Amosando publicacións coa etiqueta Cerdedo-Cotobade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cerdedo-Cotobade. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de setembro de 2013

ANTAS-DÓLMENES DO CHAN DE BESADA E DO COTO DA MINA. Cerdedo-Cotobade.

ANTAS-DÓLMENES DO CHAN DE BESADA E DO COTO DA MINA. 

As mámoas do Coto da Mina e do Chan da Besada foron localizadas por Ángel Concheiro no transcurso da prospección realizada no ano 2008 no Concello de Cotobade.

Atópanse, segundo Concheiro, nunha paraxe moi fermosa, moi preto tamén do "foxo do lobo do Monte Castelo" e dos gravados rupestres dos Carreiros e o Campiño das Pías, que describe combinacións circulares.

A Mámoa do Chan da Besada atópase mesmo enriba da braña do mesmo nome; as mámoas do Coto da Mina atópanse no alto do outeiro. Pola súa beira serpenteaba a corredoira ou camiño tradicional que levaba á feira de Cuspedriños, roteiro ignoto de arrieiros e feirantes.


ANTA-DOLMEN DO CHAN DE BESADA. Lugar de Paraños, San Miguel de Carballedo.

Trátase dunha mámoa bastante alterada debido ao total abandono e aos traballos agrícolas e forestais. A mámoa atópase ubicada sobre un cativo outeiro que se sitúa na braña da Chan da Besada. As súas dimensións apenas sobrepasan os nove metros nos eixos máis longos e para a altura non sobresae máis dos oitenta centímetros.





ANTA-DOLMEN DO COTO DA MINA 1. Lugar de Paraños, San Miguel de Carballedo. 

Estamos diante dunha mámoa en bastante bo estado de conservación, aínda que tamén lle afectan negativamente os traballos agrícolas e forestais.

Trátase dunha espléndida mámoa con características monumentais.  Amosa unha extraordinaria visivilidade sobre a contorna inmediata, a saber, sobre a Chan da Besada, pero tamén a longa distancia: pódese albiscar desde aí a ría de Pontevedra. As dimensións nos seus eixos son de vinte por vinte metros e a altura máxima é dun metro e oitenta centímetros. No interior ábrese un gran funil de violación con forma ovalada. Obsérvanse restos da coiraza pétrea de recubrimento.





ANTA-DOLMEN DO COTO DA MINA 2. Lugar de Paraños, San Miguel de Carballedo.

Trátase dunha mámoa moi alterada debido sobre todo aos traballos agrícolas e forestais. Amosa unha medidas de oito metros e medio por oito con dez  e uns corenta centímetros de altura máxima. Tamén amosa restos da coiraza pétrea do recubrimento e no funil de violación central sobresaen dous esteos. A masa tumular atópase en moi mal estado.





Tanto a información sobre estas mámoas como as fotografías fóronme proporcionadas polo arqueólogo Ángel Concheiro.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 14 de novembro de 2012

PEDRAFITAS-MENHIRES DA PORTELIÑA DE TOMONDE. Santa Mariña de Tomonde, Cerdedo-Cotobade.

PEDRAFITAS-MENHIRES DA PORTELIÑA DE TOMONDE.

Son coñecidos tamén co nome de "Os Santiños de Tomonde" e trátase de dous curiosos e raros menhires de dificil encadre dentro da tipoloxía xeral das pedrafitas galegas. Si efectivamente se adscriben crono-culturalmente ao megalitismo, estaríamos diante dalgún dos casos máis raros de elementos megalíticos no ámbito europeo. Pódese dicir que son pedrafitas "vivas", en continuo movemento, cambio: poden alongar o seu tamaño en virtude das necesidades. Tamén hai que dicir que non se precisa o seu traslado para os ritos de fecundación.



Pedrafita de Tomonde femia. Fotografía de Fernández de la Cigoña, ver bibl.

Atópanse moi preto (a uns setecentos metros) da igrexa parroquial de Santa Mariña de Tomonde, nas ladeiras do Monte da Porteliña. O seu lugar de ubicación é unha gran laxe de forma case circular e moi lisa.

Da parella de pedrafitas, unha é considerada a femia e outro o macho, condición absolutamente necesaria para que o rito sexa efectivo. O macho ten forma de cilindro e mide case dous metros, e componse por moitas pedras colocadas unhas enriba das outras. A femia non é tan alta e amosa figura xeral de cono: a súa altura é de un metro e corenta centímetros. Sen embargo hai que dicir que as medidas son variables, posto que unhas veces engádenselle pedras e outras sácanse en función das necesidades de auga ou de sol. 

Á parte de ser indespensables nas rogativas de choiva ou sol, os santiños tamén teñen a propiedade de evitar as chispas ou os raios...



Os Santiños de Tomonde, femia e macho. Fotografía de Fernández de la Cigoña.


BIBLIOGRAFÍA

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.

venres, 9 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO CAMPO DO MARCO. Santo Tomé de Quireza, Cerdedo-Cotobade.

PEDRAFITA-MENHIR DO CAMPO DO MARCO.

Trátase dun marco demarcatorio ou de temo que separa os concellos de Cerdedo e Campo Lameiro. Lamentamos no poder dicir nada máis desta preciosa pedrafita, salvo as indicacións de Alberte Alonso sinalando que se pode considerar das pedrafitas tipolóxicamente adscritas ás de observatorios astronómicos. Ten forma alombada por unha das caras e a sección parece cadrangular: A cara convexa aparece moi pulida e a cóncava está menos traballada.



Fotografía de Alberte Alonso Fernández


Os estudos de Alberte Alonso confirmaros os equinoccios de primavera e de outono, o 21 de marzo e o 22 de setembro respectivamente. A pedrafita atópase ubicada in situ.



Fotografía de Alberte Alonso Fernández


O lugar no que se asenta denomínase Campo do Marco en Quireza e está chantada a uns poucos metros dunha mámoa, dun camiño primitivo, dun manancial de auga e nunha pequena zona achairada preto do nacemento do Rego do Batán, todos eles criterios de emprazamento das pedrafitas galegas.




ENLACES

Blog: catalogaciondepedrafitas
Blog: onosopatrimonio de Xabier Moure

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 19 de xullo de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DA FONTIÑA OU CARBALLO DARXEL. San Miguel de Carballedo, Cerdedo-Cotobade.

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DA FONTIÑA OU CARBALLO DARXEL.

Extraordinaria pedrafita ubicada no Concello de Cotobade e dada a coñecer por X. Alberte Alonso Fernández para a comunidade cientítica. Debo a este autor tanto o préstamo das fotografías orixinais que aquí presento como a facilitación dos textos froito das súas minuciosas investigacións. A amigo Alberte ten máis mérito si cabe debido á casi inexistencia de traballos que exploren o carácter astronómico das nosas pedrafitas. Sen dúbida estamos diante dun precursor destacado en canto ao coñecemento do aspecto astronómico  do pouco coñecido mundo das pedrafitas galegas.

Atópase no lugar de Carbalo Darxel, onde conflúen as parroquias de Santiago de Viascón e San Miguel de Carballedo, non mmoi lonxe do lugar de Cuspedriños: trátase orográficamente dunha chaira con suave pendente á beira dun primitivo cruzamento. Na área aledaña aparece o manancial que da orixe ao regueiro do Foxo. O contexto arqueolóxico é importante pola existencia de mámoas, petróglifos, castros... A pedrafita está colocada no seu lugar orixinal, in situ.

O que aquí vou amosar, ante a imposibilidade de contemplar in situ esta pedrafita, é un resumo dos concienzudos traballos de Alberte Alonso.

Para chegar. A pedrafita do Coto da Fontiña atópase a uns vinte quilómetros da cidade de Pontevedra, indo pola estrada de Ourense. Está ubicada nun cortalume moi preto da devandita estrada. Por un camiño próximo pódese chegar en coche ata uns setenta metros de distancia da pedrafita.



Fotografía de X. Alberte Alonso Fernández, 2005

A pedrafita amosa, pola cara do oeste, unhas concavidades que poden ser cazoliñas, no ángulo inferior esquerdo. A altura da pedrafita nesta cara acada un metro e corenta centímetros, e a sección rectangular. Na parte superior aparece un rebaixe con forma redondeada: probablemente é unha instalación para medir o tempo e así coñecer a chegada dun ciclo climático ou dunha estación. Nesa fendedura, a xuizo de Alonso, na parte superior, evidénciase a efectividade do posicionamento astronómico no solsticio de verán, "aliñamento solar comprobado in situ no solpor do día 21 de xuño de 2005".


Fotografía de X. Alberte Alonso Fernández, 2005

Na cara do leste a pedrafita, marco de termo entre as parroquias de Carballedo, Viascón, e San Xurxo de Sacos, podemos ver a precisión do posicionamento solar sobre a fendedura da croa da pedrafita, xustamente cumprindo a súa función anual de testemuñar e verificar o solpor desta data como cambio a unha nova estación.



Esquema elaborado por X. Alberte Alonso Fernández: aliñamento do posicionamento solar que coincide coa posición do sol, e dicir, coa chegada do solsticio do verán (observación realizada o 21 de xuño de 2005).

Como conclusión o noso amigo asevera que non hai outra data en todo o ano na que o sol  cadre coa Pedrafita como o fai no solsticio de verán. Por iso débese encadrar dentro da tipoloxía das pedrafitas de observación astronómica.



Fotografía de X. Alberte Alonso Fernández, 2005

NOTA: As fotografías foron realizadas por X. Alberte Alonso, que tivo a xentileza de enviarmas (cando aínda andabamos co formato analóxico).


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!