xoves, 5 de setembro de 2024

ANTA-DOLMEN DE GUILÁN. San Pedro de Xuances, Xove.

ANTA-DOLMEN DE GUILÁN. XOVE. 

"Ir en busca de una explicación y admirarse, es reconocer que se ignora. Y así, puede decirse, que el amigo de la ciencia lo es en cierta manera de los mitos, porque el asunto de los mitos es lo maravilloso. Por consiguiente, si los primeros filósofos filosofaron para librarse de la ignorancia, es evidente que se consagraron a la ciencia para saber, y no por miras de utilidad. El hecho mismo lo prueba, puesto que casi todas las artes que tienen relación con las necesidades, con el bienestar y con los placeres de la vida, eran ya conocidas cuando se comenzaron las indagaciones y las explicaciones de este género. Es por tanto evidente, que ningún interés extraño nos mueve a hacer el estudio de la filosofía."

Metafísica de Aristóteles. Edición Trilingüe por Valentín García Yebra. Ed. Gredos S.A., Segunda Edición, Madrid 1982. 



Anta-dolmen de Guilán, segundo versión de Moncho Boga, 2024.

Foi aló polo ano 2017 cando comezaron a chegarme novas sobre o descubrimento dunha anta nova na Mariña Occidental de Lugo, concretamente no Concello de Xove. Todas esas informacións xornalísticas sobre todo, pero tamén de amigos megaliteiros, funas arquivando e, pouco a pouco, xuntei unha morea de datos que vou tratar de recensionar nesta nova entrada. Quero subliñar que o universo sideral, insondable, misterioso e tamén  perigoso, de internet e das redes sociais, foi o medio  polo que me acheguei a esta nova anta, un elemento megalítico mais que pasa a engrosar a xa numerosa lista de megálitos da Mariña de Lugo.

A devandita nova e inefable anta foi atopada por un incansable grupo de activos gardas (auténticos detectives) do patrimonio galego, centrado na ben caracterizada comarca da Mariña Lucense, denominado "Colectivo de defensa cultural Mariña Patrimonio". 



Mámoa de Guilán, Xove. Foto de A Mariña Patrimonio, 2017.


Aínda que poderíamos colexir que foi atopada por casualidade, a casualidade non existe cando se traballa arreo buscando e defendendo os nosos recursos arqueolóxicos, históricos e naturales. Efectivamente, esta anta foi descuberta e dada a coñecer, como dicía antes, pola Asociación Mariña Patrimonio cando estaba a indagar sobre fotografía aérea os elementos que destacan na paisaxe pola súas características especiais: ata que detectaron un "bulto enorme no medio dunha chaira", un "grano", con todas as implicacións que eso conleva. 



Anta-dolmen de Guilán. Foto de Paleorama.

Unha vez trasladados a esas espectaculares paraxes para rastrexar o que viran nas imaxes aéreas, atoparon a mámoa no lugar de Guilán, parroquia de Xuances. Estes feitos aconteceron no ano 2017. 



Anta-dolmen de Guilán. De megaliticia.


O que atoparon, dicía, foi unha enorme e contundente mámoa que acada unha lonxitude de mais de trinta metros para o diámetro e que sobresae en altura uns dous metros e medio, sendo talvez unha das mámoas mais grandes da Mariña Lucense.

A anta-dolmen de Guilán, coa súa gran mámoa, descansa immpertérrita no seu silencio de milenios, nunha extensa penechaira no Concello de Xove, case limitando co Concello de Viveiro.



Anta-dolmen de Guilán. De Turismo Xove.

A anta  sobresae do interior da poderosa mámoa que amosa o cansabido funil de violación, e, estruturalmente, está a conservar seis esteos da cámara e a pedra cobertora en bo estado de conservación. Como subliñaba mais enriba, e coma case sempre nas antas galegas, o burato de violación posibilitou que a cámara permanecera á vista, o que permitiu tamén a descrición da devandita estrutura arquitectónica.



Anta-dolmen de Guilán. Foto de Mariña Patrimonio.

Una vez mais, outra mais, o traballo inxente de colectivos e asociacións vencellados á nosa terra por un nexo ancestral de arraigo, amor e sensibilidade, posibilitou que un novo  elemento do noso inxente patrimonio fose estudado, inventariado e, polo tanto, posto en valor para o xeral coñecemento.

A "Ruta do Pau da Vella", promovida polo Concello de Xove, conecta a Anta-dolmen de Guilán coa estela-menhir do Pau da Vella, descrita neste blogue 17 xuño de 2012.


OUTRAS COUSAS ESPECIAIS DO CONCELLO DE XOVE

Podría dicir que o Concello non ten nada destacable e, sen embargo, destaca por todo. Situado ao norte da provincia de Lugo, ocupa unha franxa costeira na Comarca da Mariña Occidental (Rías Altas galegas) e linda ao norte co Mar Cantábrico, ao leste co Concello de Cervo, ao sur co Concello do Valadouro e ao oeste co de Viveiro. 



Praia de Portocelo. Fonte: Turismo de Xove.

Orográficamente, físicamente, divídese en tres partes ben diferenciadas e con personalidade de seu: a zona do litoral (con abruptos cantís e fermosas praias); a zona de val sulcada polo río Regueira; e o ecosistema montañoso que acada a máxima altura no monte do Pau da Vella a 705 ms de altitude, situado nos montes de Buio.

Temos, por unha banda, o bordo litorial que se singulariza como área de interese polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico..., conformado por unha extraordinaria sucesión de cantís e praias, destacando as praias de Portocelo, Muiñelas, Esteiro, Lago... Neste mesmo bordo litoral localízanse tamén parte dos xacementos arqueolóxicos do concello, sobre todo os castros.



Prospección do Castro de San Tirso. Fonte: Turismo de Xove.


Pola outra banda, atópanse na Rede Natura 2000 os espazos naturais de Monte Maior (no oeste), a Serra do Xistral (no extremo suleste) e as illas de Sarón e Nitos, así como a Costa da Mariña Occidental da que xa engadimos algúns datos. 

Si entrades na web municipal podedes atopar unha diversidade de roteiros de enorme interese a saber: Ruta das Fadas, Ruta Camiño natural do Cantábrico, Ruta Camiño do Mar..., entre outros.



Fervenza de Guilán. Fonte Turismo de Xove.

Desde este blogue recomendo tres roteiros que  me parecen  moi atractivos e de gran interese: a Ruta Circular do Pau da Vella, que conecta esta extraordinaria  estela-pedrafita, límite de concellos, e a anta-dolmen de Guilán; a ruta do Círculo de Lavandeiras, onde se atopa un auténtico Henge ou Roda ou Círculo, un dos mais grandes de Galicia e o mais grande da Península Ibérica (como dirían os irmáns portugueses), con oitenta metros de diámetro; e, por último, a Ruta dos Muíños onde alternan uns nove muíños con outras tantas pontes, construidas unhas  de madeira e outras  de pedra.

Ben vale unha visita a este pequeno recuncho da Mariña Occidental, unha parada, unha mirada detida..., unha mirada avezada perimitirá "mirar", contemplar, un pequeno universo de efervescencia cultural, histórica, natural;  un momento único da vosa-nosa vida.



Estela-menhir Pau da Vella. Fonte, Turismo de Xove.


Desde Sigrás, nun día calquera de finais do estío de 2024.
Saúde, sorte e moitos libros!!!!


ENLACES IMPRESCINDIBLES

https://mrpatrimonio.blogspot.com/search?q=M%C3%A1moa+de+Guil%C3%A1n

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-de-guilan-e-circulo-litico-17515517/photo-11044087

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/xove/2017/03/07/marina-patrimonio-anuncia-hallazgo-monumental-mamoa-guilan-xove/00031488891300839648413.htm

https://megaliticia.blogspot.com/2016/11/mamoa-de-guilan.html

https://arqueologiaenred.paleorama.es/2017/03/documentan-en-xove-lugo-una-mamoa-de-30.html

https://turismo.xove.es/es/arqueoloxia/

https://elpais.com/ccaa/2017/03/07/galicia/1488892752_047682.html

https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/696777/piden-mamoa-guilan-xove-catalogo-yacimientos-arqueologicos

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://historiadegalicia.gal/2017/03/atopan-un-dos-monumentos-megaliticos-mais-grandes-e-espectaculares-da-marina/

https://turismo.xove.es/es/historia/parroquias/

https://turismo.xove.es/turismo-activo/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Pau+da+Vella


luns, 2 de setembro de 2024

ANTA-DOLMEN DE VILALVITE. San Pedro de Vilalvite, Friol

ANTA-DOLMEN DE VILALVITE. FRIOL


4. Pues bien, voy a hablar. Tú escúchame y retén mis palabras, que te enseñarán cuáles son los dos únicos caminos de investigación que se pueden concebir. El uno, que el ser es y que el no-ser no es. Es el camino de la certeza, ya que acompaña a la verdad. El otro, que el ser no es y que necesariamente el no-ser es. Este camino es un estrecho sendero, en el que nada iluminará tus pasos. Ya que no puedes comprender lo que no es, pues no es posible, ni expresarlo por medio de palabras.


R. Verneaux, "Textos de los grandes filósofos: edad antigua". Herder, Barcelona 1982, 5ª ed., p.13-16. Fragmento de Parménides. Numeración de Diels.


Anta de Vilalvite. Debuxo idealizado por Moncho Boga.

Hai xa uns anos, a prensa fíxose eco do descubrimento dunha nova anta no Concello de Friol. Sen embargo este estupendo exemplar do megalitismo galego xa fora descuberto, tiña ficha de catalogación enviada á Xunta e fora publicado por primeira vez na revista Croa do Castro de Viladonga. Os investigadores que prospectaron a zona (Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela no ano 1992)  describían esta anta como unha das mais importantes e interesantes do Concello, tanto polo seu tamaño como pola conservación de  todas as pezas que conformaban a cámara.



Fotografía do ano 1992. De Juan Núñez e Laura Rodríguez
(Ver bibliografía)

Esta gran anta atópase, como dícia, na parroquia de San Pedro de Vilalvite moi preto dos barrios de Rebolo e Donas, no monte de Santa Marta. Explicaban daquela os investigadores que posuía  unhas características estruturais semellantes a outra anta do mesmo concello alcumada Forno do Verdellón.



Fotografía de Juan Núñez e Laura Rodríguez, 1992.
A tampa todavía estaba na posición orixinal.

É importante subliñar que a anta conserva a cámara na súa integridade poligonal, sendo un dos dólmenes en mellor estado da provincia de Lugo. 

Dicía que, estructuralmente, desenvólvese a través dunha planta poligonal con corredor de acceso e unha altura de menos dun metro. Conserva tamén restos  do túmulo ou mámoa na que se acubilla e, o que queda dela, mide, no eixo norte-sur, ao redor  de seis metros e trinta centímetros; non sobresae mais dun metro de altura.



Fotografía do ano 1992. De Juan Núñez e Laura Rodríguez
(Ver bibliografía)

A poderosa cámara está conformada por sete esteos chantados, unha gran pedra cobertora e outro chanto arroxado no chan que ben poidera corresponder a outra lousa cobertora ou tampa. A cámara posúe de lonxitude máxima os tres metros e co corredor acada os tres metros e trinta centímetros.  O corredor de acceso está orientado cara ao leste-nordeste. A enorme pedra cobertora acada no eixo N-S un metro e noventa centímetros; no eixo L-O  ao redor dun metro e cincoenta centímetros e o grosor vai desde os trinta ata os 17 centímetros. Atópase algo desprazada da súa posición orixinal, presentando unha lixeira inclinación cara ao sur, cousa que non sucedía no ano 1992, cando foi descuberta por Núñez Jato e Laura Rodríguez.



Fotografía do blog megaliticia.

Como dicía ao principio, nunha nova xornalística do ano 2017, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia anunciaba que os seus arqueólogos identificaran un dolmen en excelente estado de conservación nun monte veciñal da parroquia de Vilalvite. Fora atopada por traballadores da brigada para combatir os incendios forestais do Concello de Friol. Sen embargo, a pesar da ampla difusión mediática informando do "descubrimento dun dolmen novo, inédito" en Friol, nin o dolmen era novo, nin foi descuberto pola brigada nin, desde logo estaba inédito. A Brigada contraincendios tivo o enorme mérito de redescrubrila para o xeral coñecemento. Como ben se encargou de subliñar Xabier Moure, esta fermosa anta xa fora descuberta e estudada por Juan Núñez e Laura Rodríguez no ano 1992, e a ficha fora enviada a Patrimonio para a súa catalogación. Un olvido posiblemente foi a causa de non inventariala.



Fotografía Xunta de Galicia.

A publicación na revista Croa nº 6 (Museo de Viladonga) apareceu no ano 1996. Estes dous investigadores fixeron unha intensa e exhaustiva laboura de prospección, investigación e catalogación sobre todo nos concellos de Outeiro de Rei e Friol, laboura que a min valeume de moito nas miñas aventuras megaliteiras por esas vagorosas terras.

A mámoa tamén é coñecida polos veciños -dicían os investigadores- cos nomes de "Medorna da Zanca" ou "Forno dos Mouros".


XA QUE ESTAMOS EN FRIOL TEMOS QUE VISITAR, POLO MENOS:

Terras de Friol, Terra de Lugo, histórica comarca. Friol: asentamento de romanos, de celtas, de poderosas e correudas linaxes medievais, auténticos magnates da terra e da guerra. Terra de xente laboriosa e imaxinativa, terra de grandes eventos, de productos da terra da mellor calidade. Friol: en maio, todos os anos, a Asociación A Castronela, en colaboura con Concello, celebra a marabillosa festa temática FRIULIO, recreación das liortas entre celtas e romanos, recreación da vida cotiá nun poboado castrexo, do mercado... Friol é tamén terra de lendas, de mámoas, de castelos, de pazos, de gandeiría, de bo xantar.

Recomendo, desde aquí, a inexcusable visita a varios recursos histórico-artísticos e naturais, entre outros moitos que podedes atopar no camiño: 


 
Torre de Friol. De Turismo Xunta de Galicia.



Castelo de San Paio de Narla, sé do Museo Etnográfico
e da Historia de San Paio de Narla.
De 
https://museos.xunta.gal


Torre de Miraz. De patrimoniogalego.




Paseo Fluvial de Río Narla, Friol.



Cova da Serpe. 
De 
https://www.paxinasgalegas.es


PARA SABER MOITO, MOITO MAIS E MELLOR, MOITO MELLOR:

Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela. “Prospeccións no concello de Friol (I): mámoas e folclore arqueolóxico”. Croa nº 6. Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga. 1996.

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://historiadegalicia.gal/2017/10/dolmen-xunta-dixo-dos-grandes-achados-arqueoloxicos-de-lugo-xa-fora-descuberto-1992/

https://www.elprogreso.es/articulo/noticias/brigadistas-hallan-un-dolmen-casi-intacto-en-friol/20171010020000685815.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/friol/2017/10/09/descubren-dolmen-excelente-estado-friol/00031507552304375482654.htm

https://www.gciencia.com/retro/dolmen-friol/

https://praza.gal/cultura/arqueologos-da-xunta-atopan-un-dolmen-en-bo-estado-e-non-inventariado-en-friol

https://cuevadelapileta.blogspot.com/2017/10/descubren-un-dolmen-en-excelente-estado.html

https://www.revistaadios.es/noticia/1713/Descubren-un-nuevo-dolmen-excelentemente-conservado-en-Friol-Lugo-.html

https://www.cultura.gal/gl/nova/36968/descubierto-un-dolmen-en-excelente-estado-de-conservacion-situado-en-un-monte-de-friol-

http://patrimoniogalego.net/index.php/13286/2012/01/torre-de-miraz/

https://museos.xunta.gal/es/museos/museo-etnografico-y-historia-san-paio-narla

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/23300/torre-de-friol?langId=es_ES&tp=9&ctre=40

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/cova-da-serpe-friol-34461.html

Ramón Boga Moscoso: "Guía dos Castelos medievais de Galicia. Información práctica e itinerarios. Historia e lendas" Edicións Xerais de Galicia, 2003.


mércores, 28 de agosto de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DO CACHAFEIRO. San Martiño de Forcarei.

PEDRAFITA-MENHIR DO CACHAFEIRO. 


"La ciencia nos enseña, en efecto, a someter nuestra razón a la verdad y a conocer y juzgar las cosas tal como son, es decir, como ellas mismas eligen ser y no como quisiéramos que fueran."

Miguel de Unamuno



Pedrafita-menhir do Cachafeiro, segundo
versión idealizada de Moncho Boga, 2024.


Pouco teño que dicir desta espléndida pedrafita asentada, imperfecta e sólidamente chantada, nas altas e abruptas terras de Forcarei, Terra de Montes, ruda e preciosa na súa soidade ancestral.



Fotografía extraida do blog megaliticia.

Trátase dun gran bloque de pedra (xisto), monolito basto de mais de tres metros de altura, coas súas caras desbastadas e agrietadas, feridas fondas, toscas, serenas, con maxestuosidade atemporal. Ten forma piramidal e as súas  caras son bastante  irregulares, gastadas e abrumadas polo implacable paso do tempo.



Fotografía da páxina patrimoniogalego.net

Chégase camiñando desde a estrada PO-534, no qm 30, e aséntase nunha ampla chaira entre o río Lérez e a Regueira do Valiño. 



Fotografía de Pablo Eirín.

OUTRAS COUSAS A MAIORES, IMPRESCINDIBLES

A histórica comarca Tabeirós-Terra de Montes está conformada polos concellos de A Estrada, Forcarei e parte de Cerdedo-Cotobade e dicir, o  Concello antes independente de Cerdedo. Trátase de dúas comarcas históricas e naturais. Tabeirós, histórica xurisdición que corresponde  á cunca do río Liñares e outros moitos afluentes cativos deudores do Ulla medio, e Cerdedo e Forcarei, terras altas e noutrora inhóspitas, salvaxes, espléndidas e maxestuosas nos altos asentamentos de Terra de Montes. 



Mosteiro de Acibeiro.
Fotografía de m.arteguias.com

Un dos grandes vales centrais de Galicia que artella a Galicia occidental, sinalando de xeito nítido a transición bioclimática e xeográfica entre as comarcas do norte e do sur. Terra de Montes, claramente diferente a Tabeirós sobre todo na contorna xeográfica, foise desenvolvendo ao amparo do mosteiro de Acibeiro: é unha extensa área montañosa onde se inician as cuncas fluviais do río Lérez e a cabeceira do río Umia.



Torre de vixiancia da Barciela.
Fotografía extraída de 
sendereando.es

Entre os innumerables recursos histórico-artístico e naturais, non podemos deixar de sinalar, coa obriga de visitalos, o Mosteiro de Acibeiro, a Torre da Barciela, algunhas das neveiras illadas no medio das inmaculadas alturas,  así como a Ponte de Andón, por sinalar algún dos moitos impresionantes elementos que nos podemos atopar ao longo do camiño.



Ponte de Andón.
Fotografía extraída de visorfotosdepaisajesybienesgalicia

O universo megalítico tamén está ben representado nesta área, con numerosas antas-dólmenes, círculos líticos e pedrafitas que irei amosando en vindeiras entradas. 


Saúde, sorte e moita lectura!!!!!

En Sigrás, no estío irregular de 2024.


PARA SABER POUCO MAIS:

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/pedrafita-do-cachafeiro.html

http://patrimoniogalego.net/index.php/72154/2015/04/pedrafita-do-cachafeiro/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://m.arteguias.com/monasterio/aciveiro.htm

https://sendereando.es/2013/04/30/la-torre-de-alarma-de-barciela/#jp-carousel-6592

https://visorfotosdepaisajesybienesgalicia.wordpress.com/2018/03/18/galeria-de-fotos-galicia/ponte-de-andon-forcarei/

https://www.tabeirosmontes.com/capitaacuten-gosende.html


domingo, 25 de agosto de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DE BEIRO. Santa María de Velle, Ourense.

PEDRAFITA-MENHIR DE PEDRA DE BEIRO, VELLE

SERIE "SOSPEITOSOS HABIUTAIS..."

"El mejor truco que el diablo inventó fue convencer al mundo de que no existía."

Film, "Sospechosos habituales". Bryan Singer, 1995.



Debuxo idealizado de Moncho Boga, 2024.
A paisaxe de fondo é completamente imaxinaria.
Neste gran esteo está a placa conmemorativa
adicada a Florentino López Cuevillas.

Sospeitosos habituais: hoxe vou comenzar cunha xeira de elementos que, malia que están indubidablemente feitos pola man do home, tanto pola súa nova situación como pola ausencia de datos arqueolóxicos e/ou etnográficos, e aínda que non haxa ningunha proba do seu carácter prehistórico, aínda así, como hipótese, pódese intuir a súa adscrición a época neolítica, e/ou polo menos prehistórica. Tamén, por isa ausencia de datos, é imposible demostrar esa adscrición temporal. A min góstame consideralos sospeitosos habituais e dicir, culpables de ser monumentos megalíticos.



As dúas posibles sospeitosas pedrafitas que dan acceso
ao lugar do monumento a Cuevillas. Os contedores de lixo
pertencen a unha época incerta e perigosa.
Fotografía de J.A. Gavilanes.

E hoxe vou iniciar a serie cun gran esteo que me deu a coñecer José Antonio Gavilanes e que publicou no seu blogue Alberte Alonso. Trátase dun conxunto de extrañas, curiosas e magníficas grandes pedras que foron colocadas neste lugar no ano 1968 na honra de Florentino López Cuevillas como homenaxe de agradecemento pola  publicación titulada "Parroquia de Velle".


A gran pedra cunha pía circular e acanaladuras.
Fotografía de J.A. Gavilanes.

O lugar do novo asentamento denomínase A Touza e na parroquia o coñecen coa denominación de "Grupo Escolar". Atópase, polo tanto, na parroquia de Santa María de Velle, saíndo cara a Sabadelle.



A gran pedrafita, desde fóra do recinto,onde está a placa conmemorativa.
Fotografía de J.A. Gavilanes.

Trátase dun conxunto  de catro grandes esteos situados no recinto elexido para a homenaxe ao grande Cuevillas. Na entrada, no umbral de acceso á área da nova ubicación, aparecen dous grandes esteos chantados, moi semellantes aos dunha anta, dunha cámara megalítica, dun dolmen. No interior do pequeno recinto, aparece unha pedra mais cativa que amosa na zona superior ou croa unha gran pía circular que parece feita pola man do home, con varios dasaugadoiros. Por último, no balado, destaca unha inmensa pedra de mais de tres metros de altura onde se colocou a placa conmemorativa e que, tanto polas súas dimensións como pola súa factura claramente artificial, pódese considerar un dos nosos primeiros sospeitosos habituais: tanto Alberte Alonso como eu mismo mantemos que estamos diante dunha pedrafita colocada fóra do seu contexto orixinal, completamente descontextualizada.



A Gran Pedrafita coa placa conmemorativa. Á esquerda,
a pedra coa pía e as acanaladuras.
Fotografía deJ.A. Gavilanes.

Os veciños, segundo información de Gavilanes, lembran que, na  década de 1960, trouxeron estas pedras desde unha zona preto do Castro de Madrosende (Santa María de Beiro). Os veciños informantes manifestaron que as pedras, que forman o conxunto na honra a Cuevillas,  as trouxo D. Manuel Blanco Guerra trasladándoas dun monte comunal nun extremo da parroquia, onde limitan os concellos de Amoeiro, Coles e Ourense. O monte  fora arrasado por máquinas paleadoras nos primeiros anos da década de 1960.


A gran pedrafita desde a zona de acceso.
Fotografía de J. A. Gavilanes.

Este fermoso e gran esteo, polas súas colosais dimensións e pola súa clara factura antrópica, considero que pode pasar a formar parte do meu particular inventario de "sopeitosos habituais".


En Sigrás, a finais do estío de 2024

Saúde, sorte e libros!!!!!


COUSAS INTERESANTES QUE AMPLIAN O COÑECEMENTO:

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

luns, 19 de agosto de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CHOUSA NOVA I. Santa María de Abades, Silleda.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CHOUSA NOVA I

ATA CANDO?

"Verum est id quod est". ("Lo verdadero es lo que es.")
San Agustín



Debuxo de Moncho Boga, agosto de 2024.



"Cerrado temporalmente". Esta lacónica e imprevista frase foi o que apareceu en internet (google maps) cando marquei aquelo de "como chegar" á Anta-dolmen da Mámoa da Chousa Nova I, en Silleda.



Foto aérea das escavacións arqueolóxicas.


Que significaba esa información? Acaso construiron un museo, un centro de interpretación ou calquera outro chabolo á beira desta excepcional anta? Ou que a taparon, que lle puxeron porta de acceso? "Cerrado temporalmente"...: non me podía imaxinar como se pode pechar temporalmente unha anta que está ao aire libre, á vista de calquera. Si estaba pechada temporalmente, eso só podía significar  que habitualmente estaba  aberta, e, tanto si estaba pechada como aberta, eso tamén  implicaba necesariamente que se podía pechar e/ou abrir, obviamente. Polo tanto tiña que deducir a existencia dunha porta. Si non fose así, talvez estivesen facendo labouras de mellora, o que implicaba a prohibición da visita... A verdade é que non sabía que pensar: estaba un pouco estupefacto.



Fotografía da mámoa e o anel pétreo.
Fotografía do blogue megaliticia, 2012.

Nesta nova excursión onde quedei impresionado co que se fixo en Carboeiro e na súa contorna inmediata, onde alucinei novamente coa fervenza do río Toxa (a mesma baixada pola que todos os santos axudan, pero que desaparecen en canto comenzas a subida), onde voltei a sorprenderme coa abraiante colección de canzorros da igrexa de Ansemil..., tamén ía ilusionado e nervoso para ver e fotografiar por vez primeira a mítica Anta da Mámoa da Chousa Nova I.



A Anta Chousa Nova unha vez reconstruida. Fotografía
Turismo de Silleda.

Non é dificil chegar, e chegamos despois de seguir as preciosas sinais dun rosa intenso que nos foron indicando o camiño e que semellaban noviñas; o XPS casi era innecesario. E dicía que chegamos e non vos podedes imaxinar a tremenda sorpresa que nos produxo decatarnos do que significaba a frase "cerrado temporalmente". Podía imaxinalo...


 
Mámoa da Chousa Nova tras a súa primeira
intervención. Foto Nemigo CCB y.Wikimedia.

En xullo de 2012  publiquei unha breve entrada sobre esta paradigmática anta, na espera de ir visitala. Pero segundo foron pasando os anos, tamén foron pasando as oportunidades. Aínda así, tanto pola prensa, artigos especializados, como por amigos arqueólogos, fun seguindo paso a paso os traballos de escavación, de almacenamento e de reconstrución final no mesmo lugar. A Anta foi desmantelada completamente debido á construción dun falso túnel para o camiño de ferro do AVE. Por iso escavouse na súa totalidade, e, unha vez construida aquela obra, voltou a ser ubicada no lugar orixinal.



Fotografía, Turismo de Silleda.

Na entrada publicada neste blog en xullo de 2012, entre outras cousas,  dicía o seguinte: "A estrutura tumular atópase ben delimitada por unha gabia externa e por un anel pétreo. No centro da mámoa ubícase unha anta que se conforma a través de cinco esteos e un espazo aberto cara ao leste. A anta é de escasa altura e ten o aspecto de cista".



Fotografía do blog megaliticia, 2012.

Na escavación arqueolóxica atopouse un enxoval composto de varios útiles de pedra puída e un extraordinario colar de doas de variscita e ámbar colocados na posición orixinal e dicir, tal e como estaba hai miles de anos, posiblemente no pescozo do difunto. 



Foto extraída de WILKIPEDIA. https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Chousa_Nova&section=4&oldid=6795796&veaction=edit

Quero e necesito incidir en que se trata dunha das antas mais antigas de Galicia, que parte do enxoval atopado estaba "in situ", como o colar enteiro, así como varios útiles de pedra: todo isto permitiu deducir a posición da persoa enterrada, feito de vital importancia para o noso megalitismo posto que, grazas a esa disposición do colar, puidose reconstruir a presencia e posición do fenecido por medio da súa ausencia, caso único en Galicia.


 
Fotografía de Xoan Arco da Vella, 2021.
A toxeira comenza a campar, espectacularemente florida, ás súas anchas.

En definitiva (tampouco quería extenderme moito), unha anta escavada na súa totalidade e volta a reconstruir no seu lugar orixinal. Por eso mismo, a situación tórnase de dramática gravidade.



Foto de Moncho Boga, 2024. Detrás,
a toxeira onde está a anta Chousa Nova.

Voltemos ao principio, "cerrado temporalmente". O significado desta apodíctica frase para min é dunha extrema perversidade: "cerrado temporalmente" significa absolutamente inaccesible. Toda a mámoa, rodeada dun balado de madeira enorme (o diámetro mide probalemente mais de 50 metros) está completamente cuberta de toxos, unha toxeira descomunal, exclusivamente na área da mámoa. No resto, nas inmediacións, fóra do cercado de madeira, todo é  herba.



Anta da mámoa da Chousa Nova I. Foto de Moncho Boga,
agosto de 2024.

Atópase entón "pechada temporalmente". Non está pechada, está completamente inaccesible, casi impenetrable, pero non cunha porta, senón cun exército de toxos. O toxo, planta galega por excelencia, representante mítica da nosa botánica, fermosa, coas súas marabillosas flores amarelas e as súas contundentes púas, fai, efectivamente, que o acceso sexa pouco menos que imposible, ademais de esmendrellar coas súas raíces a masa tumular.



O toxo invadindo mámoa.
Foto de Moncho Boga, agosto de 2024.


A toxeira, maxestuosa, voluptuosa, impertérrita e amenazante, semella un exército, unha mesnada medieval de guerreiros que, coas súas afiadas armas con forma de puntiagudas púas, impiden a entrada para a contemplación desta senlleira cámara megalítica e  da mámoa na que se acubilla.


No cartaz de entrada xa nacen os fungos. 
Foto Moncho Boga, agosto de 2024.

Coma o toxo, eu tamén son terco e procedín a enfrontarme, con osadía e determinación (posto que aquí de nada vale a astucia), a esta espesura de floresta cruel, como demostraron os feitos posteriores. Con múltiples dificultades e recibindo  puntiagudos e virulentos ataques por todos os flancos, introdúxenme por onde puiden arriscando a miña integridade física, porque a moral xa estaba polo chan. E o que me permitiron contemplar as pechadas ringleiras de toxos, deixovolo para a posteridade.



O peche perimetral da mámoa. Foto Moncho Boga,
agosto de 2024.



E xa podemos recapitular: "cerrado temporalmente". Temporalmente pode referirse a unha eternidade, ou pode rematar mañán. Eu creo, dentro da miña lexítima indignación, que deberían poñer (malia que se trate Chousa Nova I) que está pechada a cal e canto, defendida, protexida por unha espectacular toxeira que fai imposible a contemplación deste magnífico e único exemplar do noso megalitismo: "Recurso arqueolóxico non visitable temporalmente". Ou ben, "pechado por vacacións". Tamén: "vimos agora, perdoen as molestias". Mesmo "pechado por cambio de actividade", "Se traspasa", "pechado por obras", que podían valer tranquilamente.




A cámara megalítica da Mámoa Chousa Nova,
ao resgardo entre a poderosa toxeira.
Fotos Moncho Boga, agosto de 2024.

En calquera caso, noutros xacementos, ao marcar o "como chegar", indicase "abierto las 24 horas". Paradóxicamente a min váleme perfectamente "cerrado temporalmente": todo este argumentario é retórico, sarcástico. A finalidade é tentar influir para que a Chousa Nova poda ser visitada novamente, tentar influir na vontade dos responsables da súa situación actual. 

Sabes de antemán que non  vas a ver a anta, que non a poderás visitar, que non a poderás admirar na sua totalidade, nin siquiera nunha mínima parte. O que me indigna é a toxeira que está a cubrir a mámoa, a causa pola que non se pode visitar: polo seu tamaño notase que leva así uns cantos anos, polo menos desde o 2021, ano no que o toxo comenzou a eclosionar florecente e esplendoroso... Canto durará, cando rematará o "temporalmente"?. 

Malia que non son optimista, espero que estas pequenas, críticas e irónicas reflexións sirvan para que o período temporal, que tan educadamente se sinala no google maps, dure o menos posible.


ATA CANDO?


EU ACUSO..., pero non sei a quen.

Desde Sigrás, logo dunha fermosa xornada que rematou triste e lamentablemente (8 de agosto de 2024).

Saúde, sorte e libros!!!!!


PARA SABER MAIS, MOITO, MOITO MAIS:


BÓVEDA FERNÁNEZ, MARÍA JOSÉ: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra)". Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.

SALVADOR DOMÍNGUEZ BELLA; MARÍA JOSÉ BÓVEDA: "Variscita y ámbar en el Neolítico gallego. Análisis arqueométrico del collar del Túmulo 1 de Chousa Nova (Pontevedra, España)" Trabajos de Prehistoria, 68, Nº 2, julio-dicienbre 2011, pp., 369-380. Silleda (Pontevedra, España)

BUCETA BRUNETI, GONZALO: "Conservación, traslado e reconstrución: as continxencias do túmulo Chousa Nova I (Silleda-Pontevedra)". V Encontro Arqeuolóxico do Barbanza, 26-27 de marazo de 2011.

MANUEL GAGO: "Os segredos dun dolmen intacto".
https://culturagalega.gal/noticia.php?id=20664 http://patrimoniogalego.net/index.php/16048/2012/04/tumulo-da-chousa-nova-1/

https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Chousa_Nova&section=4&oldid=6795796&veaction=edit

https://www.turismosilleda.es/es/historia_prehis.php

https://es.pinterest.com/pin/xoan-arco-da-vella-mmoa-da-chousa-campomarzo-abades-silleda--317574211234604553/



Curiosidades xornalísticas:

Adif limpia la Mámoa da Chousa Nova (Faro de Vigo, 2016)

Silleda pondrá en valor la Mámoa de Chousa Nova.
(La Voz de Galicia, 2020)

La tumba gallega que es más antigua que la Gran Pirámide (El Español, 2021)

Silleda posee una tumba más antigua que la Gran Pirámide.
(El Correo Gallego, 2021)

Comienza la mejora y señalización de la Mámoa da Chousa Nova.
(Faro de Vigo, 2021)

Nova intervención para convertir a Mámoa da Chousa Nova nun referente turístico de Silleda. 
(Historia de Galicia, 2021)