mércores, 24 de abril de 2013

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE DAS SOUTEIRAS. Santa María de Fisteus, Curtis

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE DAS SOUTEIRAS. 

Atópase no lugar de As Souteiras e constitúe un fermoso exemplo de túmulo megalítico, moi ben conservado en apariencia e cuberto cunha mesta capa de matogueira.




Acada, no diámetro ao redor de 24 metros e sobresae en altura uns dous metros e corenta centímetros.

No centro da mámoa ábrese o sempiterno funil de violación e nel conserva os restos do que foi a cámara megalítica cifrados en dous esteos ben alineados e outro mais desprazado na mámoa. Debían formar parte dunha cámara con pranta poligonal.

Coordenadas:
X: 572.606
Y:4.777.009

(Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo amigo Tito Concheiro)


                                                                  

                            
                                                          


Fotografías de Tito Concheiro

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE SAN CRISTOBO 1. Santa María de Foxado, Curtis.

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE SAN CRISTOBO 1.

Estamos diante dos restos dunha anta pertencentes a unha mámoa que tamén se atopa moi esmorecida. Cumple a función de marco de termo entre dúas propiedades.

Cando se formou o pastizal ou pradeira rebaixouse considerablemente o volume da mámoa e tamén se colmatou o funil de violación.

As medidas da mámoa ou estrutura tumular acadan os catorce metros de diámetro e non sobresae mais de oitenta centímetros. Conserva, como dicía antes, restos da estrutura arquitectónica da cámara que se cifran nun esteo fincado no chan (seguramente "in situ") e outro mais extraido durante o desmantelamento ca cámara. Atópase tirado na parte alta da mámoa apoiado no esteo anterior.

Coordenadas:
X: 581.125
Y:4.775.616

Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo arqueólogo Tito Concheiro, a que agradezo a súa desinteresada e presta axuda nestes menesteres.





Fotografías de Tito Concheiro

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 26 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DA NECRÓPOLE DAS CAXADAS. San Xoán de Cambeda, Vimianzo.

PEDRAFITA-MENHIR DA NECRÓPOLE DAS CAXADAS. 

Trátase dunha posible pedrafita ubicada na necrópole das Caxadas, en Vimianzo, a uns metros da Anta das Caxadas, a única que conserva grandes esteos da súa estrutura arquitectónica. Ubícase nun muro de mapostería que delimita unha leira.

Efectivamente, lindando coa necrópole das Caxadas, nun lugar prominente e visible, onde cambia a vertente, atópase semioculta esta posible pedrafita.

Atópase, como dicía, enfoscada no devandito muro de mampostería e fai de xamba para o enfurruxado portal de ferro. Sexa pedrafita ou non, para nós está a comprir un dos criterios para a consideración de pedrafitas: o do cambio de rasante e por tanto o de fito sinalizador da necrópole.

Cabe a posibilidade de que este esteo sexa un reaproveitamento que proceda dun dos esteos da cámara que está a uns poucos metros.



Foto de Moncho Boga



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 22 de marzo de 2013

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. Pontevedra

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. 

Hoxe quero facer unha reflexión en voz alta, unha reflexión que xa hai tempo teño na cabeza pero que ata de agora non me vín con folgos para desenvolver, aínda que sexa dun xeito breve.

A admirable fotografía, como documento, destes tres círculos líticos da Serra da Grova, suxire reflexións que van mais alá das frías estatísticas da cencia arqueolóxica. Efectivamente, estamos diante de tres "curros" (para gardar o gando) coas súas correspondentes cabanas ou chozos. Ata hai poucos anos, como lle aconteceu ás nosas pedrafitas, foron completamente olvidados e incluso desconsiderados pola arqueoloxía oficial e académica galega. Seguramente non foi unha postura tendenciosa, senón que a carón destes elementos visibles non se atopaba ningún resto arqueolóxico que poidese contextualizalos. Sexa como sexa, o certo é que estes misteriosos elementos seguen aí, impertérritos, aguantando impasibles e hieráticos o paso do tempo.

Parece claro que oficialmente adoitanse adscribir a unha época crono-cultural medieval, sobre todo por aparecer profusamente documentada nos documentos medievais como "cousos" ou "curros vedros". Sen embargo este feito empírico non é óbice para consideralos como megalíticos, coa presumible mesma función de cercado para o gando. Tanto estes Curros da Groba como o xa estudado de Santo Tomé (no Valadouro) conservan poderosas pedras -tipo esteos dolménicos- que obedecen a unha talla neolítica, a mesma que nas antas.

Aínda que houbo e hai numerosos curros ao longo da xeografía galega, cada vez quedan menos debido á falta de proteción: moitas das súas poderosas pedras son levadas impunemente para o seu reaproveitamento.

Como ben mantén o amigo Pena Graña, estas mesmas construcións son consideradas monumentos megalíticos en toda a Europa Atlántica, -da que participamos e somos parte consustancial-, conservados, protexidos e estudados con profusión: normalmente estes curros, ademais, están asociados a necrópoles megalíticas e ás grandes pedrafitas que as conforman.

Os curros ou cousos presentan tamén funcións e tipoloxías variables e, nalgún caso, poderían cobixar algún tipo de enterramento. Poden ser circulares, elípticos ou incluso tendentes á forma poligonal. Outra curiosidade é que tamén encerran no seu interior cabanas que incluso (a modo de hipótese) poderían ser reaprovetamentos da época megalítica, o que demostraría a continuidade do seu uso e tamén a continuidade das nosas ancestrais tradicións.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


xoves, 21 de marzo de 2013

MÁMOA DO CRISTO DA FALADORA. Ortigueira

MÁMOA DO CRISTO DA FALADORA. 

Atópase moi preto das mámoas 33 e 34 seguindo a numeración que Federico Maciñeira realizou para a catalogación que realizou do Camiño dos Arrieiros, e forma parte da necrópole coñecido co nome de Forno dos Mouros. 

Trátase dunha mámoa de tamaño medio e no centro do funil de violación aséntase unha cruz de pizarra, monolítica, que atinxe os dous metros de altura.




Estamos diante do único cruceiro galego chantado sobre unha mámoa. A cruz atópase, sen dúbida, cristianizando o lugar, cristianizando unha necrópole megalítica que tamén é coñecida co nome de Cruz de Alvar González. Maciñeira mantén a hipótese de que talvez se trate dun dos chantos reaproveitados da cámara megaítica.

Pero, como cruz vencellada ao mítico Camiño dos Arrieiros, tamén se convertiu en fito sinalizador, recoñecible e doadamente visible: unha auténtica guía dos camiñantes.











En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DE AREOSA BLANCA.San Estevo de Sedes, Narón

PEDRAFITA-MENHIR DE AREOSA BLANCA.

Atópase ubicado á beira dunha mámoa no Monte do Seixo. Tanto para L. Monteagudo como para A. Pena Graña, trátase dunha pedrafita.

Mide algo mais dun metro e amosa a cara á vista perfectamente pulida. O aspecto é o dunha peza cilíndrica cos extremos redondeados.

Si estamos diante dunha pedrafita, entón estaría a xustificar ou cumprir un dos criterios plantexados por nós para a consideración disa cualidade megalítica: o estar chantada diante dunha necrópole como fito indicador do ámbito sagrado. A observación directa do cotexto poderíanos clarexar ou confirmar si a orografía se adapta ás condición previstas para este tipo de funcionalidade: cambio de vertente, camiño prehistórico, necrópole megalítica, etc.


Fotografía extraída de: André Pena Graña: "Unha parroquia con celtas reminiscencias na Terra de Trasancos. Sancta María Maior de O Val, Narón" Ed. Concello de Narón, 2006.

Mais información no blogue, onosopatrimonio de Xabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 20 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DE PORTONOVO. San Estevo de Sedes, Narón

PEDRAFITA-MENHIR DE PORTONOVO

Fermoso marco de termo que divide os concellos de Narón, Valdoviño e San Sadurniño. Acada mais dun metro de lonxitude e amosa a cara vista perfectamente pulida.

A información procede do historiador do Concello de Narón André Pena Graña e defíneo como un marco de término que conserva as pegadas do pé divino chamado técnicamente "plantae pedum". 

Atópase no Camiño de San Andrés de Teixido, moi preto da necrópole de Monte dos Nenos. Nunha das caras amosa a inscrición M3T.




Fotografía: André Pena Graña, "Unha parroquia con celtas reminiscencias na Terra de Trasancos. Sancta María Maior de O Val, Narón". Ed. Concello de Narón, 2004.


Como dicía antes, para André Pena Graña, o Marco de Portonovo ben puido ser oun esteo reaproveitado dunha anta. Unha análise moi acertada deste autor ártabro conclúe que unha das causas da desprotección e abandono destes senlleiros elementos débese ao abandono das labores agrícolas, á substitución dos antigos camiños por novas pistas, á alteración dos límites tradicionais..., de xeito que, ao deixar de  cumplir a súa función, fican abandonados e desprotexidos.

Máis información no blogue, onosopatrimonio de Sabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!