PEDRAFITA-MENHIR DO CACHAFEIRO.
Pedrafita-menhir do Cachafeiro, segundo versión idealizada de Moncho Boga, 2024. |
Pouco teño que dicir desta espléndida pedrafita asentada, imperfecta e sólidamente chantada, nas altas e abruptas terras de Forcarei, Terra de Montes, ruda e preciosa na súa soidade ancestral.
Fotografía extraida do blog megaliticia. |
Trátase dun gran bloque de pedra (xisto), monolito basto de mais de tres metros de altura, coas súas caras desbastadas e agrietadas, feridas fondas, toscas, serenas, con maxestuosidade atemporal. Ten forma piramidal e as súas caras son bastante irregulares, gastadas e abrumadas polo implacable paso do tempo.
Fotografía da páxina patrimoniogalego.net |
Chégase camiñando desde a estrada PO-534, no qm 30, e aséntase nunha ampla chaira entre o río Lérez e a Regueira do Valiño.
Fotografía de Pablo Eirín. |
OUTRAS COUSAS A MAIORES, IMPRESCINDIBLES
A histórica comarca Tabeirós-Terra de Montes está conformada polos concellos de A Estrada, Forcarei e parte de Cerdedo-Cotobade e dicir, o Concello antes independente de Cerdedo. Trátase de dúas comarcas históricas e naturais. Tabeirós, histórica xurisdición que corresponde á cunca do río Liñares e outros moitos afluentes cativos deudores do Ulla medio, e Cerdedo e Forcarei, terras altas e noutrora inhóspitas, salvaxes, espléndidas e maxestuosas nos altos asentamentos de Terra de Montes.
Mosteiro de Acibeiro. Fotografía de m.arteguias.com |
Un dos grandes vales centrais de Galicia que artella a Galicia occidental, sinalando de xeito nítido a transición bioclimática e xeográfica entre as comarcas do norte e do sur. Terra de Montes, claramente diferente a Tabeirós sobre todo na contorna xeográfica, foise desenvolvendo ao amparo do mosteiro de Acibeiro: é unha extensa área montañosa onde se inician as cuncas fluviais do río Lérez e a cabeceira do río Umia.
Torre de vixiancia da Barciela. Fotografía extraída de sendereando.es |
Entre os innumerables recursos histórico-artístico e naturais, non podemos deixar de sinalar, coa obriga de visitalos, o Mosteiro de Acibeiro, a Torre da Barciela, algunhas das neveiras illadas no medio das inmaculadas alturas, así como a Ponte de Andón, por sinalar algún dos moitos impresionantes elementos que nos podemos atopar ao longo do camiño.
Ponte de Andón. Fotografía extraída de visorfotosdepaisajesybienesgalicia |
O universo megalítico tamén está ben representado nesta área, con numerosas antas-dólmenes, círculos líticos e pedrafitas que irei amosando en vindeiras entradas.
Saúde, sorte e moita lectura!!!!!
En Sigrás, no estío irregular de 2024.
PARA SABER POUCO MAIS:
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/pedrafita-do-cachafeiro.html
http://patrimoniogalego.net/index.php/72154/2015/04/pedrafita-do-cachafeiro/
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html
https://m.arteguias.com/monasterio/aciveiro.htm
https://sendereando.es/2013/04/30/la-torre-de-alarma-de-barciela/#jp-carousel-6592
https://visorfotosdepaisajesybienesgalicia.wordpress.com/2018/03/18/galeria-de-fotos-galicia/ponte-de-andon-forcarei/
https://www.tabeirosmontes.com/capitaacuten-gosende.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario