xoves, 14 de xuño de 2012

ANTAS-DÓLMENES DA NECRÓPOLE DOS CAMPIÑOS. Santa María de Asados, Rianxo.

ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DOS CAMPIÑOS.

Esta necrópole é unha das máis coñecidas de Galicia tanto pola importancia das estruturas arquitectónicas megalíticas como polos importantes traballos arqueolóxicos que se realizaron nela na década de 1980.

Considérase que foi unha das primeiras escavacións feita por arqueólogos profesionais en Galicia ao ser levada a cabo mediante un convenio entre o concello de Rianxo e o INEM. 

A zona onde se asenta a necrópole posúe un elevado valor arqueolóxico pola gran densidade de xacementos arqueolóxicos catalogados.

Atópase nunha pequena chaira que se dispón lonxitudinalmente sobre a dorsal topográfica que cae desde o estemo sur do Monte Lioira. A vexetación componse de toxo, xesta e fentos, así como  unha furibunda repoboación de piñeiros e sobre todo eucaliptos. Neste marco aséntase a necrópole orientada do norte ao sul, seguindo a cima da dorsal.

Está formada por seis mámoas: as mámoas 1, 2, 3 e 5 están hoxe en día en lamentables condicións. Incluso a mámoa 1 está prácticamente destruída faltándolle case a metade, aínda que se pode ver o resto dun esteo da cámara. A mámoa  número tres atópase moi esmorecida sen sinais algunha de restos da cámara. A sinalada co número tres presentaba un enorme funil de violación no que se insire unha cámara poligonal. A violación desta mámoa non debe ser moi antiga, posto que se pode observar o corte limpo das paredes. O mesmo acontece coa mámoa 5, que foi obxecto dunha escavación furtiva con apareincias de cuadrículas de 2 ms de lado que chegou ata a rocha.






Fotografías das Mámoas I, II, III e IV
da necrópole dos Campiños.



ANTA-DOLMEN Nº 4 DOS CAMPIÑOS

Atópase nunha mámoa de dimensións que van desde os 20 ms no eixo N-S, ata os 23 ms no eixo E-O. No interior acocha unha cámara poligonal con corredor situada no medio da mámoa e coa superficie interior valeirada. 




Planta da Anta dos Campiños nº 4.

No corredor de acceso emprega unha solución estrutural mediante o emprego dun murete de mampostería como solución ao peche dos lados do corredor. 

Como se dicía, a cámara é das do tipo poligonal sinxela, con inicio de corredor. Está formada por nove esteos aparentes dos que se conservan sete e atópase moi arrasada.





ANTA-DOLMEN Nº 6 DOS CAMPIÑOS

A mámoa número 6 foi escavada por Ramón Fábregas e Andrés de la Fuente no ano 1984. Amosa no seu interior unha cámara poligonal con corredor composta por doce esteos e ubicada no centro da mámoa. A mámoa foi restaurada despois da intervención arqueolóxica e na actualidade atópase cuberto por unha frondosa vexetación de toxos que cubren tanto a mámoa como os restos estruturais.



Fotografía da escavación de
Fábregas e De la Fuente, 1984


A anta emprázase no centro dunha mámoa de  25 por 23 ms nos diámetros maiores. Ten forma case circular e está constituída  por terra con coiraza de pedra bastante discontínua. Tamén dispón de anel perimetral, de maior complexidade na metade oriental do monumento.

Presenta no seu interior unha cámara poligonal con corredor composta por 12 esteos e está ubicada no centro da mámoa. Foi escavada e na actualidade atópase totalmente cuberto por poderosos toxos que cubren tanto a masa tumular como os restos arquitectónicos.



A Anta Os Campiños nº 6, fotografía do ano 1995,
por Ramón Boga Moscoso.

Como singularidade, destacar a tipoloxía construtiva da cámara, que está conformada por 12 esteos imbricados entres sí, cun alto grao de simetría.



Fotografía do ano 1995, por Ramón Boga Moscoso.


Como dicía, nas escavacións de 1984, descubriuse un anel perimetral que enlaza coa coiraza, así como un corredor de entrada cara á anta que arrinca desde a periferia da mámoa. Amosa unha cobertora de pedra, o corredor, composta de pequenos bloques de granito. 



Fotografía de Fidel Méndez et al, 2008


Á vista da memoria da escavación pódese concluir que o traballo realizado foi escelente, posto que se realizou, ademáis dunha estudada laboura de restauración das estruturas arquitectónicas, un cuidadoso proxecto de consolidación modélico aínda que a desidea das autoridades competentes non mantiveron labouras de mantemento continuada.



Fotografía de Fidel Méndez, 2008.

O estado actual é penoso, lamentabble, tanto pola acción desaprensiva humán como polas actividades nautrais. 

No enxoval descuberto nas escavacións do ano 1984 clasificáronse machadas pulimentadas, puntas de frecha, pezas de muíño, pedras con coviñas, anacos de vasos de cerámica, etc. 



Planta da anta nº 6 da
Necrópole dos Campiños
.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 13 de xuño de 2012

ANTAS-DÓLMENES NO CONCELLO DE FRIOL. Anta da Moruxosa, Anta das Pallotas, Anta da Zanca, Anta de Nodar, Antas do Verdellón.

ÍNDICE

1.-ANTA-DOLMEN DA MORUXOSA
2.-ANTA-DOLMEN MEDORNA DAS PALLOTAS
3.-ANTA-DOLMEN DA ZANCA
4.-ANTA-DOLMEN DE NODAR
5.-ANTA-DOLMEN PRETO DA MEDORNA DA ZANCA
6.-ANTAS-DÓLMENES DO VERDELLÓN: PRIMEIRA E SEGUNDA.


INTRODUCIÓN

Sen dúbida no concello de Friol atópanse algúns dos exemplares mégalíticos máis sobranceiros de Galicia. Desgrazadamente tamén aquí foron esnaquizadas moreas de mámoas e antas. Excepto a Anta da Moruxosa, as outras que vou expor aquí aínda non as puiden visitar. Seguín para esta exposición a revista da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga que xa ahi anos fixo unha loable labor de catalogación das antas e mámoas dos concellos de Friol e de Outeiro de Rei. Deles recollín tanto os textos como as fotografías.


ANTA-DOLMEN DA MORUXOSA

Para chegar. Atópase a seis qms de Friol, sempre collendo a estrada con dirección a Lugo. Hai que coller o camiño que está á beira dunha casa que hoxe están restaurando á esquerda, antes da encrucillada que leva a Cotá. A anta aséntase a uns douscentos ms.



Fotografía do ano 1993. Ramón Boga.

Forma parte dunha necrópole composta por catro mámoas. Na mámoa na que se insire non  se aprecian restos de coiraza. Está cortada polo lado do SL por un cómaro de terra, o que impide a súa visualización e ademáis está a alteralo estéticamente. Tamén, a proximidade á pendente que da pé a cunca do río Narla, cara ao norte, supuxo a erosión da masa tumular  por esa zona. A cámara sitúase dentro do perímetro do cono de violación.



Planta segundo versión de Ramón Boga.

Tipolóxicamente a cámara megalítica é das do tipo poligonal con cinco esteos in situ, aínda que un deles parece que foi arrincado e chantado novamente. Tamén conserva a pedra cobertora. Aínda que parece que non ten corredor, esa posibilidade non debería descartarse. 



Fotografía do ano 1995, Ramón Boga

A cámara, como feito reseñable, ten unha adscrición tipolóxica de non doada solución: posúe un aspecto que a acerca máis as cistas (se cadra debido á perda de esteos), sen embargo a posibilidade que hai que barallar é a de que se trate dunha cámara poligonal de gran simetría e escasas dimensións, como diciamos máis arriba.



Fotografía do ano 2010, Ramón Boga.

A cámara está  incompleta e non se pode afirmar que fose aberta ou pechada, posto que non se detecta a existencia do corredor. Conserva no lugar orixinal cinco esteos, engadindo os que forman parte da cámara e unha lousa que permanece apoiada sobre a pedra cobertora na zona do SL. O conxunto arquitectónico contaría posiblemente coa existencia dun sistema de contraforte de laxes situadas na cara externa dos esteos, como o testemuña algunha pedra que aínda se conserva.



Fotografía do ano 2010. Ramón Boga.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN DA MEDORNA DAS PALLOTAS

Para chegar. Desde o barrio de Quintá, na parroquia de Ousá, sae un camiño cara ao norte que leva ao caserío de Pedra do Couto. Ao longo dese camiño e, no contorno do devandito caserío, existen varias mámoas máis.

Talvez a máis interesante delas, situada no Monte do Carballiño é a sinalada co nome de Medorna das Pallotas, posto que aínda conserva visible parte da anta.

A mámoa foi violada en numerosas ocasións e contan os veciños que nunha delas apareceu un "pucheiro e carbóns". 





ANTA-DOLMEN DA MEDORNA DA ZANCA

Para chegar. Atópase na parroquia de Vilalbite, preto dos barrios de Rebolo e Donas, no chamado Monte de Santa Marta.

Parece que é moi semellante ao Forno do Verdellón (que veremos máis adiante), amosando unha cámara poligonal formada por cinco esteos e corredor pouco desenvolvido, composto, á súa vez, por dúas pedras. Tamén conserva a pedra cobertora. Algúns dos esteos desta anta permanecen removidos e fóra do seu lugar orixinal

A anchura máxima da cámara acada os tres ms e a lonxitude total da anta, engadindo o corredor, chega ata os tres ms con trinta cms. A tampa ou cobertora é tamén de boas proporcións e acada un espesor máximo de 50 cms. 

Esta anta coñécese tamén co nome de Forno dos Mouros.



ANTA-DOLMEN DE NODAR

Atópase no Monte do Muíño do Canteiro. Trátase dunha anta que aínda se atopa en bastante bó estado.




ANTA-DOLMEN CERCA DA MEDORNA DA ZANCA

Para chegar. Está ubicada a uns cen ms ao oeste da Medorna da Zanca e sufriu peor sorte durante os traballos de roturación do monte. Hoxe está prácticamente destruída.

Aprécianse esteos espallados e unicamente un gran esteo parece atoparse na súa posición orixinal, ou polo menos pouco remexido.




ANTA-DOLMENES DO VERDELLÓN

Estaban na parroquia de Ousá, moi cerca do grupo de casas onde está a igrexa parroquial, ao sul do Cordal de Ousá, na finca ou lugar do Verdellón.

Tamén eran coñecidas polo nome de Forno dos Mouros.

A necrópole estaba conformada por catro mámoas prácticamente laineadas entre sí e tamén con outra (no límite dos Concellos de Outeiro de Rei e Friol) chamada "Modorra do Monte Pico". Lamentablemente, as dúasmámoamáisnteresantes do conxunto foron totalmente ruídas ao rar a finca para o seu cultivo.

PRIMEIRA ANTA DO VERDELLÓN

Conservaba a cámara intacta con excepción da pedra cobertora. Tratábase dunha anta adscrita á tipoloxía de planta poligonal composta por sete esteos, dous deles cunha anchura dun metro e medio aproximadamente. Tamen posuía un pequeno corredor pouco desenvolvido, composto por dous ortostatos paralelos que tiñan ao final unha pedra de peche. Conservaba a pedra cobertora e parece ser que era bastante curiosa pola súa forma: nos seus extremos tiña sección triangular que disminuía a medida que se avanzaba cara ao outro lado.



SEGUNDA ANTA DO VERDELLÓN

Conservaba cinco esteos da cámara, dous deles probablemente movidos da súa posición orixinal. Parece ser que os cinco chantos, así como outras pedras de menor tamaño que formaban parte da estrutura tumular, e algunhas máis espallados polos arredores, atópanse en moreas ao longo da finca.



NOTA: As fotos e os textos, retocados, foron extraídos da revista "A Croa", Boletín da Asociación de amigos do Castro de Viladonga. Ano 1996.

Tanto o artigo como as fotografías son de Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela. O artigo titúlase "Prospeccións no Concello de Friol (I): Mámoas e folclore arqueolóxico".

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTAS-DÓLMENES E PEDRAFITAS DA FONSAGRADA. Anta do Hospital, Anta da Casía da Arquela, Anta de Fereirrúas, Anta de Leitomil, Anta de Liñares de Bidul, Pedrafita de Pedrafitelas

ÍNDICE

1.-ANTA-DOLME DO HOSPITAL DE MONTOUTO
2.-ANTA-DOLMEN DA CASÍA DA ARQUELA
3.-ANTA-DOLMEN DE FEREIRRÚAS
4.-ANTA-DOLMEN DE LEITOMIL
5.-ANTA-DOLMEN DE LIÑARES DE BIDUL
6.-PEDRAFITA-MENHIR DE PEDRAFITELAS


ANTA-DOLMEN DO HOSPITAL. Hospital de Santiago de Montouto, Vieiro. 

Para chegar. Debemos coller unha pista á esquerda en Montouto, a nove quilómetros da Fonsagrada, pola estrada de Lugo. Hai que subir por un camiño moi empinado ata o alto do monte, onde hai unha capela moderna feita de pedra ao carón das ruínas do antigo hospital de peregrinos: a uns 50 ms, desde a ermida, xa podemos contemplar a anta.



 
Vista da anta, detrás das ruínas do Hospital,
no extremo da pradeira. Fotografía de 2010.




Planta segundo versión de Ramón Boga.


Forma parte dunha necrópole composta por cinco mámoas, todas elas vinculadas a un camiño primitivo. Das outras catro mámoas apenas quedan restos da súa estrutura arquitectónica megalítica.

A anta atópase no medio dunha mámoa que está prácticamente arrasada formando un conxunto coa cámara da que só se están a conservar catro esteos no seu lugar orixinal. Están na metade septenrional, e dicir, na zona que aínda permanece inculta, a monte baixo. O resto está adicado a pradeira e nesa zona non se conserva nada. Permanecen en pé catro esteos peno polas contornas hai algún outro tirado que poderían pertencer á estrutura arquitectónica. Do mesmo xeito acontece cun esteo de semellantes características que forma parte dun muro situado ao oeste das ruínas do Hospital. Tamén hai restos de pedras que poden pertencer a coiraza da mámoa.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Da cámara, da que tan só consérvanse catro ortostatos, é moi difícil reconstruir a planta orixinal nin a adscrición tipolóxica dos restos. Aparentemente é probable que se trate dunha cámara poligonal de morfoloxía rectangular e gran monumentalidade.

Dos catro esteos que permanecen chantados o máis grande acada unha medidade de dous ms de alto, un espesor medio de 20 cms e un ancho máximo de 1,30 ms.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso


OUTRAS ANTAS E PEDRAFITAS DA FONSAGRADA

Na espera de poder visitar de novo esa fermosa terra para poder visitar as antas que se sinalan a continuación, optei por dar a coñecer estes elementos con información que provén da bibliografía que cito ao final.


ANTA-DOLMEN DA CASÍA ARQUELA, Allonca-Allonquiña.

Tratábase, porque posiblemente xa non exista, dunha anta con cámara de forma poligonal con cinco esteos probablemente imbricados que sostían unha gran pedra cobertora que medía tres metros e vinte cms de longo e un metro e trinta cms de ancho. Sostíase sobre tres esteos da cámara. Os esteos sobresaían, o da esquerda un metro e sesenta cms, e o da dereita un metro e sesenta cms, cun ancho medio de oitenta e cinco cms.  O esteo que formaba a cabeceira (aínda que se descoñece a orientación) medía un medtro e medio de ancho e un metro e corenta cms de altura. 

A Anta Casía da Arquela
segundo debuxo de Monteserín no ano 1941.


Esta descrición débese a Vázquez Seixas, aínda que dela non queda nada, como  dí Enrique López Fernández no seu traballo "Megalitos y mámoas en el Ayuntamiento de Fonsagrada". Segundo este autor, actualmente só se conserva unha cámara baixo o nivel do chan, con restos de esteos truncados e algo así como unha parede delimitando o espazo interior; á beira hai unha pedra de pizarra que mide 1,50 ms de alto. Posúe ademáis aínda restos da mámoa. Conclúe que tamén tivo unha coroa de pedras fincadas ao redor da base da que quedan restos.



A Casía da Arquela segundo fotografía de Enrique López, 1992.

Vázquez Seijas recolle a lenda sobre a construción desta anta: parece ser que unha fermosa e xoven moura  subiu ao monte coa pedra cobertora na cabeza. A anta, segundo recolle Baños et al., foi en gran parte destruida por unha máquina escavadora fai algúns anos.



Tampa da anta Casía da Arquela,
segundo Enrique López no ano 1992.


ANTA-DOLMEN DE FEREIRRÚAS. A Fonsagrada.

Para chegar. Atópase á esquerda da estrada que, pola Tombeadoira, leva direción a Becerreá, no termo de Ferreirúas ou de Montefrío.



Fotografía Enríque López, 1992.

Segundo Enrique López, trátase dunha cámara poligonal totalmente inserida na mámoa. Consta estruturalmente de sete esteos (de pizarra e/ou cuarcita). O meirande deles acada un metro e medio e un pouco menos os demáis. Un dos ortostatos está roto na punta e á beira, fóra do seu lugar orixinal, aparece a pedra cobertora que mide 1,90 x 1,30 ms. A cámara acada son sentido N-S, un metro con cincuenta cms na base e noventa cms no alto. No eixo E-O: na base 1,60 ms e 1,30 arriba. Conclúe este investigador que dá a impresión que o corredor desenvólvese polo SE.




ANTA-DOLMEN DE LEITOMIL. A Fonsagrada

Trátase dunha necrópole composta de varias mámoas. Atópanse despois da aldea de Leitomil, á dereita e á esquerda da pista que, por Loureiro, sube da Veiga de Logares. Destribúense perdidas entre a maleza e ningunha delas ten cámara, escepto a cuarta.

Esta mámoa está bastante separada das demáis e atópase se nos internamos á dereita no monte. 

Estamos diante dunha mámoa que acocha no seu interior unha cámara megalítica ou anta con corredor.





Fotografías realizadas por Enrique López.


ANTA-DOLMEN DE LIÑARES DE BIDUL, A Fonsagrada.

Atópase no pastizal de Meñide, á dereita da estrada de Cabreira ao Vilar de Cuiña, no ángulo esquerdo.



Fotografía de Enrique López, 1992.

Trátase, segundo Enrique López, dunha cámara con planta poligonal tendente ao óvalo cunhas medidas que van do metro e corenta cms ata os noventa cms. Consérvanse catro esteos de cuarcita  polo N e polo L. O máis grande acada un metro e trinta cms de alto e o máis cativo non sobrepasa o metro e dez cms. Todos os esteos rematan en punta e teñen unha lixeira inclinación cara ao interior, apoiándose uns nos outros. Polo sur presenta unha pequena parede que descansa sobre unha gran pedra de setenta cms de longo; polo oeste amosa un pequeno oco sen esteos que puidera corresponder ao corredor.



Fotografía de Enrique López, 1992.

Posuía mámoa con pedras medianas na superficie. Parece ser que esta mámoa foi arrasada recentemente ao roturar as terras para pastizal. Dos esteos só se parecia a punta aflorando e do túmulo queda unha leve curvatura debuxándose na paisaxe.


PEDRAFITA DE PEDRAFITELAS. Hospital de Santiago de Montouto.

Cando a visitou Enrique López, esta pedrafita estaba tirada no chan e parcialmente mutilada. O seu lugar de emprazamento orixinal era nas proximidades do campo de mámoas preto do Hospital Vello do Camiño de Santiago, encima de Montouto.

Xabier Moure amosa unha nova fotografía e chámalle "Marco de Pedrafitelas ou Marco da Pena Labrada (O Padrón)". Parece ser que se erixe actualmente na entrada a Montouto e, ademáis de actuar como marco divisorio, indicaba o proximidade do Hospital de peregrinos. Eu diría que, si é prehistórico, anunciaba a necrópole megalítica. 

A pedrafita, segundo o noso amigo Moure, foi arrincada do seu emprazamento orixinal e ten unha altura aproximada duns dous metros e medio.



Pedrafita de Pedrafitelas. Fotografía
de Xabier Moure



BIBLIOGRAFÍA

Vázquez Seijas, M. "Monumentos megalíticos. A Casía da Arquela" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. Tomo 1, nº 2. 1942

Vazquez Seijas, M. "Lugo en los tiempos prehistóricos" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943.

López Fernández, Enrique. "Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada"  Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1992.

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 12 de xuño de 2012

ANTA-DOLMEN COVA DA MOURA. Santa María de Argalo, Noia.


ANTA-DOLMEN A COVA DA MOURA.

"Humanidad es identidad.  Todos los hombres están hechos de la misma arcilla. No hay ninguna diferencia, al menos aquí abajo, respecto de nuestro destino. La misma sombra antes, la misma carne durante, las mismas cenizas después. Pero la ignorancia, mezclada con la pasta humana, la ennegrece".

Víctor Hugo: "Los miserables". Ed. Edhasa. Barcelona, 2021.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1995.


Para chegar. Hai que coller a estrada á dereita da xeral Noia-Boiro, no pazo do Vizconde S. Alberte, que remata na aldea de Canabal, no lugar do Páramo. A anta atópase á esquerda, nun desvío pouco antes de chegar ao cemiterio municipal de Noia. Pertence á parroquia de Santa María de Argalo.



Fotografía de Ángel del Castillo.

Estamos diante dunha mámoa de tamaño medio con cámara megalítica moi ben conservada de tipo poligonal con corredor corto. Conserva tamén a masa tumular a excepción do cadrante do leste que foi escavado no ano 1980.  Na devandita intervención arqueolóxica exfumouse unha área a xeito de adro delimitada por unha liña de pedras xunto ás que foron localizados 53 obxectos líticos cultuais. 


 
Anta de Argalo no ano 1995. Ramón Boga

A mámoa está composta por terra vexetal, recuberta por unha coiraza de pedras. Despois das escavacións pódese observar una anel que rodea a mámoa pola súa parte perimetral, formado por pedras de variado tamaño. As medidas da mámoa son as seguintes: eixo N-S 20 ms; eixo E-O, 22 ms.



Planta segundo versión de Ramón Boga.

A mámoa atópase recuberta por unha coiraza pétrea e os restos do anel peristalítico descubertos na actuación arqueolóxica foron desmantelados. 



Anta de Argalo no ano 2010.
Fotografía de Fidel Méndez.
  
A estrutura arquitectónica desenvólvese a través dunha cámara poligonal e corredor curto. Consérvanse sete esteos da cámara e dous do corredor no lado do leste. Tamén se están a conservar en catro ortostatos as cuñas orixinais destinadas a taponar a masa tumular. 

Non está a conservar a pedra cobertora, aínda que Murguía sinalaba, no século XIX, que estaba nun lugar próximo. 



Fotografía de Fidel Méndez, 2010

Polo material exfumado na escavación arqueolóxica, inédita, de 1980, pódese considerar aínda hoxe como un dos máis importantes megalitos de Galicia: numerosos restos de cerámica campaniforme, un coitelo de sílex, varios machados de base cadrangular e puntas de frecha de base triangular.

Recentemente atopáronse restos de pintura.



Fotografía de Fidel Méndez, 1910.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN A PEDRA DO MOURO. Axeitos, Santa María de Olveira, Ribeira.

ANTA-DOLMEN PEDRA DO MOURO. 

Para chegar. Debemos coller a estrada xeral que vai de Noia a Ribeira e desviarnos á dereita no lugar de Sobridos, con dirección a Corrubedo. A anta atópase a 2,1 qms, aproximadamente.

A mámoa na que se erixe a anta é de grandes dimensións aínda que está moi alterada, sobre todo polas accións antrópicas. A alteración é máis grave na parte norte na que se foi aplanando o terreo. Nas áreas do leste e do sur existe un acusado desnivel causado por unha antiga linde de fincas. No centro desta mámoa atópase a estrutura arquitetónica megalítica semienterrada. As medidas da mámoa van desde os 28 ms para o eixe NO-S ata os 32 ms para o eixe SO-N. A altura non  acada máis de 60 cms.



Planta segundo versión de Ramón Boga

Conserva restos da coiraza na zona norte da mámoa, no entorno da cámara, onde case non hai vexetación superficial. As pedras que afloran forman un grupo homoxéneo situado a un metro aproximandamente da tampa. Pola zona do sur poderemos ollar algunhas pedras do perfil deixado polo deslinde.

Na contorna houbo un gran penedo no que había gravados varios cápridos, que foi destruido na década de 1970 para construir a estrada. A laxe era coñecida polo nome de Pedra das Cabras.



Fotografía do petroglifo Laxe das Cabras.
A Anta de Axeitos pódese ver ao fondo.

En canto á estrutura arquitectónica, estamos diante dunha cámara poligonal con corredor posiblemente desenvolvido. A cámara alóngase no eixo transversal. Está composta por sete ortostatos e tres para o corredor. Seguramente o máis destacable é a súa singularidade tipolóxica. A pedra cobertora suxeitase só en tres puntos. Polo tamaño que se observa dos esteos e da mámoa, poderíamos deducir que aínda permanece enterrada unha boa parte disa estrutura arquitectónica.



Fotografía do ano 1995



Fotografía de Méndez no 2010.


O corredor atópase ben diferenciado da cámara tanto na planta como na altura e confórmase con tres esteos: un deles no lado dereito e dous no esquerdo.

En xeral, as dimensións dos chantos da cámara van desde os dous ms e corenta e catro cms na anchjura, un metro e oitenta cms de altura e sesenta cms de grosor a meirande, ata os corenta e dous cms de ancho e vintedous cms de grosor nos esteos do corredor. 



Fotografía de Ramón Boga.

Todos os esteos da cámara atópanse imbricados e o maior é considerado como a clave do conxunto, xa que o asentamento de todos os demáis supedítase a esta que forma a parede do sur. A pedra cobertora é única no Barbanza posto que se conserva na súa posición primitiva.

En dous dos esteos da cámara parece ser que hai un signo cruciforme e un signo vertical. Segundo Cuevillas e Bouza Brey as figuras son representacións antropomórficas moi estilizadas. O signo cruciforme componse de cabeza, mans e corpo; o signo vertical representa unha persoa camiñando. Brey e Cuevillas consiedran que poden pertencer ao Eneolítico.  E.A. Shee considera, pola contra, que as gravuras son recentes e non contemporaneas do monumento.



Fotografía de Ramón Boga.



Fotografía de Ramón Boga.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!