jueves, 7 de junio de 2012

Pedrafitas-menires de A Goia e A Veiga. Guntín de Pallares.


Pedrafitas de A Goia e A Veiga. Guntín de Pallares, Lugo.

Atópanse no Monte Barreiros, dacabalo das parroquias de Entrambasaugas, Paradela e Vilameá, das que é o marco separador.

Pedrafita da Goia.

Para chegar. Atópanse nunha paraxe montesía paralela á estrada de Lugo a Santiago, pouco antes de chegar a Guntín. Debemos coller un camiño forestal que está en fronte do desvío que sinala Lousada. A uns trescentos metros, xa poderemos ver o cortalumes á dereita. A uns vinte metros eríxese a pedrafita.


Pedrafita de A Goia. 1993. Por Ramón Boga

Trátase dunha pedra moi tosca que mide un metro e cincuenta centímetros de altura. Posúe forma de trapecio irregular na base cunha aresta, ao oeste, que mide sesenta centímetros. A parte que mira ao leste está completamente pulida e, na parte baixa da esquerda, debúxase unha cazoliña de catro cms de diámetro. Vázquez Seixas, que a deu a coñecer, falaba de catro cazoliñas situadas  un pouco máis enriba, distribuidas de xeito romboidal. Tamén conta que trátase dunha distribución semellante á da Pena Lousada, ubicada a uns dous quilómetros ao oeste do menir.



A pedrafita da Goia está enclavada no medio dunha necrópole que estaba constituída por máis de dezaseis mámoas. A profusa vexetación só me permitiu albiscar unha mámoa situada a uns trescentos metros da pedrafita, no medio dun monte de piñeiros ben delimitado. O diámetro desta mámoa acada os trinta metros.



Cando visiteu esta necrópole, aló polo ano 1993, non fun quen de atopar a outra pedrafita estudada por Vázquez Seixas e que él situaba no lado contrario da pedrafita da Goia: no seu plano, a necrópole megalítica está limitada por estes dous menires, cumplindo unha das regularidades propias para as pedrafitas: situadas case sempre nos cambios de vertente, como fitos anunciadores da necrópole, avisando da presenza do lugar sagrado.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Pedrafita da Veiga. 

Como dicía, eu non fun quen de atopar esta posible pedrafita, polo que decidín que fora destruida. Nada máis lonxe da realidade: o investigador pedrafiteiro Alberte Alonso dou con ela e a fotografía que amoso foi feita por él.


Pedrafita da Viega. Fotografía realizada por Alberte Alonso Fernández.

Está situada a uns setecentos ms da anterior, con dirección ao leste. Trátase dunha pedrafita de granito fincada na terra que sobresae un metro e cincuenta e tres cms, posúe corenta cms de ancho na base e uns vinte cms de espesor. A forma é tosca e case sen ningún pulido.

Nas caras do leste e do oeste posúe gravados cruciformes de dezaseis cms de alto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario