xoves, 2 de xaneiro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO DE XOCÍN. San Cibrao de Lama Má, Baños de Molgas

PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO DE XOCÍN

"Toda verdad pasa por tres etapas. Primero, es ridiculizada. En segundo lugar, es violentamente rechazada. En tercer lugar, es aceptada como evidente por sí misma."

Arthur Schopenhauer



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Tamén denominado Marco das Rozas, atópase no lugar de Xocín, ao carón da estrada OU-0109, nunha zona penechaira que cae suavemente cara ao leste, por onde serpentea o río Arnoia.

Este pequeno marco-pedrafita está chantado nun valo, como marco de demarcación do Couto medieval de Xocín. Precisamente na documentación medieval manexada por José Antonio Gavilanes, aparece nomeado como "Coto Villa Joachini", que evolucionou a "Joacín", como se pode comprobar no Catastro do Marqués da Ensenada: “...la confrontación del L. (levante) es con camino del lugar de Calvelo y principia en el Marco o Mojon que se llama de Rozas..."



Fotgrafía de José Antonio Gavilanes

Segundo Gavilanes o marco foi chantado como marco de termo e hoxe fai de peche dun antigo camiño de carro ou corredoira. A cara da pedrafita que dá ao antigo camiño de transo amosa unha cruz gravada, feita con suco profundo. Non aparecen á vista outro tipo de gravuras, a non ser que non sexan visibles por mor da gran cantidade de liquens que están a cubrir este pequeno esteo. 

Dicía antes que o marco atópase chantado nun muro e amosa unha altura dun metro e medio desde o chan; na base mide uns corenta centímetros e na croa ao redor de trinta. A forma é tendente a cadrangular e vai diminuindo dende a base ata a croa.



Fotgrafía de José Antonio Gavilanes

Cabe a posibilidade de que se trate dun emprego primitivo e dicir, un reaproveitamento dunha antiga pedrafita, feito que consideran tanto José Antonio Gavilanes como Alberte Alonso. Na contorna inmediata e como contexto arqueolóxico apareceron non últimos anos unha boa xeira de paneis de petróglifos que fan que nos inclinemos por esa consideración. Tamén na contorna aparecen diversos topónimos como Costa das Antas que nos levan tamén a esa posible e hipotética conclusión. 

En Sigrás, no primeiros días do ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


SITIOS DE MOITO INTERESE

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html

http://pares.mcu.es/Catastro/servlets/ServletController?

https://patrimoniogalego.net/index.php/64993/2014/10/marco-de-rozas-no-couto-de-xocin/

martes, 31 de decembro de 2024

ANTA-DOLMEN DAS LAGOAS. San Roque de Carzoá, Cualedro.

ANTA-DOLMEN DAS LAGOAS

"Siempre parece que se trate de una charla amigable, cuando estás sentada a una mesita y dejas que te cuenten un sinfín de historias, pero en realidad se trata de un trabajo duro. Lo más difícil es cuando he de dicir que no, sin resultar ofensiva, al pobre que tienes delante".

Petra Hartlieb: "Mi maravillosa Librería". Ed. Periférica, 2015.



Anta-dolmen das Lagoas, segundo
versión de Moncho Boga, 2024.


Outro dos innumerables espécimens megalíticos do Concello de Cualedro, nas xa non tan recónditas terras do Támega, da terra de Verín-Monterrei. Un mais, e estou seguro que non será o derradeiro.

Unha vez mais, polo tanto, en territorio de Cualedro: esta pequena e fermosa anta atópase na parroquia de San Roque de Carzoá, nunha área (seguindo a Bruno Rúa) de bastante bo acceso, nunha penechaira terminal que leva dirección a San Martiño e dicir, nunha aba de suave pendente, exposta ás escorrentías feito que pode explicar a inexistencia da mámoa na que se insería. Ademais a frondosa maleza parece ser que impide avaliar a existencia da posible mámoa. Conta Bruno Rúa que pola contorna inmediata pódense albiscar numerosos seixos que con moita seguridade formarían parte da coiraza da mámoa, do túmulo, que ou ben desapareceu froito da erosión, ou ben atópase disimulado entre a maleza.

Parece ser que os esteos que forman esta cámara megalítica están dispostos en semicírculo, cunha altura semellante cadanseu duns setenta centímetros e perfectamente labrados. Tamén observa Bruno Rúa que algúns deles foron removidos do seu lugar. O diámetro do que queda da cámara acada aproximadamente os dous metros.



Fotografía de Bruno Rúa.

Cara ao solpor, segundo Rúa, debúxase o que podería ser o corredor, que está construido con esteos mais pequenos que os que conforman a cámara: todo este conxunto, cámara e corredor, acada unha lonxitude aproximada duns cinco metros. 

O topónimo "Lagoa" xa é un termo recurrente dentro da bibliografía galega ao redor do megalitismo. "Laco" ou "Lacuna" aparece con bastante frecuencia nos textos medievais para referirse a elementos megalíticos. Aparecen no contexto de pedrafitas, antas e mámoas. Pena Graña considera que se trataba de antas desfeitas cun funil de violación de xeito que semellaban lagoiñas pequenas. O que está claro é que na Idade Media, o termo "lacos" vencéllase sempre coas mámoas. A proba, segundo Dolores González, son os megálitos coma este, que reciben este  nome:  e dicir, si un lugar recibe este nome é sen dúbida pola existencia destes túmulos.

Xa Federico Maciñeira chamara a atención sobre estas "lacunas": "dados sus diámetros y configuración repetida  ¿tratariase de sitios dispuestos para erigir otras tumbas en las respectivas necrópolis? ¿Practicaríanse estas escavaciones de una manera ritualística, a fin de extraer tierras humíferas con que formar los túmulos inmediatos, ya que generalmente fue el material empleado en los mismos? Ello es que entre los 300 por mi descubiertos, solo he observado estos cinco casos de los hoyos circulares (los otros tres en Somozas y As Pontes) a sus inmediaciones y ningún otro semejante en todas las montañas del país que durante 40 años recorrí con afán investigador". 
Maciñeira, pp. 77-78.

En difinitiva, os frecuentes topónimos como A Lagoa, Lagoa, Alagoa, As Lagoas..., que se atopan tanto en Portugal como por toda Galicia, a meirande parte das veces refírense a estas pequenas lagoas artificiais de montaña e tamén ás propias antas, como é o caso.

Sexa como sexa estas lagoas (tanto para a captación de auga como para nomear algúns dólmenes) teñen orixe antrópico e nalgúns casos poideran servir para a captación das augas superficiais. Polas cercanías sempre discorren antigos camiños, vellas sendas naturais por onde circulaba o gando e que tamén percorrerían as sociedades de cazadores neolíticos: tamén a miudo nestes lugares ubícanse as necrópoles megalíticas.

Nesta zona de Cualedro, en Carzoá, zona de brañas, de humedais e de camiños antigos, neolíticos.


Saúde, sorte e libros!!!
En Sigrás, no último día de 2024.


BIBLIOGRAFÍA SUSTANCIAL

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2020/06/as-lagoas-como-moimentos-megaliticos.html

https://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=1764&cadena=iber

http://patrimoniogalego.net/index.php/102164/2019/02/dolmen-das-lagoas/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2013/11/mamoas-e-antas-de-galiza-ii.html

web Celtiberia.net

venres, 27 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO COTO. Santa María de Leboreiro, Melide

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO COTO

SOSPEITOSOS HABITUAIS IX



"La gran ventaja de las ciencias matemáticas sobre la moral consiste en esto, en que las ideas de las primeras, al ser sensibles, son siempre claras y precisas, la más insignificante distinción entre ellas es perceptible de inmediato, y los mismos términos expresan siempre las mismas ideas, sin ambigüedad ni variaciones. Un óvalo no se confunde jamás con un círculo, ni una hipérbola con una elipse. Los límites que distinguen el isósceles del escaleno son más precisos que los que distinguen el vicio de la virtud, el bien del mal. Con los términos definidos por la geometría, la mente por sí misma sustituye fácilmente en toda ocasión el término definido por su definición; o, incluso cuando no se emplea definición alguna, el propio objeto puede presentarse a los sentidos, y así ser firme y claramente aprehendido."

      
David Hume: "Investigación sobre el entendimiento humano".
Sección VII. Sobre la idea de conexión necesaria. (Primera Parte). Editora Nacional.

        


Pedrafit-menhir O Marco do Coto.
Versión idealizada de Moncho Boga, 2024.


Como tantas outras veces, escudriñando polos siderais universos internetianos, por aquí e por acullá, rematei mergullándome no tantas veces repetido e magnífico blogue arqueotoponimia, de Dolores González de la Peña. Pois ben, nunha desas tantas incursións, atopei unha fermosa entrada que reflexionaba sobre o "Monumento ao carteiro Alfredo", no lugar de O Coto, na melidense parroquia de Leboreiro. Recordoume inmediatamentea outro monumento megalítico  semellante do que escribín  unha entrada neste blogue: o adicado Cuevillas na parroquia ourensá  Santa María de Velle a saber, a pedrafita-menhir de Beiro, outra das nosas ilustres sospeitosas habituais. Como veredes, as semellanzas son moi significativas, e, adiantando, trátase doutro fragrante caso de reutilización moderna dunha pedrafita milenaria para fins conmemorativos, cousa que probablemente non é incompatible con algúns dos usos ou funcións que tiveron algunhas pedrafitas na época da súa colocación.

Baixo a meticulosa observación de Dolores González, observamos que a demarcación da parroquia de Orosa (Palas de Rei), lindante con Leboreiro, aparece, no Catastro da Ensenada, o Marco do Coto, como marco demarcatorio, reutilizado como tal. Rastrexando na microtoponimia descubriu a existencia dunha vía de comunicación prehistórica que serpenteaba ao redor de varios castros e tamén a existencia do topónimo "Torre Vella": unha posible fortificación para o control do camiño, que transitaba entre O Coto e Leboreiro. No Catastro da Ensenada, ademais da Mámoa do Xudeo, aparece o Marco do Coto ou do Escurial.




Marco do Coto ou "Monumento al cartero Alfredo". O Coto-Leboreiro.
(C)Dolores González de la Peña, 2023.

A partires destes interesantes datos, sospeita que o "Monumento ao Carteiro Alfredo", á beira da Taberna O Carteiro no lugar do Coto, é o devandito marco de demarcación parroquial: "pedrafita reconvertida en monumento conmemorativo pola vía expeditiva de colocarlle unha plaquiña con adicatoria"; caso verdadeiramente idéntico ao de  Cuevillas en Velle. Ademais tamén amosa serias dúbidas sobre a aseveración da páxina web de correos onde se conta que o esteo foi trasladado desde Triacastela, tendo en conta os marcos de demarcación territoriais que había entre Leboreiro, e precisamente un no Coto.

A verdade é que a forma deste esteo recorda á doutras moitas pedrafitas galegas: sección cadrangular na base que, pouco a pouco, vaise convertendo en cilíndrica ata acadar unha croa moi picuda e irregular. O desbastado é, sen moitas dúbidas, artificial, feito pola man do home, non un produto da erosión. Non sei si está a conservar ou se amosa algún tipo de gravura ou cazoliña. 

Aínda así, e por todo o anterior, considero necesario incluir este fermoso esteo chantado no catálogo posible das pedrafitas galegas, que deixe de ser un sospeitoso habitual.

En Sigrás, nas postrimerías de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!


ONDE ATOPAR MAIS


https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=LEBOREIRO

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search/label/Terra%20de%20Ourense

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://turismomelide.com/index.php/es/

venres, 20 de decembro de 2024

ANTA-DOLMEN DE BUSTELO. Santa María de Vicinte, Outeiro de Rei

ANTA-DOLMEN DE BUSTELO


"Es la razón pura una unidad tan perfecta, que si su principio fuera insuficiente para solo una de las cuestiones que le son propuestas por su propia naturaleza, habría desde luego que desecharlo, porque entonces no sería adecuado para resolver, con completa seguridad, ninguna otra."

Inmanuel Kant: "Crítica de la Razón Pura". Ed. Alfaguara, Madrid.



Anta-dolmen de Bustelo,
segundo Moncho Boga, 2024.

Non hai nada e xa estou novamente no Concello de Outeiro de Rei. Un concello amplo, de suave orografía, de innumerables regatos, de rios grandes, do río dos ríos galegos, de frondosas fragas, de pradeiras interminables... Terra de fortalezas, de pazos, de románicos pagos, de castros e dicir, daquelo que nos identifica como pobo.



Fotografía extraida do blogue megaliticia.blogspot.com

E temos unha nova anta, unha anta da que pouco podo contar, porque pouco se ten contado. Atopámonos diante dunha estrutura arquitectónica composta por catro grandes esteos. As fotografías das que dispoño non permiten deducir a planta, pero sí facemos caso da intuición megaliteira, decantaríame por unha planta poligonal, tendente a circular e con corredor pouco desenvolvido. Non aprecio restos da mámoa e forma parte do muro de peche da finca na que se insire.



Fotografía extraida do blogue megaliticia.blogspot.com

Segundo Moure, aparecen polo menos dous esteos reaprobeitados para un muro de peche e algúns dos esteos da cámara amosan unhas "curiosas" marcas. Noutro orden de cousas, o estado de conservación é bastante malo. Polos arredores atopou un machado neolítico. 



Fotografía extraida do blogue
onosopatrimonio.blogspot.com, Xabier Moure.

Por último concluir que se empraza no interior dunha finca privada e que hai cans soltos que non son perigosos mentres non pechen a boca...


En Sigrás cando xa vai rematando o 2024

Saúde, sorte e libros!!!



APROVEITANDO: OUTROS RECURSOS NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI

Falaba mais enriba dos múltiples recursos turísticos das terras de Outeiro de Rei. Regos, regatos, ríos grandes (o río Ladra e o Narla) e o rei dos ríos Galegos, o Miño. Nas ribeiras de todos estes espléndidos cursos fluviais hai recunchos que paga a pena visitar a través dos diversos roteiros deseñados polo Concello. 

Non quixera rematar sin subliñar outros lugares menos coñecidos pero absolutamente recomendables, como son a Torre de Sobrada de Aguiar e a Torre de Taboi. A Pena das Rodas, auténtico monumento megalítico natural, debe ser visitado sen ningún tipo de disculpa.


PARA SABER UN POUQUIÑO MAIS

https://historiadegalicia.gal/2019/08/mamoas-e-dolmenes-patrimonio-en-vias-de-desaparicion/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/07/30/catro-novas-mamoas-dolmen-outeiro-rei/00031564483895147980558.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/outeiro-de-rei/2019/07/31/span-langglatopan-nunha-mamoa-outeiro-rei-dos-poucos-idolos-documentadosspancatro-enterramentos-novos-dolmen-municipio/0003_201907L31C3994.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmen-de-bustelo-20798364

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmen-de-bustelo.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://outeiroderei.gal/turismo/

xoves, 19 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR CRUCEIRO DE BALDRIZ. San Bartolomeu de Baldriz, Cualedro

PEDRAFITA-MENHIR CRUCEIRO DE BALDRIZ

SOSPEITOSOS HABITUAIS IX


"Seguramente, Dios pudo haber hecho que las aves volaran con sus huesos hechos de oro sólido, con sus venas llenas de plata, con su carne más pesada que el plomo y con sus alas extremadamente pequeñas. Él no lo hizo, y eso debería demostrar algo. Es solo para proteger tu ignorancia que pones al Señor a cada momento en el refugio de un milagro."

Galileo Galilei: "Il Saggiatore"



Pedrafita-menhir de Baldriz.
Debuxo idealizado por Moncho Boga, 2024.

Como outras moitas veces na miña biografía megaliteira e pedrafiteira, atopei este posible exemplar de pedrafita grazas a ilustres e incansable oteadores do noso patrimonio, como son Bruno Rúa, Alberte Alonso, Moure, Quintía... O que semella un cruceiro esconde, baixo moitas capas, se cadra unha pedrafita misturada con recubrimentos cristianos. A memoria das xentes, a toponimia, a orografía e a simboloxía proporcionan as claves para unha reinterpretación deste novo monumento de épocas prehistórico-megalíticas.
 
Atópase chantada moi preto dun cruzamento de camiños primitivos, no Camiño de Santa María das Mercedes, remoto camiño, ruta principal de comunicación, vía de camiñantes de todas as épocas; camiño obviamente cristianizado. 

Trátase dunha sinxela pedrafita de sección tendente a cadrangular que amosa esculpida na parte traseira unha acanaladura a cal, desde a croa, chega ata os case dous terzos. A altura aproximada da pedrafita acada os dous metros e o diámetro non sobrepasa os corenta centímetros. Atópase a oitocentos cincoenta e seis metros sobre o nivel do mar.

A acanaladura posterior, da que estabamos a falar antes, semella un rebaixe para encaixar unha cruz de pedra ou de madeira realizada en tempos inmemoriais para, probablemente, cristianizar un lugar pagano. 



Fotografía de Bruno Rúa.

Na década de 1970 ao señor cura-párroco ocurriuselle a estupenda idea de chantarlle enriba unha cruz de cemento, elemento que aínda podemos ollar na actualidade. Considera Alberte Alonso que este feito patentiza no tempo a  obliteración ancestral que xa fora aplicada á pedrafita e ao espazo ao que pertence.

O emprazamento da pedrafita-cruceiro desenvólvese como unha chaira e, cara ao sur, despois de Baldriz, serpentea o Regato da Meda. Os veciños de Baldriz coñecen este sinxelo menhir co alcume de "parafita", outro dos nomes que teñen as pedrafitas en Galicia: de -para (pedra) e fita (chantada na terra).

Estamos diante dun singular elemento megalítico dos moitos que xalonan as abruptas terras de Cualedro, un concello que aporta moreas de recursos arqueolóxicos espléndidos, tanto en cantidade como en cualidade.

Entre a rica toponimia que rodea esta pedrafita (recollida por Alberte Alonso no seu blogue) destacamos a seguinte: Penedo da Lameira do Porco, O Escambrón, A Portela, O Padrón, A Pala, Val da Cal, O Montouto, A Poula Grande, Val da Trabe, etc.

Por todo isto, considero que a Pedrafita-menhir do Cruceiro de Baldriz é un destacado exemplar que debe ser considerado unha auténtica pedrafita, unha mais das que xa están a formar parte  da nosa xeografía arqueolóxica e mítica.


En Sigrás, camiñando no Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!

Coordenadas: Lat 42º 1´58,43´´ N Lon 7º 31´45,46´´ O



UNHAS CANTAS REFERENCIAS BÁSICAS E CASE ÚNICAS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/mapa-das-pedrafitas-de-galicia.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/70299/2015/03/pedrafita-cruceiro-de-baldriz/

Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)

mércores, 18 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DE PASCUAIS. San Xoán de Parada, OUTEIRO DE REI

PEDRAFITA DE PASCUAIS

"Gutta cavat lapidem, non vi, sed saepe cadendo": (La gota horada la piedra, no por su fuerza, sino por su constancia al caer) 

Ovidio: "Cartas desde el Ponto", IV, 10.



Pedrafita de Pascuais segundo debuxo
de Moncho Boga, 2024.


Nas brumorosas e lexendarias terras da Comarca de Lugo eríxese esta estupenda e prototípica pedrafita, que ven a engrosar o cada vez meirande número destes monumentos megalíticos do país galego.

Atópase no lugar de Pascuais, nunha chaira que se espalla a través dunha suave pendende que cae cara ao suleste. Corredoiras primitivas, camiños antigos, veredas recónditas, carreiros indispensables..., e erixíase, como contarei mais adiante, á beira dun pequeno manancial de augas cristalinas. Tamén é área de necrópoles megalíticas, unha asombrosa área cunha asombrosa densidade de mámoas. Acevedo, As Corredoiras, Picos das Mallas, Os Carrís, Martul, Cobreiro..., son topónimos que nalgún caso aluden á existencia destas verdadeiras estruturas arquitectónicas vencelladas coa morte.



Pedrafita de Pascuais. 
Fotografía de Xabier Moure.

Como tantas outras veces, tanto as fotografías como o que podo dicir desta pedrafita débese ao férreo tesón de Xabier Moure, a través do seu enciclopédico blogue onosopatrimonio. Efectivamente, a maior e única descrición desta tan sorprendente como inopinada pedrafita, chantada no xardín dunha casa rehabilitada para actividades hostaleiras e de turismo rural, recibina por medio do blogue antes mencionado.

Conta Moure unha visita a este establecemento onde o propietario tivo a amabilidade de ensinarlle esta marabillosa pedrafita: nese espazo, Moure, acompañado por Brais Rodríguez Romero, puido contemplar e escudriñar varias pedras chantadas, trasladadas das contornas aledañas da mesma finca. Sen embargo o que verdadeiramente destacaba nese lugar era o gran esteo que nos ocupa.

Efectivamente, como podemos ollar nas fotografías, sobresae un gran bloque granítico coa forma ben regularizada, traballada, puída, con tendencia cónica. A parte que non está chantada na terra ten unha altura aproximada de dous metros e sesenta centímetros. O perímetro, na parte mais grosa, segundo as súas medidas, acada  os tres metros e noventa centímetros. O menhir vaise estreitando paseniñamente cara ao mais alto, á croa, onde é un pouco mais estreito.



Pedrafita de Pascuais. 
Fotografía de Xabier Moure.

Segundo as informacións do dono da finca, a parte soterrada pode acadar preto dun metro, de xeito que estamos a falar dunha lonxitude total de case tres metros. Segundo Moure esta enorme pedrafita pode chegar a un peso de preto de sete toneladas.

Como dicía ao principio a pedrafita foi trasladada hai anos desde o seu primitivo lugar de emprazamento, dentro da propia finca, cerquiña, á beira dun pequeno manancial. Non se conserva ningún motivo gravado, nin coviña algunha, tampouco escotadura..., sen embargo a perfección do desbastado e a súa forma, falánnos indiscutiblemente dun elemento adscrito crono-culturalmente á época neolítica.


En Sigrás, achegándome aos infaustos tempos de finais do ano 2024.
Saúde, sorte e libros!!!



PARA SABER MOITO MAIS E MELLOR


https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://historiadegalicia.gal/2017/09/outeiro-de-rei-atesoura-180-enterramentos-prehistoricos-medio-cento-deles-foron-arrasados-nos-ultimos-anos/

https://outeiroderei.gal/turismo/

martes, 17 de decembro de 2024

ANTA-DOLMEN DA VEIGA DE SALAS. Porqueirós, Muiños.

 

ANTA-DOLMEN DA VEIGA DE SALAS


"El primero comienza desde el lugar que ocupo en el mundo externo de los sentidos, y amplía mi conexión allí hasta un grado ilimitado con mundos sobre mundos y sistemas de sistemas, y además en tiempos ilimitados de su movimiento periódico, su comienzo y continuación. La segunda parte de mi yo invisible, mi personalidad, y me exhibe en un mundo que tiene verdadera infinitud, pero que sólo es rastreable por el entendimiento, y con el cual discierno que no estoy en un mundo meramente contingente sino en un mundo necesario y universal conexión, ya que también lo estoy con todos esos mundos visibles."

Inmanuel Kant: "Crítica de la Razón Pura" Ed. Algaguara, Madrid




Anta da Veiga de Salas segundo debuxo
de Moncho Boga, 2024.


Retorno ao Concello de Muíños (cantas veces van?), á súa capital Mugueimes, a Porqueirós, a Maus de Salas, ao encoro que asolagou centos de mámoas, de antas, e talvez outros moitos xacementos que durmen nos fondos lamacentos, inundados polas necesidades da civilización moderna. Pero retorno polas redes, eses intrumentos que lamentablemente necesitan dos encoros, que necesitamos para vivir, para ter unha vida cómoda..., é o prezo que temos que pagar para que xente coma min teña acceso ao mundo exterior, para que xente coma min teña a  posibilidade efímera de achegarse a un mundo que deixará de ser, con total seguridade: unha tremenda e fatídica paradoxa.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

A pesares das moitas visitas a esta entrañable comarca do sur mais sur de todo os sures galegos, nunca puiden visitar estas antas asolagadas, esta memoria afundida no medio do encoro. Aínda así, pódoas imaxinar e as podo ensinar grazas ao inxente traballo, entroutros, do blogue megaliticia, que me proporciona un material estupendo e impagable para poder continuar con este apaixoante traballo, con este total aprecio  polo mundo megalítico.


Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

Pero houbo outros antes: Cuevillas, Eguileta Franco, e moitos mais despois, aútenticos centíficos da arqueloxía, que nos foron abrindo portas e nos van ensinando un mundo e unha paisaxe que xa nunca mais será, que non poderemos nin siquera imaxinar en toda a  súa extensión prehistórica. 

A anta que amoso hoxe atópase asolagada a meirande parte do ano, na Veiga de Maus de Salas, e só se pode contemplar cando as augas do encoro baixan debido ás secas.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

Trátase dunha anta de tipo poligonal con corredor, posiblemente, desenvolvido. Non podo determinar con exactitude cantos esteos conforman a cámara, pero probablemente estea construida cuns sete esteos. O resto dos que se ven espallados, deben formar parte tanto do corredor coma dos restos das tampas ou pedras cobertoras da cámara e do corredor. Como si dunha auténtica escavación arqueolóxica se tratase, podemos contemplar a anta libre de toda a masa tumular, limpada pola acción implacable da auga: un gran anel peristalítico perfectamente circular (posiblemente o muro de conteción da terra que cubría a anta) así como todos os esteos que conformaban a estrutura arquitectónica megalítica.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

As investigacións ao redor do megalitismo da Baixa Limia, á parte de diversas noticias desde o século XIX, non collen pulo científico ata os traballos de F. López Cuevillas nos anos da década de 1920 e, a partires da década de 1950 a comarca quedou no ostracismo case absoluto con respecto as investigacións megalíticas. Sen embargo, os traballos do ilustre Cuevillas desixaron unha pegada de interese que foi continuada sobre todo por Eguileta Franco, cunha intensa laboura de investigación, prospección e catalogación da inxente cantidade de antas desta ben caracterizada comarca.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com


Hoxe en día, baixo o paraugas da Reserva do Parque do Xurés, e tamén baixo a decidida actuación das autoridades locais, semella que os traballos de posta en valor destes ignorados monumentos terán solución de continuidade.


En Sigrás, a toda velocidade cara ás festas do Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER BASTANTE MAIS


López-Alonso e Cuevillas: "Dúas estacións dolménicas. As mamoiñas da Serra da Muá e as antas de Maus de Salas". NÓS 44. Santiago de Compostela, 1927.

Eguileta Franco: "As mámoas dos concellos da Baixa Limia: aportación ao catálogo de monumentos tumulares de la comarca" CEGA, T. XLI, Fasc. 106. Santiago de Compostela. 1993-94.

Eguileta Franco: "Mámoas y paisaje, muerte y vida en el val de Salas (Ourense). El fenómeno megalítico en un valle de montaña" Universidade de Vigo.

Libro-Guía. Eguileta Franco, J.M. e Cabo Rodríguez, C., "Muíños Arqueolóxico: os megalitos de Muíños", 27 pp. Ourense, 1994.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-megalitica-as-maus-de-salas-muinos-13320025/photo-8218415

https://www.concellomuinos.com/aulaarqueol%C3%B3xicadomegalitismodo

https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/006159/xunta-pone-marcha-obras-consolidacion-yacimiento-arqueologico-mamoa-maus-salas

PDF As mámoas nos concellos da Baixa Limia. Eguileta Franco.


https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-veiga-de-maus-de-salas.html