xoves, 14 de marzo de 2013

ANTA-DOLMEN DOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA. Vimianzo, Laxe

ANTA-DOLMEN DOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA.

"Penedos de Pasarela,
cando vos vexo, penedos,
suspiro de amor por ela."

Eduardo Pondal

Entre os Concellos de Vimianzo e Laxe, aséntanse estes impresionantes e escarpados Penedos, conformados polas cumes de Pena dos Mouros, Pena Forcada ou Gaiada, O Castelo e Torre da Moa. Trátase dun afroramento granítico singular, declarado "paisaxe protexida galega".




Fotografía extraída de masrutasymenosrutinas.com


Trátase dunha anta de tamaño medio, moi esmorecida, que amosa no seu interior algúns dos esteos que conformaron a súa estrutura arquitectónica. 

Na fotografía que amosamos pódese contemplar a poderosa factura das pedras que conformaron a cámara.



Fotografía extraída de Panoramio, firmada por O Soneirán.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 13 de marzo de 2013

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DA GÁNDARA DA BARCA. San Vicenzo de Vimianzo, Vimianzo.

ANTA-DOLMEN DA GÁNDARA DA BARCA.

Forma parte dunha necrópole megalítica  asentada na penechaira que forma esta gándara e está formada por catro mámoas ubicadas a uns 197 metros de altitude.

A mámoa ten planta ovalada e é de tamaño medio. No centro amosa un profundo cráter de violación do que sobresaen dous poderosos esteos que formarían parte da estrutura arquitectónica da cámara.



Fotografía e texto de O Soneirán, panoramio




https://mapcarta.com/es/N1241711412




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DE SAN MIGUEL DE VILANOVA. Agolada

ANTA-DOLMEN DE SAN MIGUEL DE VILANOVA.

Neste especial área do Concello de Agolada, despois das intensivas labouras de prospección arqueolóxica levadas a cabo hai xa algúns anos, recuperáronse en superficie unha serie de materiais que permites postular a existencia de hábitats prehistóricos.

A mámoa que nos ocupa forma parte dunha necrópole megalítica e presenta a típica forma hemiesférica así coma un tamaño medio. Na superficie pódense contemplar diversas pedras que denotan a posible existencia dunha coiraza pétrea. Na típica forma do funil de violación asoman diversos esteos que denotan a pervivencia dalgunha parte da estrutura arquitectónica megalítica ou anta.



Fotografía de http://www.gepn.eu/proyectos/comarca-de-deza/




https://mapcarta.com/N11868952384



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE VILAR DO MONTE. Santa Baia de Aguada, Carballedo

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE VILAR DO MONTE.

Trátase dunha necrópole megalítica na que destaca unha das mámoas que conserva numerosos esteos que conformaron o que queda da estrutura arquitectónica megalítica.



Fotografía extraida do blog
regadas-mirinconenelmundogalicia.blogspot.com.es



https://mapcarta.com/es/N1986102266


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 12 de marzo de 2013

ANTAS-DÓLMENES DA SERRA DO SUÍDO. A Lama

ANTAS-DÓLMENES DA SERRA DO SUÍDO.

A Serra do Suído é un sistema montañoso que fai de fronteira entre as provincias de Ourense e Pontevedra. Avión e Beariz na provincia de Ourense; Fornelos de Montes, O Covelo e A Lama, na de Pontevedra.

Estamos diante de dúas atípicas mámoas con restos das súas correspondentes antas ubicadas nas altas e montesías terras da Serra do Suído.

Pódese chegar seguindo a antiga ruta PR-G25 Foxo do Lobo, de 11,7 quilómetros. Para chegar ao inicio da rota hai que partir do lugar de Xesta, no concello pontevedrés de A Lama. Unha vez no inicio (Ermida dos Prados) hai que andar uns oitocentos metros ata A Grifa e, despois duns dous quilómetros e cen metros, chégase á primeira mámoa. A segunda atópase a uns trescentos metros da primeira.





Primeira mámoa da ruta Foxo do Lobo


Trátase de dúas tan espectaculares como curiosas mámoas que, segundo as fotografías, conservan gran parte dos esteos da estrutura arquitectónica megalítica. O espectacular radica en que entre os restos da masa turmular, entrevense varios dos esteos das súas cámaras; o curioso é que forman parte dun novedoso grupo de antas ou mámoas que rachan coa imaxe que vimos amosando das antas galegas. 

Si o normal é contemplar  as mámoas co seu sempiterno funil de violación, feito polos tercos e incansables buscadores de tesouros, neste caso a imaxe preséntasenos ao revés: o que sobresae é o cume da estrutura tumular onde adoita aparecer o devandito funil. Por iso chámame poderosamente a atención que, nas dúas mámoas da Serra do Suído, aparezan os esteos misturados coa masa tumular que se vai esmorecendo pouco a pouco debido á acción erosiva. 

Lamentablemente as fotografías non me permiten seguir afondando na análise, posto que o detalle non me deixa contemplar a perspectiva.



Vista da primeira anta da ruta Foxo do Lobo



Vista da segunda anta da ruta Foxo do Lobo

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ENLACE

Información da ruta e fotografías extraidas do blogue sudandobotas.blogspot.com

venres, 8 de marzo de 2013

ANTAS-DÓLMENES NECRÓPOLE SERRA DA GROVA. Baixo Miño e Terra de Vigo.

ANTAS-DÓLMENES DUNHA NECRÓPOLE NA SERRA DA GROVA.



A Serra da Grova abranque os concellos de A Guarda, Oia, Gondomar, Tomiño e Baiona. Ás súas cimas mais altas estaban, a finais do século XX, ocupadas por extensas fragas de piñeiros.

Nas altas chairas da Serra da Grova, ao sul da provincia de Pontevedra, atópase esta pequena necrópole megalítica composta de tres mámoas. Non coñezo a súa denominación nin a ubicación exacta; o único que podo facer é sinalar e proporcionar a direción do blogue onde as atopei, para ter unha referencia  que permita empezar a investigar: masquepetroglifos.bogspot.

Pois ben, nistas altas terras chairas emprázanse estas tres mámoas que posúen algún resto significativo da súa estrutura monumental.

A primeira mámoa atópase moi destruida debido á afanosa busca dos sempiternos buscadores de tesouros. Aínda así está a conservar algúns poucos restos dos esteos da cámara megalítica.




Vista xeral e funil de violación da primeira mámoa.


A segunda mámoa atópase mellor conservada e sobresae ao redor dun metro. O mais interesente, segundo as fotografías, é que conserva boa parte da coiraza pétrea á vista, así como algún outro esteo moi removido que formaría parte da súa estrutura arquitectónica.




Vista da coiraza e panorámica da segunda mámoa.


Pero a mámoa mais interesante deste conxunto atópase a uns trescentos metros da primeira, á dereita da estrada que leva de Baiona a Burgueira. Amosa, como as outras dúas, un bo funil de violación aínda que está a conservar varios dos esteos da cámara na súa posición orixinal. Un deles, que posiblemente sexa oda cabeceira, amosa tres cazoliñas moi ben traballadas, alineadas en posición horizontal ao longo do esteo.





Esteos imbricados e detalle das cazoliñas


Outros restos megalíticos noutras zonas da Serra da Grova:


Fotografías de Gustavo Pascual Hermida




ENLACES

Información e fotografías extraidas do bloque masquepetroglifos

https://blog.turismo.gal/natureza-salvaxe-na-serra-da-groba/
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/serragroba/#google_vignette

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO. O Rosal-Baiona

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO

Atópase nun lugar indetermindado das estribacións -polo sul- da Serra da Grova, impoñente macizo montesío do sul da provincia de Pontevedra.

Atopei esta única imaxe na pax. web amigosdelciclismo.com do ano 1998, polo que o único que podo dicir deste posible elemento megalítico é o que se pode deducir a través da fotografía.

Na devandita paxina web infórmase de que se trata dun marco divisorio e que se ubica nun cruzamento. Non especifica si divide parroquias ou concellos nin si está no contexto dunha necrópole megalítica.



Fotografía de Juan M. Villa


Sexa como sexa, trátase dunha gran pedra fincada no chan que mide mais dun metro de altura. A forma é rectangular e parece que está moi ben labrada e incluso pulida. A parte da esquerda é lixeiramente cóncava, e a da dereita é mais crebada e un pouco convexa. Na cima, unha parte é recta e a outra é un curuto que sobresae. Por último, se nos fixamos ben, cara á media altura, semella que hai tres cazoliñas colocadas no senso vertical.



Fotografía de Juan M. Villa


O evocador topónimo "Pedra do Acordo" repítese por ista bisbarra e lévanos á consideración de lugar de encontro, de solución de problemas e agravios..., en definitiva de acordos.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!