domingo, 7 de decembro de 2025

PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín.

PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ

RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. 


"La razón humana tiene, en una especie de sus conocimientos, el destino particular de verse acosada por cuestiones que no puede apartar, pues le son propuestas por la naturaleza de la razón misma, pero a las que tampoco puede contestar, porque superan las facultades de la razón humana."

I. Kant: "Crítica de la Razón Pura"



Debuxos e panel de Moncho Boga, 2025.

INTRODUCIÓN XERAL

O Concello de Verín anunciaba, en febreiro de 2022, unha reordenación dos recursos turísticos do contorno natural do Pozo do Demo, feito no que estaba implicado con absoluto entusiasmo o amigo megaliteiro de Verín Rafa Castro. Pois ben, desde aquila, nada de nada, para disgusto do amigo descubridor deste tremendo itinerario pedrafiteiro e para disgusto meu tamén.



Vista da garganta do Pozo do Demo.

Anunciábanse naquel ano actuacións cunha perspectiva "revolucionaria": a implementación dun Museo Natural ao aire libre que sería visitable por medio da realización de seis roteiros temáticos. Entre esas rutas, que abarcaban una amplo espectro do patrimonio natural e cultural, atopábase a recuperación das pedrafitas descubertas por Rafa, das pedrafitas da Baixada de San Xosé. Sería un roteiro que deambularía por entre pedrafitas e petróglifos: un paradigmático roteiro sagrado da prehistoria, probablemente único.


Vista da garganta do Pozo do Demo.

Dese xeito, segundo o Plan Director do Pozo do Demo (ao que aludían nas novas de toda a prensa), a concreción dese Plan suporía por en valor un "megarrecurso turístico, unha zona dun potencial que ven delimitada pola súa riqueza natural."


Fraga do Pendón.

O aproveitamento, como recurso turístico, centraríase no contorno do Pozo do Demo, na chamada Baixada de San Xosé (un auténtico camiño prehistórico, entrada natural á Meseta) e no Rego das Quintas: cachón, campo megalítico, castelo medieval, castro, xacemento romano...



Unha das Pedrafitas da contorna do Pozo do Demo.

A intención das autoridades municipais era convertelo nun recurso turístico para a previsible chegada de ¡cen mil visitantes ao ano!. O reclamo, por suposto, era o xigantesco "museo natural" ao aire libre, e así disfrutar dunha "das paisaxes de maior beleza da provincia, un balcón ao Val de Monterrei."



Petróglifo das Quintas. Foto, La Región.

Un total de seis rutas, accesibles, temáticas, por área de interese xeolóxico, megalítico, romano, medieval, flora e fauna e historia do evento de 1909.

O roteiro megalítico engadiría megálitos e petróglifos da Baixada de San Xosé. Posiblemente o nome da ruta sería "Ruta das Pedrafitas e Petróglifos da Baixada de San Xosé".


Escavacións na Villa romana de O Bouzadoiro.

Pero desde o ano 2022 até hoxe (2025) non voltei  saber nada dese ambicioso e interesante proxecto. E falei con Rafa Castro: o devandito proxecto probablemente quedou acochado nun caixón, reducido ás estancias do esquecemento. E no esquecemento tamagano quedaron tamén as nosas pedrafitas...


Nestes outeiros localizaron os restos do Castelo de Cabreira.

Nesta introdución, neste pequeno limiar, onde estou a estruturar unha senda, ruta, roteiro que só existirá na miña imaxinación, vou tentar ordear os poucos coñecementos que fun acopiando paseniñamente ao redor desta máxica e ancestral área do universo, tan imaxinario como real, arqueolóxico e etnográfico galego.


Ruta PRG do Pozo do Demo.
Extraído do blogue estavivobajoelcieloazul.blogspot.com

Tamén quero deixar constancia que nos últimos anos a Terra de Verín-Monterrei amósase como unha das grandes áreas megalíticas de Galicia, sendo a Baixada de San Xosé a de maior concentración de pedrafitas-menhires nunha zona tan reducida espacialmente. Si a esto lle engadimos a gran cantidade de petróglifos que flanquean este camiño máxico, atopámonos sen ningún tipo de dúbida, diante dun camiño ritual, dun camiño de importancia real e simbólica para os homes do neolítico e referentes para as xentes da bisbarra até épocas históricas.



Regueiro das Quintas. Foto wilkiloc.


Metodolóxicamente o traballo de Rafa Castro parte da hipótese  seguinte: a consideración significativa de todos os elementos con relación práctica, histórica e/ou simbólica. O contexto e a interrelación destes elementos pode aportar unha compresión significativa global.



Castro da Baixada de San Xosé. De wilkiloc.


O ancestral Camiño da Baixada de Xan Xosé comunica os lugares de A Veiga das Méás (Concello de Vilardevós) e Cabreiroá (Verín). Trátase dun sinuoso trazado que serpentea a través dun acusado desnivel. O topónimo "Baixada de San Xosé" probablemente se debe  á enorme  cantidade de petróglifos do do tipo "coviña" que van xalonando todo o camiño: segundo a lenda as coviñas son a marca que deixou o "caxato  de San Xosé" cando deambulaba por estes lugares na compaña da Virxe e do Neno  para fuxír da furia asasina de Herodes.



Sinalización, foto de wilkiloc.

O Camiño está a conservar as rodeiras-sucos perforados no transcurso dos séculos por carros: esa pervivencia foi truncada por unha desafortunada actuación do Concello de Verín (2013) provocando danos irreparables. Nas beiras deste Camiño Rafa Castro atopou varias posibles (e mais que probables) pedrafitas de gran tamaño, tiradas no chan, e algunhas delas decoradas con petróglifos tipo cazoliñas ou coviñas hemiesféricas.  O Camiño da acceso á Igresiña dos Mouros e á porta sur dese Castro. Neste Camiño desemboca o Camiño de Malpaso, preto do posible emprazamento do mítico Castelo de Capraria.



Imaxe de Mapcarta

Rafa Castro sistematizou e nomeou as oito pedrafita-menhires da Baixada de San Xosé a través de letras e números que están a seguir unha dirección lóxica ao longo do prehistórico camiño. Son as seguintes:


1. Pedrafita A1. Amosa, segundo Alberte Alonso, trazos fálicos e atópase entre as parroquias de San Pedro de Osoño (Concello de Vilardebós) e San Salvador de Cabreiroá (Concello de Verín).


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

 -Coordenadas da pedrafita A1: Lat 41º 54´ 92,30´´ N Lon 7º 24´ 31,2´´ O 580 m.s.n.m


2. Pedrafita A2.  Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás. Na clasificación de Alberte Alonso encádranse na tipoloxía de "pedrafitas con outras funcións" e dicir, que poden ter varias das que se consideran ou ben algunha outra función descoñecida.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

 -Coordenadas da Pedrafita A2: Lat 41º 55´0,99´´ N Lon 7º 24´ 2,87´´ O 549 m.s.n.m.


3. Pedrafita A3. 
Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A3: Lat 41º 55´0,93´´ N Lon 7º 24´ 4,39´´ O 436 m.s.n.m.


4. Pedrafita A4. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita A4: Lat 41º 54´9,47´´ N Lon 7º 24´ 4,01´´ O 591 m.s.n.m.


5. Pedrafita A5. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita A5: Lat 41º 54´9,89´´ N Lon 7º 24´4,48´´ O 671 m.s.n.m.


6. Pedrafita A6. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A6: Lat 41º 55´0,93´´ N Lon 7º 24´4,39´´ O 582 m.s.n.m.


7. Pedrafita B1. Pedrafita con características fálicas, segundo a clasificación de Alberte Alonso. Atópase entre as parroquias de San Pedro de Osoño (Concello de Vilardebós) e San Salvador de Cabreiroá (Concello de Verín).



Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita B1: Lat 41º 54´ 92,10´´ N Lon 7º 24´ 31,9´´ O 580 m.s.n.m


8. Pedrafita B2. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita B2: Lat 41º 54´9,39´´ N Lon 7º 24´3,31´´ O 670 m.s.n.m.


A ruta completarase con outras dúas pedrafitas e un posible círculo lítico que se atopan no contorno imnediato da Baixada de San Xosé, nas increíbles paisaxes do Pozo do Demo. Son a Pedrafita da Fraga Grande e o Toco das Cabras.


9. Pedrafita Toco das Cabras. 

10. Pedrafita da Fraga Grande.

11. Posible Círculo Lítico nunha das terrazas do Castro da Baixada ou Viña de San Xosé.


Todas as conclusións e/ou liñas principais de investigación desta entrada, así como a inxente recolleita de dados, a analise morfolóxica e as interpretacións, foron extraídas do inxente traballo elaborado polo incombustible investigador tamaguiano Rafa Castro, logo de moitas horas de laborioso e meticuloso traballo de campo polas abruptas terras do Val de Monterrei, polas reviradas costas do Pozo de Demo, polas empinadas rutas da Baixada de San Xosé, polas envexables paraxes da parroquia de Cabreiroá, no Concello de Verín. O espléndido traballo, inédito, de Rafa Castro, títúlase "Novas exploracións no Contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes". Toda esa intensa actividade, plasmada nese fabuloso traballo, foi realizada entre os anos 2013 e 2015.



Ruta Pozo do Demo, en wilkiloc

Para rematar coa introdución, gostaríame facelo coas palabras do meu amigo megaliteiro Alberte Alonso, extraídas do seu blogue catalogacióndepedrafitasdegalicia a saber, "...dende o cumio do Pozo do Demo, área moi posiblemente sacralizada e posteiormente transformada, por medio da conversión ao cristianismo, esnaquizando lugares de culto tradicionais, ou aplicanda a obliteración, demonizando aos deuses indíxenas, ou criminalizando como bruxaría prácticas relixiosas ancestrais, onde é probable unha secuencia ocupacional dende o neolítico ata o medievo, pódese atopar o rexistro arqueolóxico de períodos e tipoloxías diferentes: círculos líticos, pedrafitas, trilitos, pedras abaladoiras, petróglifos, lagares rupestres, pías, castros, necrópole, así como o folclore ligado ao rexistro antropolóxico e etnográfico da área."


En Sigrás, nun día húmido e chuvioso do Nadal de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES QUE NON SE PODEN ESQUECER

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

martes, 14 de outubro de 2025

ANTA-DOLMEN DA PREGACIÓN. San Cibrao da Pregación, Friol.

ANTA-DOLMEN DA PREGACIÓN

"Los hombres han sido siempre, en política, víctimas necias del engaño ajeno y propio. Lo seguirán siendo mientras no aprendan a descubrir, detrás de todas las frases y promesas, los intereses de una u otra clase."

Guillermo de Ockham



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A verdade é que sempre é un acotecemento atopar novos elementos megalíticos no Concello de Friol: un territorio onde hai catalogadas mais de trescentas mámoas (así como unhas cen que foron destruídas nos últimos anos) das que moitas delas aínda amosan restos da estrutura arquitectónica ou anta. Coma sempre, viaxo polas ondas misteirosas e perigosas de internet, cómodo, pero sen a felicidade que aporta a viaxe e o atopar estes insignes exemplares da nosa mais fonda tradición arqueolóxica...



Fotografía de Xabier Moure.

Para achegarnos ata alí, debemos sair de Friol e colle a estrada LU-231. E aínda que a  anta atópase á beira da estrada o acceso é relativamente compricado, polo que empregar o XPS é convinte, por non dicir absolutamente necesario. A mámoa atópase completamente cuberta de monte baixo, predominando o toxo.

Pois ben, aquí estou novamente, neste fermoso concello, diante dunha mámoa de tamaño medio tirando a grande que acada os vinte metros de diámetro. Como adoita ser habitual, no centro, na croa da mámoa, aparece o sempiterno funil de saqueo vandálico, talvez froito daquiles primeiros buscadores de tesouros que, no século XVII, con autorización real, esnaquizaron unha inxente cantidade de mámoas por todo o territorio galego. Vázquez de Orxas foi un dos pioneiros desta ultraxe megalítica.



Fotografía de Xabier Moure.

Vázquez de Orxas era un fidalgo do Couto de Recimil de Parga e, como dicía, acadou autorización do Rei para buscar tesouros no interior das cámaras: calcúlase que nas xurisdicións de San Paio de Narla, Lugo e Friol esnaquizaron ao redor de catrocentas mámoas na busca dos tesouros inexistentes.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

No interior da mámoa, no interior do cono de violación, acubíllanse os restos do que foi a estrutura arquitectónica ou anta: a planta describe unha cámara das da tipoloxía poligonal e conserva seis esteos chantados noo chan verticalmente. Alguns deses chantos atópanse lixeiramente removidos da súa posición orixinal. Dicía cámara poligonal: tamén amosa parte dun corredor de acceso conformado por varios esteos.

Parece que a anta atópabase cuberta, como ven sendo habitual e necesario, por varias pedras cobertoras que indubidablemente foron destruídas ou ben reaproveitadas noutras construcións.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

Probablemente a anta de San Cibrao de Pregación é un das mais grandes do concello de Friol pois acada unha lonxitude duns catros metros. Apostillar tamén, que as antas con corredor non son as que mais abondan nas terras de Lugo.

Esta mámoa coa súa anta foi redescubera polo Colectivo Patrimonio dos Ancares, con Xabier Moure á cabeza, grazas ás investigacións de J. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, quenes fixeros unha inxente laboura de localización de mámoas nos concellos de Lugo, Outeiro de Rei e Friol.


En Sigrás, nas vísperas de algo do mes de setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES IMPORTANTES E NECESARIOS

https://lugoxornal.gal/medioambiente-patrimonio/11189-atopan-un-gran-dolmen-en-friol-de-4-000-anos-de-antiguidade/

https://megaliticia.blogspot.com/2019/06/dolmen-de-san-cibrao-da-pregacion.html

https://historiadegalicia.gal/2019/06/atopado-un-gran-enterramento-megalitico-con-corredor-en-friol/


xoves, 9 de outubro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DE FORMIGUEIROS. Santiago de Formigueiros, Samos.

PEDRAFITA-MENHIR DE FORMIGUEIROS


"El poder de la palabra en relación con los asuntos del alma está en la misma relación del poder de los medicamentos en relación con los asuntos del cuerpo."

Gorgias de Leontinos


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Unha pedrafita coñecida desde hai tempo a través de diversas publicacións e recuperada para a bibliografía das ondas por Alberte Alonso e outros. As fotografías son de Tomé Martínez e, por suposto, tampouco sei nin a localización exacta nin fixen ningunha incursión na súa busca. Coñezo a zona, coñezo a Necrópole de Santa Mariña, as antas da Serra do Édramo e o Castro de Formigueiros, impresionante xacemento arqueolóxico castrexo celta que debería figurar entre os castros de obrigada visita para os amantes da arqueoloxía.


A presente pedrafita atópase no Concello de Samos, pero é probable que funcionase durante séculos como marco de termo, marco demarcatorio entre os concellos de O Incio (Santa Cristina de Viso), Sarria (San Martiño de Loureiro) e Samos (Santiago de Formigueiros).


Fotografía de Tomé Martínez.

Sen coñecer o seu lugar de emprazamento previsiblemente pouco se podería dicir desta tremenda pedrafita. Sen embargo, o contexto arqueolóxico e etnográfico pódennos falar de moitas  cousas sen necesidade de acudir ao lugar.


Ruta polo Monte de Santa Mariña e Serra do Édramo.

O contexto inmediato sitúa a pedrafita entre a Necrópole de Santa Mariña (composta por mais de trinta mámoas) e a necrópole do Édramo, zonas de penechaira con amplo dominio visual sobre o territorio. E dicir, visibilidade do enclave que pode vencellarse directamente ao papel da pedrafita como complemento indicador da necrópole. Esa visibilidade da necrópole de Santa Mariña, unida inextricablemente coa elevada mobilidade dos grupos humáns neolíticos para potenciar o seu protagonismo na paisaxe durante os desprazamentos polos camiños. O papel dos túmulos megalíticos, en consecuencia, como configuradores da paisaxe pode ser explicado tendo en conta que tamén poideron servir como elementos demarcadores do territorio.


Fotografía de Tomé Martínez.

O topónimo Formigueiros, (tamén Castro de Formigueiros ou a parroquia de Santiago de Formigueiros) resulta sorprendente (información de Dolores González de la Peña no seu blogue arqueotopanimia) que se use na Bretaña Francesa o término "turumel" para referirse aos túmulos megalíticos e tamén "formigueiros". Doblemente curioso, afirma Dolores: en Galicia, nalgunhas zonas, as mámoas denomínanse "formigueiros". Aquí non só as mámoas, senon tamén a propia pedrafita.


Monte de Santa Mariña e Serra do Édramo.

Na mesma zona atópase a Pedra do Tempo: posible esteo dunha anta que era empregado tradicionalmente para tentar influir nas condicións climáticas, feito necesario diante do desenvolvemento caprichoso dos elementos. Era unha pedra móbil: erguiase para que fixese bo tempo e acostábase para que chovera.


Pedra do Tempo. Fotografía extraída do bloge onosopatrimonio.blogspot.com
A autoría é de Almagro e Gorbea, 2022.

Non sei nada das medidas e a forma semella tendente a sección cadrangular,  mais picuda na punta. Atópase medio deitada nunha paisaxe que corresponde coa típica zona achairada do horizonte tumular galego.

ALGO MAIS QUE VISITAR NA TERRA DE SARRIA

Si por casualidade atopades a Pedrafita de Formigueiros e aínde tedes tempo de percorrer esas agarimosas terras, non deixedes de visitar tanto a Necrópole de Santa Mariña (BIC), a Necrópole do Édramo como, por suposto, o impresionante Castro de Formigueiros.


Castro de Formigueiros.


Unha das antas da necrópole do Édramo.
Fotografía de Cándido Rico.

En Sigrás, coa constancia do  alboroto, no ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Formigueiros

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/44759/2013/06/necropole-megalitica-de-santa-marina/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-incio/2010/03/25/tesoros-serra-do-edramo/0003_8377614.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/serras-de-santa-marina-e-de-o-edramo-o-incio-14378068

https://ourense-natural.es/calvos/mamoasstamarina.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosagro/agricultura/2013/11/20/piedra-milagrosa-llover-salir-sol/0003_201311M20C4991.htm

https://ca.pinterest.com/pin/356910339198463524/


luns, 6 de outubro de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA 4 DE VILALDAR. Santiago de Miraz, Friol.

ANTA-DOLMEN MÁMOA 4 DE VILALDAR



"Es evidente que existe la verdad. Porque el que niega que existe la verdad, conoce que la verdad existe. Si, pues, no existe la verdad, es verdad que la verdad no existe."

Tomás de Aquino


Debuxo de Moncho Boga, 2024

E sigo polas feraces e a veces montaraces terras de Friol onde as enormes pradeiras se misturan sen solución de continuidade con espléndidas carballeiras e soutos; algunha mancha desfai esta idílica imaxe a saber, as repoboacións de eucaliptos que van gañando terreo paseniñamente.


Fotografía de Xabier Moure, 2018.

Para chegar á necrópole de Vilaldar, hai que chegar á parroquia de Miraz e desde aí hai que ir camiñando. Non é necesario dicir que o acceso non é moi doado e polo tanto recoméndase encarecidamente empregar o ubicuo XPS. O estado de conservación das mámoas que conforman esta necrópole deixa bastante que desexar e podemos calificalo de regular. As mámoas están cubertas de maleza onde predomina o toxo. Nas dúas mámoas que imos engadir ao catálogo deste blogue faltan moitos dos esteos da cámara froito sen dúbida dos reaproveitamentos da veciñanza, dos antigos furtivos e posiblemente dos profanadores actuais. Atópanse xusto á beira do Camiño Norte a Santiago de Compostela.


Fotografía de megaliticia.blogspot.com

A mámoa da que nos imos ocupar hoxe está catalogada co número catro, amosa o correspondente funil de saqueo e é a mais grande de toda a necrópole. Mide no diámetro mais longo os trinta metros e sobresae en altura uns dous metros. O funil de violación reflicte o menesteroso traballo dos piratas furtivos e buscadores de tesouros antigos: acada unhas medidas que van desde os quince metros ata os dez.

Pola superficie da mámoa pódense apreciar diversas pedras que probablemente formaban parte da coiraza pétrea. Segundo lle contaron a Xabier Moure (Carlos Pena, da Comunidade de Montes de Miraz) non hai tantos anos que a cámara se estaba a conservar completa: cámara, corredor e pedra cobertora ou tampa. As pedras, segundo as súas pescudas, foron reempregadas en diversas construcións da veciñanza.


Esteo decorado. Fotografía de megaliticia.blogspot.com

Hoxe en día podemos contemplar os restos da cámara que se cifran en tres esteos, aparentemente na súa posición orixinal, e algúns outros que se conservan ben esnaquizados polo contorno. Posuía corredor desenvolvido e aínda se pode contemplar o esteo de peche do devandito corredor na súa posición orixinal. 


Fotografía de Xabier Moure, 2018.

O único chanto da cámara que está probablemente completo ten, aínda así, pola parte exterior, as pegadas das feridas dos canteiros en forma dos buratos das cuñas que se empregaban para partir as pedras. Pola parte interna, abaixo, aparecen unha xeira de gravuras que debuxan formas onduladas ou serpentiformes así como outras de difícil interpretación posto que case non se aprecian. Constitúen un tipo de ornamentación (que cada vez adoita ser mais frecuente nas antas galegas) que se pode vencellar cos ritos da fertilidade ou incluso coa inmortalidade (ondas e serpes).

A situación á beira do Camiño Norte de Santiago corrobora a relación íntima das necrópoles megalíticas coas rutas de tránsito antigas, cos camiños prehistóricos.

En Sigrás, setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/necropole-monte-vilaldar-25105413

https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/lugo/friol/2018/05/08/unha-necropole-friol-ten-unhas-formas-pouco-conecidas-galicia/0003_201805L8C7993.htm

https://historiadegalicia.gal/2018/07/atopan-excepcionais-gravados-nun-dolmen-de-friol-que-relacionan-con-ondas-ou-serpes/

venres, 3 de outubro de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA 3 DE VILALDAR. Santiago de Miraz, Friol.

ANTA-DOLMEN MÁMOA 3 DE VILALDAR



"El pasado no puede cambiarse, pero podemos aprender de él para construir un mejor futuro."

Nicolás Malebranche


Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A necrópole composta de seis mámoas no Monte Vilaldar, só conserva algúns restos das súas cámaras megalíticas en dúas delas, o resto aparece co seu correspondente burato de violación e, polo momento, non apareceron restos das devanditas cámaras ou antas.


Fotografía megaliticia.blogspot.com

Para chegar á necrópole de Vilaldar, hai que chegar á parroquia de Miraz e desde aí débese ir camiñando. Non é necesario dicir que o acceso non é moi doado e polo tanto recoméndase encarecidamente empregar o ubicuo XPS. O estado de conservación das mámoas que conforman esta necrópole deixa bastante que desexar e podemos calificalo de regular. As mámoas están cubertas de maleza onde predomina o toxo, o monte baixo. Nas dúas mámoas que imos engadir ao catálogo deste blogue faltan moitos dos esteos da cámara froito sen dúbida dos reaproveitamentos da veciñanza, dos antigos furtivos e posiblemente dos profanadores actuais. Atópanse xusto á beira do Camiño Norte a Santiago de Compostela.


Fotografía megaliticia.blogspot.com

Semella unha mámoa de dimensións medianas e na croa, onde está o burato de saqueo, asoman dous pequenos esteos moi esnaquizados. Polos arredores inmediatos na aba da mámoa aparecen algunhas pedras que forman parte da coiraza pétrea. É o que queda da estrutura arquitectónica megalítica. 

En Sigrás, no noveno mes de 2015.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://megaliticia.blogspot.com/2018/03/necropole-do-monte-vilaldar.html

xoves, 2 de outubro de 2025

ANTA-DOLMEN DA COSTA DE MERA 2. Santiago de Guldriz, Friol.

ANTA-DOLMEN DA COSTA DE MERA 2


"El Sol, con todas las cosas que le pertenecen, puede ser considerado como un solo ser, una sola cosa, una sola substancia."

Johannes Kepler


Debuxo Moncho Boga 2025.

Desde Friol si queremos podemos ir en automóbil e logo camiñar ao redor dun quilómetro. Chegar á anta é complicado e recoméndase empregar o XPS. O estado de conservación é regular. Trátase dun conxunto de catro mámoas das que só unha está a conservar restos da cámara megalítica. Dous dos esteos aparecen gravados, un cun motivo de cruces e o outro co que semella un sol.

A anta e a necrópole da Costa de Mera están hoxe sinalizadas, bastante limpas e cun panel ou mesa informativa, o que supón unha agradable sorpresa. 


Planta da Mámoa 2 da Costa de Mera a partir 
da Mesa informativa.

A necrópole magalítica da Costa de Mera argállase  a través de catro mámoas e no contorno aparece unha cativa agrupación ou panel de petróglifos. Emprázase nun lugar elevado da aba a case seiscentos metros de altitude, o que permite a visibilidade de longo alcance. Este feito pode explicar o porqué da elección do emprazamento.



Fotografía de Xabier Moure.

Esta para min nova anta foi redescuberta por Xabier Moure e Brais Rodríguez, incansables investigadores, trotamundos do noso territorio. Pentencentes ao Colectivo Patrimonio dos Ancares, localizaron tamén un gravado na Anta 2 da Costa de Mera. Este gravado, considerado único, o descríben composto  de catorce liñas radiais que parten dun círculo a xeito mais que probable dunha representación do sol. A tremenda gravura atópase na parte inferior dun dos chantos que permanecen da estrutura arquitectónica megalítica.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

A anta foi descuberta e documentada a finais da década de 1980 polo tan mentado neste blogue Juan F. Núñez Jato. Tamén foi visitado polos amigos César Parcero e Carlos Otero Vilariño, arqueólogos e amigos do INCIPIT.



Esteo con soliforme, versión a partir da Mesa informativa.

Para Xabier Moure esta representación do sol non da lugar a interpretacións: a gravura non admite dúbidas en canto á figura que quixeron representar os construtores da anta engadindo, como feito case apodíctico, que o debuxo gravado atópase orientado ao leste, á saída do sol.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

A Anta da Costa de Mera 2 forma parte dunha necrópole composta por catro mámoas. A mámoa 2 acada un diámetro de trinta e catro metros e dous metros de altura, polo que se pode considerar de tamaño grande dentro da tipoloxía das mámoas galegas. Está a conservar actualmente sete chantos da estrutura arquitectónica ou anta e non hai pegada algunha da tampa ou pedra cobertora. A mámoa na que se insire amosa evidencias de diferentes etapas e características, así como o omnipresente funil de saqueo que pode proceder de épocas históricas.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

Tamén ten razón o compañeiro Moure cando incide na necesidade de protexer o inxente patrimonio megalítico do Concello de Friol, onde se conservan ao redor de trescentas mámoas, algunhas entre as mais grandes de Galicia.


En Sigrás, nos derradeiros días de setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ESTUPENDOS ENLACES

https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/friol/2021/05/25/descubren-grabado-unico-galicia-dolmen-friol/00031621943333420560551.htm?

fbclid=IwAR2KkGqZ_PyVsu8B3tmTxW0tlGoBEmhegJkjH8SHRnNSA6It0gd-DJCzb3A

https://roteirosadegalugo.wordpress.com/2023/01/02/roteiro-mamoas-e-petroglifos-custodiando-os-nosos-ancestros/

https://megaliticia.blogspot.com/2021/03/Mamoas-Costa-de-Mera.html

https://www.elprogreso.es/gl/articulo/comarca-lugo/achan-sol-gravado-dolmen-friol-que-pode-ser-unico-galicia/202105261616181505037.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/friol/2022/01/17/atopan-dous-xacementos-arqueologicos-friol/00031642437511856468493.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/mamoas-de-costa-de-mera