martes, 6 de agosto de 2013

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. Becerreá, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. 

Na fermosa estrada Becerreá-Sarria, na parroquia de Vilouta, a uns cinco quilómetros de Becerreá, atópase a Anta Pedra Cobertoira, da que xa falei aquí a través dunha entrada de maio de 2012. De feito, foi a primeira anta que describín neste blogue. Hoxe, ano e pico despois, recibín un e-mail de Xabier Moure que me alegrou un día gris. O correo comenza así: "Boa noite, Moncho: Achégoche información sobre o Marco de Vilouta, en Becerreá do que me falaran hai algún tempo e que hoxe visitei".

A continuación describe a situación da pedrafita e unha información "preciosa" sobre os distintos elementos que definen esta pedrafita como un exemplar singular.

A pedrafita de Vilouta atópase inscrustada entre os castros de Vilouta de Abaixo e de Arriba e -feito de extraordinaria importancia- moi preto da anta Pedra Cobertoria. Probablemente, como ben subraia Moure, conservouse grazas a que foi reaprobeitado como marco de termo, separador territorial das dúas aldeas mencionadas, pertencentes na Idade Media ao Mosteiro de Penamaior.





A Pedrafita está feita ou composta de xisto e cuarzo, amosa sección cadrada moi regular coas caras moi bastas, sen labrar. As medidas no ancho das caras acadan os vintecinto centímetros en cadansúa; a altura non vai máis aló dun metro. Segundo os informantes de Moure, a pedrafita foi derrubada e mutilada de xeito que, antes desa profanación, sobresaía máis dun metro e medio.

O traballo de Moure (gran coñecedor e divulgador da Comarca dos Ancares) complétase cunha valiosa laboura etnográfica, recollendo as lendas que adxetivan estes senlleiros elementos da nosa xeografía física e sentimental. Efectivamente, cóntase na bisbarra que a pedrafita de Vilouta foi erixida por unha moura; ademais, os mouros que viven no túnel que comunica os castros de Vilouta amarraban as súas cabalgaduras na nosa Pedrafita.




Tamén, para concluir, a responsable da finalización ou remate da veciña Anta de Pedra Cobertoira foi unha Moura que deixou caer a enorme tampa ou pedra cobertora sobre os tres poderosos esteos que aínda hoxe conserva a anta. A Moura troixo a pedra desde un monte situado a dous quilómetros en liña recta que curiosamente se denomina A Moura.

Para máis información o blogue de Xabier Moure Salgado onosopatrimonio.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 2 de agosto de 2013

ALINEAMENTO MEGALÍTICO NA SERRA DA FALADOIRA?

ALINEAMENTO MEGALÍTICO NA SERRA DA FALADOIRA?


Moi preto do posible menhir da Faladoira aparece un probable Marco de Termo (o lugar coincide cun límite parroquial) cativo, vetusto e achaparrado, pero recio e ben chantado, que moi ben poidera ser outra pedrafita alineada coa gran pedrafita da Faladora, da que xa falei en entrada de xuño de 2012. Tendo en conta  a gran necrópole na que se asentan é moi grande a tentación de consideralas como un aliñamento megalítico. 



Sexa como sexa aí quedan estas imaxes que nos axudan a recrear mundo que xa non é e xentes que xa non están.

Fotografía extraida de: http://www.celtiberia.net

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 21 de xuño de 2013

ANTA-DOLMEN DE PEDRAS NEGRAS. Montemuíño, San Pedro de Baroña. Porto do Son.

ANTA-DOLMEN DE PEDRAS NEGRAS. 


Hose vou amosar un exemplo paradigmático de destrución do patrimonio, en poucos anos. Un exemplo dunha espléndida cámara megalítica catalogada polo arqueólogo Tito Concheiro no ano 1996.

Contanos Tito Concheiro que se trataba dun extraordinario xacemento arqueolóxico coñecido tamén co nome de Anta da Enxa, emprazado a 440 ms de altitude sobre a dorsal de Pedras Negras, entre os Montes Enxa e Graialde. Está nunha chaira que domina visualmente todo o curso alto do río Sieira. O lugar no que se atopa denomínase Montemuíño e pertence á parroquia de San Pedro de Baroña. Para Concheiro este era o monumento megalítico máis importante do Concello de Porto do Son.



Como dicía mais arriba, descubriuno no ano 1996 e a estrutura arquitectónica atopábase inserida nunha pequena mámoa de ao redor de doce metros de diámetro e un para a altura. Toda a superficie da mámoa aparecía recuberta por unha potente coiraza composta de pedras imbricadas que se podía ver en boa parte da estrutura tumular externa.




Na zona central debuxábase o cansabido funil de violación no que se podían albiscar os restos dunha "magnífica cámara funeraria": conformábase a través de seis esteos graníticos. Algúns estaban desprazados e outros aínda se erixían no seu lugar orixinal. Os esteos 2, 4 e 6 describían unha típica cámara poligonal. O esteo número cinco estaba lixeiramente desprazado polo que podería indicar a existencia dun corredor.




As dimensións dos esteos eran (no ano 1996) as seguintes:

Esteo nº 1: 32 x 70 x 14 cms
Esteo nº 2: 55 x 70 x 14
Esteo nº 3: 123 x 36 x 11
Esteo nº 4: 117 x 52 x 16
Esteo nº 5: 45 x 5 x 15
Esteo nº 6: 48 x 37 x 9

Atópase identificada co código GA15071031




Anos despois (2012) Concheiro voltou ao xacemento e atopouse cunha desfeita tremenda, cunha paisaxe despois da batalla: unha repoboación forestal destrozou gravemente a coiraza e moveu todos os esteos. Tamén desapareceu algún deles, pois agora só conserva cinco.




Como podedes comprobar, si non se pon remedio, a destrución do patrimonio continua ante a desidia mais absoluta das autoriadades competentes.

Fotografías e información proporcionadas por Ángel Concheiro.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 18 de xuño de 2013

ANTA-DOLMEN EN COTÁ, Friol: outro impune atentado?

ANTA-DOLMEN EN COTÁ, Friol: outro impune atentado?


Foi o amigo e compañeiro, de quefaceres blogueiro-arqueolóxicos, Xabier Moure quen me enviou estas ilustrativas fotografías dos posibles restos da arquitectura megalítica monumental dunha anta galega. Atopuonas neste ano 2013 cando estaba a realizar unhas visitas megaliteiras polas brumosas e fermosísimas terras de Friol.





Segundo Moure, esta morea de pedras semellan -consideración que suscribo- os restos dunha anta, tendo en conta a forma e testura dos esteos, a ubicación moi preto dunha necrópole megalítica e ademais nun dos esteos aparecen varias concabidades que moi ben poideran ser cazoliñas.

Como se pode apreciar e deducir, si estamos diante dos restos dun monumento megalítico, tamén estamos diante do enésimo atentado tan salvaxe e e desproporcionado como impune contra o noso patrimonio.




Esta morea de esteos atópanse moi preto da necrópole do Vieiro, na parroquia de Cotá, pertencente ao Concello de Friol.

Fotografías e información extraídas do blogue de Xabier Moure onosopatrimonio

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 7 de xuño de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DE SAN RAMÓN DE BEALO. San vicenzo de Cespón. Boiro

PEDRAFITA-MENHIR DE SAN RAMÓN DE BEALO. 


Curiosa pedrafita atopada moi preto da ermida adicada a San Ramón, en Bealo. Tamén se atoparon diversos petróglifos exentos, dos cales o que aquí se amosa sobresae polas súas especiais características: trátase dunha pedrafita cadrangular chantada verticalmente  que acada ao redor duns oitenta centímetros de altura. Toda a superficie á vista está cuberta de grandes cazoliñas. Como se pode ollar na fotografía, a pedrafita foi reaproveitada nun muro de pedra, polo que se pode aventurar (si está chantada) que perdurou ao longo do tempo como marco demarcatorio e logo foi respetado para formar parte do devandito muro de pedra que supoño será a delimitación dunha finca.




Segundo Xabier Moure, nas inmediacións, á parte dos petróglifos mencionados máis arriba, hai catalogadas dúas mámoas, de xeito que ben poidera ser que este esteo formase ou fose un dos esteos da cámara megalítica dalgunha delas, sobre todo considerando o tema das cazoliñas, feito documentado en numerosos esteos das cámaras megalíticas galegas.



Fotografía e información extraida do blogue onosopatrimonio de Xabier Moure.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 5 de xuño de 2013

PEDRAFITAS-MENHIRES DO MONTE DE SAN CIBRAO. Santiago de Pardavedra, A Bola

PEDRAFITAS-MENHIRES DO MONTE SAN CIBRAO.

Non podo sustraerme á tentación de voltar ao Monte de San Cibrao en Ourense, aínda que aquí xa publiquei unha entrada adicada ás antas deste fermoso e máxico monte. Efectivamente, non me podo sustraer a isa enorme tentación logo de ler a entrada do blogue de Rafa Quintiá asombradebouzapanda.

Considero que os elementos etnográficos, son e constitúen unha ferramenta de indudable e inextimable valor á hora de estudar e interpretar os elementos arqueolóxicos e xeral e os megalíticos e particular: aportan datos interpretativos que non pode dar ningunha outra cencia. As lendas, os contos, os costumes, os rituais cristiás..., contribuiron de maneira decisiva a fixar  unha serie de elementos que axudan nese eido. Por exemplo, o que a igrexa quixo eliminar ficou como unha pegada petrificada baixo o sustrato da relixión triunfadora. As antigas crenzas, sen embargo, non desapareceron, seno que quedaron, como dicía, petrificadas baixo o manto "salvífico" do cristianismo.

O Monte de San Cibrao constitúe -e reflexa coma ningún outro sitio-, unha auténtica atalaia desde onde se contemplan os amplios horizontes da Limia. Ademais conforma unha colosal divisoria entre as cuncas dos ríos Limia e Miño. É tamén, e talvez esto é o importante, lugar demarcatorio, lugar de límite, de fronteira. Actualmente divide ou separa aos concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e A Merca. Precisamente de límites vai esta reflexión: aínda se poden contemplar dous marcos, coas súas consabidas cruces de termo marcadas nas súas caras, na extensa chaira megalítica que constitúe a cume. 




Como ben mantén Rafa Quintiá, sabemos xa desde hai tempo que en Galicia os espazos sagrados mantivéronse ata hoxe: cambia a relixión pero non o ámbito da sacralidade. Para Quintiá este é un dos lugares onde se pode contemplar mais claramente esa continuidade de lugar sacro.

Nisa extensa chaira de San Cibrao pódese ver hoxe unha necrópole megalítica, un cemiterio cristiano, varias pedrafitas e unha ermida adicada á honra de San Cibrao, o dos conxuros. Por todo isto (e polos ritos que se acostumaban a celebrar na romaría adicada ao santo) non cabe dúbida do carácter hierofánico do monte desde polo menos o neolítico ata hoxe en día. 




As pedrafitas que aquí se amosan son de pequeno tamaño, con planta cadrangular moi redondeada e un deles cunha fenda como as que amosan moitas outras pedrafitas e que Alberte Alonso considera  unha pegada ou unha proba do seu carácter astronómico.

Información básica extraida do blogue asaombradebouzapanza de Rafa Quintiá.
Fotografías do mesmo e de Francisco Sutil e Antonio Vázquez.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DE AGRELA. Santa María de Lampai, Teo

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DE AGRELA. 

Fermosa pedrafita feita de granito que acada unha altura á vista dun metro e trinta centímetros aproximadamente. A forma é regular e na base, que debe ser tendente a circular, mide uns cincoenta centímetros e na cume uns trinta e cinco. Nunha das caras aparece gravada unha letra "R". Segundo Xabier Moure, segura e probablemente estamos diante dunha auténtica pedrafita prehistórica que posteriormente foi reutilizada como marco demarcatorio ou de termo.



Fotografía e información extraídas do blogue de
Xabier Moure, onosopatrimonio.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!