Amosando publicacións coa etiqueta O Rosal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Rosal. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de marzo de 2013

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. Pontevedra

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. 

Hoxe quero facer unha reflexión en voz alta, unha reflexión que xa hai tempo teño na cabeza pero que ata de agora non me vín con folgos para desenvolver, aínda que sexa dun xeito breve.

A admirable fotografía, como documento, destes tres círculos líticos da Serra da Grova, suxire reflexións que van mais alá das frías estatísticas da cencia arqueolóxica. Efectivamente, estamos diante de tres "curros" (para gardar o gando) coas súas correspondentes cabanas ou chozos. Ata hai poucos anos, como lle aconteceu ás nosas pedrafitas, foron completamente olvidados e incluso desconsiderados pola arqueoloxía oficial e académica galega. Seguramente non foi unha postura tendenciosa, senón que a carón destes elementos visibles non se atopaba ningún resto arqueolóxico que poidese contextualizalos. Sexa como sexa, o certo é que estes misteriosos elementos seguen aí, impertérritos, aguantando impasibles e hieráticos o paso do tempo.

Parece claro que oficialmente adoitanse adscribir a unha época crono-cultural medieval, sobre todo por aparecer profusamente documentada nos documentos medievais como "cousos" ou "curros vedros". Sen embargo este feito empírico non é óbice para consideralos como megalíticos, coa presumible mesma función de cercado para o gando. Tanto estes Curros da Groba como o xa estudado de Santo Tomé (no Valadouro) conservan poderosas pedras -tipo esteos dolménicos- que obedecen a unha talla neolítica, a mesma que nas antas.

Aínda que houbo e hai numerosos curros ao longo da xeografía galega, cada vez quedan menos debido á falta de proteción: moitas das súas poderosas pedras son levadas impunemente para o seu reaproveitamento.

Como ben mantén o amigo Pena Graña, estas mesmas construcións son consideradas monumentos megalíticos en toda a Europa Atlántica, -da que participamos e somos parte consustancial-, conservados, protexidos e estudados con profusión: normalmente estes curros, ademais, están asociados a necrópoles megalíticas e ás grandes pedrafitas que as conforman.

Os curros ou cousos presentan tamén funcións e tipoloxías variables e, nalgún caso, poderían cobixar algún tipo de enterramento. Poden ser circulares, elípticos ou incluso tendentes á forma poligonal. Outra curiosidade é que tamén encerran no seu interior cabanas que incluso (a modo de hipótese) poderían ser reaprovetamentos da época megalítica, o que demostraría a continuidade do seu uso e tamén a continuidade das nosas ancestrais tradicións.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


venres, 8 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO. O Rosal-Baiona

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO

Atópase nun lugar indetermindado das estribacións -polo sul- da Serra da Grova, impoñente macizo montesío do sul da provincia de Pontevedra.

Atopei esta única imaxe na pax. web amigosdelciclismo.com do ano 1998, polo que o único que podo dicir deste posible elemento megalítico é o que se pode deducir a través da fotografía.

Na devandita paxina web infórmase de que se trata dun marco divisorio e que se ubica nun cruzamento. Non especifica si divide parroquias ou concellos nin si está no contexto dunha necrópole megalítica.



Fotografía de Juan M. Villa


Sexa como sexa, trátase dunha gran pedra fincada no chan que mide mais dun metro de altura. A forma é rectangular e parece que está moi ben labrada e incluso pulida. A parte da esquerda é lixeiramente cóncava, e a da dereita é mais crebada e un pouco convexa. Na cima, unha parte é recta e a outra é un curuto que sobresae. Por último, se nos fixamos ben, cara á media altura, semella que hai tres cazoliñas colocadas no senso vertical.



Fotografía de Juan M. Villa


O evocador topónimo "Pedra do Acordo" repítese por ista bisbarra e lévanos á consideración de lugar de encontro, de solución de problemas e agravios..., en definitiva de acordos.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!