mércores, 12 de marzo de 2014

Alberte Alonso publica "O uso das pedrafitas no Neolítico Galego"

"O USO DAS PEDRAFITAS NO NEOLÍTICO GALEGO" por Alberte Alonso.

Os megaliteiros en xeral e os pedrafiteiros en particular estamos de noraboa. Este venres presentarase na Galería de Sargadelos de Pontevedra o libro de Alberte Alonso "O uso das pedrafitas no Neolítico Galego".

Non teño o pracer de coñecer presoalmente a Alonso: non obstante coñezo a súa voz posto que estamos en permanente contacto intelectual desde hai xa unha morea de anos. Boa parte das pedrafitas que amoso no meu blogue fóronme descubertas por Alberte que tamén me enviou as fotografías correspondentes así como unha que outra descrición xeral das pedrafitas.




Aínda non teño o pracer de coñecer este novo traballo de Alberte, pero estou absolutamente seguro de que aportará sustanciais coñecemntos e abrirá novas prespectivas sobre ese descoñecido mundo das pedrafitas galegas.

O misterio da presenza das pedrafitas en Galicia garda moitas sorpresas e ofrecerá, por medio do meticuloso traballo de Alberte, coñecemento, un coñecemento sempre fecundo.

En suma, os megaliteiros galegos estamos de noraboa. 




Nota: o libro está editado por SAGA, Sociedade Antropolóxica Galega.

mércores, 5 de marzo de 2014

ANTA-DOLMEN DA MINA DAQUELA BANDA. San Martiño de Carantoña, Vimianzo

ANTA-DOLMEN DA MINA DAQUELA BANDA.

Esta gran anta (tipo cista) publicada na páxina patrimoniogalego.net por Manuel Rial, atópase na parroquia soneirense de Carantoña.




Está inserida nun pinar e os tres esteos que compoñen a súa estrutura arquitectónica semellan posuir unhas boas dimensións. Precisamente as tres pedras que parecen conservarse forman unha planta rectangular, o que permite deducir que a anta pode adscribirse crono-culturalmente aos monumento tipo cista da Idade do Bronce. En Galicia hai varios exemplos deste tipo de enterramentos pero ningún deles foi obxecto de intervención arqueolóxica algunha que permita demostrar estas aseveracións que xa son un clásico nas conclusións da arqueoloxía galega.

Segundo Manuel Rial, a pedra cobertora atópase nos arredores da cista e a estrutura tumular na que se insire a cista aparece en bastante bo estado.



Fotografías e información de Manuel Rial

martes, 25 de febreiro de 2014

ANTA-DOLMEN DA LEIRA RAPADA. San Xoán de Vilatán, O Saviñao.

ANTA-DOLMEN DA LEIRA RAPADA.

Na Voz de Galicia do día de hoxe, 25 de febreiro, apareceu, na edición comarcal de Lemos, a noticia do descubrimento dunha nova anta en Galicia, aínda sen catalogar. A noticia está firmada por Francisco Albo  que sinala que o novo elemento megalítico foi atopado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo a quen llo enseñou un veciño do lugar. Este exemplar estaba sen catalogar e tamén era inédito ata estes intres.




O dolmen atópase no medio dunha carballeira que se coñece co nome de Leira da Rapada, na parroquia de San Xoán de Vilatán. Segundo as fotografías que publica La Voz de Galicia, a vetusta anta aparece perfectamente sintonizada coa carballeira e a vexetación da contorna, ofrecendo unha imaxe bucólica da harmoniosa convivencia entre unha obra humana e a vexetación autóctona.

A anta, que podemos denominar "da Leira da Rapada", atópase ubicada nunha área de pouca pendente e, segundo a noticia, non semella que estivera a sofrir importantes alteracións tanto na estrutura arquitectónica como na estrutura tumular.

A mámoa na que se insire a anta non sobresae máis dun metro e oitenta centímetros e os esteos da cámara acadan unha media de catro metros e medio. Tamén está a conservar a tampa ou pedra cobertora. Un dos esteos da cámara é un afroramento natural que foi reaprobeitado como soporte da Tampa, caso escepcional dentro do megalitismo galego.





Esta última acada na súa lonxitude máis longa os catro metros e trinta centímetros e de media no grosor uns oitenta centímetros.

Como curiosidade, débese sinalar que na parte superior da pedra cobertora aparece gravado un petroglifo: trátase dunha gravura que debuxa unha especie de cazoliña central enmarcada por dous círculos concéntricos, feito tamén escepcional e inédito no universi do neolítico en Galicia.

Finalmente o arqueólogo Iván Álvarez puido documentar que a anta  adoitábase utilizar como refuxio para resgardarse da choiva.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


UN ENLACE

http://www.lavozdegalicia.es/lemos/

xoves, 7 de novembro de 2013

ANTA-DOLMEN MADORRO DE MONTOUCIDO. Cospeito, Lugo.

ANTA-DOLMEN MADORRO DE MONTOUCIDO.

Investigando por ises incomprensibles mundos virtuais, atopei nun blogue que se denomina elarqueologoimpaciente, a fotografía dos restos dunha cámara e mámoa no concello lugués de Cospeito.

Trátase dunha aparente mámoa de tamaño medio  que amosa no centro o recurrente funil de violación. Nunha beira, segundo a fotografía, sobresaen dous esteos  de considerable tamaño de cuarzo branco: de altura poden acadar máis de setenta centímetros.








Fotos do blogue elarqueologoimpaciente.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

CÍRCULO LÍTICO DE CASTROTIÓN. Castrotión, Santo Estevo de Oca. A Estrada-

CÍRCULO LÍTICO DE CASTROTIÓN. 

Estes días pasados chegoume un interesantísimo correo de Xabier Moure referente ao Círculo Lítico de Castrotión en Oca. Como ben me comentaba Xabier, as primeiras novas ao redor deste Círculo foron publicadas por Barros Silvelo no ano 1875 e, posteriormente, case uns cen anos despois, por Filgueira Valverde e García Alén na súa monumental obre "Inventario de monumentos megalíticos na provincia de Pontevedra". Diante da posibilidade de que aínda quedasen en pé algúns dos esteos deste círculo á beira dunha desaparecida capela, Moure acerouse polo lugar o día 2 de novembro de 2013 para confirmar a pervivencia do mítico Círculo. 




Os restos que aínda permanecen, efectivamente, atópanse cerca do Centro de Saúde de Oca.

Así, Moure confirmou que ao redor dos restos da Capela (na parte dianteira e na parte traseira) estanse a conservar unha ducia de pedrafitas, seis en cada fronte. Sobresaen do chan entre 50 e 75 centímetros. Polas outras dúas frotnes da capela xa non hai ninguna pedrafita debido seguramente á condtrución dun muro e dun colexio. 




Segundo Xabier non podemos saber si están na disposición orixinal e, ademais, segundo de pode corroborar polas fotografías, están chantadas seguindo unha distribución lineal, ou sexa, que paprecen debuxar un aliñamento.




Fotografías de Xabier Moure, onosopatrimonio.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 1 de outubro de 2013

PEDRAFITA-MENHIR EN MOURA. Cabanas, Nogueira de Ramuín. Ourense.

PEDRAFITA-MENHIR EN MOURA. 

Con motivo da publicación da última entrada (Pedra Longa) o amigo Xabier Moure recolleu o testemuño da miña petición e achegouse á necrópole de Moura na busca desa probable pedrafita.


                                       


Xabier buscou polo miúdo e finalmente atopou outra tamén posible pedrafita nos aledaños da necrópole de Moura. Efectivamente, esta posible pedrafita, unha "rara avis" dentro do horizonte megalítico, atópase moi preto da necrópole de Moura. Segundo Xabier, a pedrafita está inclinada ao redor de 60º e mide máis de tres metros de altura. Na parte baixa acada un metro de diámetro e uns cincuenta centímetros na parte superior. Entre ambas as dúas partes a pedrafita diminúe drásticamente, conferíndolle a forma dun "peón de xadrez". A xuizo de Xabier, aínda que esa forma podería ser froito da erosión, presenta, sen embargo, nunha das caras unha gran cazoliña circular de feitura artificial, así como outras varias que se poden apreciar na parte inferior.


                          


En definitiva, a fermosa necrópole de Moura non deixa de arroxar sorpresas, ofrecéndonos unha imaxe única de singularidade, o que nos leva a manifestar que estamos sen ningunha dúbida diante dunha das paraxes megalíticas máis impresionantes do País Galego.




Información e fotografía proporcionadas por Xabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!