Amosando publicacións coa etiqueta Rodeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rodeiro. Amosar todas as publicacións

martes, 4 de agosto de 2026

ANTA-DOLMEN CIMA DA COSTA 2. Santa María de Guillar, Rodeiro.

ANTA-DOLMEN CIMA DA COSTA 2

1.-POR TERRAS DE VENTOSA: RUTA MEGALÍTICA DE AXIAZ 

"Para la mayoría de los hombres la guerra es el fin de la soledad. Para mí es la soledad infinita." 

Albert Camus


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Malia que a meirande parte das antas que conforman esta ruta atópanse no Concello de Agolada, considero imprescindible engadir esta silandeira anta na ruta (aínda que pertence ao Concello de Rodeiro) debido  á cercanía ao resto das antas así como pola calidade dos restos conservados. A imaxinaria liña divisoria entre os concellos mentados atópase a poucos metros desta anta. E, asemade, veñas de onde veñas, para acceder a esta anta hai que ir a través do lugar de Axiaz.


Situación da Anta Cima da Costa 2. Google maps.

Para chegar, hai que buscar Axiaz: unha vez nesta fermosas aldea, débese coller á forza unha pista que leva ao río Turubelo (dirección sul). Logo de percorrer case novecentos metros, aparece unha pista á esquerda pola que hai que seguir ata o alto de Pena Raxada, a uns oitocentos metros. Con estas indicacións é case imposible chegar, polo que recomendo encarecidamente deixarse levar polo XPS.


Anta Mámoa Cima da Costa 2. 
Fotografía megaliticiablogspot.com

Dúas mámoas compoñen o conxunto, e están en liña con dúas estacións de petróglifos. A Anta Cima da Costa 2 xa lle adiquei unha entrada o 25 de setembro de 2025, polo que moi pouco mais podo dicir dela. Aínda así, como son algo teimudo e repetitivo, esta anta supón un espléndido punto de partida para a visita das antas que compoñen a ruta: non será un día perdido. 


Fotografía de Elixio Vieites en patrimoniogalego.net

A súa ubicación espacial enmárcase nunha aba da dorsal en ténue pendente. Toda a contorna inmediata defínese pola vexetación de monte baixo e sobre a mámoa predomina a xesta, o toxo, a carqueixa e algún piñeiro. 

A base da mámoa está alterada polo paso dun camiño, polo lado do leste, e tamén aparece roturada para a plantación de piñeiros.



Situación da Anta Mámoa da Cima da Costa 2 en relación co lugar de Axiaz
e coas mámoas do Coto do Cornellal. Google maps.

Malia todo iso, a mámoa atópase bastante ben conservada. En canto ao tamaño, pódese encadrar nas do tipo mediano a saber, acada uns quince metros no eixo norleste-suroeste e case catorce no noroeste-sueste. En canto á altura, non sobresae mais dos oitenta centímetros. Toda a superficie da mámoa está cuberta de pedras graníticas de bo tamaño que formaban parte da coiraza pétrea.


Versión imposible da Anta Mámoa Cima da Costa 2.

No centro ábrese un poderoso funil de violación que deixa á vista dous ou tres esteos de granito. É practicamente imposible debuxar a planta debido ás características do burato de violación, que está moi colmatado, e tamén é moi dificil establecer as medidas dos chantos conservados así como a amplitude do devandito furado. Non sei con seguridade si se están a conservar dous ou tres esteos, pero dous deles poden ser medidos aproximadamente: o primeiro ao redor de cincoenta centímetros de ancho, os dezasete de grosor e mais de sesenta centímetros de altura. O segundo acada os sesenta centímetros de ancho, case vinte de groso e uns cincoenta de altura.


Panel da Ruta.

Estamos diante dunha espléndida anta que serve de punto de partida para o inicio da ruta, unha anta que non nos deixará indiferentes. Sexa como sexa, espero acudir en datas nas que non estea cuberta da primorosa vexetación que medra con astucia e alevosía nos nosos impresionantes montes.

EN SIGRÁS, LOGO DO  DÍA DE GALICIA (DA PATRIA GALEGA) DE 2026
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

https://patrimoniogalego.net/index.php/77217/2015/08/mamoa-cima-da-costa-2/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

Ramón Fábregas Valcarce: "En torno al megalitismo gallego." PDF.

Ramón Fábregas Valcarce e Rafael Penedo Romero: "Antropomorfo grabado en un túmulo Megalítico de Agolada /Pontevedra)." Departamento de Historia l. Universidade de Santiago de Compostela. PDF.

Fábregas Vácarcel e Vilaseco Vázquez: "O Megalitismo na Comarca do Deza. Un proxecto para a conservación do patrimonio arquitectónico inmoble." PDF.

Fábregas Valcarce et al.: "Estudios en torno ao Megalitismo da Comarca de Deza. Primeiros Resultados". Departamento de Historia 1. USC.

Fábregas Valcarce R., Penedo Romero, R.: "Un nuevo motivo grabado en el arte megalítico del Nw Penínsular", 1995

https://ospendellos.blogspot.com/2018/05/aldeas-con-corazon-axiaz-rio-vilar.html

https://megaliticia.blogspot.com/2025/09/Dolmenes-Pontevedra.html

https://fonte.es/A-PORTADA/2018-04-16~Toponimia_de_Agolada.html

https://www.instagram.com/manuelbustogalego/

http://www.agolada.es/turismo/que-ver

https://pendellos.blogspot.com/

https://ospendellos.blogspot.com/

https://historiasdedeza.wordpress.com/category/agolada/

aopedofarelo Desde Agolada-Pontevedra

https://dagolada.blogspot.com/

https://aquamlatam.blogspot.com/

https://www.youtube.com/watch?v=jK-0_YFSzII

https://megaliticia.blogspot.com/2025/10/Petroglifos-Pontevedra-Deza-Tabeiros.html

https://folletosturisticos.com/ngg_tag/agolada/#gallery/agolada/5668

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/comarca-do-deza/agolada/
iglesia-de-san-xulian-de-ventosa

https://canedo.eu/Comarcas/PONTEVEDRA/3_Deza.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/
sobreirais-do-rio-arnego-agolada-pontevedra-668906

https://ospendellos.blogspot.com/2017/01/roteiro-cultural-dos-petroglifos-de.html

Fernando Carrera Ramírez: "El dolmen de Os Muíños (Agolada, Pontevedra). Intervención para la documentación y protección de la pintura megalítica conservada".

https://patrimoniogalego.net/index.php/77720/2015/09/petroglifos-do-couto-da-aspra/

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/subida-ao-monte-farelo-a-golada-e-antas-de-ulla-44864919/photo-29452676

https://www.rios-galegos.com/ulla/index.html

https://historiadeza.wordpress.com/2024/12/14/la-iglesia-de-san-xulian-de-ventosa-la-catedral-del-arte-rural-gallego/

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/sobreiral-do-arnego/20240705081019201775.html

https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/view/306/302/256

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/7467/pazo-de-borraxeiros?langId=es_ES&tp=9&ctre=36

https://genealogiasdegalicia.wordpress.com/2012/01/21/condado-de-borrajeiros/

xoves, 25 de setembro de 2025

ANTA-DOLMEN CIMA DA COSTA 2. Santa María de Guillar, Rodeiro.

ANTA-DOLMEN CIMA DA COSTA 2.

"Tú, Sócrates, comenzaste diciendo que la virtud no se puede enseñar, y ahora estás insistiendo en lo contrario, tratando de mostrar que todas las cosas vienen del conocimiento, de la justicia, y de la sensatez, hasta incluso el coraje, desde donde seguiría esa virtud. Ciertamente que se puede enseñar."

Protágoras de Abdera



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Estoutra anta, asentada polas limítrofes terras dezanas dos concellos de Rodeiro e Agolada, atópase inmersa nas montareces alturas que configuran a súa paisaxe megalítica. E como sempre nos últimos tempos, viaxo a cegas, pero sin lastimarme. Viaxo sen poder sorprenderme polas curiosidades impresionantes que se atopan no camiño..., e non fago camiño ao andar. Transito desde unha cómoda silla.



Fotografía de Elixio Vieites en patrimoniogalego.net

Para acceder a esta anta é absolutamente necesario guiarse polo XPS. Aínda así, chégase camiñando (non hai outra forma) desde a aldea de Axiaz. Non é necesario incidir en que chegar a este emprazamento é extremadamente complicado.



Fotografía de megaliticia.blogspot.com

O fermoso túmulo que atopo nas fotografías debuxa unha mámoa de tipo medio que non sobrepasa os quince metros  por ningunha das orientacións diametrais. A mámoa semella que se está a conservar en bastante bo estado, amosando un enorme funil de saqueo, froito do abafante, menesteroso e incansable traballo dos piratas profanadores das nosas senlleiras tumbas neolíticas.



Fotografía de megaliticia.blogspot.com

No interior deste gran burato de saqueo, aséntanse os restos da cámara megalítica que se compón de dous ou tres grandes esteos de granito. Estes probablemente debuxarían unha cámara poligonal tendente a circular, malia que as fotografías non permiten deducir esta afirmación. A altura máxima dos esteos non sobrepasa os oitenta e cinco centímetros e unha anchura de cincoenta centímetros. O grosor anda polos vinte centímetros.


Fotografía de Elixio Vieites en patrimoniogalego.net

Ao redor do burato onde se asentan os restos da anta e por enriba da mámoa aparecen unha boa morea de pedras espalladas: algunhas poderían formar parte da coiraza pétrea e outras, meirandes, talvez sexan os restos esnaquizados da pedra cobertora ou tampa.

O Conxunto megalítico da Anta-dolmen Cima da Costa 2 atópase moi preto, a poucos metros, da fronteira entre os concellos de Agolada e Rodeiro, como estaba a dicir mais enriba.


Fotografía de megaliticia.blogspot.com

Para rematar, aínda que nalgures  se sinala que pertence ao Concello de Agolada, a mámoa aparece no planeamento de Rodeiro, na parroquia de Guillar.

En Sigrás,  mes séptimo dos romanos do ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES IMPORTANTES


http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/RODEIRO/documents/26711ca031.pdf pax 5

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoa-de-cima-da-costa.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/77217/2015/08/mamoa-cima-da-costa-2/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

xoves, 6 de marzo de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DE ABOLDRÓN. San Xoán de Camba, Rodeiro.

PEDRAFITA-MENHIR DE ABOLDRÓN.


Sapo y Sepo estaban leyendo juntos un libro.
"Los personajes de este libro son valientes", dijo Sepo.
"Luchan contra dragones y gigantes, y nunca tienen miedo."
"Yo no sé si nosotros seremos valientes", dijo Sapo.
Sapo y Sepo se miraron en un espejo.
"Parecemos valientes", dijo Sapo.
"Si, pero ¿lo somos?", preguntó Sepo.
Sapo y Sepo salieron de casa.
"Intentaremos escalar este montaña", dijo Sapo.
"Así sabremos si somos valientes."

Arnold Lobel: "Sapo y Sepo, inseparables". Ed. Alfaguara, 1980.



Debuxo da pedrafita segundo versión 
idealizada de Moncho Boga, 2024.

Non sei si seremos valentes, como dín Sapo e Sepo, pero si sei que somos ousados: ás veces arriscamos e tirámonos sen paracaídas nos formidables mundos megalíticos. Esta que vou amosar hoxe e outra das problemáticas ou problemáticos esteos megalíticos que veñen sendo sospeitosos de adscribirse ao proceloso catálogo e/ou universo das pedrafitas-menhires galegas. Teño que confesar que a hipótese parte da consideración de que está esenta, aínda que arrimada ou encaixada nun valo, e sobre todo a presenza abondosa de cazoliñas ou coviñas hemiesféricas, polo menos nunha das súas caras. Este foi un dos criterios, durante moitos anos, para considerar que un esteo fose unha pedrafita megalítica. A forma tamén me leva, nos brazos da musas, da memoria, a considerar esta sospeitosa habitual como unha auténtica pedrafita.



Fotografía do blogue A Tulla de Fafián.

Esta hipotética pedrafita atópase no Concello de Rodeiro: desde a capital municipal hai que chegar ata o lugar de Aboldrón (en automóbil...) e logo hai que ir andando ata o esteo. Creo e recomendo achegarse mediante o emprego do XPS. Segundo explica no seu facebook A Tulla de Fafián (de onde extraín o groso da información e algunhas das fotografías) o acceso comenza no lugar de Aboldrón collendo o camiño de Cova de Barro. Este camiño, desde a entrada da aldea, vai bordeando o castro e leva ás limítrofes terras de Val de Camba. O que o autor denomina menhir-dolmen atópase na entrada deste camiño. 



Fotografía do blogue A Tulla de Fafián.

As primeiras novas ao redor deste raro exemplar proceden  dun veciño do lugar chamado Manuel Hermida. Os incansables investigadores González Alén e Alex Negreira estudárono e o fotografiaron constatando que se trata dun dos seis únicos vestixios de petroglífos atopados ata o de agora no Concello de Rodeiro e dicir, califícano como un panel de petróglifos, non como unha pedrafita.



As coviñas da pedrafita-menhir de Aboldrón.
Versión de Moncho Boga, 2025.

Esta hipotética pedrafita, que ben pode ser un panel de petróglifos ou un chanto dunha anta desaparecida, ten forma case triangular na base e vaise estreitando paseniñamente ata chegar á croa, que é moi picuda. Acada unha altura de case dous metros e amosa mais de dezasete coviñas, sen ningún outro tipo de gravura.



Fotografía do blogue megaliticiabolgspot.com

Segundo A Tulla de Fafían, podería tratarse, efectivamente, do resto dunha cámara megalítica, ao constatar que nos arredores existía unha anta da que este esteo formaría parte, feito que parece recordar o veciño que deu noticia deste elemento. 

Como outros moitos exemplares deste tipo, si estivesemos diante dunha pedrafita, esta puido funcionar como elemento sinalizador dunha desaparecida necrópole megalítica, ou ben, si está nun camiño tradicional, talvez prehistórico, como elemento consustancial, como unha hermae que reflicte os medos daquel que camiña por territorios inhóspitos.

Evidentemente, ao estar decorado só con cazoliñas, é moi aventurado decidir a súa cronoloxía: podería ser (seguindo moitos paralelos) un panel da Idade do Bronce, un elemento castrexo e incluso da Idade Media.



Fotografía do blogue A Tulla de Fafián.

Camiño tradicional talvez prehistórico que serpenteaba á beira do castro, necrópole megalítica desaparecida, cazoliñas..., todos eles criterios, aínda que non definitivos, si son moi relevantes á hora de considerar a súa adscrición ao megalitismo.

Con estes pouquiños datos, como dicía ao principio desta entrada, desde aquí, avogamos pola consideración de pedrafita-menhir, con méritos dabondo, para ser engadida como unha mais das nosas sospeitosos habituais, como candidata a formar parte das hostes cada vez mais numerosas dos nosos/as grandes esquecidos: a pedrafita-menhir.



Fotografía do blogue megaliticiabolgspot.com

Aproveito desde aquí para facerme eco das palabras do autor de A Tulla de Fafían cando conclue no seu muro de facebbook:

"Abondo para pedir a protección e conservación deste enclave que hoxe fica ameazado pola sorprendente distribución da Parcelaria Val de Camba que os deixa fora da masa comunitaria."


En Sigrás, no Entroido de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


UNS POUCOS ENLACES 

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://megaliticia.blogspot.com/2022/03/Petroglifos-de-Aboldron.html

https://www.facebook.com/photo?fbid=210479238170709&set=pcb.210481514837148

https://www.facebook.com/profile.php?id=100076259029945

noptSserdom10t f959a3gg22d0eo43e11r6i22br01 eeg00mf3lfdl uu

domingo, 8 de xullo de 2012

ANTAS-DOLMENES E PEDRAFITAS: Couto dos Mouros, Monte Marxós, Cista (Rodeiro); Agro da Pena (Dozón); Chousa Nova, Mámoa da Braña (Silleda); Marco do Camballón (Vila de Cruces); Mámoa do Cruce, Altar do Sol (Lalín)

ANTAS-DÓLMENES E PEDRAFITAS NAS TERRAS DO DEZA:

-Anta-dolmen Couto dos Mouros
-Anta-dolmen do Monte Marxós
-Pedrafita-menhir (posible) na contorna de Couto dos Mouros
-Pedrafita-menhir en Lalín de Arriba
-Cista de Rodeiro
-Anta-dolmen do Agro da Pena
-Anta-dolmen da Chousa Nova
-Anta-dolmen da Mámoa da Braña
-Necrópole do Marco do Camballón:
      Anta-dolmen nº 5
      Anta-dolmen nº 2
      Anta-dolmen nº 3
-Anta-dolmen Mámoa do Cruce
-Anta-dolmen Altar do Sol


ANTA-DOLMEN COUTO DOS MOUROS. Alemparte, Rodeiro

Atópase na parroquia de Alemparte (Concello de Rodeiro), nunha penechaira na que se ubican unhas cantas antas máis.

A anta de Coto dos Mouros ubícase nunha mámoa de tipo medio grande moi coberta de vexetación, e é fácil de localizar porque se insire case como unha illa no medio de pradeiras gañadas ao monte.

Obviamente a anta aínda non foi obxecto de ningunha escavación arqueolóxica, pero parece, a simple vista que se conserva en bantante bo estado.

Segundo informacións de Manuel Lestón, no interior da mámoa consérvase unha anta que describe planta poligonal composta por oito esteos. O esteo que fai de cabeceira atópase algo inclinado cara ao interior e nel vense restos de pintura parietal que forman zigue-zagues e unha gravura, noutro esteo, que representa un antropomorfo.

O corredor ten á vista un tramo corto e conserva dúas pedras cobertoras grandes. 



Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 2010.




ANTA-DOLMEN DO MONTE DOS MARXÓS. Rodeiro

A primeira noticia que me chegou acerca desta anta foi a través de Manuel Lestón. Efectivamente, cando por encargo da Xunta de Calicia este arqueólogo dirixíase a recoñecer a Anta de Couto dos Mouros para eleborar un informe, polo camiño atopou uns cantos esteos esnaquizados que formaban parte dunha mámoa que fora destruida  recentemente. O primeiro que lle chamou a atención, á parte da magnitude dos esteos, foi que todos eles estaban decorados con pinturas megalíticas. 

Hoxe en día os esteos da anta de Monte dos Marxós atópanse depositados no Museo de Pontevedra. Segundo Fernando Carrera, que realizou os traballos de limpeza e documentación das pinturas prehistóricas, formarían parte dunha cámara poligonal composta por sete esteos e corredor corto formado por outros catro esteos así como un anaco da pedra cobertora. Todos estes esteos aparecen enlucidos cunha preparación de cor branca. Os esteos verticais da cámara e corredor están decorados con pintura roxa e negra. 


Planta hipotética da Anta de Monte dos Marxós, segundo Fernando Carrera


BIBLIOGRAFÍA

Fernando Carrera: "Informe sobre los trabajos de limpieza y documentación de la pintura prehistórica conservada en los ortostadot de la mámoa de Monte dos Marxós (Rodeiro, Pontevedra), depositados en el Museo de Pontevedra".


PEDRAFITA-MENHIR (POSIBLE) NA CONTORNA:


Moi preto da anta Coto dos Mouros aparecen unha serie de pedras fincadas de tipoloxía semellante ás pedras que forman as cámaras das antas. Esta en concreto, xunto a outras, aparece formando un poste ao que se enroscan os arames para formar un cercado. Polas súas características semella unha pedrafita, feito que non se debería esgotar tendo en conta as características chairas da zona. Posiblemente, si é o caso, funcionarían como fitos anunciadores da necrópole, sempre en zonas de cambio de vertente, e en lugares moi visibles a longa distancia.

PEDRAFITA-MENHIR NA Estrada Lalín-Rodeiro (Lalín de Arriba):

Cando ía na busca da anta de Couto dos Mouros, pola estrada que leva a Rodeiro desde Lalín, na dereita da estrada, un curioso monolito chamou a miña atención. Trátase dunha pedra cilíndrica asentada sobre un pedestal de cemento que foi colocada alí non se sabe por quen nin porqué. Engado neste apartado polo curioso da situación.


Fotografías realizadas por Ramón Boga, 2010.


CISTA DE RODEIRO

Foti atopada durante a realización de labores agrarias e consérvase unha soa lousa con gravuras no lugar de A Tiza, noa arredores de Rodeiro.

A forma do único esteo conservado é paralelepípeda con decoración de liñas e trazos xeométricos de non doada interpretación. Existe a nova de que na cista foi exhumado un puñal pequeno de tamaño que se extraviou misteriosamente, así como una vaso cerámico, tamén moi pequeno e esnaquizado, ao que lle faltaba o bordo: posuía un fondo plano con un suave gollete que tiña a bordura pouco sainte.


ANTA-DOLMEN DO AGRO DA PENA. Dozón.

Trátase de cinco esteos que se atoparon ao destruir unha mámoa no concello de Dozón. Son esteos de pequeno tamaño mais ou menos completos e fracturados.


Esteos do Agro da Pena. Fotografía Fernando Carrera


Fernando Carrera foi o encargado de analizar os cinco elementos megalíticos posto que case todos os esteos conservan pinturas prehistóricas. Á beira doutros dos esteos que quedaron na mámoa destruida, todas elas formaban parte do conxunto arquitectónico.

O estado dos esteos e o grao de destrución do xacemento impiden aventurar a ubicación orixinal dos mesmos e reconstruir unha cámara megalítica.

Aínda que non se conserva ningún gravado, en catro dos cinco esteos do monumento consérvanse pinturas prehistóricas. Hoxe en día os esteo da anta do Agro da Pena están depositados no Museo de Pontevedra.



Esteo do Agro da Pena. Fotografía de Fernando Carrera



BIBLIOGRAFÍA

Fernando Carrera Ramírez: "Informe sobre los trabajos de documentación y conservación de la pintura megalítica existente en los ortostatos de la Mámoa do Agro da Pena" (Dozón, Pontevedra).


ANTA-DOLMEN DA CHOUSA NOVA, Silleda.

Trátase dunha anta que aínda non puiden visitar. A información así como as fotografías foron extraidas da páxina patrimoniogalego.net e o autor das fotografías firma co seudónimo xandlinathry.




A mámoa na que se acocha a anta foi destruida parcialmente debido á construción dunha pista forestal así como polas labouras agrarias recentes, como en tantos outros sitios do noso país. 

A estrutura tumular atópase ben delimitada por unha gabia externa e por un anel pétreo. No centro da mámoa ubícase unha anta que se conforma a través de cinco esteos e un espazo aberto cara ao leste. A anta é de escasa altura e ten o aspecto dunha cista.




O conxunto megalítico foi afectado pola construción da líña férrea do AVE entre Santiago e Ourense. Foi así que se procedeu a unha completa escavación arqueolóxica na que apareceu a cámara prácticamente intacta. Na devandita escavación exhumouse un bo enxoval con varios uteis de pedra pulida  eun colar de doas de ámbar e variscita. Despois da construción da liña férrea soterrada, o conxunto megalítico foi reconstruido no seu lugar orixinal.


BIBLIOGRAFÍA

Bóveda Fernández, María José: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra). Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DA BRAÑA. San Paio de Refoxos, Silleda

Os restos conservados desta gran anta consérvanse no Museo de Pontevedra. Proceden dunha mámoa destruida hai xa algúns anos debido a labores agrícolas.


Calco dun dos esteos da Mámoa da Braña. Autor, ver bibliografía.


Da destrución salváronse varios esteos da cámara que amosan interesantes gravuras que de debuxan a través de vairas series de liñas ondeantes e un rego central, unha fiada de sete círculos, un motivo solar e oito ondeantes verticais.


Autor, ver bibliografía.


Estes motivos repítense con naturalidade en moitas antas galegas.


Autor, ver bibliografía.




BIBLIOGRAFÍA

Carballo Arceo, L.X. e Vázquez Varela, J.M.: "Nuevos hallazgos de arte megalítico en la provincia de Pontevedra: a Mámoa da Braña". Gallaecia, nº 7/8. Ediciós do Castro  1984.


NECRÓPOLE DO MARCO DO CAMBALLÓN. Oirós, Vila de Cruces

Entre Silleda e Lalín, na parroquia de Prado, hai que coller a estrada ata Oirós e, en Bodaño, hai que virar á dereita, ata chegar á penechaira.

Forman parte dunha necrópole de quince mámoas, das que tres están a conservar restos da cámara, e outras tres amosan restos do anel periférico pétreo. Aínda que parece que non corren perigo inminente de desaparición, se non se acometen traballos de consolidación urxentes, tanto os axentes metereolóxicos  como a acción antrópica están a erosionalas de xeito  que pode resultar inexorable.


ANTA-DOLMEN Nº 5 DO MARCO DO CAMBALLÓN, Vila de Cruces.

A primeira anta, que se sinala co número cinco, conserva sete esteos imbricados, formando unha cámara poligonal que tende ao círculo, e non amosa restos do corredor. O esteo meirande atinxe unha altura dun metro e cincoenta centímetros por setenta e catro centímetros de ancho. Non conserva pedra cobertora nen amosa, a simple vista, restos do anel peristalítico: moi pretiño dela hai outra mámoa, tamén escavada, da que só se conserva un anel de pedra. Nun dos esteos da anta apareceron unhas gravuras de liñas sinuosas, liñas serpentiformes e un motivo solar ou helioforme. O enxoval exhumado nas escavacións, das que non hai memorias publicadas, consistiu en diverso material lítico pulimentado e lascado, un disco perforado e cerámica lisa e campaniforme.



Anta nº 5. Fotografía do ano 1994.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN Nº 2 DO MARCO DO CAMBALLÓN. Vila de Cruces.

A segunda anta, acochada dentro dunha gran mámoa, conserva cinco esteos. Atópase moi esmorecida con dous esteos pousados no chan. O meirande atinxe unha lonxitude dun metro e trinta e cinco centímetros e no ancho un metro e vintecinco centímetros. A mámoa está completamente cuberta de toxos  silvas..., posuíndo un tamaño de tipo medio.


Anta nº 5. Fotografía do ano 1994. 
Fotografía de Ramón Boga Moscoso



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN Nº 3 DO MARCO DO CAMBALLÓN. Vila de Cruces.

A teceira anta consiste nuns probes restos moi esnaquizados : un esteo chantado dun metro e cincoenta centímetros de altura con noventa e tres de ancho,  e dous esteos máis, tamén chantados, que non sobresaen máis de sesenta e cinco centímetros. Hai varios esteos de menor tamaño ciscallados ao seu redor. Semella imposible reconstruir a cámara. Foi escavada, deixando á vista, aparte daquiles restos da cámara, un anel de pedra circular de conside­rables dimensións, e dúas partes da mámoa que debeu ser unha das meirandes da necrópole.





 
Fotografías do ano 1994. Autor Ramón Boga Moscoso


Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CRUCE. Parada de Alperiz, Lalín


Esteo gravado.
Debuxo de Moncho Boga, 1996

                                        
Para chegar. Na estrada que vai de Lalín a A Golada hai dous desvíos  que levan directamente a Parada. Está á beira da estrada, nun cruzamento.



Fotografías da Anta da Mámoa do Cruce no ano 1990.
Por Ramón Boga


Atópase nunha necrópole de seis mámoas que se coñecen como as Mámoas da Cruz. Nas datas en que Filgueria Valverde e García Alén fixeron o inventario de antas da provincia de Pontevedra, todas elas contaban con cámara dolménicas compostas, tamén todas elas, por sete ortostatos.   


 
Vista da Anta da Mámoa do Cruce no ano 2008.
 Autor, Ramón Boga


A Anta da Cruz confórmase por un esteo, que mide case un metro e medio, e que ten gravuras serpentiformes que representan auténticas serpes xa que aínda se poden distinguir as súas cabezas. O resto dos esteos da cámara apenas sobresaen. Foi obxecto dunha escavación hai unhos anos, e a súa disposición nunha encrucillada, a beira dunha estrada, fixo que a mámoa que a contén permaneza en lamentables condicións de conservación.



Vistas da Anta da Mámoa do Cruce no ano 2008.
 Autor: Ramón Boga


ALTAR DO SOL. Parada de Alperiz

Aínda que non o puiden atopar por falta de tempo, próximo a esta necrópole, atópase unha grupación de pedras con forma de recinto pechado que parece ser -segundo Filgueira- está presidida por unha gran pedra con dúas oquedades en forma de círculo que os veciños coñecen co nome de Altar do Sol. 

A devandita construción atópase a uns 40 ms da mámoa nº 3 de Parada, dentro dunha finca con monte raso de uces e toxos. O esteo sobresaía un metro e sesenta centímetros.

Como dicía, non atopei o Altar do Sol, pero nunha publicación do Concello de Lalín atopei a fotografía que amoso a continuación: 




BIBLIOGRAFÍA


Fernando Carrera: "Informe sobre los trabajos de limpieza y documentación de la pintura prehistórica conservada en los ortostatos de la mámoa de Monte dos Marxós (Rodeiro, Pontevedra), depositados en el Museo de Pontevedra".

Carballo Arceo, L.X. e Vázquez Varela, J.M.: "Nuevos hallazgos de arte megalítico en la provincia de Pontevedra: a Mámoa da Braña". Gallaecia, nº 7/8. Ediciós do Castro  1984.

Bóveda Fernández, María José: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra). Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!