NECRÓPOLE DE ROZA DAS PRESAS
RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO XII
"A quienes me preguntan la razón de mis viajes les contesto que sé bien de qué huyo pero ignoro lo que busco."
Michel de Montaigne
Debuxo versión de Moncho Boga, 2025. |
E sigo terco viaxando sen viaxar, escudriñando os iracundos universos internetianos que ameazan con invadirnos, ameazas mais perigosas que as dos marcianos, selenitas, venusianos...
E agora vou á necrópele de Roza das Presas formada por catro mámoas en bastante mal estado de conservación. Dicir que esta necrópole foi prospectada polos arqueólogos Meijide Cameselle e Senén Fernández no ano 2015. Na mámoa sinalada co número 1 describen a planta típica hemiésferica recuberta cunha boa morea de pedras de tamaño medio, que posiblemente formasen parte da coiraza pétrea. Non apreciaron signos ou pegada algunha do burato de saqueo nin tampouco restos da cámara megalítica. A mámoa medía no eixo N-S ao redor de once metros e, no eixo L-O, uns once metros; para a altura decidirón que no sobrepasaba un metro.
![]() |
Foto es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo |
Na mámoa número 2 observaron que a estaba a rodear un ameazante e poderoso exército de pinos e incluso na aba da mámoa chantaron varios destes especímens arbóreos. Tamén poideron albiscar, a pesares da espesa vexetación, restos da coiraza e un pequeno gran burato de saqueo. A mámoa, bastante achanzada, medía dezanove metros no eixo N-S; dezaoito no do L-O e unha altura dun metro e medio, aproximadamente.
Planta da mámoa número 3 a partir de Núñez Jato. |
Núñez Jato, no ano 1990 describía a mámoa número tres como composta por unha cámara megalítica que conservaba tres esteos dos que realizou o croquis da planta. Atópase, hoxe en día, moi alterada tanto a mámoa como a cámara, pola repoboación salvaxe de eucaliptos e tamén afectada pola tala furibunda dos pinos. Por iso actualmente só se poden entreollar algunhas penas soltas e o que pode ser un esteo da cámara megalítica. A mámoa, de planta hemiesférica, acada unhas medidas no eixo N-S de once metros, no eixo L-O de dez metros e a altura anda polo metro.
![]() |
Foto es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo |
Da mámoa número 4, tamén, como é normal, hemiesférica, apenas visible sobre o terreno, inmersa nunha contundente repoboación de eucaliptos, só dicir que foi rebaixada consecuentemente boa parte da súa masa tumular. Sen embargo semella que por entre esa desfeita terrible, aínda asoman dous tercos chantos da estrutura arquitectónica que sobresaen corenta e seis e trinta e cinco centímetros respectivamente.
O pouco que queda da mámoa cífrase nuns vinte metros no eixo N-S e uns trece no eixo L-O. Prácticamente non sobresae en altura.
Planta da mámoa número 4 a partir de Núñez Jato. |
Cando estou a publicar esta entrada, Galicia está ardendo, Ourense está ardendo... Non teño palabras para expresar a miña indignación, pena, rabia, desolación, enfado. Cando falla a prevención, falla o goberno galego. Estase a perder a paisaxe tradicional, a paisaxe da arqueoloxía, a paisaxe que contribuiron a crear a a manter os nosos devanceiros. E o peor e oir a caterva de estupideces que lles oio dicir aos políticos galegos que nos gobernan. Malditos.
EN SIGRÁS, NOS TERRIBLES DÍAS DO ESTÍO DE 2025.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
ENLACES
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883#lb-embed
http://outeiroderei.elcaminoentumano.com/es/ruta-arqueologica-de-o-acevedo/
https://www.youtube.com/watch?v=7Wy_MS8kbbQ
https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/#:~:text=Ao%20longo%20do%20percorrido%20non%20s%C3%B3%20imos%20poder,a%20consideraci%C3%B3n%20de%20Bens%20de%20Interese%20Cultural%20%28BIC%29.
Ningún comentario:
Publicar un comentario