Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Montes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Montes. Amosar todas as publicacións

venres, 28 de decembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO VENTO. Cerdedo-Cotobade

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DO VENTO OU PEDRAFITA DO SEIXO. 

"El último paso de la razón consiste en reconocer que hay infinidad de cosas que la rebasan. Es más bien débil si no llega a comprenderlo.

Pues si las cosas naturales la rebasan, ¿qué se dirá de las sobrenaturales?"

BLAISE PASCAL: Obras. Pensamientos. Provinciales. Escritos científicos. Opúsculos y cartas". Ediciones ALFAGUARA, Madrid 1981.

Para chegar: hai que coller a estrada N-541 (Pontevedra-O Carballiño) para dirixirse a Cerdedo, á altura do quilómetro 63,5. Unha vez en Cerdedo, hai que ir pola estrada que sinala Pesqueiras. Baixando cara ao fondo do val, apareceran uns carteis que indican a dirección do parque eólico, cara ao alto.

O Monte do Seixo, "Montaña Máxica" segundo excelente publicación de Carlos Solla, atópase na Serra do Cando, a unha altitude media duns 900 ms, onde se xuntan os concellos pontevedreses de Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade.



Fotografía de: https://metropolitano.gal/wp-content/uploads/2022/08/marco-vento-seixo.jpg


Trátase dun lugar onde se agrupan os mitos de cidades asolagadas nas tres lagoas que noutrora existiran de Xestido (foron desecadas durante o franquismo), camiños primitivos tamén hoxe desaparecidos (grazas ao parque eólico), as poderosas e intimidantes rochas co nome de Portalén ou Porta do Alén... Campo de mámoas, campo de morte, necrópole megalítica. Ritos atávicos que sobreviviron á carón do culto cristianizado de Santa Mariña. Toda a área atópase intímamente cinguida a ritos de fertilidade, encantamentos, acontecementos prodixiosos, etc. Trátase, a xuizo de Solla, dun auténtico Santuario, dun auténtico omphalos, dun centro do mundo mítico, e todo iso nun espazo que case non sobrepasa os 15 qms cadrados.

Segundo Carlos solla, no ano 2010, na carta arqueolóxica de Cerdedo había rexistradas 8 PEDRAFITAS e 3 ALIÑAMENTOS.

A pedrafita Marco do vento atópase a uns 100 ms de Portalén, e si estamos a falar dunha pedrafita prehistórica, estaríamos sen dúbida diante da máis poderosas e/ou colosais da nosa terra, posto  que acada unha altura de ao redor de seis metros.

Investigando por aquí e por alí, aínda non sei ben a que  elemento se lle chama Marco do Vento: si á poderosa pedrafita cilíndrica da que amoso fotografías ou a que Quintiá considera como hipótese un marco divisorio de época romana, e dicir, aquel que separaría o Convento Lucense do Bracarense.



Fotografía extraída de
:https://mapio.net/pic/p-60269073/?utm_content=cmp-true


Este corazón mítico da montaña máxica dise que é o lugar no que están a confluir todos os ventos e, polo tanto, todas as forzas do universo. 



BIBLIOGRAFÍA

Calros Solla: "Monte do Seixo: o santuario perdido dos Celtas". 2021



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 14 de novembro de 2012

PEDRAFITAS-MENHIRES DA PORTELIÑA DE TOMONDE. Santa Mariña de Tomonde, Cerdedo-Cotobade.

PEDRAFITAS-MENHIRES DA PORTELIÑA DE TOMONDE.

Son coñecidos tamén co nome de "Os Santiños de Tomonde" e trátase de dous curiosos e raros menhires de dificil encadre dentro da tipoloxía xeral das pedrafitas galegas. Si efectivamente se adscriben crono-culturalmente ao megalitismo, estaríamos diante dalgún dos casos máis raros de elementos megalíticos no ámbito europeo. Pódese dicir que son pedrafitas "vivas", en continuo movemento, cambio: poden alongar o seu tamaño en virtude das necesidades. Tamén hai que dicir que non se precisa o seu traslado para os ritos de fecundación.



Pedrafita de Tomonde femia. Fotografía de Fernández de la Cigoña, ver bibl.

Atópanse moi preto (a uns setecentos metros) da igrexa parroquial de Santa Mariña de Tomonde, nas ladeiras do Monte da Porteliña. O seu lugar de ubicación é unha gran laxe de forma case circular e moi lisa.

Da parella de pedrafitas, unha é considerada a femia e outro o macho, condición absolutamente necesaria para que o rito sexa efectivo. O macho ten forma de cilindro e mide case dous metros, e componse por moitas pedras colocadas unhas enriba das outras. A femia non é tan alta e amosa figura xeral de cono: a súa altura é de un metro e corenta centímetros. Sen embargo hai que dicir que as medidas son variables, posto que unhas veces engádenselle pedras e outras sácanse en función das necesidades de auga ou de sol. 

Á parte de ser indespensables nas rogativas de choiva ou sol, os santiños tamén teñen a propiedade de evitar as chispas ou os raios...



Os Santiños de Tomonde, femia e macho. Fotografía de Fernández de la Cigoña.


BIBLIOGRAFÍA

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.