta (no inicio do cono de violación) sendo reaproveitado como Marco de Termo na Idade Media.

No Boletín nº 19 do Museo de Terra de Melide hai publidado un artigo asinado por Xosé Manuel Rei Broz sobre esta probable pedrafita. O autor amosa dúas fotografías e os debuxos das dúas caras do Marco nas que están as cruces de termo.




Saúde, sorte e libros!!!

Este texto baséase nas informacións escritas e amablemente proporcionadas por Cristina Vázquez e Xurxo Broz. As fotografías son tamén  súas.

mércores, 28 de xaneiro de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL. Santa María de Campos, Melide

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL. 

"Los filósofos, tal como están las cosas ahora, son demasiado aficionados a ofrecer críticas desde arriba en lugar de estudiar y comprender las cosas desde dentro."

Edmund Husserl

Hai uns días puxéronse en contacto comigo, vía correo electrónico, dous activos e inquedos arqueólogos que colaboran asiduamente con Museo da Terra de Melide. Estes mozos son Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez. Ambos os dous enviáronme as fotografías e descrición de tres posibles pedrafitas estudadas por eles e ubicadas nos amplos horizontes de Terra de Melide e Arzúa.

Hoxe vou incorporar no blogue un destes interesantes elementos megalíticos a saber, a Pedrafita do Casal.

Seguindo a breve reseña enviada por estes dous novos amigos, a descrición formal achéganos a un gran megalito con clara forma de pedrafita, feita en gneis. Engaden que as dimensións son moi semellantes as dun ortostato dunha anta. A base, en xeral, adopta forma redondeada con extremo apuntado e a sección é  ovalada. En canto ás dimensións, acada ao redor de 5 metros de altura, malia que á vista só sobresae uns 3,30 metros. De ancho non excede dous metros.




Segundo a avezada descrición destes investigadores, semella que foi feita coidando moito o deseño, de xeito que se pode concluir a súa adscrición prehistórica. En canto á superficie, aínda que non amosa gravado algún, está moi ben regularizada. 

A xeito de concluisón, segundo Cristina e Xurxo, hai que considerar dúas hipóteses en canto á esta extraordinaria peza: ou ben estamos diante dunha auténtica pedrafita ou, pola contra, podería tratarse dun esteo dalguna cámara megalítica. Con todo, si hai que decantarse ou apostar pola súa tipoloxía, desde aquí, posiciónome claramente pola hipótese pedrafiteira. Por último, dicir que a pedrafita foi atopada no ano 2012.






En Sigrás, nun día calquera, dun mes calquera e dun anto tamén calquera.
Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER MOITO MAIS:

Aportación de fotografías e información de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz rodríguez.

No Boletín nº 25 do Museo da Terra de Melide aparece un artigo destes autores sobre a devandita pedrafita.


xoves, 15 de xaneiro de 2015

CHOZA DE MERA. Barcia de Mera, O Covelo

CHOZA DE MERA. 

Evidentemente, o elemento etnográfico que me ocupa hoxe, non é unha anta nin calquera outro elemento megalítico. Non é unha anta e, sen embargo, como se parece!

Este curioso elemento, bastante abondoso polo sur da Nosa Terra, lévame a facer unha pequena reflexión despois da  descrición formal.




A Choza en cuestión amosa planta tendente a circular construida a base de mampostería e cunha cuberta que semella unha ruda bóveda  pechada con pedra e terróns vexetais, coa segura función de conseguir un bo illamento, tanto do frío como do calor que impera polas montesías terras da Serra do Suido. No exterior, un muro tendente a circular debuxa un pequeno adro, cuxa función era crear un espazo para facer lume e así protexerse das duras condicións do inverno da zona. Estas chozas tiñan a función de servir de refuxio aos pastores. Segundo Óscar Franco, por este lugar serpenteaba  o antigo camiño de Melón e tamén o Camiño Medieval do Ribeiro que levaba a Pontevedra.




Pois ben, esta choza semella unha anta, tanto en canto á súa estrutura arquitectónica como en canto á terra que a protexe, que recorda a masa tumular dunha mámoa.

Terán que ver estas curiosas, sinxelas e fermosas construcións coa atávica necesidade dos galegos de manter os seus costumes ao longo dos milenios, cambiando únicamente a súa función? A verdade é que os galegos somos tercos...

En fin, si non e vero espero que polo menos fose ben trovato.

Saúde, sorte e libros!!!

Fotos e información técnica de Óscar Franco en patrimoniogalego.net

venres, 14 de novembro de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE PARAÑOS. O Covelo.

PEDRAFITA-MENHIR DE PARAÑOS. 

A pouca información e a única fotografía desta fesmosísima pedrafita saiu do blogue de Xabier Moure, onosopatrimonio.

Temos diante de nós unha esbelta pedrafita de sección posiblemente ovalada, semella case cilíndrica, moi ben puída. Os extremos aparecen estupendamente  traballados, redondeados. Na parte superior, semella que hai gravada unha cruz a base de sucos paralelos.




Segundo as informacións obtidas, nas súas caras aparecen gravadas dúas cruces, do que se pode deducir o seu uso como marco de termo, probablemente. Moure, a partir das informacións de Jonathan Zúñiga, conta que a pedrafita foi atopada nos arredores da Igrexa de Paraños, cando se fixeron os traballos de pavimentación da aldea.

Hoxe en día atópase no Centro de Interpretación de Paraños, moi preto da igrexa parroquial. 

Non temos absolutamente ningún dato sobre as súas dimensións.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


xoves, 23 de outubro de 2014

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE VALDEHOME, Avión.

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE VALDEHOME. 
  

Coa inestimable axuda de Alberte Alonso, que tamén indaga por aquí e por aló, chegou ás miñas mans a reseña dunha posible pedrafita na fecunda e xa entrañable Serra do Suido, polas agrestes e montesías terras que serpentean entre as provincias de Ourense e Pontevedra.
 



Polo que ensinan as fotografías, extraidas do blogue www.galiciamaxica.eu, semella que este probable cipo prehistórico se encarama nos principios dun pronunciado cambio de vertente, nunha zona onde parece ser que abondan os cursos de auga e onde o toxo medra florecente ao redor dos penedos graníticos que afloran inagotables. Efectivamente, esta zona coñécese co topónimo Chan do Valdohome, feito que fai referencia ao inmediato nacemento do río Valdohome.

Non sabemos si esta posible pedrafita fai de inefable e solitario indicador dunha necrópole megalítica..., pero, si ese fora o caso, estaríamos sen dúbida diante dun exemplar máis para engadir á xa abondosa nómina das pedrafitas galegas.




Atópase ubicada a uns oitocentos metros de altitude e é probable que se conserve porque fai de marco de termo entre os concellos de Fornelos e A Lama (Pontevedra) e Avión (Ourense). Polo tanto, probablemente sexa tamén un límite provincial.

Como curiosidade dicir que a pedrafita amosa ben visible, unha cruz gravada en cada unha das súas catro caras, feito bastante común entre estes fitos demarcatorios.

Amosa forma xeral cadrangular na base e vaise estreitanto a medida que se eleva, tendo algunha das súas caras bastante regularizadas. Non sabemos nada das súas medidas. 

Segundo Alberte Alonso, que tampouco puido visitala de momento, esta pedrafita parece cumplir (desde a distancia que dá a fotografía) algunha das características que a farían pertencer ao grupo das de observación astronómica.



 

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

COORDENADAS
 
42°21'49.9"N 8°19'22.3"W

Fotografías e información básica extraida da web www.galiciamaxica.eu

venres, 3 de outubro de 2014

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

Repasando as cousas de internet, curioseando polas súas miles de reviravoltas, pliegues, anfractuosidades e sinuosidades, atopei dúas novas moi interesantes, unha delas titulada "Barbanza. Diálogo de Valle en el Dolmen de Oleiros", firmada por Carlos García Bayón, e a outra titulada "Restan sombra al dolmen de Axeitos, en el que rugía Valle", nova firmada por Suso Souto.  Tempo despois,  a estas dúas novas, veuse sumar unha terceira, baixo o título, "Barbanza. Una tertulia en el dolmen de Axeitos".

Ademais das curiosas novas que se aportan nestas sucintas notas, o máis notable, para min, foi o descubrimento de dúas descoñecidas fotografías antigas que, a xeito de documento, amosan unha inédita vertente interpretativa de cara á visión que os nosos devanceiros máis ilustres, de branco e negro, tiñan ao redor das nosas maravillosas arcas de pedra.



 
Fotografía do xornal El Correo Gallego
    
Carlos García Bayón descubriu esta fotografía do feo, católico e sentimental Valle-Inclán, así como algún manuscrito no que se contan os acontecementos dunha tarde de paseo que o noso esperpéntico e universal excritor pasou cuns amigos admirando e elucubrando sobre a Anta de Axeitos.

Segundo Bayón, Vallé-Inclán era moi aficionado ás viaxes por Galicia e aos paseos polo Barbanza. Así, un día calquera, chegou ata a anta de Axeitos, de onde se conserva esta preciosa fotografía datada no ano 1923.

Parece ser que ese paseo foi contado por Gerardo Gasset (Señor da Torre das Xunqueiras, na Pobra), que é un dos presentes, e, ademais dalgunhas probables e fermosas anécdotas, Gasset relata, feito que xa sabemos, que nas cercanías había outras dúas pedras con gravuras de cervos e renos.


 
Fotografía de Carlos García Bayón
Nesta fotografía atópanse Victoriano García Martí, Ramón Fernández Gil, Valle Inclán e Ramón Gasset, que posan observando o monumento megalítico.



Un documento que reflexa unha realidade que xa se foi, pero que non se foi de todo: as pedras permanecen coa mesma estrutura; Valle-Inclán tamén permanece e permanecerá sempre a través das súas obras. Dous monumentos petrificados, unha auténtica homenaxe á pétrea vontade galega. Somos de pedra e vimos da pedra consistente que formou a alma galega.

Valle-Inclán, impenitente iconoclasta, define a anta como un "triángulo sagrado", "como un ara de sacrificios humanos..." Unha muller que camiñaba por alí, diante da pregunta de si as pedras levaban moito tempo, responde: "Din que están aí desde antes de que viñera Deus ao mundo". Contestación galega que denota non só a importancia coa que os nosos paisanos consideraban estes monumentos, senón tamén a súa antigüidade, pois é anterior á presencia de Deus... Pero Valle-Inclán, coa súa sempiterna sorna e lucidez, e se cadra, etílica retranca, comenta co seu falar apodíctico e riguroso: "Exactísimo. La venida de Cristo fue eso. Superar por la caridad el mutuo y cruento sacrificio de los hombres. Y la lucha sigue en pie. Cristo y el anticristo..."

En fin, outro documento que ven a ampliar o horizonte megalítico galego nas súas múltiples facetas. Esta vez a través do esperpéntico mestre das flores marchtias e dos marqueses decadentes, católicos, feos e, sen dúbida, sentimentais. 

Como corolario, outro gráfico documento que amosa a unión de dous mundos, a reunión do clero diante dun dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. Diante dun monumento pagano, como recoñecendo a súa propia idiosincrasia e a  súa importancia como algo distinto e con identidade de seu, os curas, como modernos turistas, dan carta de natureza a esa outra natureza pagana.



Fotografía da páxina: http//riveira.eu/arquivos/date/2014/05
    


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!