Amosando publicacións coa etiqueta medorra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta medorra. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de xaneiro de 2026

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. Santa María de Vicinte, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS


"Nunca moriría por mis creencias porque podría estar equivocado."

Bertrand Russell


 Debuxo de Moncho Boga, 2024
.

Desde Vicinte pódese chegar en automóbil e os últimos cen metros non queda mais remedio que achegarse camiñando. O acceso é bastante complicado polo que se se dispón de XPS será moito mais doado chegar. 



Anta Forno dos Mouros no ano 1989.
Fotografía de Núñez Jato.

Retorno ás terras do marabilloso Concello de Outeiro de Rei para completar a información da Anta Forno dos Mouros que considero ficou inconclusa na entrada que lle adiquei no contexto da Terra Cha o 28 de xuño de 2012. Por iso volto ao noso agarimoso oeste. Debo recoñecer que lle teño unha especial querencia aos concellos de Outeiro de Rei e Friol.



Forno dos Mouros no ano 2017.

No ano 1997 esta fermosa anta non estaba catalogada, malia ser coñecida e publicada na Revista Croa: Núñez Jato e Laura Roríguez documentárana nunha prospeción realizada no ano 1989. Os resultados resumidos desta prospeción foron publicados no ano 1995 nun artigo da revista Croa (Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga). Finalmente foi catalogada, grazas a insistencia do multifacético investigador Xabier Moure diante das autoridades competentes.



Vista da mámoa no ano 2017

Atópase no Lugar de Ínsua, na parroquia de Vicinte e emprázase nunha aba de suave pendente, e toda a zona aparece moteada con vexetación autóctona: as repoboacións de eucaliptos van gañando terreo lamentablemente. Polo de agora esta repoboación non afecta directamente ao xacemento arqueolóxico.



A Anta Forno dos Mouros no ano 2017.

Trátase dunha mámoa-medorra ou túmulo de forma obvia e taxativamente hemiesférica moi achanzada e dicir, non está a conservar moita altura (ao redor dun metro); sen embargo o seu diámetro sobrepasa os catorce metros no eixo norte-sul e os dezaseis metros no eixo leste-oeste. A mámoa, en apariencia, atópase en bo estado de conservación. 



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

Tampouco se observan a simple vista alteracións significaticas (antrópicas e/ou naturais) da anta con respecto ao estudo de Núñez Jato: un cono ou funil de violación que se abre no lado do sul e mide aproximadamente uns catro metros de diámetro.



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

No centro da mámoa erixese a estrutura arquitectónica ou anta, único espécimen con pedra cobertora ou tampa no Concello de Outeiro de Rei. Esta cámara megalítica desenvólvese estruturalmente por medio de catro esteos que soportan unha tampa ou pedra cobertora que mide uns dous metros de lonxitude. Tamén se poden ollar diversas outras pedras ou esteos: algunha podería formar parte dun hipotético corredor de entrada. A tampa atópase lixeiramente inclinada, movida da súa posición orixinal,  na direción do sueste. Núñez Jato descubriu, entrevistando aos veciños, que esa inclinación da tampa debeuse a que no ano 1940, ao construirse unha casa no lugar de Ínsua, os canteiros ían empregala como material de obra. Afortunadamente rexeitaron a gran pedra debido a que era demasiado dura para o seu uso construtivo.



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

Nas súas pescudas Núñez Jato relata que o dono da finca estivolle a contar que o cura párroco de Vicinte, acompañado de varios homes da bisbarra, escarbaron na zona do corredor de entrada, supoño que na busca dos sempiternos e inexistentes tesouros.

Estou seguro que voltarei a estas fantásticas terras luguesas, que voltarei para describir novos monumentos megalíticos; novos achádegos que inexcusablemente pasarán a formar parte do meu particular espíritu coleccionista, coleccionista mental das elementais cousas de antes.


En Sigrás, sin saber que nos deparará o futuro, 2026.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES E BIBLIOGRAFÍA NECESARIAS 

Juan F. Jato Núñez-Laura Rodríguez Varela: "Arqueoloxía en Outeiro de Rei: Mámoas e outros restos" Revista Croa, Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, 1995.

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmen-forno-dos-mouros.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://www.facebook.com/GustameOuteiroDeRei/posts/forno-dos-mouros-o-%C3%BAnico-con-tampa-cobertoira-de-todo-outeiro-de-rei-cerca-de-a-/265051187563950/

xoves, 24 de maio de 2012

NECRÓPOLE MEGALÍTICA DAS MÁMOAS DO MONTEIRÓN. Gándaras de Narla, Friol

MEDORRAS DO MONTEIRÓN. 

ÍNDICE

1.-MÁMOA  GA27020123.
2.-MÁMOA  GA2702128.
3.-MÁMOA GA27020134.

Esta necrópole está composta por 17 mámoas e hai uns anos fíxose unha ruta arqueolóxica perfectamente sinalada, para o que, ademáis, limpáronse e sinaláronse a meirande parte delas.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Nesta pequena información imos incluir só dúas das mámoas desta necrópole pola súas extraordinarias dimensións, talvez as máis grandes de Galicia. Engadimos unha terceira por que conserva uns poucos restos pétreos.


MÁMOA  GA27020123

Atópase nas Gándaras de Narla, na parroquia de San Pedro de Narla.

Ubícase nunha zona chaira e baixa próxima ao curso do río Narla, no comezo dunha dorsal que ascente cara á zona máis alta. 



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Trátase dunha mámoa de enormes dimensións na que non se aprecian elementos de cámara nin de coiraza. A mámoa amosa un bo estado de conservación en xeral. Hai uns anos que se lle fixo unha roza talvez vencellada ao roteiro arqueolóxico. Pola zona norte transcorre unha pista con dirección L-O que seguramente altera parte da mámoa. Na cima presenta dous funís de violación claramente diferenciados.

As dimensións son as seguintes: 55 ms de diámetro e unha altura duns catro ms. O cono de violación ten unha profundidade dun metro e douscentos cms aproximadamente.


MÁMOA GA2702128

Estamos diante doutra enorme mámoa cun diámetro N-S de 79 por 74 ms no eixe L-O. Tamén conserva unha boa altura, aínda que pola proporción parece bastante rebaixada. Non se aprecian restos nin de cámara nin da coiraza.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

A mámoa semella pouco alterada a pesar das intensas labouras agrícolas: hoxe atópase no medio dunha gran leira adicada a pradeira. Seguramente viuse moi reducida en diámetro e en altura por estas causas. O funil de violación atópase moi colmatado, de xeito que presenta unha apariencia chaira.


MÁMOA GA27020134

Atópase no lugar de Monte Queimado/Vilapedre, na parroquia de San Pedro de Narla.

Aínda que a mámoa é de pequenas dimensións en comparación coa maioría das desta necrópole, o interesante é que apareceron dúas  pezas que poden ser os restos da estrutura arquitectónica da cámara: un destes esteos amosa tres cazoletas e o outro un rebaixe continuado.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

UNHA LENDA SOBRE UNHA MEDORNA DE MONTEIRÓN.

Un veciño que vivía nos aledaños dunha das mámoas da necrópole de Monteirón, decatouse que unha das súas cochas sempre desaparecía durante o día e retornaba á corte coas últimas horas de luz. O bo home, intrigado, decidiu seguir ao animal para clarexar o misterio das desaparicións. Foi así que un día armouse de paciencia e cando a cocha saiu da corte o home procedeu a seguila: a súa paciencia tivo éxito posto que a cocha, ignorante de que a seguían, dirixiuse cara á medorna e introduciuse polo furado que tiña no máis alto cara ao interior. No último instante o perseguedor conseguiu agarrar ao animal polo rabo e tirou con todas as súas forzas para que o bicho non se perdese no interior da medorna. Estaba nesas cando oiu unha voz que saía do fondo da mámoa: a voz dicía que si deixaba quedar a cocha, sería moi ben recompensado. A enorme recompensa consistía, segundo a voz, en levar un saco cheo de carbóns para a súa casa. O noso paisano aceptou o trato e cargou co saco ao lombo. Sen embargo, o camiño que levaba á súa casa era costaneiro e o saco pesaba cada vez máis, de xeito que o noso protagonista, enfadado, decidiu tirar o saco e, como xa se estaba a facer de noite, seguiu ata a casa coa idea de voltar ao día seguinte a pola cocha, arrepentido de aceptar o trato. Ao deitarse na cama comprobou que un dos carbóns  coláraselle polo lombo abaixo: a súa sorpresa foi grande cando comprobou que o carbón transformárase en ouro. Voltou rápidamente ao lugar onde tirara o saco cheo de carbón, pero lamentablemente desaparecera. Da cocha, xa nin falamos.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!