Pedrafita-menhir de Brañas de Lagorzos. San Cosme de Cusanca, O Irixo
Hai algo pouco menos dun mes púxenme en contacto con Xabier Moure (blog o noso patrimonio) para pedirlle información sobre unha posible pedrafita que aparece no seu antedito blog. Hoxe, 25 de decembro de 2012 recibín un correo electrónico con fotografías e información sobre esta posible pedrafita.
Debo agradecer a Xabier o envío destas preciosas fotografías e asi mesmo recordarlle que tanto toda a información megaliteira da que dispoño como as fotografías que gardo desde hai anos atópanse á súa enteira disposición.
A pedrafita de Brañas de Lagorzos atópase ubicada impertérrita á beira da estrada local que leva desde O Irixo a Castro Dozón e parece ser que fai de marco de termo ou delimitador das provincias de Ourense e Pontevedra.
Mide ao redor de un metro e cincoenta centímetros de altura e na cara do oeste aparece gravada unha cruz de adscrición cronolóxica moi difícil de determinar; na cara do leste unha cruz moi fermosa das do tipo pometeada, a xuizo de Moure. Tamén amosa gravadas a D de Dozón na cara do norde e a I de O Irixo na cara do sul. Nas proximidades hai algunha estación megalítica.
Segundo o amigo Xabier Moure, polo menos pódense albiscar dúas coviñas, que, ao noso xuizo, poden ser un indicio bastante solvente da súa adscrición prehistórica.
Fotografías e información proporcionadas por Xabier Moure. Blog onosopatrimonio |
No hay comentarios:
Publicar un comentario