PEDRAFITA-MENHIR CRUCEIRO DE BALDRIZ
SOSPEITOSOS HABITUAIS IX
"Seguramente, Dios pudo haber hecho que las aves volaran con sus huesos hechos de oro sólido, con sus venas llenas de plata, con su carne más pesada que el plomo y con sus alas extremadamente pequeñas. Él no lo hizo, y eso debería demostrar algo. Es solo para proteger tu ignorancia que pones al Señor a cada momento en el refugio de un milagro."
Galileo Galilei: "Il Saggiatore"
Pedrafita-menhir de Baldriz. Debuxo idealizado por Moncho Boga, 2024. |
Como outras moitas veces na miña biografía megaliteira e pedrafiteira, atopei este posible exemplar de pedrafita grazas a ilustres e incansable oteadores do noso patrimonio, como son Bruno Rúa, Alberte Alonso, Moure, Quintía... O que semella un cruceiro esconde, baixo moitas capas, se cadra unha pedrafita misturada con recubrimentos cristianos. A memoria das xentes, a toponimia, a orografía e a simboloxía proporcionan as claves para unha reinterpretación deste novo monumento de épocas prehistórico-megalíticas.
Atópase chantada moi preto dun cruzamento de camiños primitivos, no Camiño de Santa María das Mercedes, remoto camiño, ruta principal de comunicación, vía de camiñantes de todas as épocas; camiño obviamente cristianizado.
Trátase dunha sinxela pedrafita de sección tendente a cadrangular que amosa esculpida na parte traseira unha acanaladura a cal, desde a croa, chega ata os case dous terzos. A altura aproximada da pedrafita acada os dous metros e o diámetro non sobrepasa os corenta centímetros. Atópase a oitocentos cincoenta e seis metros sobre o nivel do mar.
A acanaladura posterior, da que estabamos a falar antes, semella un rebaixe para encaixar unha cruz de pedra ou de madeira realizada en tempos inmemoriais para, probablemente, cristianizar un lugar pagano.
Fotografía de Bruno Rúa. |
Na década de 1970 ao señor cura-párroco ocurriuselle a estupenda idea de chantarlle enriba unha cruz de cemento, elemento que aínda podemos ollar na actualidade. Considera Alberte Alonso que este feito patentiza no tempo a obliteración ancestral que xa fora aplicada á pedrafita e ao espazo ao que pertence.
O emprazamento da pedrafita-cruceiro desenvólvese como unha chaira e, cara ao sur, despois de Baldriz, serpentea o Regato da Meda. Os veciños de Baldriz coñecen este sinxelo menhir co alcume de "parafita", outro dos nomes que teñen as pedrafitas en Galicia: de -para (pedra) e fita (chantada na terra).
Estamos diante dun singular elemento megalítico dos moitos que xalonan as abruptas terras de Cualedro, un concello que aporta moreas de recursos arqueolóxicos espléndidos, tanto en cantidade como en cualidade.
Entre a rica toponimia que rodea esta pedrafita (recollida por Alberte Alonso no seu blogue) destacamos a seguinte: Penedo da Lameira do Porco, O Escambrón, A Portela, O Padrón, A Pala, Val da Cal, O Montouto, A Poula Grande, Val da Trabe, etc.
Por todo isto, considero que a Pedrafita-menhir do Cruceiro de Baldriz é un destacado exemplar que debe ser considerado unha auténtica pedrafita, unha mais das que xa están a formar parte da nosa xeografía arqueolóxica e mítica.
En Sigrás, camiñando no Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!
Coordenadas: Lat 42º 1´58,43´´ N Lon 7º 31´45,46´´ O
UNHAS CANTAS REFERENCIAS BÁSICAS E CASE ÚNICAS
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/mapa-das-pedrafitas-de-galicia.html
https://patrimoniogalego.net/index.php/70299/2015/03/pedrafita-cruceiro-de-baldriz/
Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
No hay comentarios:
Publicar un comentario