Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Caldelas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Caldelas. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DA VIRXE DA RIBEIRA SACRA. Santa María de Montederramo.

PEDRAFITA-MENHIR DA VIRXE DA RIBEIRA SACRA

SOSPEITOSOS HABITUAIS VIII


[514 a] Después de eso -proseguí- compara nuestra naturaleza respecto de su educación y de su falta de educación con una experiencia como ésta. Represéntate hombres en una morada subterránea en forma de caverna, que tiene la entrada abierta en toda su extensión, a la luz. En ella están desde niños con las piernas y el cuello encadenados, de modo que deben permanecer allí y mirar sólo delante de ellos, porque las cadenas [514b] les impiden girar en derredor la cabeza. Más arriba y más lejos se halla la luz de un fuego que brilla detrás de ellos; y entre el fuego y los prisioneros hay un camino más alto, junto al cual imagínate un tabique construido de lado a lado, como el biombo que los titiriteros levantan delante del público para mostrar, por encima del biombo, los muñecos.

Platón: República. Libro VII, 514a. Madrid: Editorial Gredos, 1986.



Pedrafita-menhir da Virxe da Ribeira Sacra.
Versión debuxada de Moncho Boga, 2024.


E retorno á Ribeira Sacra, ampla reserva espitirual dos galegos, extenso territorio regado polos ríos Miño e Sil, lugar sagrado desde sempre, desde a prehistoria, máxico e misterioso, lugar de dólmenes, pedrafitas, castros..., e lugar elexido primeiro polos eremitas e logo polos grandes cenobios, que salpicaron estas noutrora recónditas e abrupas terras de ermidas, igrexas e mosteiros. Con total seguridade este é un dos grandes recursos histórico-artístico e naturais da nosa terra.

Pois ben nunha das áreas que conforman este gran territorio, aséntase esta posible pedrafita, integrante dos nosos sospeitosos habituais, que mira sorprendente cara ás infinitas terras da Ribeira Sacra: trátase da pedrafita-menhir da Virxe da Ribeira Sacra no concello de Montederramo.



Fotografía de Mónica Parente.
Extraida do blogue patrimoniogalego.

Para chegar sen contratempos hai que coller a estrada OU-0602 que leva de Leboreiro a Montederramo e, deixando atrás a ermida de San Roque e Santa María, no punto quilométrico número cinco, nunha suave curva á dereita, pouco antes de chegar á capital municipal.

Hoxendía o que podemos contemplar é un monumento-escultura, que foi promovido  pola Asociación "Amigos de Montederramo", como fito conmemorativo para lembrar as vítimas do "11-M".  Este pequeno monumento foi financiado pola "Obra Social Caixa Galicia" e a escultura enfoscada nunha especie de fornacina furada na pedrafita, foi cedida pola artista ourensá Maite Vázquez. A fornacina onde se acocha a Virxe da Ribeira Sacra atópase protexida por un cristal e por dúas barras verticais de aceiro. Tamén lle colocaron unha placa de aceiro inoxidable onde se relata o motivo da obra.



Esta especie de capeliña, realizada na cara principal da pedrafita, que acocha no interior a devandita imaxe da Virxe, amosa na parte superior ou croa un rebaixe cóncavo que, segundo o sabio entender de Alberte Alonso, é o deseño característico e típico das pedrafitas vencelladas coa observación astronómica na prehistoria: un rebaixe artificial que é coñecido no ámbito da arqueoastronomía como axexadoiro. Estamos pois, diante dun verdadeiro calendario solar, astronómico, polo que esta pedrafita débese ádscribir á tipoloxía do observación astronómica.



Fotografía de Mónica Parente.
Extraida do blogue patrimoniogalego.

A nosa pedrafita está fóra de contexto posto que foi trasladada desde a parroquia de Vilar de Astrés, no lugar de As Lameiras moi preto do Castro de Madrosende: estas contornas foron arrasadas pola maquinaria excavadora para regularizar os terreos para urbanizar. Alberte Alonso mantén que neste contexto débense salientar diversos elementos que proporcionan pistas sobre o lugar de orixe a saber, un leve rechán nunha aba con dirección sur desde o cumio de As Mouras e Penalonga nas Garduñeiras a 428 m.s.n. m. Na dirección do sur discorre o Río do Porto e o camiño antigo que hoxe comunica con Paradela. En palabras de Alberte Alonso:

"Considerar que nas nosas abas, pendentes, chairas, cumios, recháns e penechairas, tamén ao carón de ancestrais camiños, de cursos de auga, nacentes de regueiros, ou mananciais, localízanse penas, cons e penedos cumprindo función de observación astronómica, son os verdadeiros calendarios solares prehistóricos que sinalan os solsticios e equinoccios, e que por medio do retoque ou manipulación da súa croa, confírmase o encaixe do sol no axexadoiro, é a zona destacada e prominente a punta-lanzadeira da intención e idea do deseño da pedrafita".

Baixo estas condicións manteño, con Alberte, que este exemplar trasladado do seu emprazamento orixinal e reconvertido nun monumento conmemorativo, é unha verdadeira pedrafita, unha das sospeitosas habituais e recalcitrantes que teñen que formar parte da listaxe das pedrafita-menhires de Galicia.


Lat 42º 16´47,62´´ N Lon 7º 30´22,73´´ O
905 m.s.n.m.

En Sigrás, no Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!



PARA SABER MAIS E CON SENTIDIÑO

https://patrimoniogalego.net/index.php/42770/2013/05/virxe-da-ribeira-sacra/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

xoves, 5 de xuño de 2014

ESTATUA-MENHIR DE MAZAIRA. Castro Caldelas

ESTATUA-MENHIR DE MAZAIRA. 

Trátase dunha máis que probable "estatua-menhir" descuberta por Xabier Moure Salgado no mes de maio de 2014.

Atópase ubicada nos altos montes da parroquia de Mazaira, a uns novecentos metros de altitude, nunha extensa penechaira.  Segundo Xabier, atópase medio perdida ou acochada -talvez salvagardada- por unha frondosa matoxeira. Tanto a súa forma antropomorfa como a súa ubicación no ámbito dunha necrópole magalítica lévanos a considerala  como un elemento máis a engadir dentro do inventario do megalitismo galego. A situación xeográfica tamén nos leva a contextualizala dentro do conxunto de  exemplares -xa bastante numerosos- do sur de Galicia e norte de Portugal.




Sexa como sexa, a posible e máis que probable estatua-menhir non forma parte de ningún afloramento rochoxo e ademáis atópase fondamente chantada, utilizando incluso calzos de cuarzo  na súa base.

Formalmente a estatua-menhir de Mazaira adoita unha esquemática forma xeral en cruz, de xeito que debuxa claramente un antropomorfo. En canto ás medidas, sobresae un metro e o cruceiro (de ombro a ombro)  mide ao redor de oitenta e catro centímetros.

Non sabemos si o monumento presenta algún tipo de gravuras ou adornos. Parece, con todo, que, a simple vista, foi tallado para conferirlle unha dimensión antropomórfica-cruciforme. Amosa cabeza, cadrangular, alongando logo a zona do peito (ombreiros) para voltar a estreitar un pouco o tronco ata a base, que é máis longa e de configuración rectangular.

En xeral as estatuas menhires constitúense nun vasto e heteroxéneo grupo de monumentos onde se verifica un sistema idéntico de representacións antropomórficas esculpidas. Estas pezas eran concebidas para ser contempladas tridimensionalmente e para seren chantadas verticalmente no chan.

Atopamos paralelos no norte de Portugal sobre todo coa estatua-menhir do Marco en Jales (Distrito de Vila Real).

Este tipo de monumentos adoitanse adscribir crono-culturalmente a unha franxa temporal que vai desde a Idade do Bronce ata a Idade do Ferro.

Para rematar, Xabier Moure engade que esta pedrafita non fixo nunca de marco de termo, o que permite concluir que non se trata dun marco divisorio reutilizado.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


Fotografía e información do blogue onosopatrimonio de Xabier Moure.


venres, 9 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO VELLO. Noqueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadañedo

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO VELLO

Actualmente atópase ubicado como fito delimitador ou "marco de termo" entre os concellos de Nogueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadañedo.


Fotografía de José A. Gavilanes

Segundo Antonio G. Rodicio (recollido de Xabier Moure) é probable que en principio sinalase os límites dos coutos xurisdicionais dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Xunqueira de Ambía e San Pedro de Rocal, de xeito que tamén, probablemente, se tratase do "Cautum Sancti Stephani de Pedrafita" ao que alude o Privilexio do rei Afonso VII no ano 1153, como fito delimitador do Couto de Rocas.



Fotografía de José A. Gavilanes

Trátase dun gran esteo de sección case cadrangular que mide ao redor dun metro e medio de altura e amosa tres cruces gravadas, típicas dos marcos de termo.

Atópase no lugar do Campo do Eirado (Pardeconde), á beira dun camiño prehistórico que leva desde Ourense, o Castro de Litoria e Astorga. Sinala Alonso que moi preto do marco xurden algúns nacementos de pequenos regatos como o Barrranco do Porto de Carros. É probable que se trate dunha pedrafita de observación astronoómica.



Fotografía de José A. Gavilanes



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

García Rodicio, A.: "Vía romana de Astorga a Orense por el Castro Litoria", Baletín Auriense, nº XXV. 1997

http://onosopatrimonio.blogspot.com
http://riberasagrada.blogspot.com
http://patrimoniogalego.net/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html