ANTA-DOLMEN MÁMOA 4 DE VILALDAR
"Es evidente que existe la verdad. Porque el que niega que existe la verdad, conoce que la verdad existe. Si, pues, no existe la verdad, es verdad que la verdad no existe."
Tomás de Aquino
Debuxo de Moncho Boga, 2024 |
E sigo polas feraces e a veces montaraces terras de Friol onde as enormes pradeiras se misturan sen solución de continuidade con espléndidas carballeiras e soutos; algunha mancha desfai esta idílica imaxe a saber, as repoboacións de eucaliptos que van gañando terreo paseniñamente.
Para chegar á necrópole de Vilaldar, hai que chegar á parroquia de Miraz e desde aí hai que ir camiñando. Non é necesario dicir que o acceso non é moi doado e polo tanto recoméndase encarecidamente empregar o ubicuo XPS. O estado de conservación das mámoas que conforman esta necrópole deixa bastante que desexar e podemos calificalo de regular. As mámoas están cubertas de maleza onde predomina o toxo. Nas dúas mámoas que imos engadir ao catálogo deste blogue faltan moitos dos esteos da cámara froito sen dúbida dos reaproveitamentos da veciñanza, dos antigos furtivos e posiblemente dos profanadores actuais. Atópanse xusto á beira do Camiño Norte a Santiago de Compostela.
A mámoa da que nos imos ocupar hoxe está catalogada co número catro, amosa o correspondente funil de saqueo e é a mais grande de toda a necrópole. Mide no diámetro mais longo os trinta metros e sobresae en altura uns dous metros. O funil de violación reflicte o menesteroso traballo dos piratas furtivos e buscadores de tesouros antigos: acada unhas medidas que van desde os quince metros ata os dez.
Pola superficie da mámoa pódense apreciar diversas pedras que probablemente formaban parte da coiraza pétrea. Segundo lle contaron a Xabier Moure (Carlos Pena, da Comunidade de Montes de Miraz) non hai tantos anos que a cámara se estaba a conservar completa: cámara, corredor e pedra cobertora ou tampa. As pedras, segundo as súas pescudas, foron reempregadas en diversas construcións da veciñanza.
Esteo decorado. Fotografía de megaliticia.blogspot.com |
O único chanto da cámara que está probablemente completo ten, aínda así, pola parte exterior, as pegadas das feridas dos canteiros en forma dos buratos das cuñas que se empregaban para partir as pedras. Pola parte interna, abaixo, aparecen unha xeira de gravuras que debuxan formas onduladas ou serpentiformes así como outras de difícil interpretación posto que case non se aprecian. Constitúen un tipo de ornamentación (que cada vez adoita ser mais frecuente nas antas galegas) que se pode vencellar cos ritos da fertilidade ou incluso coa inmortalidade (ondas e serpes).
A situación á beira do Camiño Norte de Santiago corrobora a relación íntima das necrópoles megalíticas coas rutas de tránsito antigas, cos camiños prehistóricos.
En Sigrás, setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACES
https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/necropole-monte-vilaldar-25105413
https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/lugo/friol/2018/05/08/unha-necropole-friol-ten-unhas-formas-pouco-conecidas-galicia/0003_201805L8C7993.htm
https://historiadegalicia.gal/2018/07/atopan-excepcionais-gravados-nun-dolmen-de-friol-que-relacionan-con-ondas-ou-serpes/
Ningún comentario:
Publicar un comentario