viernes, 3 de octubre de 2014

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

Repasando as cousas de internet, curioseando polas súas miles de reviravoltas, pliegues, anfractuosidades e sinuosidades, atopei dúas novas moi interesantes, unha delas titulada "Barbanza. Diálogo de Valle en el Dolmen de Oleiros", firmada por Carlos García Bayón, e a outra titulada "Restan sombra al dolmen de Axeitos, en el que rugía Valle", nova firmada por Suso Souto.  Tempo despois,  a estas dúas novas, veuse sumar unha terceira, baixo o título, "Barbanza. Una tertulia en el dolmen de Axeitos".

Ademais das curiosas novas que se aportan nestas sucintas notas, o máis notable, para min, foi o descubrimento de dúas descoñecidas fotografías antigas que, a xeito de documento, amosan unha inédita vertente interpretativa de cara á visión que os nosos devanceiros máis ilustres, de branco e negro, tiñan ao redor das nosas maravillosas arcas de pedra.



 
Fotografía do xornal El Correo Gallego
    
Carlos García Bayón descubriu esta fotografía do feo, católico e sentimental Valle-Inclán, así como algún manuscrito no que se contan os acontecementos dunha tarde de paseo que o noso esperpéntico e universal excritor pasou cuns amigos admirando e elucubrando sobre a Anta de Axeitos.

Segundo Bayón, Vallé-Inclán era moi aficionado ás viaxes por Galicia e aos paseos polo Barbanza. Así, un día calquera, chegou ata a anta de Axeitos, de onde se conserva esta preciosa fotografía datada no ano 1923.

Parece ser que ese paseo foi contado por Gerardo Gasset (Señor da Torre das Xunqueiras, na Pobra), que é un dos presentes, e, ademais dalgunhas probables e fermosas anécdotas, Gasset relata, feito que xa sabemos, que nas cercanías había outras dúas pedras con gravuras de cervos e renos.


 
Fotografía de Carlos García Bayón
Nesta fotografía atópanse Victoriano García Martí, Ramón Fernández Gil, Valle Inclán e Ramón Gasset, que posan observando o monumento megalítico.



Un documento que reflexa unha realidade que xa se foi, pero que non se foi de todo: as pedras permanecen coa mesma estrutura; Valle-Inclán tamén permanece e permanecerá sempre a través das súas obras. Dous monumentos petrificados, unha auténtica homenaxe á pétrea vontade galega. Somos de pedra e vimos da pedra consistente que formou a alma galega.

Valle-Inclán, impenitente iconoclasta, define a anta como un "triángulo sagrado", "como un ara de sacrificios humanos..." Unha muller que camiñaba por alí, diante da pregunta de si as pedras levaban moito tempo, responde: "Din que están aí desde antes de que viñera Deus ao mundo". Contestación galega que denota non só a importancia coa que os nosos paisanos consideraban estes monumentos, senón tamén a súa antigüidade, pois é anterior á presencia de Deus... Pero Valle-Inclán, coa súa sempiterna sorna e lucidez, e se cadra, etílica retranca, comenta co seu falar apodíctico e riguroso: "Exactísimo. La venida de Cristo fue eso. Superar por la caridad el mutuo y cruento sacrificio de los hombres. Y la lucha sigue en pie. Cristo y el anticristo..."

En fin, outro documento que ven a ampliar o horizonte megalítico galego nas súas múltiples facetas. Esta vez a través do esperpéntico mestre das flores marchtias e dos marqueses decadentes, católicos, feos e, sen dúbida, sentimentais. 

Como corolario, outro gráfico documento que amosa a unión de dous mundos, a reunión do clero diante dun dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. Diante dun monumento pagano, como recoñecendo a súa propia idiosincrasia e a  súa importancia como algo distinto e con identidade de seu, os curas, como modernos turistas, dan carta de natureza a esa outra natureza pagana.



Fotografía da páxina: http//riveira.eu/arquivos/date/2014/05
    

No hay comentarios:

Publicar un comentario