venres, 5 de xuño de 2026

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO RAPOSO OU MINA DO LAGARTO. San Vicenzo de Aro. Negreira

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO RAPOSO OU  MINA DO LAGARTO

ROTEIRO MEGALÍTICO DO MONTE CORZÁN 4

"Los hombres se cansan antes de dormir, de amar, de cantar y bailar que de hacer la guerra."

Homero


Debuxo de Moncho Boga, 2026

E continúo coa miña andaina imaxinaria, co meu percorrido virtual, coa axuda inestimable de moitos amigos e coa virtualidade que me proporciona o ubicuo Alex Negreira e as súas estupendas fotografías. Continúo pois co meu particular imaxinario argallando unha ruta que non sei si é real e tampouco sei (só podo imaxinar) a dificultade de acceder a estes indefensos exemplares da nosa extraordinario listaxe de antas, de dólmenes, de mámoas, de pedrafitas, de "rodas..."


Fotografía extraída de megaliticiablogspot.com

Sigo polo tanto na chaira do Monte Corzán, no lugar de Pedralonga, pertencente á parroquia de San Vicenzo de Aro. Para atopala, primeiro hai que chegar ao lugar ou aldea de Pedralonga. Desde aquí, debemos dirixirnos cara ao sul por unha estreita pista hoxe asfaltada que leva ao lugar ou aldea de Vilar. A aproximadamente un quilómetro e douscentos metros atópase a mámoa que podemos ver (si a arboreda non o impide) mirando ao leste: ubícase a uns cincuenta metros da estrada. Actualmente malia que hai algunhas pradeiras, cada vez aparecen como por arte de maxia mais eucaliptos que impiden a súa visión inmediata.


Mapa da Ruta Megalítica do Monte Corzán. Google maps.

A súa ubicación atópase nun outeiro moi suave, na depresión (tantas veces sinalada) interior do Monte Corzán, preto dalgúna afroramentos rochosos e onde aínda se poden apreciar zonas de monte baixo, algunhas pradeiras e o avance contínuo e meticuloso das hordas de eucaliptos.


Fotografía extraída de megaliticiablogspot.com

A mámoa onde se asentan os mínimos elementos pétreos que formaron parte da cámara ou anta, atópase moi alterada polas intensivas labouras agrícolas e a violación central do túmulo está cuberta cos materiais posiblemente levados polos arados. Na década de 1980 aínda estaba a conservar catro chantos da arquitectura megalítica ou cámara; hoxe en día está a conservar posiblemente dous esteos. 


Unha outra versión da Anta Mámoa do Raposo,
 Moncho Boga 2026.


O que queda da mámoa mide ao redor de vintecinco metros de diámetro e está moi disminuida en todo o seu perímetro e tamén no que atinxe ao seu volume: todo isto ven derivado da plantación de piñeiros que ocupan unha antiga pradeira. No centro aparece o sempiterno funil de violación que mide uns tres metros e medio de longo ou de diámetro por cerca de trinta centímetros de profundidade.


Outra vista da anta noutrora. Debuxo Moncho Boga, 2026.

Nun dos extremos sobresaen dous esteos de granito. Na zona mellor conservada da mámoa aparecen unha boa xeira de pedras graníticas de pequeno tamaño que poideran formar parte da coiraza pétrea. O chanto mais grande acada unha altura de preto de sesenta centímetros, unha anchura de case un metro e un grosor de entre quince e vinte centímetros.


En definitiva, e para rematar, estamos diante doutra anta, das moitas que salpican o Monte Corzán, e que loitan solitarias por sobrevivir ante a impenitente acción destrutora do ser humano.


EN SIGRÁS, DESPOIS DA BATALLA PENSO EN TÍ, 2026.

SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA, ENLACES E OUTRAS ESENCIAS

Manuel Murguía: "Historia de Galicia".

Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: "Megalitos del Monte Corzán". Zephyrus IV, 1953.

García Martínez e E. Shee: "Tres tumbas megalíticas decoradas en Galicia". Trabajos de Prehistoria, T. 30, 1973.

Antón Bouzas Sierra e Fernando Alonso Romero: "Los cercados del macizo del Corzán." (Negreira, A Coruña)

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/monte-das-mamoas.html

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/mamoa-de-espinaredo-e-mamoa-do-raposo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmenes-corzan-20795179

https://lindeiros.net/negreira-publica-un-mapa-on-line/

https://concellodenegreira.gal/gl/novas/mapa-en-lina-de-turismo-descubrenegreira

https://goo.gl/kWmjbn

https://xurdemoran.blogspot.com/2014/02/mapas-del-camino-fisterra-y-muxia-etapa_4911.html#google_vignette

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/08/pazo-de-coton-negreira.html

https://loboquirce.blogspot.com/2016/06/ponte-vell-do-maceira-coruna.html

https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=20795179

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/mamoa-de-espinaredo-e-mamoa-do-raposo.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario