venres, 22 de marzo de 2013

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. Pontevedra

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. 

Hoxe quero facer unha reflexión en voz alta, unha reflexión que xa hai tempo teño na cabeza pero que ata de agora non me vín con folgos para desenvolver, aínda que sexa dun xeito breve.

A admirable fotografía, como documento, destes tres círculos líticos da Serra da Grova, suxire reflexións que van mais alá das frías estatísticas da cencia arqueolóxica. Efectivamente, estamos diante de tres "curros" (para gardar o gando) coas súas correspondentes cabanas ou chozos. Ata hai poucos anos, como lle aconteceu ás nosas pedrafitas, foron completamente olvidados e incluso desconsiderados pola arqueoloxía oficial e académica galega. Seguramente non foi unha postura tendenciosa, senón que a carón destes elementos visibles non se atopaba ningún resto arqueolóxico que poidese contextualizalos. Sexa como sexa, o certo é que estes misteriosos elementos seguen aí, impertérritos, aguantando impasibles e hieráticos o paso do tempo.

Parece claro que oficialmente adoitanse adscribir a unha época crono-cultural medieval, sobre todo por aparecer profusamente documentada nos documentos medievais como "cousos" ou "curros vedros". Sen embargo este feito empírico non é óbice para consideralos como megalíticos, coa presumible mesma función de cercado para o gando. Tanto estes Curros da Groba como o xa estudado de Santo Tomé (no Valadouro) conservan poderosas pedras -tipo esteos dolménicos- que obedecen a unha talla neolítica, a mesma que nas antas.

Aínda que houbo e hai numerosos curros ao longo da xeografía galega, cada vez quedan menos debido á falta de proteción: moitas das súas poderosas pedras son levadas impunemente para o seu reaproveitamento.

Como ben mantén o amigo Pena Graña, estas mesmas construcións son consideradas monumentos megalíticos en toda a Europa Atlántica, -da que participamos e somos parte consustancial-, conservados, protexidos e estudados con profusión: normalmente estes curros, ademais, están asociados a necrópoles megalíticas e ás grandes pedrafitas que as conforman.

Os curros ou cousos presentan tamén funcións e tipoloxías variables e, nalgún caso, poderían cobixar algún tipo de enterramento. Poden ser circulares, elípticos ou incluso tendentes á forma poligonal. Outra curiosidade é que tamén encerran no seu interior cabanas que incluso (a modo de hipótese) poderían ser reaprovetamentos da época megalítica, o que demostraría a continuidade do seu uso e tamén a continuidade das nosas ancestrais tradicións.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


xoves, 21 de marzo de 2013

MÁMOA DO CRISTO DA FALADORA. Ortigueira

MÁMOA DO CRISTO DA FALADORA. 

Atópase moi preto das mámoas 33 e 34 seguindo a numeración que Federico Maciñeira realizou para a catalogación que realizou do Camiño dos Arrieiros, e forma parte da necrópole coñecido co nome de Forno dos Mouros. 

Trátase dunha mámoa de tamaño medio e no centro do funil de violación aséntase unha cruz de pizarra, monolítica, que atinxe os dous metros de altura.




Estamos diante do único cruceiro galego chantado sobre unha mámoa. A cruz atópase, sen dúbida, cristianizando o lugar, cristianizando unha necrópole megalítica que tamén é coñecida co nome de Cruz de Alvar González. Maciñeira mantén a hipótese de que talvez se trate dun dos chantos reaproveitados da cámara megaítica.

Pero, como cruz vencellada ao mítico Camiño dos Arrieiros, tamén se convertiu en fito sinalizador, recoñecible e doadamente visible: unha auténtica guía dos camiñantes.











En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DE AREOSA BLANCA.San Estevo de Sedes, Narón

PEDRAFITA-MENHIR DE AREOSA BLANCA.

Atópase ubicado á beira dunha mámoa no Monte do Seixo. Tanto para L. Monteagudo como para A. Pena Graña, trátase dunha pedrafita.

Mide algo mais dun metro e amosa a cara á vista perfectamente pulida. O aspecto é o dunha peza cilíndrica cos extremos redondeados.

Si estamos diante dunha pedrafita, entón estaría a xustificar ou cumprir un dos criterios plantexados por nós para a consideración disa cualidade megalítica: o estar chantada diante dunha necrópole como fito indicador do ámbito sagrado. A observación directa do cotexto poderíanos clarexar ou confirmar si a orografía se adapta ás condición previstas para este tipo de funcionalidade: cambio de vertente, camiño prehistórico, necrópole megalítica, etc.


Fotografía extraída de: André Pena Graña: "Unha parroquia con celtas reminiscencias na Terra de Trasancos. Sancta María Maior de O Val, Narón" Ed. Concello de Narón, 2006.

Mais información no blogue, onosopatrimonio de Xabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 20 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DE PORTONOVO. San Estevo de Sedes, Narón

PEDRAFITA-MENHIR DE PORTONOVO

Fermoso marco de termo que divide os concellos de Narón, Valdoviño e San Sadurniño. Acada mais dun metro de lonxitude e amosa a cara vista perfectamente pulida.

A información procede do historiador do Concello de Narón André Pena Graña e defíneo como un marco de término que conserva as pegadas do pé divino chamado técnicamente "plantae pedum". 

Atópase no Camiño de San Andrés de Teixido, moi preto da necrópole de Monte dos Nenos. Nunha das caras amosa a inscrición M3T.




Fotografía: André Pena Graña, "Unha parroquia con celtas reminiscencias na Terra de Trasancos. Sancta María Maior de O Val, Narón". Ed. Concello de Narón, 2004.


Como dicía antes, para André Pena Graña, o Marco de Portonovo ben puido ser oun esteo reaproveitado dunha anta. Unha análise moi acertada deste autor ártabro conclúe que unha das causas da desprotección e abandono destes senlleiros elementos débese ao abandono das labores agrícolas, á substitución dos antigos camiños por novas pistas, á alteración dos límites tradicionais..., de xeito que, ao deixar de  cumplir a súa función, fican abandonados e desprotexidos.

Máis información no blogue, onosopatrimonio de Sabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 19 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR-CRUCEIRO O CRISTO DE MOURAZ. Ortigueira, Mañón.

PEDRAFITA-MENHIR-CRUCEIRO O CRISTO DE MOURAZ

Por todo o universo máxico que representa o Cristo de Mouraz, non puiden reprimir a tentación de engadilo neste blog adicado a elementos megalíticos: polo topónimo mesmo, polos contos lexendarios, pola súa situación no medio dunha necrópole megalítica, pola súa ubicación nun cruzamento; en definitiva, pola súa adscripción mítica ao mítico Camiño dos Arrieiros..., ben merece ser considerado como unha moderna, ou non? pedrafita que xa forma parte do acerbo do noso imaxinario, non só importante para os veciños, senon para todos os galegos.




No Camiño dos Arrierios hai uns anos coñeceuse a nova do lamentable estado de abandono no que permanecía o Cristo de Mouraz, visible pedrafita-marco que unía ou separaba varias parroquias pertencentes a dous concellos. Hoxe en día atópase á beira dunha moderna área recreativa que escenifica a lenda dos catro curas: sen embargo o cruceiro-pedrafita permanece olvidade a uns cantos metros.

Probablemente a pedra do cruceiro fose extraida dalgunha das antas das contornas para labrar no esteo o cruceiro por cuio nome se coñece. Esta testemuña das nosas tradicións foi escavado e mutilado, quedando tan só un anaco que mide ao redor dun metro e vinte centímetros.

Ubícase preto da Pena Branca, no lugar onde parecen xuntarse os montes da Coriscada, Panda, Carabelote e Penagrande. Nese extrarordinario lugar atópanse os seus humildes restos nun cruzamento, formando parte da devandita necrópole megalítica.




Como dicía antes, servía e serva (a pesar da moderna recreación) de marco divisorio das parroquias de Devesas, Couzadoiro (Ortigueira), Grañas de Sor e Mañón (Mañón). Contan as lendas transmitidas durante xeneracións polos veciños das catro parroquias, que aos pés desta desarraigada pedrafita-marco-cruceiro, xuntábanse a xantar os catro curas sen sair da súa respectiva parroquia.



 
Por último e para rematar, concluir que xeneralmente estas cruces, profusamente chantadas ao longo do Camiño dos Arrieiros, deban vencellarse ao máxico universo dos camiños galegos: tanto sacralizaban elementos mais antigos ou pagáns, como protexían ao viaxeiro de múltiples males. Tamén era lugar de encontro dos peregrinos que se dirixían a San Andrés de Teixido cos que se dirixían a Santiago.





En Sigrás, súde, sorte e libros!!!


PEDRAFITA-MENHIR EN MÁMOAS. San Pedro de Ardemil, Ordes

PEDRAFITA-MENHIR EN MÁMOAS.

O lugar de Mámoas é un pequeno rueiro da parroquia ordense de Ardemil e está composto por catro ou cinco casas. Os veciños deste pequeno lugar non acordan nin saben de ningún elemento megalítico que poidera dar lugar a ese significativo topónimo.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

O lugar de Mámoas está enclavado en pleno Camiño Inglés ou de Faro, rota xacobea que une A Coruña con Santiago: todo este antigo roteiro está vencellado a túmulos megalíticos, castros, arquitectura tradicional e culta...

Pois ben, o único que recorda o seu pasado prehistórico é unha pequena pedrafita que se ergue pouco mais dun metro fronte a unha casa tradicional. Seguramente fixo, ao longo dos tempos, de piar do alpendre que flanqueaba a devandita casa.

Non sei si esta pedrafita é megalítica; sen embargo trátase do único elemento que recorda ese pasado prehistórico do período neolítico.


Fotografía de Ramón Boga Moscoso

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 14 de marzo de 2013

ANTAS-DÓLMENES DA NECRÓPOLE DE CHAN DA GORITA. San Pedro de Bordóns, Sanxenxo

ANTAS-DÓLMENES DA NECRÓPOLE DE CHAN DA GORITA.

Os Chans da Gorita atópanse a unha altitude duns douscentos cincoenta e sete metros. Nunha pequena chaira aséntase esta necrópole megalítica que se conforma mediante catro mámoas, aínda que posiblemente haia mais sen catalogar. 

As mámoas acadan unha lonxitude media no seu diámetro de entre vinte e trinta metros e non sobresaen mais de dous metros.

Case todas amosan profundos cráteres de violación e tamén presentan restos dos esteos que conformaron a sús estrutura arquitectónica.


Esteos conservados da anta Pedra Redonda



Versión debuxada dos esteos
dunha das antas do Chan da Gorita



Fotografía de Rafa Quintia.


Diversos esteos das antas do
 Chan da Gorita. Fotografía Rafa Quintia



Anta da Mámoa do Pezón



Mámoa do Petouto do Crego. Fotografía de Rafa Quintia



Mapa extraido de mapcarta






MAIS INFORMACIÓN:

andarela.blogaliza.org
onosopatrimonio.blogspot

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!