Amosando publicacións coa etiqueta Ribeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ribeira. Amosar todas as publicacións

venres, 3 de outubro de 2014

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

Repasando as cousas de internet, curioseando polas súas miles de reviravoltas, pliegues, anfractuosidades e sinuosidades, atopei dúas novas moi interesantes, unha delas titulada "Barbanza. Diálogo de Valle en el Dolmen de Oleiros", firmada por Carlos García Bayón, e a outra titulada "Restan sombra al dolmen de Axeitos, en el que rugía Valle", nova firmada por Suso Souto.  Tempo despois,  a estas dúas novas, veuse sumar unha terceira, baixo o título, "Barbanza. Una tertulia en el dolmen de Axeitos".

Ademais das curiosas novas que se aportan nestas sucintas notas, o máis notable, para min, foi o descubrimento de dúas descoñecidas fotografías antigas que, a xeito de documento, amosan unha inédita vertente interpretativa de cara á visión que os nosos devanceiros máis ilustres, de branco e negro, tiñan ao redor das nosas maravillosas arcas de pedra.



 
Fotografía do xornal El Correo Gallego
    
Carlos García Bayón descubriu esta fotografía do feo, católico e sentimental Valle-Inclán, así como algún manuscrito no que se contan os acontecementos dunha tarde de paseo que o noso esperpéntico e universal excritor pasou cuns amigos admirando e elucubrando sobre a Anta de Axeitos.

Segundo Bayón, Vallé-Inclán era moi aficionado ás viaxes por Galicia e aos paseos polo Barbanza. Así, un día calquera, chegou ata a anta de Axeitos, de onde se conserva esta preciosa fotografía datada no ano 1923.

Parece ser que ese paseo foi contado por Gerardo Gasset (Señor da Torre das Xunqueiras, na Pobra), que é un dos presentes, e, ademais dalgunhas probables e fermosas anécdotas, Gasset relata, feito que xa sabemos, que nas cercanías había outras dúas pedras con gravuras de cervos e renos.


 
Fotografía de Carlos García Bayón
Nesta fotografía atópanse Victoriano García Martí, Ramón Fernández Gil, Valle Inclán e Ramón Gasset, que posan observando o monumento megalítico.



Un documento que reflexa unha realidade que xa se foi, pero que non se foi de todo: as pedras permanecen coa mesma estrutura; Valle-Inclán tamén permanece e permanecerá sempre a través das súas obras. Dous monumentos petrificados, unha auténtica homenaxe á pétrea vontade galega. Somos de pedra e vimos da pedra consistente que formou a alma galega.

Valle-Inclán, impenitente iconoclasta, define a anta como un "triángulo sagrado", "como un ara de sacrificios humanos..." Unha muller que camiñaba por alí, diante da pregunta de si as pedras levaban moito tempo, responde: "Din que están aí desde antes de que viñera Deus ao mundo". Contestación galega que denota non só a importancia coa que os nosos paisanos consideraban estes monumentos, senón tamén a súa antigüidade, pois é anterior á presencia de Deus... Pero Valle-Inclán, coa súa sempiterna sorna e lucidez, e se cadra, etílica retranca, comenta co seu falar apodíctico e riguroso: "Exactísimo. La venida de Cristo fue eso. Superar por la caridad el mutuo y cruento sacrificio de los hombres. Y la lucha sigue en pie. Cristo y el anticristo..."

En fin, outro documento que ven a ampliar o horizonte megalítico galego nas súas múltiples facetas. Esta vez a través do esperpéntico mestre das flores marchtias e dos marqueses decadentes, católicos, feos e, sen dúbida, sentimentais. 

Como corolario, outro gráfico documento que amosa a unión de dous mundos, a reunión do clero diante dun dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. Diante dun monumento pagano, como recoñecendo a súa propia idiosincrasia e a  súa importancia como algo distinto e con identidade de seu, os curas, como modernos turistas, dan carta de natureza a esa outra natureza pagana.



Fotografía da páxina: http//riveira.eu/arquivos/date/2014/05
    


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 12 de xuño de 2012

ANTA-DOLMEN A PEDRA DO MOURO. Axeitos, Santa María de Olveira, Ribeira.

ANTA-DOLMEN PEDRA DO MOURO. 

Para chegar. Debemos coller a estrada xeral que vai de Noia a Ribeira e desviarnos á dereita no lugar de Sobridos, con dirección a Corrubedo. A anta atópase a 2,1 qms, aproximadamente.

A mámoa na que se erixe a anta é de grandes dimensións aínda que está moi alterada, sobre todo polas accións antrópicas. A alteración é máis grave na parte norte na que se foi aplanando o terreo. Nas áreas do leste e do sur existe un acusado desnivel causado por unha antiga linde de fincas. No centro desta mámoa atópase a estrutura arquitetónica megalítica semienterrada. As medidas da mámoa van desde os 28 ms para o eixe NO-S ata os 32 ms para o eixe SO-N. A altura non  acada máis de 60 cms.



Planta segundo versión de Ramón Boga

Conserva restos da coiraza na zona norte da mámoa, no entorno da cámara, onde case non hai vexetación superficial. As pedras que afloran forman un grupo homoxéneo situado a un metro aproximandamente da tampa. Pola zona do sur poderemos ollar algunhas pedras do perfil deixado polo deslinde.

Na contorna houbo un gran penedo no que había gravados varios cápridos, que foi destruido na década de 1970 para construir a estrada. A laxe era coñecida polo nome de Pedra das Cabras.



Fotografía do petroglifo Laxe das Cabras.
A Anta de Axeitos pódese ver ao fondo.

En canto á estrutura arquitectónica, estamos diante dunha cámara poligonal con corredor posiblemente desenvolvido. A cámara alóngase no eixo transversal. Está composta por sete ortostatos e tres para o corredor. Seguramente o máis destacable é a súa singularidade tipolóxica. A pedra cobertora suxeitase só en tres puntos. Polo tamaño que se observa dos esteos e da mámoa, poderíamos deducir que aínda permanece enterrada unha boa parte disa estrutura arquitectónica.



Fotografía do ano 1995



Fotografía de Méndez no 2010.


O corredor atópase ben diferenciado da cámara tanto na planta como na altura e confórmase con tres esteos: un deles no lado dereito e dous no esquerdo.

En xeral, as dimensións dos chantos da cámara van desde os dous ms e corenta e catro cms na anchjura, un metro e oitenta cms de altura e sesenta cms de grosor a meirande, ata os corenta e dous cms de ancho e vintedous cms de grosor nos esteos do corredor. 



Fotografía de Ramón Boga.

Todos os esteos da cámara atópanse imbricados e o maior é considerado como a clave do conxunto, xa que o asentamento de todos os demáis supedítase a esta que forma a parede do sur. A pedra cobertora é única no Barbanza posto que se conserva na súa posición primitiva.

En dous dos esteos da cámara parece ser que hai un signo cruciforme e un signo vertical. Segundo Cuevillas e Bouza Brey as figuras son representacións antropomórficas moi estilizadas. O signo cruciforme componse de cabeza, mans e corpo; o signo vertical representa unha persoa camiñando. Brey e Cuevillas consiedran que poden pertencer ao Eneolítico.  E.A. Shee considera, pola contra, que as gravuras son recentes e non contemporaneas do monumento.



Fotografía de Ramón Boga.



Fotografía de Ramón Boga.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!



martes, 29 de maio de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE CRISTAL. Bretal, Santa María de Olveira, Ribeira.

PEDRAFITA-MENHIR DE CRISTAL. 


Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Para chegar. A fermosa pedrafita de Cristal atópase nese mesmo lugar, a un quilómetro despois de deixar o desvío de Axeitos con dirección ás Dunas e porto de Corrubedo, cerca da igrexa, no medio dun xardín particular.

Esta pedrafita foi descuberta a uns cen metros do seu emprazamento actual: estaba en posición horizontal, derrubada e enterrada ao redor de dous metros de profundidade e, segundo os seus descubridores, pretiño dela había outra pedra semellante pero máis pequena así como unha serie de pedras que formaban unha especie de cova disposta a xeito de círculo (unha cista?).



Fotografía realizada por Ramón Boga Moscoso, 1993.


A pedrafita amosa forma triangular apuntada cos lados asimétricos, un deles recto e o outro convexo. A sú lonxitude máxima acada os 2,50 ms. O grosor máximo é de 50 cms, presentando un pulido considerable en todas as caras. unha delas dispón de seis superficies rebaixadas e nove cazoliñas, mentres que nas outras só hai unha cazoliña en cadansúa.



Fotografía realizada por Ramón Boga Moscoso, 1993
.


A alternancia de superficies rebaixadas e cazoliñas é interpretada por Monteagudo dun xeito moi suxerente.  Mantén o ilustre profesor que poden interpretarse como cifras, a saber, si empezamos por arriba, podería lerse 13  (tres barras sobre a cazoliña), no medio 12 (dúas barras sobre a cazoliña) e, por último, 31 (unha barra sobre tres coviñas). O profesor indica que a disposición numéricamente descendente non pode ser casual nin simplemente ornamental, senón que obedece a unha intención matemática, e dicir, son números.



Fotografía realizada por Ramón Boga Moscoso, 1993
.



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!