Amosando publicacións coa etiqueta As Pontes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta As Pontes. Amosar todas as publicacións

mércores, 16 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DA VEIGA DA NATA. O Bidueiral, San Xoán do Freixo. As Pontes

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DA VEIGA DA NATA.

"Nada será que no haya sido antes. Nada será para no ser mañana. Eternidad son todos los instantes, que mide el grano que el reloj desgrana."

Ramón María del Valle Inclán



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Pouco sei desta poderosa mámoa na que se insiren dous esteos magníficos e toda unha xeira de pequenas pedras espalladas polo funil de violación. É imposible determinar as características morfolóxicas da cámara megalítica a partir dos poucos datos de que dispoño. Aínda así, dedúcese unha gran mámoa cun profundo e concienzudo remexido para chegar ao interior e esnaquizar ou reaproveitar os esteos que faltan.

A Necrópole atópase moi afectada polo impacto brutal do Parque Eólico, e a mámoa tamén está moi alterada debido ás continuas remocións estractivas.



Fotografía de Xabier Moure

A comarca do Eume, co Monte Caxado e a Serra da Faladoira, aínda segue a proporcionar estupendos resultados no edio megalítico. Só unha pequena ou gran mágoa: a enorme desfeita de magnitudes bíblicas que fixo a mina de lignitos na Cubeta de As Pontes, unha das grandes e desaparecidas estacións do megalitismo galego.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-e-antas-de-galiza.html

xoves, 10 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN DAS PENAS VERDES. O Freixo, As Pontes de García Rodríguez.

 

ANTA-DOLMEN DAS PENAS VERDES

"Recuerda que la vida nos depara muchos engaños agradables por la vanidad de la gloria; pues cuando estamos empezando a vivir, entonces estamos muriendo. No hay, pues, cosa más inútil que la ambición."

TEOFRASTO



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Segundo os fecundos estudos e sempre atinadas informacións  de Dolores González de la Peña, esta mámoa-anta-dolmen non é outra que a Pena Moura  que da nome ao lugar onde se asenta. Descubriuna grazas á información dun veciño mentres percorría o Camiño dos Arrieiros e buscaba outra cousa, como adoita acontecer moi a miudo.

A información da autora do blogue arqueotoponimia describe minuciosamente a anta: está a conservar a mámoa con restos da coiraza pétrea e da arquitectura megalítica. A tampa ou pedra cobertora así como outra pedra fincada, completamente descolocada, están no medio da estrutura tumular. 



Fotografía de:  (C) Dolores González de la Peña, 2007.

A peculiaridade, curiosidade, da mámoa rádica en que se está a apoiar na parte da crista ou afloramento rochoso que se incicia a un nivel mais baixo, e dicir, a construción da cámara fíxose aproveitando o apoio ou sustento dese afloramento no mesmo lugar. Sería, segundo Dolores, unha rara tipoloxía seimihipoxea, se cadra única, do megalitismo galego. Este tipo de construción debeu ter unha finalidade estrictamente funcional a saber, aproveitar o afloramento rochoso como contraforte, redundando no anterior.

O orofitotopónimo "Penas Verdes", ven motivado polo intenso cor verde da herba e o tapiz vexetal que está a cubrir as cristas e o túmulo.



Fotografía de:  (C) Dolores González de la Peña, 2007.

"Penas Verdes (O Freixo): Necrópole con dúas mámoas. Unha ten uns 13 metros de diámetro e 1,20 de altura; cono de saqueo; restos de coiraza; alterada polos labores agrícolas". En onosopatrimonioblogsot.com.


En Sigrás, nos aciagos  prolegómenos da primavera de 2025
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES IMPORTANTES

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2018/07/mamoa-das-penas-verdes-pena-moura-as.html

http://megalitos.arqueoloxico.com/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-e-antas-de-galiza.html

martes, 5 de xuño de 2012

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. Serra da Faladoira. Ortigueira-Mañón.

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. 

Para chegar. Pola mesma estrada, hoxe en moi boas condicións, que une As Pontes con Ortigueira e Mañón, a anta está a dezaseis quilómetros de As Pontes, no lugar da Panda da Serra. Sitúase á dereita, detrás dunha formación rochosa ben definida e delimitada.

Forma parte dunha necrópole que se asenta á beira do Camiño dos Arrieiros, ruta que funde as súas orixes probablemente na época de construción dos megalitos. Unha vinculación entre monumentos megalíticos e camiños ou rutas prehistóricas ben documentada en toda Galicia. Esta é unha liña de investigación iniciada polo ilustre investigador don Federico Manciñeira. Maciñeira, na súa Carta Arqueolóxica catalogou máis de cen mámoas.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


A tese fundamental de Maciñeira  (en "Bares. Puerto hispánico de la primitiva navegación occidental") é que o Camiño foi feito para buscar saída ao mar e así poder enlazar dierectamente  toda isa bisbarra do interior co avanzado peirao de Bares.

Na Serra Faladoira Maciñeira catalogou 87 mámoas sempre vinculadas ao Camiño, e as modernas prospeccións apenas engadiron algún que outro túmulo. Xa Maciñeira avisaba que posiblemente non descubrira moitos deles  que "pudieran quedar ocultos entre el tupido matorral que recubre el terreno".

Na primeira investigación feita por Maciñeira antes de 1900, tamén recolleu numerosas lendas ao redor destes espectaculares monumentos: conservábanse -conta Maciñeira- tradicións relacionadas con encantos, cos peñascos ou cos nacementos da auga, sendo as lendas máis comúns as da galiña que pon os ovos de ouro ou a dos polos que saen na mañanciña do San Xoán.



Pedrafita de Pena Faladoira. Fotografía de Onnega.

Unha pedrafita sinalada por Barros Silvelo, segundo conta Maciñeira, na demarcación de "Peña Faladoira", talvez sexa o indicado no blog de Onnega, tirado no chan e con moi boa pinta. A pedrafita mencionada por Barros Silvelo e non atopada por Federico Manciñeira, servía de límite entre parroquias dos concellos de As Pontes, Mañón e Ortigueira, e posiblemente a súa situación  previa a necrópole de Forno dos Mouros fixese de fito avisador ou protoestela de sinalización da necrópole. Á espera de poder visitar esta posible pedrafita, nada máis podo dicir dela.



Planta da anda Forno dos Mouros segundo Maciñeira.
Versión de Moncho Boga.

A mámoa na que se insire a colosal anta Forno dos Mouros, mide ao redor de vinte metros de diámetro. Estamos, sen dúbida, diante dun dos dolmens mellores e mellor conservados de toda a bisbarra. Atópase prácticamente completo estando a faltarlle tan só a pedra cobertora.



Fotografía realizada por Ramón Boga. 1993

Corresponte, tipolóxicamente, ao tipo de antas coa cámara poligonal e corredor  pouco desenvolvido. A cámara esta formada por sete esteos e o corrdor por dous. Segundo Maciñeira, pódese deducir que o emprego do número sete estivo a ter moita relevancia en relación ben co sistema construtivo, ben cos ritos relixiosos dos pobos antigos que lle daban moita importancia ao número sete.



Nesta fotografía de Maciñeira podemos ollar o pouco que cambiou o monumento desde os albores do século XX.



Fotografía de 1993, por Ramón Boga.

En canto ás medidas aproximadas, os esteos meirandes da cámara acadan unha altura de entre dous ms e corenta cms e os dous metros e cincoenta cms. Para a súa anchura, non sobrepasan un metro e dez cms. A lonxitude total do monumento, en planta, acada cinco ms con dez cms, repartidos do seguinte xeito: dous ms para a cámara e dous metros e setenta cms para o corredor.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!
















martes, 29 de maio de 2012

CÍRCULO LÍTICO DE O FREIXO. As Pontes de García Rodríguez

INTRODUCIÓN. O MEGALITISMO EN AS PONTES

Desde a perspectiva arqueolóxica, a comarca das Pontes foi estudada minuciosamente polo erudito Federico Maciñeira a finais do século XIX e na primeira metade do século XX. Os datos que aportoua serven aínda hoxe en día para o estudo do megalitismo e é un exemplo para presentes e futuros investigadores, sobre todo tendo en conta que a disciplina arqueolóxica estaba en pañais nesas datas en Galicia.



Círculo Lítico grande da Mourela. Foto de Maciñeira. 

Na cubeta de As Pontes xa non quedan restos de cámaras megalíticas pero, pola contra, consérvanse un elevado número de mámoas: nunha superficie de vinteoito quilómetros cadrados houbo un total de 125 mámoas, o que dá pé a considerala como a estación megalítica máis importante do país, sobre todo en canto á densidade.

Destacaban os núcleso da Veiga de Vilavella, os círculos de pedra da Mourela e o núcleo do Alto das Seixas, na actualidade estragados polos traballos da Mina. A mámoa 245 da Veiga de Vilavella acochaba unha cista formada por oito esteos verticais coroados por unha pedra cobertora monolítica. O enxoval eshumado compoñíase por dous cinceis, un mazo toneliforme, catro sacheos e unha machada de sección cadrada. Entre as mámoas da zona apareceron monumentos representativos de todos os tipos da cultura megalítica.



Círculo pequeno da Mourela. Foto de Maciñeira.

Pero tamén hai peculiaridades, en canto ao horizonte megalítico, que a individualizan con respecto doutras comarcas: as mámoas acostuman ter dimensións reducidas e amosan grandes coirazas de pedra. O mesmo sucede no que respecta ás cámaras que corresponden á tipoloxía definida pola cámara poligonal e corredor corto con esteos de reducidas dimensións. O emprazamento, aproveitando os penecháns dos puntos máis altos da Serra, fai pensar na estética como motivo posible desa ubicación. Outras interpretacións falan da importante práctica dos pobos primitivos de elexir lugares elevados para invocar aos deuses, ao supoñer que nas cumes dos montes tiña o seu asento a divinidade.


ESQUEMA DOS CÍRCULOS LÍTICOS E DA NECRÓPOLE DA MOURELA: versión de Ramón Boga a partir dos debuxos de Federico Maciñeira.




Tratábase dunha necrópole composta por cinco mámoas e dous círculos de pedra. Tres das mámoas acochaban no interior as antas debuxadas no ángulo superior esquerdo. Conservábase tamén unha especie de "calle" ou camiño abandonado de medio quilómetro de lonxitude, cun ancho constante de cinco metros e cunha serie de pedras desiguais de cuarzo sin labrar. A súa forma natural era alongada e sobresaína entre 30 e 50 centímetros.


O CÍRCULO LÍTICO DE O FREIXO

Para chegar cómpre seguir a estrada que, desde As Pontes, leva a Mañón e a Ortigueira pola Serra Faladoira. Auns dez quilómetros veremos un desvío á dereita cun indicador de madeira que sinala "Finca Cabalar", da Xunta de Galicia. Despois de circularao redor de 10 kms, deixando atrás Somede, o desvío do Freixo e a entrada da Finca O Cabalar, chegamos a unha bifurcación no alto: a estrada da esquerda vai ao Vidueiral, a da dereita leva ao Círculo que está emprazado á esquerda nunha pequena chaira do cumio a pouco menos de 50 ms do desvío.

O Círculo de Pedra do Freixo acada unha lonxitude para o diámetro de 9,40 ms, debuxando un círculo perfecto e, aínda que está formado por rochas rudas de pequeno tamaño, parece que se atopa en bo estado para o seu estudo.



Fotografía de Ramón Boga, 1993.

Está construido a base de desiguais e toscas rochas, en maior medida miúdas, excepto na entrada, que son algo máis grandes. As rochas de cuarzo branco, moi abondosas na zona, forman un anel circular dunha anchura media de dous metros e trinta centímetros, e non sobresaen máis de corenta cms, ao que hai que engadir numerosos anacos de pizarra, tamén moi abondosos na cume. Esta morea de pedras non deixa espazos libres apreciables entre si. Como dicía o diámetro máximo N-S acada os nove metros e corenta centímetros. No sur, unha gran pedra que parece non está fincada no chan acada 93 centímetros de largo por corenta cms de ancho.

A entrada está orientaca ao nacente e forma un corredor froito da interrupción das fiadas de rochas, limitando cos maiores esteos do conxunto. A máis grande das rochas que forman a entrada, acada ao redor dun metro de lonxitude e o van mide uns setenta centímetros. 



Porta de acceso ao Círculo. 1993. Fotografía de Ramón Boga.

Talvez o máis salientable do círculo sexa unha curiosa ringleira de pequenas lousas chantadas verticalmente no cha da entrada e orientadas nun sentido decrecente de Leste a Oeste. Están imbricadas entre sí e profundamente chantadas. Son cinco lousas de pizarra que parecen dividir o acceso ao círculo en dúas metades.

Como ocurre cos desaparecidos círculos de pedra de A Mourela, o círculo do Freixo emprázase no máis alto, no Alto da Serra, desde o que se divisa unha ampla e fermosa panorámica do encoro do Eume e dos vales adxacentes.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!